biblioteca brea segade


Blogue da Biblioteca Brea Segade de Taragoña.

Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares de Galicia




PREMIO BIBLIOTECAS ESCOLARES





























Libriño
breasegade@yahoo.es
 CATEGORÍAS
 BIBLIOGALERÍA
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Os ríos da vida
As Bibliotecas Escolares de Galicia recibimos no Día do Libro e dos Dereitos de Autor, un agasallo especial, un texto de Agustín Fernández Paz que se inclúe nun marcapáxinas editado pola Asesoría de Bibliotecas escolares da Xunta de Galicia.
Os ríos da vida é o título do fermosísimo texto escrito por Agustín Fernández Paz para commemorar o 23 de abril.


Feliz Día do Libro!

Felices lecturas os 365 días de cada ano das nosas vidas!



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-04-2012 17:50
# Ligazón permanente a este artigo
2012. Ano Celso Emilio Ferreiro

En marzo a nosa escola arrecendeu a poesía e aínda segue a arrecender. Este ano o noso mes da poesía xirou en torno á vida e á obra de Celso Emilio Ferreiro.O equipo de biblioteca preparou unha escolma poética. Lémolo nos Clubs, cantástelo nas clases de Música, lémolo nas aulas e o último día do segundo trimestre xuntámonos na biblioteca ao redor da música e da poesía. Aquí vai unha primeira mostra do noso traballo sobre Celso Emilio, irémola completando.






Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-04-2012 21:18
# Ligazón permanente a este artigo
A bicicleta de Ana María

Esta fin de semana, dentro do Abril Cultural do Concello de Rianxo temos teatro. Ás cinco no centro sociocultural de Taragoña, e ás seis na escola de Buía, Teatro Express co grupo Airiños. Esta vez prepararon unha montaxe sobre a vida de Ana Mª Diéguez e sobre a súa bicicleta. Non sabemos se eles irán en bici de parroquia en parroquia, pero sí que entre sábado e domingo temos seis oportunidades para velos. O anticipo que nos trouxeron á escola na presentación da obra foi ben divertido, así que temos que achegarnos a algunha das funcións.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-04-2012 18:14
# Ligazón permanente a este artigo
BURROMAQUIA




"Neste espectáculo de narración oral encontrámonos cunha selección de contos, fábulas, poemas e cancións na que se fala con simpatía dese animal tan entrañable que é o burro. A través da súa participación os rapaces e rapazas van descubrindo a historia do burro da tía Lola, personaxe que popularizaron nun pasodobre os gaiteiros Os Dezas de Moneixas."

Este sábado, ás doce, Inacio Contacontos na Biblioteca Municipal. Xa estivera na nosa escola con Fantoches Baj e fora unha marabilla, así que..
Non volo perdades!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-03-2012 17:47
# Ligazón permanente a este artigo
X Aniversario da Escola de Música de Rianxo

Este sábado terá lugar un concerto que ten unha significación moi especial, pois celebra o décimo aniversario dos amig@s da Escola de Música de Rianxo.
Noraboa por todos estes anos sementando a paixón pola música e que cumprades moitos, moitos máis.

Así que xa sabedes, collede forzas o venres, este sábado vai ser ben intenso.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 23-03-2012 00:29
# Ligazón permanente a este artigo
Na semana da prensa

A praza central de Educaldea vestiuse de prensa, con portadas de xornais de todos os continentes, con xornais en diferentes linguas e cun homiño de papel que nos lembrou que a prensa ten un compromiso co conxunto da sociedade, coa obxectividade e e cos valores democráticos e sociais.




Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-03-2012 23:00
# Ligazón permanente a este artigo
No kiosko

Para ver a prensa que hai hoxe no kiosko clica aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2012 00:13
# Ligazón permanente a este artigo
Semana da prensa

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2012 00:08
# Ligazón permanente a este artigo
Hoxe no Xornal

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-02-2012 00:02
# Ligazón permanente a este artigo
Un mundo de contos
Ao longo do mes de xaneiro traballamos sobre países do mundo que están vivindo situacións de guerra ou conflito. O punto de partida foron os contos populares de diferentes culturas, que nos permitiron descubrir o moito que temos en común. O equipo de biblioteca seleccionou contos populares para que as titorías que participaron na actividade escolleran o país a traballar e o conto a ler.
Os contos foron tamén a disculpa para achegarnos a cada un deses países para aprender sobre eles e sobre os conflitos que están a vivir.
Na tarde do día 31 celebramos o Día da Paz. Xuntámonos todos no auditorio para poñer en común o que aprenderamos.
Comezamos falando do Sahara e vendo xuntos un vídeo sobre o Bubisher,unha iniciativa que a BBS xunto con moitas outras bibliotecas escolares galegas, apoia e coa que colaboramos participando no envío conxunto de libros para o Niño do Bubisher. O alumnado de 4º leu o conto que enviamos en decembro a Smara, ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa? de Raquel Díaz Reguera.
E despois cada curso presentou o seu conto e unha pequena información sobre o país do que proviña. Cada clase preparou unha portada para o seu conto e a colocou sobre un mapa do mundo.
Ao longo do trimestre, nos contacontos do recreo, poderemos escoitar esta escolma de contos do mundo, un mundo para o que pedimos, máis contos, máis tolerancia e máis paz.

O acto central do Día da Paz foi froito da colaboración entre o equipo de extraescolares, o equipo de dinamización lingüística e o equipo de biblioteca. En Educaldea podedes atopar máis información sobre este día.



Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-02-2012 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos
63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 10-12-2011 02:24
# Ligazón permanente a este artigo
BUBISHER
No deserto do Sáhara o Bubisher é un paxaro que trae boa sorte. Bubisher é tamén o nome dun proxecto de animación á lectura e dinamización cultural no Sáhara, que botou a andar hai xa catro cursos grazas a unha idea dos alumn@s do Colexio San Narciso de Marín: levar libros aos nenos e nenas do Sáhara.
O proxecto Bubisher tomou forma cun bibliobús que percorre as escolas do territorio do Sahara cargado de libros e de ilusión.




E o Bubisher foi medrando pouco a pouco. En novembro deste ano abriu as súas portas en Smara O niño do Bubisher, a primeira biblioteca pública do Sáhara, froito do traballo e a ilusión de moitas persoas saharauis e españolas.
Cerca de noventa bibliotecas escolares do Plan de Mellora decidimos colaborar co Bubisher e sumarnos a un envío de libros que se vai realizar a finais deste mes de decembro. Os coordinadores do proxecto facilitáronnos un listado de libros para escoller. Desde a BBS mandaremos ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa? de Raquel Díaz. Mercamos dous exemplares, un para o Bubisher e outro para a BBS. Escollemos este título porque trata de princesas, de principes, de sapos... de contos populares como os que estamos a traballar este ano na escola, pero cunha princesa un pouco diferente.





Seguiremos contándovos!
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-12-2011 23:39
# Ligazón permanente a este artigo
PREMIO NACIONAL DE BOAS PRÁCTICAS EN BIBLIOTECAS ESCOLARES
O Ministerio de Educación comunicounos que a nosa biblioteca acadou o terceiro premio no Concurso Nacional de Boas Prácticas na xestión e dinamización de bibliotecas escolares.

ESTAMOS FELICES!

Este premio é un recoñecemento ao traballo feito no noso centro nestes últimos anos para converter a biblioteca nun espazo para aprender, para gozar da lectura, para tomar contacto con diferentes manifestacións culturais e para facer cultura nós mesm@s.
O premio non sería posible sen vós, o alumnado do Brea Segade que se implica con entusiasmo nas propostas da BBS, sen as familias que apoiades todas as iniciativas que vos presentamos e sen os mestres e mestras que traballan moito e non sempre nas mellores condicións, para facer realidade o noso proxecto de biblioteca.
Este premio tamén é o resultado da colaboración e a complicidade con moitas bibliotecas galegas que, coma nós, forman parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares e que hoxe celebran un premio que tamén é seu.
Todo o traballo desenvolto na BBS nestes anos foi posible grazas ao bo facer de Pilar Sampedro e Cristina Novoa que desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares nos apoian, orientan e animan.
Queremos tamén facer partícipes deste premio ao alumnado e profesorado que pasastes polo CEP Brea Segade e que compartistes con nós horas de traballo e de goce na BBS, porque grazas a vós estamos aquí e porque a biblio segue a ser vosa.

Pero ademais de nós outras CINCO bibliotecas galegas resultaron premiadas. Estamos de noraboa e temos moito que celebrar!

Comentarios (14) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-12-2011 16:54
# Ligazón permanente a este artigo
Bibliotecas escolares en tránsito

Como a nosa biblioteca forma parte desde o curso 2006-2007 do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, tivemos a fortuna de poder participar no Congreso Estatal de Bibliotecas Escolares en Tránsito organizado polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación, que se celebrou en Santiago entre o 9 e o 11 deste mes. A BBS, coma moitas outras bibliotecas do estado español, está en tránsito; levamos moito andado e sabemos que temos aínda moito camiño por percorrer, pero grazas a actividades de formación como a que vimos de aproveitar ao máximo, sabemos cara a onde queremos camiñar, que imos en boa dirección e que non estamos s@s. Durante tres días tivemos a oportunidade de escoitar aos mellores expert@s do momento en bibliotecas escolares e educación, un luxo que sabemos vai ter consecuencias directas no traballo diario na nosa biblioteca, nas nosas aulas e no noso centro.
Queremos desde aquí agradecer á Asesoría de Bibliotecas Escolares o seu traballo e esforzo contante por poñer a nosa disposición a mellor formación posible, incluso nestes tempos difíciles para a escola pública que estamos a vivir. Agradecemos sinceiramente todo o apoio, orientación e cariño que recibimos das nosas asesoras, Cristina Novoa e Pilar Sampedro; a BBS non sería o que é hoxe en día de non ser por elas. Grazas!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-11-2011 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
No Samaín!

No Samaín montamos unha boa!
Houbo "entrada terrorífica" na escola, degustación de froitos de outono, contos de medo nos que Libriño era o protagonista e teatro. Tedes a reportaxe completa en Educaldea.
Nós iremos colgando os contos de Samaín que escribiron e leron todas as clases e que nesta semana estamos a escoitar de novo nos recreos na biblioteca.





Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-11-2011 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal



Contador gratis



As imaxes que publicamos neste blogue teñen un uso educativo. Se estiveran suxeitas a dereitos de autor/a, facédenolo saber, para poder retiralas axiña. Grazas

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0