|
|
Sementes de Paz |
|
Onte deitamos ás nosas Sementes de Paz, cargadas de mensaxes que, se xerminan, farán agromar un mundo mellor, un mundo en Paz. Sabemos que non todas as sementes xerminan porque as veces non se dan as condicións axeitadas. Sabemos que as sementes precisan de boa terra, de humidade e de calor. Ese foi o noso compromiso no Día da Paz, traballar e contribuír desde o día a día para que se dean as condicións precisas para que agrome a Paz na escola, nas casas, na aldea... no mundo. Labreg@s da Paz, case nada!
|
|
|
|
De viaxe... |
|
 Esta semana as Mochilas Viaxeiras marcharon ás casas de Álex, Alonso, Iker, Aitana, Noelia, Irene e Damián. Boas lecturas compartidas para tod@s! |
|
|
|
Día da Ilustración en Galicia |
|
 A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluíu por vez primeira no calendario da lectura de 2014, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, coincidindo coa data de nacemento de Castelao. Nesta ocasión os actos se centran nas bibliotecas nodais de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e na da Cidade da Cultura. O cartel anunciador da celebración é obra de Miguelanxo Prado, un dos máis destacados representantes do mundo da ilustración e a banda deseñada galega.
Castelao, Paz, ilustración... parécenos unha boa combinación. Nas nosas aulas estamos a traballar sobre a paz e sobre a faceta de ilustrador de Castelao, xa que o luns teremos na escola unha charla enmarcada na celebración do mes de Castelao e impartida por Miguel Anxo Seixas, membro da Fundación Castelao.
Na BBS gústanos que o calendario da lectura poña en valor a figura dos ilustradores e ilustradoras e que se escollera o 30 de xaneiro, unha data cargada de significado. |
|
|
|
As tres fillas |
|
Hoxe na BBS tivemos tres contadoras a falarnos das tres fillas dun malvado rei que pasaron unha chea de aventuras para ser rescatadas de dentro de tres potas.
Andrea, Iria e Noelia contaron de marabilla As tres fillas unha adaptación dun conto tradicional, escrita por Fernando Martos Parra e ilustrada por Helle Thomassen. Puxeron voces, berraron pedindo axuda e tiveronnos enganchad@s de principio a fin.
 |
Anunciando |
 |
Fala o rei |
 |
Aaaaaaaah! |

 |
As tres... contadoras |
|
|
|
|
OINK! |
|
Atent@s tod@s a este proxecto de mecenado da revista OINK!, unha revista para rapaces e rapazas feita en galego e desde Galicia. Animádevos!
|
|
|
|
Na BBS contamos tod@s. Tino e César |
|
Tino e César foron os encargados de reanudar os contacontos dos adult@s, que xa sabedes que poden ser en solitario ou en compaña. Desta vez eles dous viñeron acompañados dunha xoaniña que era ben rosmona pero que ao final... Se non viñestes e queredes saber que pasa ao final pasade pola biblio e buscade A xoaniña rosmona de Eric Carle. Como pasa con todos os libros deste autor, atoparedes unha historia fermosa no texto e nas ilustracións.
Ademais de escoller un bo conto, César e Tino viñeron preparados a conciencia, ata trouxeron un reloxo! Así, como non podía ser doutra maneira, fixeron que o pasaramos moi ben e que a xoañina nos gustara aínda máis.
Grazas Tino e César!
|
|
|
|
Os nosos lectores electrónicos |
|
 A nosa biblioteca forma parte do proxecto E-LBE da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a incorporación da lectura dixital nos centros de ensino. Acabamos de adquirir os nosos catro primeiros lectores dixitais que neste curso serán usados en 3º,4º, 5º e 6º durante a Hora de Ler. Cada clase terá os lectores durante un mes, de xeito que todo o alumnado os probe e aprenda a usalos. Para facilitar a toma de contacto cos lectores e axudar a empezar a ler neles o equipo de biblioteca editou esta guía de uso.
As guías acompañan a cada un dos catro lectores que esta semana xa se empezaron a usar en sexto durante a Hora de Ler. Charlie y la fábrica de chocolate de Roald Dahl é o primeiro libro electrónico que cargamos nos novos lectores, para que cada día catro alumnos/as poidan ler un dos títulos do itinerario lector de sexto en formato dixital.
Aquí os tedes, mirade que expert@s parecen xa no uso dos lectores electrónicos!
|
|
|
|
Un gato na árbore |
|
 Nerea e Uxía abriron os contacontos do segundo trimestre. Escolleron Un gato na árbore de Pablo Albo e Géraldine Alibeu, que nos conta, con moito humor e unhas ilustracións moi orixinais e atraíntes, como un gato consegue baixar dunha árbore á que gabeou para escapar dun can. Como nos gustou volver escoitar contos na biblio!
    |
|
|
|
Primeira xuntanza do 2014 |
|

Os Clubs de Lectura tamén reanudaron a súa andaina. O xoves pasado xuntáronse para falar sobre as lecturas do Nadal e para cambiar de libros. Volvemos a compartir biscoito, experiencias, opinións, historias, ideas... Atrapasoños e Palabras de Caramelo deronnos moito que falar, porque as boas lecturas nunca nos deixan indiferentes e estas son, sen dúbida, dúas boas lecturas.
Nas vindeiras tres semanas intercambiamos libros: Palabras de Caramelo para o Pozo dos Libros e A encontadora para Os Gardiáns e Gardiás dos Libros.
 
Atoparedes máis información:
Aquí sobre A Encontadora
Aquí sobre Palabras de Caramelo |
|
|
|
Continúan viaxando |
|

O primeiro martes deste segundo trimestre volvemos sortear as Mochilas Viaxeiras e así reanudaron viaxe despois de pasar o Nadal nas casas dalgúns de vós.
Desta vez marcharon para as casas de Fabiola, Antía, Abel, Ramón, Iria, Mario e Alba. Boas lecturas para todos vós. |
|
|
|
O que estamos a ler |
|
Nesta segunda semana de trimestre xuntarémonos os Clubs de Lectura da BBS para falar sobre as nosas lecturas no Nadal. O Pozo dos Libros está a ler Atrapasoños, mentres que os Gardiáns e Gardiás dos libros están a ler Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure.
Palabras de Caramelo conta a historia dun neno saharaui que vive nun asentamento de refuxiados no deserto. Este rapaz, xordomudo, empéñase en aprender a ler e establece unha relación moi especial cun camelo ao que chama Caramelo. Esta é unha das obras máis fermosas dun escritor que aborda nos seus libros diferentes problemáticas sociais sen renunciar nunca á literatura de calidade. O seu compromiso co pobo saharauí levouno a escribir sobre el e a promover proxectos como o Bubisher, co que colaboramos desde a nosa biblioteca.
Para coñecer mellor a Gonzalo Moure, entra na súa páxina. Preme AQUÍ |
|
|
|