biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Día da biblioteca
Celebramos o Día da Biblioteca dando comezo a algunhas das nosas actividades favoritas: os contacontos e as mochilas viaxeiras. Aproveitamos tamén para entregarlles os seus carnés aos compañeir@s nov@s no centro, tanto profes como alumnos. E acompañamos todo isto con algo tan saboroso coma as lecturas das que gozamos na nosa biblio, unhas galletas!
Os de 6ºB agasalláronnos co conto da Figueira de Petostortos e o resto foi convite da anfitriona, a BBS.


Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 29-10-2011 17:53
# Ligazón permanente a este artigo
Estamos de volta
Un ano máis, ao chegar outubro a Biblioteca Brea Segade abre as súas portas a toda a comunidade escolar. Queremos continuar ofertando ao noso alumnado un espazo acolledor de encontro cos libros e coa información e queremos tamén continuar compartíndoo con vós, as súas familias.
Este curso os recortes de persoal que estamos a sufrir no noso centro tamén afectan directamente ao funcionamento da biblioteca. Desaparecen as horas que os membros do equipo podemos dedicar á atención e dinamización da biblioteca dentro do horario lectivo, pese a ser este un dos requisitos para participar no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia, do que formamos parte desde hai seis cursos.
A nosa biblioteca escolar entendida coma centro de recursos, de aprendizaxe e de dinamización cultural, pasou de ser un proxecto a ser unha realidade á que non queremos renunciar, polo que continuaremos traballando para mantela viva e para que o noso alumnado poida gozar dela.
Convidámosvos a facervos soci@s da BBS, a visitala cos vosos fillos e fillas, a levar libros, películas, ou CDs emprestados para as vosas casas e a participar nas actividades que organizamos.
Convidámosvos a compartir o pracer da lectura en familia.
Este curso a campaña da Biblioteca Brea Segade tratará sobre os Contos populares e a tradición oral. Agardamos contar coa vosa colaboración.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-10-2011 19:26
# Ligazón permanente a este artigo
TEMOS MOITO CONTO ...



NA BBS DESDE O 3 DE OUTUBRO

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-09-2011 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES



Comezamos o curso con tristeza.







Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.


Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.


Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.



Cristina Novoa


Pilar Sampedro


Asesoría Bibliotecas Escolares

















posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-09-2011 01:22
# Ligazón permanente a este artigo
Adeus da lúa clara
Hoxe recibimos unha triste nova, o pasamento de Mª Dolores, a coordinadora do Equipo de Biblioteca Escolar do IES Luis Seoane de Pontevedra.
Non a coñecíamos persoalmente pero sí vía correo electrónico e sabemos que era unha loitadora, amante dos libros, do ensino, da cultura e, como non, das bibliotecas escolares. Ela impulsou e coordinou a campaña "Salvando libros" que levamos a cabo moitas bibliotecas escolares no pasado mes de maio co gallo das Letras Galegas.
Queremos despedirnos de Mª Dolores cun poema de Xosé Mª Brea Segade e enviarlle o noso agarimo á súa familia, aos seus compañeir@s e aos seus alumn@s.


ADEUS DA LÚA CLARA

Na fiestra do horizonte
chora luz a lúa clara.
Enxúgalle o pano engurrado da ría
un saudoso ronsel de bágoas.

Toda esta media noite para ela
foi a media noite das cantigas.
Dixéronlle cousas as ondas
que chegaban á praia.

E nas covas de seixo, os regos
fixéronlle bailaricos de auga.
Como o vento durmía, os piñeiros
non barullaron nada.

Dende a fiestra, índose,
dinos adeus a lúa clara.
Todos ficamos mudos
nunha mesma nostalxia.

Xosé Mª Brea Segade



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-09-2011 00:46
# Ligazón permanente a este artigo
Descubrindo a Velázquez e a Leonardo da Vinci
Como peche da nosa campaña do curso 2010/2011, Mirar a pintura, ler o mundo, estivemos na Biblioteca Pública Municipal Castelao de Rianxo para participar nuns obradoiros sobre Velázquez e Leonardo da Vinci. Encargouse da actividade a empresa de servizos culturais Crearte e participou toda escola, de 1º a 4º traballando en tres quendas sobre Velázquez e 5º e 6º en dúas quendas sobre Leonardo. Resultou moi interesante, un estupendo peche para todo un curso de traballo sobre pintura e pintores/as.

Grazas Sofía!



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-07-2011 19:49
# Ligazón permanente a este artigo
A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan ?roubar? horas a materias ?importantes? para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propia Consellería a que nos invisibiliza?.


Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

O Claustro de Profesorado do CEP Xosé Mª Brea Segade apoia unanimamente este escrito.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-06-2011 00:11
# Ligazón permanente a este artigo
Letras Galegas con Antros Pinos

LETRAS GALEGAS 2011. Porque o día das nosas Letras son todos os días!

Así abre o seu programa de actividades para mañá sábado a asociación Antros Pinos. E como desde o Brea Segade estamos moi de acordo con eles, aceptamos encantados o seu convite para colaborar nas súas actividades das Letras Galegas 2011. Para comezar os nenos e nenas de 1º fixeron o fantástico cartaz que anuncia a celebración. Mirade que guapisimas nos puxeron ás Letras Galegas!
Ademais participaremos cunha lectura de poemas que algúns de vós estivestes a preparar.
E claro, os xogos tradicionais, os monólogos de Xermol@s, a actuación do mago Alán Gholias, o Galeoke e a Gramola Galega non os imos perder!
Así que xa sabedes, mañá a partires das 5 da tarde vémonos en Campo de Pazos. A celebrar as Nosas Letras!


Na Voz de Galicia

No Faro de Vigo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-05-2011 23:42
# Ligazón permanente a este artigo
Encontros Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares
Aquí vos deixamos un video resume dos Encontros das bibliotecas escolares do Plan de Mellora celebrados a principios de abril.
Que sorte temos de que a nosa biblioteca estea no Plambe!


Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-05-2011 16:00
# Ligazón permanente a este artigo
O lugar da lectura


Unha illa de luz na xema dos dedos.
Unha porta sempre entreaberta.
Unha duna cara ao vento.
Unha nube sobre a herba.
Unha casa encantada.
Unha laranxa do paraíso.
Unha pousada no inferno.
Unha man e unha fouce.
Unha carapucha vermella.
Unha bufanda colorada.
Unha alfombra no ceo.
A pulga e o xigante.
A rosa e o cravo.
A serpe e a mazá.
A fonte e o cervo.
A flor da candea.
A fenda do espello.
A lúa na boca.
A tona do tempo.
A pedra e o canto.
A voz e o silencio.
O lugar da lectura.




Carlos Negro






Abril remata. O mes do libro dá paso ao mes das nosas letras e iso axúdanos a non sentir saudades deste mes no que as lecturas e as actividades compartidas en torno á lectura teñen unha cor, unha luz e un significado especial.
Queremos rematar o mes cun texto fermoso, cargado de imaxes, de luz e significado para tod@s @s que cremos nas bibliotecas escolares. Trátase dun texto co que o poeta Carlos Negro agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e que a Consellería de Educación editou en forma de marcapáxinas.
Grazas!



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2011 23:34
# Ligazón permanente a este artigo
A frautista de Hamelin

En abril tamén puidemos gozar dunha versión musical do conto dos irmáns Grimm O frautista de Hamelin. Os verdadeiros protagonistas do conto, nesta ocasión, eran un saxo tenor, un clarinete baixo, un clarinete en Si bemol e unha frauta traveseira, que acompañados por un teclado e unha narradora nos levaron ata Hamelin. A música foi composta polo compositor rianxeiro Antón Alcalde, quen tamén tocou o teclado. Ademais de pasalo moi ben co conto e coa música que o acompañaba, ao final do concerto puidemos coñecer mellor eses cinco instrumentos e facerlle preguntas aos músicos. Todos eles forman parte da Banda da Escola de Música de Rianxo, que ofreceu a todas as escolas do concello este fantástico agasallo no mes dos libros.
Grazas Rafa, Antón, Sabela, Sarela, Aldara e Fran. Encantounos A frautista de Hamelin!



Comentarios (22) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2011 22:27
# Ligazón permanente a este artigo
Encontros das bibliotecas do Plan de Mellora
Un ano máis a nosa biblioteca asistiu aos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares.
Como sabedes este é o noso quinto curso no Plambe e é grazas a estar neste Plan que a BBS chegou a ser a biblioteca da que hoxe en día tod@s nos sentimos orgullos@s.
Como cada ano voltamos dos Encontros con ilusións renovadas, con moitas ideas novas e con moitas ganas de seguir traballando e mellorando.
Este ano, ademais, tivemos o privilexio de poder escoitar, na clausura dos encontros, ao escritor Xosé Neira Vilas, que moitos de vós coñecedes ben pois ao longo deste curso estamos a ler algunhas das súas obras.Todo un luxo!
Neste enlace pódense consultar os materiais presentados nas diferentes sesións dos Encontros.




Foto tomada e compartida por Loly Lago do IES de Fene.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-04-2011 23:41
# Ligazón permanente a este artigo
Celebración do Día do Libro Infantil
Este venres comezamos coa programación de Abril mes dos libros. Como xa fixeramos o curso pasado, sumámonos á celebración do Día Internacional do Libro Infantil promovida pola OEPLI (Organización española para o libro infantil e xuvenil). Un grupo de alumnos e alumnas de 6º leron o manifesto da escritora estona Aino Pervik. Despois o alumnado de 4º, 5º e 6º exerceu de padriños e madriñas lectores cos máis pequenos do colexio, os de 1º, 2º e 3º. Repartímonos pola horta e o patio para compartir contos, para dar e recibir o agasallo da lectura.
E xa para rematar cada quen escolleu o primeiro conto do que temos unha lembranza especial, unha lembranza que gardar coma un tesouro, nun cofre, para non perder.


Comentarios (9) - Categoría: Xeral - Publicado o 04-04-2011 01:37
# Ligazón permanente a este artigo
O LIBRO LEMBRA

2 DE ABRIL. DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

?Cando Arno chegou á escola co seu pai, as clases xa comezaran.?
No meu país, Estonia, case todo o mundo coñece esta frase de memoria. Así comeza un libro. O título do libro é ?Primavera?, que se publicou en 1912 e foi escrito polo escritor estoniano Oskar Luts (1887 ? 1953).
?Primavera? narra a vida dos nenos dunha escola rural dun pobo de finais do século XIX en Estonia. Oskar Luts escribiu dos seus anos escolares. Arno é en realidade o mesmo Oskar Luts na súa infancia.
Os investigadores estudan documentos antigos e escriben libros de historia segundo estes. Os libros de historia falan de sucesos que tiveron lugar algunha vez. Nos libros de historia un non entende ben como era a vida da xente corrente daquela época.
Non obstante, os libros históricos costumistas lembran feitos que non atopamos nos documentos históricos, como por exemplo o que pensaba un rapaz como Arno cando hai cen anos ía á escola. O libro lembra os soños dos nenos, as súas dúbidas, os seus gustos e as súas afeccións. Tamén lembra aos pais dos nenos, como lles gustaría ter sido a eles e o que desexaban para o futuro dos seus fillos.
Por suposto que hoxe en día tamén se poden escribir libros de tempos pasados e estes son adoito apaixonantes. Pero en realidade, un autor de agora non sente os olores, os sabores, os temores e os gustos dos tempos remotos. El xa sabe o que aconteceu, o que o porvir lle tiña velado á xente daquel tempo.
Os libros lembran a época na que foron escritos.
Coas novelas de Charles Dickens sabemos que lle parecía a un neno a veda nas rúas de Londres a mediados do século XIX, cando Oliver Twist paseaba por elas. A través dos ollos de David Copperfield ?que eran os mesmos ollos de Dickens- tamén nós vemos toda clase de tipos que vivían na Inglaterra de mediados do século XIX, cales eran as relacións entre eles e cales eran as ideas e emocións nas que se fundamentaban. Como David Copperfield é en gran medida Charles Dickens, este non tivo que inventar nada; el simplemente sabía.
Os libros dannos a coñecer o que realmente sentían Tom Sawyer, Huckleberry Finn e o seu amigo Jim ao navegar polo Mississippi a finais do século XIX, no momento no que Mark Twain narraba as súas aventuras: el coñecía profundamente o que a xente da súa época pensaba dos demais, porque el mesmo vivía entre eles. El era un deles.
As obras literarias que foron escritas na súa mesma época, cando a xente daquel tempo aínda vivía, son as que falan de xeito máis auténtico da xente do pasado.
O libro lembra.

Aino Pervik

Tradución ao galego de
Francisco Castro


Cartel de Jüri Mildeberg

Ano 2011. Manifesto e cartel a cargo da sección de Estonia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-03-2011 22:13
# Ligazón permanente a este artigo
Manuel Antonio
Onte abriu a Casa Museo de Manuel Antonio no número 24 da Rúa de Abaixo, en Rianxo.
Aledámonos e agardamos que sexa a primeira, máis non a única, das casas de escritores rianxeiros que abran as súas portas ao mundo para compartir a riqueza cultural, literaria e humana que naceu e medrou na fermosísima Rúa de Abaixo de Rianxo.

SOS
FOMOS ficando sos
o Mar o barco e mais nós

Roubánronnos o Sol
O paquebote esmaltado
que cosía con liñas de fume
áxiles cadros sin marco

Roubáronnos o vento
Aquel veleiro que se evadeu
pola corda frouxa do horizonte

Este océano desatracou das costas
e os ventos da Roseta
orientáronse ao esquenzo
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxo
Pero tamén sabemos a manobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singradura
No cuadrante estantío das estrelas
ficou parada esta hora:
O cadáver do Mar
fixo do barco un cadaleito
Fume de pipa Saudade
Noite Silenzo Frío
E ficamos nós sós
Sin o Mar e sin o barco
nós.

Manuel Antonio
De catro a catro



Foto de Iván López publicada en Xornal.com
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-03-2011 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [7] [8] [9] 10 [11] [12] [13] ... [16]
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0