Mañá, 1 de outubro terá lugar en Madrid o V
Encontro Bibliotecas e Municipio que xirará en torno á cooperación entre bibliotecas públicas e bibliotecas escolares. É un tema co que nos sentimos moi identificad@s porque as bibliotecas escolares de Rianxo e moi concretamente a BBS, levamos anos gozando dunha fecundísima cooperación coa Biblioteca Pública Municipal Castelao a través da súa responsable, Sofía Carou. De feito, a relación da biblioteca municipal con todas as bibliotecas escolares do municipio foi considerada unha das
"Experiencias de Interés" de Galicia e a colaboración que desenvolve en concreto coa Biblioteca Brea Segade tamén está recollida entre as experiencias interesantes.
Na BBS estamos moi content@s e orgullos@s de que se recoñeza o labor de coordinación coas bibliotecas escolares que se está a promover desde a biblioteca municipal e se valore o esforzo e o traballo conxunto a prol da lectura e da cultura.
Graciñas Sofía por facer tan doada esta colaboración.
Queremos agradecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares todas as "experiencias interesantes" e oportunidades de formación que nos brinda, grazas ás cales o noso proxecto de biblioteca pode estar entre interesantísimas experiencias de todo o estado. Que a presenza das bibliotecas galegas sexa tan numerosa neste e noutros encontros non é froito da casualidade.