Despois de analizar os resultados das enquisas da árbore filolóxica da clase intentamos dar resposta as preguntas que nos faciamos. Cal é a razón de que o galego dende a época dos nosos avós/as a hoxe tivese un descenso considerable no número de falantes?:
Atopamos na aula inicialmente tres respostas posibles a esta cuestión tan complexa:
- A ditadura de Franco. O medo e a represión.
- O ser o castelán o único idioma oficial e das clases acomodadas, logo asociado ao éxito social e o galego ao idioma dos "pobres".
- O non nos falar os nosos pais/ nais en galego a nós a pesar de ter recuperado a Democracia.
- O feito de que haxa un ambiente pouco propicio (amigos/as, compañeiros de clase, etc) que só nos falen en castelán.
Iremos pois analizando estas respostas, unha a unha ao longo deste trimestre.
TEMPO DE DEFUNTOS
Chega o Día de Defuntos. En todas as partes comezamos a ver cabazas que representan caras aterradoras que nos invitan a celebrar o Halloween. Pro atención!, non é americano todo o que parece. Ata hai trinta anos por moitas aldeas de Galicia tallábanse cabazas por estas datas, e a día de hoxe cada vez hai máis lugares nos que se está a recuperar esta tradición na forma do Samaín.
Hai aproximadamente 2600 anos chegaron a Galicia os pobos celtas. Ademais dos seus adiantos científicos e técnicos, como foi a metalurxia do ferro, tamén trouxeron a súa cultura e as súas crenzas. Os celtas eran politeístas, adoraban a moitos deuses: Dagda (deusa da bondade), Nuada (guerra), Bríxida (lume) que representaban tanto forzas da natureza como as condicións do espírito. De aí que as súas festas coincidan con determinadas datas relacionadas coas estacións e cos seus cambios. En concreto a festa do 1 de novembro era na honra á deidade Samaín (as follas comezaban a caer, facíase de noite antes e a temperatura baixaba).
Igual que outros pobos, os celtas consideraban as cabezas dos seus inimigos máis que como un botín de guerra como o cerne dos misterios do ser humano. Crían que aquel que posuise unha caveira posuiría a forza máxica da súa pantasma.
Cando chegaban as celebracións do Samaín (ao chegaren as longas noites escuras) tense por certo que os celtas colocaban unhas candeas rudimentarias no interior das caveiras dos inimigos mortos, colocándoas nos cruzamentos de camiños, nos arredores e nas murallas dos seus castros, co obxecto de arrepiaren os inimigos, para asombro e veneración das súas xentes e para esconxurar os perigos. Pensaban que tal día como ese as portas entre o mundo dos vivos e dos mortos estaban abertas, era un día en que os mortos e os vivos podían comunicarse.
É curioso que moitos anos despois o Cristianismo escolleu estas datas para celebraren o Día dos Defuntos e de Todos os Santos. Orixinalmente esta festa druídica celta chamábase "a vixilia de Samaín", así que de onde vén o nome de Halloween? Vén do intento de cristianizar esta festa pagá. Concretamente cando no ano 830 o papa Gregorio IV dedicou unha capela da igrexa vaticana a "Todos os Santos" o día 1 de novembro, mudando así a festa que antes se viña celebrando no mes de maio. O novo día foi chamada "Día de Todos os Santos" (ou All Hallow´s Day en inglés) e cedo chegou o costume de chamar á tardiña antes All Halloweén, que acurtando é Halloween.
Se se busca en libros de etnoloxía polas celebracións que se fan no noso país con ocasión do Día de Defuntos, atoparemos unha serie de costumes ancestrais propios. Desde deixar un oco na mesa ou racións de comida para os defuntos ata facer colares coas castañas novas. A pouco que se pregunte a persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Portonovo, Quiroga)lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces, poñerlles uns pauciños coma dentes e deixalas nos camiños para asustar os viandantes.
CUESTIÓNS:
Falaremos cos nosos familiares do que hoxe coñecemos como Samaín, pero ese non era o nome que lle daban os nosos avós e avoas a este costume de tallar calacús.
Preguntaremos nas casas e aos nosos familiares sobre que se adoita ou adoitaba facer nos días 1 e 2 de novembro tanto nos cemiterios como sobre todo nas casas. Que se vai facer no cemiterio? Antes facíase algo distinto ao que se fai estes día alí? Que se come ou comía tradicionalmente eses días? Por que? Que se facía despois da cea en relación cos defuntos?...
IGUAIS, PERO DIFERENTES.
Como unha especie de ponte cara ao primeiro tema do libro imos falar da identidade, que aínda que é unha palabra cuxo sinónimo é ?igualdade?(se es idéntico a alguén, es igual a esa persoa) curiosamente é unha cualidade que nos fai realmente distintos a uns dos outros. Aplicado este termo a unha comunidade estable en relación coa Natureza, ao longo da Historia, nun Territorio, cunha Cultura e unha Lingua propias, fai de nós un país.
Vaiamos ao dicionario: IDENTIDADE: Conxunto de características ou elementos que definen unha persoa ou cousa fronte ás demais, o que fai que sexa recoñecida como tal.
LINGUA, HISTORIA E SOCIEDADE.
Como somos seres que vivimos en sociedade, como somos persoas con Historia insertos nunha comunidade con pasado imos reparar na nosa árbore filolóxica ou de identidade para saber de quen veño sendo eu, cales son as raíces idiomáticas que me unen a esta Terra que se chama Galicia, para logo poder analizar o presente e mesmo planear a miña actitude futura cara ao galego. Unha autora moi nova, Berta Dávila, dixo recentemente nunha entrevista:
"...a identidade pasa por entender quen somos, quen fomos e por que somos. Somos en función do pasado, do que fomos antes"? ? a lingua vennos dada, pero nunha situación de conflito como a que temos nós, tamén é unha elección.?
NA PROCURA DA ETIMOLOXíA DA PALABRA: GALICIA
Etimos + logos son dúas palabras gregas en orixe. Procurar a orixe verdadeira das palabras é buscar a etimoloxía dunha palabra, indagar de onde procede e cal é o seu significado orixinario.
Imos saber hoxe de onde procede a palabra GALICIA, quen nos puxo este nome, e mesmo coñecer un sufixo moi usado na nosa lingua, tanto que aparece na palabra gal-ego. Visualiza este dous vídeos e logo responde as cuestións:
Cuestións:
1- Cal é o obxectivo do micro programa "Ben falado"?
2- O galego vén do latín, o latín vén a ser a nai da nosa lingua, pero quen é a avoa do galego?
3- Quen lle puxo o nome de Gallaecia a Nosa Terra:
4- Dos sufixos latinos aic /eic = -ego naceu un sufixo moi galego. Cita tres palabras que o conteñan.
5- Por que cres que a montaxe que inclúe o primeiro dos vídeos denomínase "palabras milenarias"? Argumenta a resposta.
6- "Chover miudiño" e ?ás cuncas" ou "a cachón?, "a caldeiro"... Que diferenza hai?
7- Cal é a etimoloxía de "Galicia"ou de Callaecia?
8- O galego forma parte do privilexiado 5% que significa isto?
9-En que continentes hai máis linguas?
10-Cantas das linguas do mundo se falan en Europa?
11-De quen depende a continuidade das nosas linguas?
12- Expresa coas túas palabras como cres que nace un idioma e por que é tan importante a súa pervivencia no mundo.
PROXECTO DE AULA: DA LINGUA DE 1900 ATA HOXE Indaga logo: E TI DE QUEN VÉS SENDO? .
A MIÑA ÁRBORE DE IDENTIDADE
1º Que falaban os meus bisavós entre eles e que lle falaron aos meus avós?
2º Que falaban os meus avós paternos entre eles e que lle falaron aos meus pais? / que falaban meus avós maternos e que lle falaron a miña nai? Uns e outros, sobre que ano naceron, onde viviron, que oficio tiveron? Todas estas cousas influiron no idioma que falan.
3º Que fala o meu pai coa miña nai e en que idioma me fala a min?/ en que idioma fala miña nai ao meu pai e en que idioma me fala ela a min?