As fermosas tamura, capaces de provocar bágoas coa súa beleza, son unhas flores únicas que só medran no corazón volcánico da illa de Tamurana, a máis especial das que forman o Arquipélago Perdido. A pesar da vida harmoniosa que durante séculos levaron os habitantes do arquipélago, unha maldición pesa sobre as súas vidas e tamén, sobre a das illas: a súa cor violeta. Por iso, cando uns intrusos de vestienta branca comezan a devastar Tamuranam Pao sabe que, se quere salvala, debe arriscar a súa vida para chegar máis lonxe do que nunca imaxinou.
Na súa procura de respostas, Pao tentará descubrir o segredo máis prohibido, capaz de enfrontar dous mundos, mais tamén comprenderá o valor do coñecemento e o significado da unión e da amizade, gañando o dereito de se atrever a ser diferente e recobrando, finalmente, a maxia da cor violeta.
Esta fantástica aventura é a segunda lectura que realizamos para participar no Premio Martín Sarmiento do presente curso. Un Premio que determinan os propios lectores tras ler en todos os centros de Galicia inscritos nesta convocatoria os tres títulos propostos. Tras das vacacións de Semana Santa abordaremos o traballo da terceira das lecturas.
Unha marabillosa experiencia iniciática e revolucionaria onde a verdade, a solidariedade e o respecto á natureza dos seus protagonistas cobran especial importancia para entender a vida de todos por riba da cor e mesmo das linguas que falen. Pao, Pel, Alen ou o Aleuto son heroes que se atreveron a saber a verdade e foron valentes e ousados ata atopar unha resposta a pesar do esforzo dos Luminosos e dos seus dirixentes por intoxicar a información sobre a realidade do Continente e os colonos. |