Só é un anticipo para ir abrindo boca e que @s que aínda non pasastes polo Brea Segade podades ver o aspecto que ten o centro neste mes de abril. Haberá máis... e mellor.
Este ano o Día do Libro resultou especial. A escola apareceu adornada desde a entrada ata o segundo andar con carteis desde os que persoas moi diferentes comparten con nós motivos para ler, recomendacións de lectura e lembranzas de lectura da infancia.
Antes do recreo xuntamonos tod@s na biblioteca para ver e escoitar o traballo que Noelia e un grupo de alumnos de sexto prepararan para conmemorar o Día do Libro. Escolleron un texto de Paula Carballeira que nos gusta especialmente e que xa empregaramos hai cinco anos na inauguración da biblioteca: "Instrucións para curar un libro doente". Nesta ocasión acompañaron a lectura do texto coa proxección desta presentación.
Sorpréndennos desde as paredes do noso centro. Eles e elas tamén len e desde a súa experiencia anímannos a facelo.
Este é o caderno que acompaña á exposicón elaborada desde o CEP Milladoiro de Malpica e compartida coas bibliotecas escolares de toda Galicia. Grazas!
Agabel, a Asociación Galega polas Bibliotecas Escolares e a Lectura, celebra o seu décimo aniversario. Dez anos reivindicando o papel das bibliotecas nos nosos centros e traballando para propiciar moitas das melloras que durante este tempo se foron acadando.
O vindeiro sábado Agabel organiza un
ha mesa redonda baixo o título: " Cara a onde van as bibliotecas escolares galegas" na que participarán representantes da administración, dos sindicatos, das Anpas e dos bibliotecari@s. O sábado 24, ás 11 horas no Museo do Pobo Galego, cita imprescindible para tod@s @s que apostamos polas bibliotecas escolares.
Desde a semana pasada aparecen no espazo central da nosa escola carteis de cores decorados cuns monigotes. Cada día aparecen uns pouquiños. Levan fotos de persoas coñecidas: un dos médicos de Taragoña, Maite a carniceira, os monitores de deporte, o director da banda de música, o dono do estanco, a farmacéutica, o óptico, Xesús Santos, Manuel Dourado, Sofía a dentista, María, Bea, Pipo, Uxía ...
Todos eles teñen textos escritos a man e falan de libros, da lectura, de para que ler.
Hoxe un cartel cheo de monigotes desvelounos un pouco máis o misterio. Estes carteis forman parte dunha exposición que o venres día 23 será xa moi grande e adornará as paredes de institutos e colexios de toda Galicia.
Para que les? é o título dunha exposición que ten como punto de partida unha iniciativa do Clube de Lectura da ONG Implicadas no Desenvolvemento. A colaboración entre máis de cen bibliotecas escolares perfectamente coordinadas por Loli Lago do Ies de Fene e Charo Sánchez Gabriel do Ies Sánchez Cantón de Pontevedra dá lugar a cerca de douscentos carteis nos que persoas diversas falan dos seus motivos para ler. Queremos que este ano no 23 de abril, Día do libro, os nosos colexios e institutos estean cubertos de boas razóns para ler.
Os monigotes que dan vida aos carteis da exposición son deseño do artista Jaime Eizaguirre Santillán (A Coruña, 1980). Jaime é arquitecto e desde o 2007, publica as súas viñetas na web ana+eiza. Xunto a Ana López forma Ana&Eiza, equipo de arquitectura e deseño. Agradecemos a Jaime a súa colaboración desinteresada con este proxecto e os seus fantásticos deseños.
Desde o CEP Milladoiro de Malpica, Olga Rodríguez coordinou o traballo de recompilación de textos e fotos de persoas famosas con profesións moi diferentes que nos contan que Eles tamén len. Esta é a segunda parte da exposición que empeza a decorar as paredes de todo o noso centro.
Desde a Biblioteca Brea Segade decidimos pedir a colaboración de veciños e veciñas de Rianxo, Taragoña e o Araño para aportar á exposición "o noso toque local". Propuxémoslles contestar a tres preguntas:
- Para que les?
- De que lecturas da infancia gardas mellor lembranza?
- Que che gusta ler?
A acollida que está a ter a nosa proposta é incrible e así moitas caras coñecidas e próximas están a sorprender a nen@s e maiores desde a entrada da biblioteca.
Temos pois unha grande exposición no noso colexio, que vai medrando día a día, con tres seccións que se complementan.
Aínda estades a tempo de participar cos vosos comentarios ou vosas aportacións no correo da biblioteca: breasegade@yahoo.es. E ti para que les?
Graciñas Implicadas, Loli, Charo, Olga e Jaime!
Graciñas a todas as persoas que participades na exposición.
E como non, graciñas ás bibliotecas escolares galegas.
BBS
Nuria, María, Lía e Laura contáronnos o difícil que é, ás veces, que os maiores se dean conta do que custa comer unha sopa que queima.E é que os maiores,as veces, non lle dan importancia a cousas que para os nen@s son ben complicadas.
? A sopa queima, mamá!
Entón a nai díxolle
o que sempre din as nais:
? Pois sopra, filla, sopra.
Nunca comer unha sopa quente foi tan emocionante coma no conto de Pablo Albo e André Letria editado por OQO. Unha das nosas novidades favoritas, que xa estivo entre as recomendación de lectura para o Nadal.
Rematamos a mañá facendo barquiños de papel, cada afillad@ cos seus padriños ou madriñas e decorándoos cos títulos de libros que son especiais para cada un de nós. Libros cos que, ben seguro, poderemos navegar.
Tras a lectura do manifesto e como parte dos actos para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil, levamos a cabo unha actividade da que escoitaramos falar a varias compañeiras de bibliotecas escolares do Plan de Mellora: Os padriños e madriñas lectores. Non é esta a primeira vez, nin será a última, que grazas a outras bibliotecas escolares descubrimos actividades, materiais, ideas que nos encantan e que sabemos xa antes de poñelas en práctica que van resultar ben.
Todo o alumnado de 4º, 5º e 6º convertiuse desde a semana pasada en madriñas e padriños lectores. Escolleron e prepararon contos para contar na mañá de hoxe aos seus afillad@s lectores de 1º, 2º ou 3º.
Chega con ver a algúns deles preparando os seus contos para saber se tomaron en serio ser madriñas e padriños.
"Había unha vez un barquiño pequeneiro..."
Así comezaron os nenos e nenas de 5º B a presentarnos o manifesto pola lectura de Eliacer Cansino. Eran as doce da mañá e en Taragoña, ao igual que en moitos outros lugares, algúns moi lonxanos, escoitamos que todos os barcos chegan a navegar e que tod@s temos algún libro agardando por nós. Só temos que buscalo, extender a nosa man e comezar a ler.
Este é o manifesto do escritor español Eliacer Cansino que mañá, ás doce, os nenos e nenas de 5ºB lerán no noso Auditorio María Casares para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil. O manifesto foi traducido ás catro linguas oficiais do estado español e Ánxela Gracián realizou a tradución ao galego.
Os deseños son obra da ilustradora Noemí Villamuza.
O Día Internacional do Libro Infantil conmemora o nacemento o escritor Hans Christian Andersen o 2 de abril de 1805.
Pero, por que este escritor foi o escollido para celebrar en todo mundo o Día do Libro Infantil?
Se o queres saber ou simplemente lembrar continúa lendo este artigo e non deixes de visitar os enlaces que che propoñemos.
Para comezar aquí tes unha fermosa animación con titeres realizada por Tómas Bases como introducción á obra teatral "El soldadito de plomo", da compañia Titirimundi.
Páxina sobre Andersen en Educared elaborada polo alumnado do colexio Ntra. Señora de la Fuensanta de Murcia. Con actividades para comprobar o que aprendestes sobre o escritor danés.
Un ano máis desde a BBS celebramos que para nós todos os meses son meses dos libros, que nos gusta ler, que nos gusta contar e que nos conten, que nos gusta a nosa biblioteca, que temos motivos para celebrar os días do libro.
Este ano botamos a andar o noso mes dos libros o vindeiro luns 12 conmemorando o nacemento de Hans Christian Andersen. O Día Internacional do Libro Infantil é o 2 de abril pero como foi festivo a celebración trasladouse para o luns que vén.
Nós somos unha das bibliotecas que aparecemos na parte de atrás deste cartel pois nos sumamos ás propostas da Organización Española para o Libro Infantil (OEPLI) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) para conmemorar este día. Coma nós bibliotecas de moitos lugares do mundo organizarán actividades co libro infantil coma protagonista.
As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas