Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CABALLERO: MOCIÓN DE CENSURA
Alcalde de VigoPor: Lois Pérez Leira



No primeiro pleno do Concello, despois das vacacións, algúns veciños e activistas sociais déronse cita para escoitar distintos temas de interese municipal, como os catro despedimentos das traballadoras dos centros cívicos. Logo de oír estoicamente a longa e aburrida sesión observei que algúns dos presentes mostraban uns carteis pequenos, en follas do tamaño DIN A 4, nos que pedían unha Moción de Censura para Abel Caballero. Ao principio sorprendeume o pedido, mais ao terminar a sesión decateime da necesidade de facelo.



O Goberno que preside Abel Caballero ten trazos totalitarios e antidemocráticos. A súa maioría absoluta, outorgada polo BNG a cambio dalgunhas migallas, convertérono no dono e señor do noso municipio. Mercou á maioría dos medios de comunicación, ten os seus programas televisivos propios e un cuantioso orzamento destinado a publicidade que é empregado, única e exclusivamente, en potenciar a súa imaxe pública.



Entrementres o principal partido da oposición, o PP, está recluído á espera de que pase o ballón do caso Bárcenas ou se produza algún milagre en Vigo. Namentres o BNG, que aínda segue sendo o sostén político deste goberno, intenta recuperar a imaxe de esquerda que perdera en tantos anos de pisar moqueta. Cando gobernou non desenvolveu un municipalismo de esquerda e transformador, non demoleu a Cruz do Castro, presidía as procesións do Cristo da Vitoria ... Agora é Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quen ocupa e amplía este espazo electoral, coa posibilidade real de obter seis concelleiros no caso de que as eleccións se fixesen agora.



Con este panorama, «El Caballero del Condado», Don Abel goberna ás súas anchas, facendo da súa xestión un goberno de xordos. Durante todos estes anos negouse sistematicamente a dialogar coa propia veciñanza a través da súa Federación, única interlocutora valida desde a instauración da democracia.



Caballero non quere escoitar directamente aos veciños, prefire só atender aos que son parte do seu partido político e por suposto só aos directamente beneficiados. É así como as asociacións da súa órbita son as que se benefician da xestión do goberno local. O resto, a gran maioría, 30 delas son castigadas e perseguidas, por manter unha opinión independente. Esta persecución ao movemento veciñal moi parecida á ?Castra e Doma do Reino de Galicia?, neste caso dos loitadores de Vigo, reflectida pateticamente no despedimento improcedente de María Pérez, a Presidenta da Federación de Asociacións de Veciños de Vigo.



Unha cidade como Vigo non pode funcionar democraticamente se o seu alcalde rexeita o diálogo e non escoita ao conxunto dos veciños e movementos políticos e cidadáns. Por iso é necesario emendar esta deriva antidemocrática cunha moción de censura, como solicitaban os veciños no primeiro pleno, co fin de garantir unha xestión transparente, democrática e participativa. Agora a palabra téñena o BNG e o Partido Popular. Eles si que poden.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-09-2013 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
SALVADOR ALLENDE NO RECORDO
Salvador AllendePor: * Lois Pérez Leira

Hai corenta anos ?o 11 de setembro de 1973? decatábame pola radio da triste noticia do golpe de estado contra o goberno da Unidade Popular de Salvador Allende. A mesma nova conmocionaba a todo o mundo progresista, moi especialmente na Arxentina. Porén era unha noticia que non nos colleu por sorpresa, xa que a conspiración norteamericana era descarada. O certo é que sempre alentabamos que Allende puidese reverter a situación de desestabilizacion. Por aqueles anos residía na Arxentina onde militaba na Mocidade Comunista. Nese momento presidía a Confederación Arxentina de Estudantes Secundarios (CAES). Algúns meses antes envorcámonos nas rúas de Bos aires para recibir a ?Chicho? como cariñosamente coñecíamos ao presidente socialista. Chegara ao aero-parque da cidade un día antes da asunción do presidente Campora o 25 de maio. A Arxentina estaba conmocionada, deixaba atrás a unha ditadura e o pobo lograra o retorno do xeneral Perón e unha esmagante vitoria popular. Para participar da asunción do representante de Perón viaxaron especialmente Osvaldo Dorticos presidente de Cuba e Salvador Allende de Chile. Xa no aeroporto miles de persoas estabámolo esperando para darlle a benvida. Lembro que repartiron unhas fotos impresas coa súa face e a súa sinatura que por moitos anos gardei con especial agarimo. Pola tarde unha manifestación multitudinaria se manifestou polos parques de Palermo cara á Embaixada de Chile, onde Salvador Allende dirixiunos unhas verbas desde o primeiro andar da mansión diplomática. Allende e a súa revolución pacífica era parte da esperanza da esquerda latinoamericana que cría que podía ser posíbel a forma pacífica da transición ao socialismo. O presidente chileno malia ser parte do Partido Socialista era un home de formación marxista, amigo do Che e de Fidel.

Foi un dos impulsores na Tricontinental celebrada en Cuba e o mentor da creación da organización OLAS, de coordinación dos Movementos Revolucionarios de América Latina. Ao día seguinte da súa chegada, o 25, íase a producir un dos acontecementos máis importantes da historia contemporánea da Arxentina, dous presidente: Osvaldo Dorticós e Salvador Allende oficiaban de notarios da asunción do Presidente Héctor José Cámpora que presidio ?A breve primavera Arxentina?.

Aquel paso de Allende pola Arxentina foi esencial para profundar os lazos de amizade de ambos os dous pobos. Uns meses despois a dereita reaccionou, ao mando de Pinochet, executando o sanguento golpe de Estado. Durante aqueles primeiros dous días as noticias que chegaban eran confusas e contradictorias, algúns medios salientaban que en Valparaiso os obreiros resistían con valentía coas armas na man. Co transcorrer das horas a nosa esperanza íase diluíndo. Malia iso centos de miles de arxentinos saíron á rúas para solidarizarse co pobo chileno. Nunca na historia solidaria deste país deuse un fenómeno semellante. Ao berro de: «¡¡¡Chile no se rinde!!! ¡¡¡Vamos chile carajo!!! ¡¡¡Se siente se siente Allende esta Presente!!!» as rúas de toda a Arxentina facían sentir a súa solidariedade anti-imperialista.

Aínda hoxe retumban estes berros esperanzadores nos meus oídos. Recordo as bágoas e os abrazos dos compañeiros fronte ao edificio do Congreso de Bos Aires. «¡¡¡Vamos chile carajo!!!» era un só berro.

Meses despois en xaneiro de 1974 encabecei unha manifestación de estudantes secundarios na vila turística de Miramar. A mesma tiña como obxectivo a solidariedade con Chile. Logo dalgunhas provocacións da dereita local, termine detido con outro compañeiro e pasei a noite nunha comisaria da cidade. Creo que foi a detención, coa que me sentín máis orgulloso. Logo de 40 anos de que os EEUU provocasen este golpe de Estado coas consecuencias de mortes e violacións dos dereitos humanos por todos coñecidos, o pensamento socialista, anti-imperialista e revolucionario de Salvador Allende (que nada tiña que ver coa socialdemocracia), está máis vixente que nunca.
«¡¡¡Se siente se siente Allende esta Presente!!!»

* Lois Pérez Leira Director de cine, documentalista e guionista. Foi presidente da Confederación Arxentina de Estudantes Secundarios (CAES), membro do COMACHI (Comité Arxentino de Solidariedade con Chile), Presidente do Comité de Solidariedade con Chile do Municipio da Matanza e fundador en Galicia do COSAL (Comité de Solidariedade con América Latina). Co-voceiro de Nova Esquerda Galega. Militante de ANOVA.
Salvador Allende no recordo
Salvador Allende en el recuerdo
Salvador Allende en el recuerdo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2013 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
Siria non é Ruanda.
Non á agresión a SiriaPor: Óscar Lomba Álvarez *



Todos temos moi presente o terríbel xenocidio de Ruanda que supuxo o intento de exterminio de toda a poboación tutsi por parte do goberno hexemónico hutu en 1994. No pasado, en Ruanda distinguíanse dous estamentos dentro da etnia banyaruanda, á que pertencía case toda a poboación: a maioría hutu e a minoría tutsi. En abril de 1994 o asasinato do xeneral Juvénal Habyarimana e o avance da Fronte Patriótica Ruandesa desencadearon unha morea de masacres en todo o país contra os tutsis obrigando a un desprazamento masivo de persoas cara a campos de refuxiados situados na fronteira cos países veciños, en especial o Zaire (hoxe República Democrática do Congo). En agosto de 1995 tropas zaireñas intentan expulsar a estes desprazados a Ruanda. Catorce mil persoas son devoltas a Ruanda, mentres que outras 150.000 refúxianse nas montañas. Máis de 800.000 persoas foron asasinadas e case todas as mulleres que sobreviviron ao xenocidio foron violadas. Moitos dos 5.000 nenos nados froito desas violacións foron asasinados. E con todo, que fixo a comunidade internacional? Pois, simplemente, nada. Por que? Imaxínome que ten que ver co escaso interese económico de Ruanda para as potencias occidentais e pola súa carencia de recursos naturais e enerxéticos. Ruanda baséase nunha economía de subsistencia que ocupa ao 90% da súa poboación. O país carece de recursos naturais e minerais de importancia, ademais de sufrir constantemente de secas, a escaseza alimentaria e un pobre desenvolvemento tecnolóxico.

Agora coñecemos que en Siria se está producindo unha sanguenta guerra civil, un conflito moi violento e cruento, só que nesta ocasión parece que á comunidade internacional preocúpalle moitísimo o que alí sucede. Durante o presente ano, todo o país estaba envolto nunha guerra brutal; cada recanto de Siria foi escenario de fortes tumultos e mesmo enfrontamentos armados entre os rebeldes e o goberno, o que trouxo consigo un incremento exponencial da espiral de violencia que desembocou en terríbeis batallas e presuntos bombardeos indiscriminados e, especialmente, na suposta utilización de armas químicas por ambos os dous bandos. Estes feitos, á súa vez, causaron a mortes de miles de persoas e un éxodo masivo da poboación cara a nacións veciñas, ademais, os combates causaron a destrución de moitas cidades e de milenarios monumentos e importantes patrimonios. Nacións Unidas informou que os mortos no país son máis de 100.000 e o número de refuxiados ascende a máis de 2.000.000, convertendo a esta guerra civil nunha das peores crises do noso século

Tamén soubemos que Senadores do Partido Republicano, de Estados Unidos, volveron facer recentemente declaracións instando o presidente Barack Obama a organizar unha forza internacional para intervir militarmente en Siria, baixo o pretexto de impedir a suposta utilización de armas químicas. Durante a semana pasada, os gobernos de Estados Unidos, Francia e Reino Unido alegaron ter evidencias que demostrarían o seu suposto uso por parte do goberno de Damasco contra poboación civil nalgunhas zonas ?rebeldes?.

O propio presidente estadounidense, Barack Obama, advertiu recentemente, ao goberno do presidente Bashar al-Assad de que o uso de armas prohibidas por parte das forzas de seguridade sirias provocaría un cambio nas regras do xogo no conflito que ten lugar no país árabe desde hai máis de dous anos.

O goberno sirio non se limitou a rexeitar as acusacións dos EE.UU, Francia e Reino Unido, volveu asumir solemnemente o compromiso perante a comunidade internacional de que non utilizará xamais armas químicas, non só porque respecta a lexislación internacional, o Convenio de Xenebra, todos os protocolos adicionais e o resto de regras da guerra, senón tamén por razóns humanitarias e morais.

Opino que resulta evidente que os círculos máis intervencionistas e belicistas do imperialismo estadounidense e os seus aliados están preparando, coas súas falsas alegacións, tal como sucedeu en Irak, o escenario para unha dura intervención militar en Siria.

Desde o inicio do conflito en Siria, en marzo de 2011, Estados Unidos e os seus aliados europeos e na rexión do Oriente Medio non consideran outra solución para o país árabe e continúan dando apoio aos grupos de mercenarios armados e terroristas para derrocar o goberno do presidente Bashar al-Assad.

A propia evolución dos acontecementos revela que as potencias imperialistas non queren nin o diálogo, nin a democratización de Siria, nin os dereitos humanos, pois sistematicamente rexeitaron todas as iniciativas tomadas nese sentido, inclusive reformas políticas pola vía de emendas constitucionais, a adopción do pluri?partidismo , a convocatoria de eleccións, os cambios ministeriais e as xestións autorizando ao diálogo e a reconciliación nacional.

Estados Unidos, a Unión Europea e os seus aliados na rexión estableceron unha estratexia que prevé a intervención militar, a ocupación e a disgregación de Siria. Tacticamente, loitan no terreo diplomático para obter un mandato nesa dirección por parte do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, á vez que sabotan toda iniciativa de diálogo e paz feita baixo a cobertura dese organismo.

O conflito en Siria é un novo foco de tensión internacional debido ao intervencionismo das potencias imperialistas, que máis unha vez demostran ser a verdadeira ameaza á paz mundial.

En momentos como este, é necesario defender o diálogo, a negociación, a paz e loitar contra as intervencións e agresións militares que violan a soberanía dos pobos, a súa independencia nacional e provocan traxedias. E reafirmar o principio de que soamente o pobo de cada país ten o dereito de decidir sobre o seu futuro, sobre a súa forma de goberno, sistema político e socioeconómico.

Ao preparar a intervención en Siria, as potencias imperialistas demostran a súa dobre vara de medir á hora de decidir unha intervención militar. Queda claro que Siria non é Ruanda. No caso de Ruanda non fixeron nada porque o único que había en xogo eran miles e miles de vidas humanas. Agora o que está en xogo, ademais das vidas humanas, é o petróleo, o gas e a posición xeo-estratéxica de Siria nese lugar.



* Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, Tempos Novos, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista. Actualmente traballa como na Xerencia de Atención Primaria do SERGAS en Vigo. É asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca ? stop desafiuzamentos.


Siria nom é Ruanda
Siria no es Ruanda
Siria non é Ruanda
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2013 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
EB-B, ISI-ES, CEx e NEG apoian a alianza da esquerda e o ecoloxismo proposta por ICV e o grupo de AGE Espazo Ecosocialista
Compromiso A Esquerda
Ezker Batua ? Berdak (EB-B), Iniciativa Socialista de Esquerda (ISI-ES), Converxencia por Estremadura (CEx) e Nova Esquerda Galega (NEG), as catro formacións políticas integradas no espazo Compromiso A ESQUERDA (C-LI), mostran a súa satisfacción pola noticia publicada por varios medios relativa a que grupos que integran Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e Iniciativa per Catalunya Verds (ICV) esperan estreitar lazos de cara ás europeas.

( http://goo.gl/XdSS3Q ).


EB-B, ISI - ES, CEx e NEG entenden como moi positiva que dirixentes de Espazo Ecosocialista (organización membro de Alternativa Galega de Esquerda - AGE) e Iniciativa per Catalunya Verds (ICV) estreiten lazos de cooperación de cara ás eleccións europeas do vindeiro mes de maio e coincidan na necesidade de reforzar a cooperación entre a esquerda catalá e galega.





EB-B, ISI-ES, CEx e NEG tamén creen, como Dolors Camats, voceira de ICV no parlamento de Catalunya, que o obxectivo é "construír unha alianza" para concorrer a eses comicios, procurando a converxencia ao obxecto de intentar construír unha alianza das esquerdas e o ecoloxismo para expresar unha "mensaxe de anti-austeridade".





Do mesmo xeito EB-B, ISI-ES, CEx e NEG entenden, como Xoán Hermida, Coordinador de Espazo Ecosocialista (partido integrado na Alternativa Galega de Esquerda - AGE) a necesidade de construír unha esquerda estatal estratéxica e avogan a favor de que AGE, ICV e todas as organizacións da esquerda alternativa lideren unha "gran iniciativa" de face aos comicios europeos para "traballar sen sectarismos" contra o austericidio e os recortes das políticas neoliberais que desde o bipartidismo (PPSOE) deséñanse.





As formacións políticas integradas en Compromiso A ESQUERDA (EB-B, ISI-ES, CEx e NEG) animan a conformar unha nova hexemonía social das forzas da esquerda alternativa e cidadá, pois é urxente e prioritario que a forzas populares deamos unha saída á crise; para iso empraza a ICV, Espazo Ecosocialista, Equo, Izquierda Unida, ANOVA, COMPROMÍS, CHA, MÉS, CUP, ... a que o máis axiña posíbel se poñan de acordo nunha axenda de reunións abertas e poñan en marcha unha Fronte Ampla política e electoral, sen exclusións, contra o austericidio e os recortes.
EB-B, ISI-ES, CEx e NEG apoian a alianza da esquerda e o ecoloxismo proposta por ICV
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 11-09-2013 13:14
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0