Xosé Neira Vilas, nado en Gres, Vila de Cruces, o 3 de novembro de 1928, é un escritor galego.
Fillo de labregos, estudou comercio por correspondencia e traballou de contable.
En xaneiro de 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocedades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas. En 1961 marcha a Cuba coa súa dona.
Logo de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para viviren en Gres onde dirixen a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e periodístico.
Xosé Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e La Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o premio Celanova Casa dos Poetas, o Premio Laxeiro e o Premio Trasalba (2004), e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 1999.
 
A comarca do Morrazo e os seus centros educativos celebraron onte cun feixe de actos o Día do Libro, que se conmemora cada 23 de abril. Probablemente un dos máis numerosos foi o que se celebrou no instituto Johán Carballeira de Bueu, onde preto de 400 alumnos acudiron a escoitar e conversar co escritor Xosé Neira Vilas. Foi un encontro de case dúas horas e no que o autor falou da súa obra, da emigración, da defensa do galego así como dos seus proxectos de futuro. Non só iso. Neira Vilas demostrou ter un profundo coñecemento da vila xa que falou do "antropólogo e amigo" Staffan Morling, que da nome a rúa na que está o instituto, e da figura do propio Johán Carballeira.
|