Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

TOD@S PODEMOS SER JOSE MARIA
José María Muñiz Vales
BASTA DE MALTRATOS POLICIAIS!

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/17175.html


José María Muñiz Vales, 42 anos, casado e con dúas fillas. Na actualidade está no paro. Traballou sempre de camareiro ou na construción. Desde hai 20 anos vive en Vigo sendo orixinario do Bierzo (León). Nas mañanciñas dedícase a levar currículos polas distintas cafeterías e atende os quefaceres do fogar. Entrementres a súa muller traballa nun establecemento que é popular polas súas empanadillas.

O pasado 2 de xaneiro José María, acompañado pola súa esposa María Lourdes, tralo convite realizado polo seu amigo Jesús, que estaba de santo, trasladáronse até a cafetería O Festín na rúa Rivera Atienza, 3 (Esquina Fontáns) en Vigo, onde compartiu tranquilamente unhas copas cos seus amigos.

A sorpresa de José María e dos clientes do mencionado bar., foi a entrada de forma abrupta no lugar de máis de sete membros da policía que presuntamente dispoñíanse a realizar un control de drogas, xa que non existiu denuncia ningunha nin se producira tampouco ningún altercado anterior.

José María, a súa muller Maria Lourdes e o seu amigo Jesús, quedaron sorprendidos pola maneira na que a policía accedeu ao devandito establecemento. Un dos policías nacionais de forma impulsiva solicítalle que mostrase as cousas que tiña nos petos. Ao comezar a realizar o pedido policial, o mencionado policía colleuno do brazo e de xeito violento retorceullo e golpeouno salvaxemente, arroxándoo ao chan para logo poñerlle as esposas e seguir golpeándoo no exterior do local, con outros policías.

Esta brutal actuación policial prodúcese perante a súa muller, que inquire aos axentes que lle aclaren cal era o motivo da malleira que estaba recibindo o seu marido e o causa pola cal estaban procedendo á súa detención. Ao ver que non lle facían caso ningún ás súas demandas, decidiu solicitar a identificación do policía que estaba agredindo á súa parella. O axente negouse a darlle o número de placa. A acción foi tan desmedida, que sorprendeu a algúns dos propios integrantes da devandita comitiva policial.

As feridas e golpes recibidos por José Maria fixeron que a mencionada patrulla policial tivese que trasladarse primeiro ao Hospital Xeral de Vigo, para facerlle as correspondentes curas, para logo trasladalo á comisaría, onde pasou toda a noite. Ao día seguinte foi posto a disposición do xulgado de Instrución Número 3 de Vigo, cuxa maxistrada é a xuíza María Sol López Martínez. A denuncia efectuada pola Policía foi caracterizada nas dilixencias previas como: Resistencia Grave, desobediencia á autoridade, insubordinación a axente da autoridade...

José María non portaba drogas, non é adicto a sustancia tóxica ningunha, non ten antecedentes penais. Non é sospeitoso de nada nin moito menos integrante de ningunha organización violenta ou radical xa que é votante do Partido Popular. Este traballador en paro foi vítima da actual lexislación penal que permite este tipo actuacións policiais. É a herdanza da desafortunada Lei Corcuera. E o máis terríbel é que moi pronto vaise endurecer aínda máis a devandita lexislación dando maiores atribucións á policía. O Proxecto de Lei de reforma do Código Penal e o Proxecto de Lei de Seguridade Cidadá son mostras do terríbel endurecemento da lexislación penal que o ministro Gallardón deseñou e cuxo principal obxectivo é amedrentar e reprimir ao conxunto da cidadanía, especialmente aos mozos e mozas.

A salvaxe actuación policial que viola os dereitos humanos, non soamente é ilícita e rexeitábel senón que debe ser investigada e sancionada pola xustiza e as autoridades policiais para que nunca máis se repita este tipo de situacións irracionais e desproporcionadas.

José María saíu dos xulgados sen saber o motivo polo que fora golpeado indiscriminadamente, nin tampouco porque fora detido. Durante toda a noite preguntábase cal fora o seu delito e sentíase denigrado e humillado. No seu pensamento emerxía a figura afábel e afectuosa da súa muller, as súas xoviais fillas menores, pero tamén unha tremenda sensación de impotencia ante a impunidade que determinadas actuacións policiais seguen tendo.

A face, o cabelo longo, a súa vestimenta xuvenil, a idade, a súa aparencia... seguramente era a foto-robot dun potencial drogadicto que aqueles policías tiñan na súa mente para o cacheo, o maltrato, os golpes e a detención.

Nova Esquerda Galega realizará unha campaña para denunciar este feito que se produce con frecuencia entre a mocidade e solicitará que se abra unha investigación sobre o sucedido para que os responsábeis sexan sancionados por devandita actuación irregular e desproporcionada.

Consideramos indispensábel a democratización da policía e os corpos de seguridade do Estado, como así tamén as policías autonómicas e locais, como a de Vigo cunha longa tradición de maltratos á cidadanía.

O vindeiro día 14 de febreiro ás 11:00 horas a xuíza citou ás partes para a realización dun xuízo rápido que podería supoñer unha sanción penal desproporcionada para José María, que mesmo podería alcanzar dos 6 meses a 1 ano de prisión.


NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG) convoca unha concentración para o vindeiro venres 10 de xaneiro diante do mercado do Calvario as 19 horas.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-01-2014 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
Acto sobre a construción dunha Fronte Ampla de Esquerda
Acto Público na Libraría ANDEL en Vigohttp://www.galiciaconfidencial.com/nova/17162.html

O pasado día 3 de xaneiro celebrouse un interesante debate na librería Cartabón en Vigo sobre as posibilidades de configuración dunha fronte ampla non excluínte. En devandito debate participaron representantes de diferentes formacións políticas e tomaron a palabra: Luís Ocampo, médico, dirixente de Izquierda Castellana e un dos principais impulsores de Iniciativa Intercionalista - A Solidariedade entre os Pobo, Rubén Pérez, Licenciado en Historia, Secretario de Organización de Esquerda Unida en Galicia e Coordinador Local de Esquerda Unida en Vigo. Lois Pérez Leira, Co-Voceiro de Nova Esquerda Galega (NEG) e militante de ANOVA, Moncho Lareu, membro da Fronte Popular Galega (FPG) e militante de ANOVA.
A nutrida asistencia ao acto puido escoitar os diferentes argumentos esgrimidos polos distintos participantes que manexaron diferentes posicións sobre as distintas posibilidades para a configuración dunha gran fronte ampla antineoliberal. Todo coincidiron en que é necesario que a esquerda se entenda para poder frear as políticas reaccionarias do Partido Popular, acabar co bipartidismo e poder erixir unha verdadeiras alternativa á actual construción europea.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-01-2014 08:57
# Ligazón permanente a este artigo
ACTO PÚBLICO
Queremos convidarte ao debate que realizaremos na Libraría Cartabón de Vigo co fin de debater ideas e outras achegas de cara ás vindeiras eleccións europeas e a necesidade de conformar unha fronte electoral ampla anti-neoliberal de esquerda non excluínte.


No devandito encontro de debate participará Luís Ocampo dirixente de Izquierda Castellana e un dos impulsores da candidatura Iniciativa Internacionalista ? A Solidariedade entre os Pobos nas pasadas eleccións europeas. Estará acompañado no panel por outros dirixentes galegos de diversos partidos políticos de esquerda.



Venres 3 de xaneiro ás 20,30 horas na libraría Cartabón en Urzáiz 125. 36205 Vigo.

https://maps.google.es/maps?hl=gl&gbv=2&ie=UTF-8&q=librar%C3%ADa+Cartab%C3%B3n+en+Urzaiz+125&fb=1&gl=es&hq=librar%C3%ADa+Cartab%C3%B3n+en+Urzaiz+125&cid=14144835364085785002&ei=QZrCUry7NIiA7QbGkYCoBg&ved=0CCAQtgMwAA
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2014 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Paremos este novo desafiuzamento!
Nova Esquerda Galega apoia a concentración da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) - STOP Desafiuzamentos de Vigo - Baixo Miño - Val Miñor que convoca a cidadanía viguesa a defender a Analía Melón e as súas fillas menores que van ser desafiuzadas da súa vivenda.
Hoxe luns 30 de decembro ás 11:00 horas na rúa Pizarro, 51 en Vigo onde vive a familia. Pedimos a máxima difusión e asistencia para que esta familia non quede na rúa.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-12-2013 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
ANOVA, o partido-movemento que Galicia necesita.
Por: Óscar Lomba Álvarez e Lois Pérez Leira

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/17019.html

ANOVA está pasando por unha grave crise organizativa e iso porque as dúas culturas que conviven na devandita estrutura política non foron quen de chegar a unha axeitada síntese. Deste xeito a cultura horizontal encarnada polos partidarios do «partido-movemento» e a obsoleta «cultura nacionalista clásica» seguen coexistiendo pero de xeito conflictivo. Cómpre que ambas as dúas maneiras de entender a organización cheguen a unha síntese consensuada ou, cando menos, a un ?acordo de mínimos? que sirva para continuar a travesía.
Cremos que ANOVA carece dunha liña de actuación coherente e verdadeiramente ligada aos diferentes movementos sociais e de masas. É imprescindíbel que aquel embrionario Novo Proxecto Común (NPC) e o seu inicial espírito de fraternidade e irmandade volvan personificar o espírito da actual ANOVA. Resulta urxente a convocatoria dunha asemblea nacional extraordinaria que sirva para analizar repousadamente e con espírito crítico, pero constructivo, todos estes temas.
Desde o noso punto de vista a futura ANOVA debería ser o motor dun movemento político-social moito máis amplo e que debería sosterse sobre cinco compoñentes esenciais, sen os cales é moi difícil alcanzar o suficiente apoio social:
1. Unha dimensión ideolóxica e política anticapitalista e soberanista, mais que procure amplos apoios e consensos políticos e sociais.
2. Un programa político ben definido e que podería adoptar como punto de partida os acordos programáticos aprobados na última asemblea nacional, pero que debería nutrirse con todas as achegas que fagan os propios movementos sociais.
3. Un chamamento público a todas as persoas, grupos cidadáns, movementos sociais e outros sectores sociais, cuxas perspectiva de vida e intereses son os mesmos que os da maioría social galega, co obxectivo de facer realidade a ruptura co réxime da segunda restauración borbónica nacida da transición española.
4. Debemos converter o novo referente no instrumento para a acción política directa da sociedade civil coa finalidade de trasladar as necesidades sociais a ámbitos de decisión política e levar ás institucións unhas formulacións programáticas para o cambio e a creba democrática. Pero non temos que actuar, en última instancia, só nas institucións democráticas, senón que debemos estar presente en todos e cada uns dos conflitos e mobilizacións populares que se produzan no escenario social galego. Debemos, ademais, ter en conta a exploración de novos ámbitos de democracia directa.
5. A nosa estratexia debe ordenar axeitadamente todos os ingredientes mencionados, e procurar os aliados necesarios para non malograr o proxecto.
E non hai dúbida ningunha que en Galicia existe un novo suxeito político que é Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e un líder indiscutíbel que é Xosé Manuel Beiras Torrado. Desta maneira o interpretaron os votantes de AGE nas últimas eleccións ao parlamento galego e ségueo discernindo o conxunto da sociedade galega.
A recente crise interna de ANOVA tense de interpretar máis no debate interno dunha ?criatura? que naceu prematuramente e antes de saber andar foi quen de pilotar unha motocicleta de gran cilindrada... É preciso máis tempo para encaixar axeitadamente todas as culturas e pezas que conviven en ANOVA. E para iso fai falta máis tempo.

Algúns dos que iniciamos este proceso moito antes da creación de ANOVA e participamos da súa fundación fomos alertando que o modelo organizativo non era o adecuado. Inclusive dabamos como proposta unha estrutura semellante á fronte Ampla uruguaia, unha fronte política en permanente contacto cos movementos sociais e a sociedade civil.

A conformación de ANOVA foi o resultado da incorporación de distintas sensibilidades políticas e distintas experiencias que soamente estaban vinculadas arredor da figura de Xose Manuel Beiras e a compartida arela de construír un novo referente da esquerda crítica coa cultura partidaria tradicional. Malia iso a forza impulsora e hexemónica neste ilusionador proxecto era Encontro Irmandiño que asumiu responsabilidade de tutelar o proceso de construcción do Novo Proxecto Común e continuou dirixindo a vida orgánica da nova estructura nada na asemblea constituinte de ANOVA-Irmandade Nacionalista. As devanditas equivocacións orgánicas deron lugar ás primeiras equivocacións políticas como foi definir o acordo de AGE como unha simple coalición técnico electoral que se concretaría nun exclusivo acordo estrictamente parlamentario. Cando a cidadanía depositara neste acordo político un desexo de continuidade electoral e de loita para conseguir unha autentica ruptura democrática. Este foi o primeiro indicio de que algúns grupos internos non procuraban realmente a unidade da esquerda e esta foi asemade a primeira decepción para nosa electorado.
Ante esta crise orgánica e política de ANOVA achamos que cómpre tomar algunhas decisións. En primeiro lugar apostar decididamente por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) co horizonte de ampliar a súa base política e social. Pensamos que é preciso que este acordo electoral se converta nun instrumento de mobilización cidadá que logre ser parte dunha futura gran fronte ampla, antineoliberal, republicana e de esquerda que derrote ás políticas do Partido Popular, e que o faga xa na vindeira confrontación electoral. Opinamos que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) debería converterse no autentico motor que aglutine ao resto de suxeitos sociais e políticos que se opoñen a este réxime putrefacto.
Finalmente consideramos que resulta imprescindíbel consolidar Alternativa Galega de Esquerda (AGE) como fórmula unitaria e construción orixinal dunha nova identidade transformadora que aglutine de toda a esquerda social e política rupturista. A irrupción electoral e a tendencia progresiva á alza que Alternativa Galega de Esquerda (AGE) conseguiu nun espazo temporal tan breve demostra que a cidadanía galega demanda novas ferramentas políticas afastadas de vellos esquemas, pensamentos reducionistas, dogmatismos e sectarismos. Finalmente pensamos que ANOVA debe cuestionar esquemas vetustos e potenciar unha nova cultura baseada no ben común, a cooperación política e a radicalidade democrática.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2013 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista a Óscar Lomba
Óscar Lomba na Iª Asemblea Nacional de ANOVA
http://compromisolaizquierda.blogspot.com.es/2013/12/entrevista-oscar-lomba-alvarez-co.html

http://www.tercerainformacion.es/spip.php?article61937

http://miradescritiques.blogspot.com.es/2013/12/entrevista-oscar-lomba-alvarez-co.html

Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966) Co-voceiro de Nova Esquerda Galega (NEG) e militante de ANOVA. Avogado. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Participou en Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Colaborou cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, La Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, Tempos Novos, A Voz de Galicia, Atlántico Diario, Galicia Confidencial, Praza Pública, O Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico, Diario Liberdade e Tribuna Socialista. Actualmente traballa na Xerencia de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) en Vigo. É asesor xurídico da Plataforma de Afectados pola Hipoteca ? Stop desafiuzamentos.

1) Como analizas a crise que estamos padecendo os traballadores dos pobos de España?

Estamos ante diversas crises ligadas entre si e que abranguen diversos escenarios e rexións de todo o planeta. As crises son as seguintes: 1) Crise financeira, (movementos especulativos, problemas de solvencia,...) 2) Crise de recursos naturais (auga, pesca, bosques, bio-diversidade,... ) e ecolóxica (cambio climático, efecto invernadoiro, ...), 3) Crise enerxética (esgotamento de combustíbeis fósiles), 4) Crise alimentaria (desastrosa xestión das reservas alimentarias mundiais, especulación e incremento exponencial do prezo dos alimentos...) e 5) Crise derivada do estoupido demográfico e migratorio mundial (superpoboación, migracións masivas...). É algo inédito. Empeorando, ademais, de xeito progresivo e acelerado, o agónico modelo económico vixente. Hai numerosas inter-relacións que se establecen entre distintos parámetros que dificultan unha diagnose correcta da magnitude ou envergadura desta complexa crise múltiple.
Os trazos do actual capitalismo mundializado debuxan unha cadea de dificultades que repercuten en todas as esferas da armazón socio-económico e en todos os recantos do planeta. Son problemas sistémicos que non deben ser abordados con solucións cosméticas senón que requiren dun compromiso universal, unha contribución e cooperación mundial á hora de atopar unha saída. E cada vez somos máis os que opinamos que a única saída definitiva pasa pola superación do capitalismo.

2) Como se reflicte esta crise en Galicia?

En Galicia esta crise tes uns trazos característicos. O que quero salientar é que os datos aportados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) demostran que a economía galega segue sumida nunha profunda depresión. É evidente a caída do PIB, así como o desmoronamento do consumo, o investimento e o gasto público. Asemade, continúa a sangría do paro, que destruíu miles de empregos en Galicia no último ano e deste xeito no mes de novembro deste ano alcanzouse a cifra de 270.854 desempregados. Por iso, considero que o discurso tanto de Núñez Feijóo como de Mariano Rajoy é un insulto á intelixencia dos traballadores e un exercicio de desvergoña e cinismo. Con mentiras non se pode disfrazar a realidade, e a suposta recuperación económica, por agora, é só un engano ou unha simple fantasía.
É necesario e urxente un cambio radical da política económica, que só se vai conseguir se a sociedade galega desobedece. Debe enfrontarse con enerxía e determinación a todas as políticas deseñadas polo goberno galego, español e a Troika.
Resulta nefasto o proceso de recentralización que está levando adiante o PP en todas e cada unha das nacións do estado Español co apoio dos poderes fácticos e determinados lobbies económicos, e que está recortando a autonomía, desmantelando o aparello produtivo e deslocalizando os centros de decisión do sistema financeiro, especialmente trala compra de NGB polo venezolano Banesco.
É imprescindíbel que os galegos defendan os seus instrumentos de autogoberno e que esixan máis competencias perante o Goberno central. Galicia debería crear un Banco Público galego e unha axencia tributaria propia que recade os impostos dos galegos para evitar que o Estado impoña a Galicia un límite de gasto inferior ao doutras comunidades.

3) Porque é necesario potenciar o espazo A ESQUERDA?


Fortalecer o espazo A ESQUERDA é primordial por múltiples motivos. Destacaría que a unidade de acción de todas as tradicións e sensibilidades da esquerda sería o único xeito de acabar co bipartidismo e construír unha verdadeira alternativa anticapitalista. Vivimos un período de esgotamento da política epidérmica, da conversión do compromiso político nun mercado do voto. Creo que a política debería deixar de ser un feudo enclaustrado nun círculo pechado onde participan só grandes partidos-empresa que controlan os mecanismos da opinión mediática, os dispositivos informativos, a publicidade, a mercadotecnia, as sondaxes...Creo que a esquerda debe renovarse e modernizar o seu discurso e a súa práctica. Entendo que ese é o obxectivo de A ESQUERDA. Aglutinar enerxías distintas e construír unha fronte popular unitaria, ampla e non excluínte.

4) Consideras que é posible a creación dunha gran fronte popular de esquerda que derrote a este goberno neoliberal?
É viábel, necesaria, posíbel, imperiosa e mesmo imprescindíbel. A esquerda debe pórse de acordo. Para crebar a fragmentación e dispersión. As diferentes esquerdas que loitan contra o ultraliberalismo deben entender que o sectarismo e os pequenos feudos de poder deben esvaecerse fronte ao urxente compromiso de configurar unha forza de esquerda tan poderosa que se volva desequilibrante fronte ao poder económico e os seus valedores políticos, PP e PSOE. Pero o máis importante de todo e que debemos comprender dunha vez por todas, é que a principal arma de combate é a pluralidade e a diversidade. A mestizaxe ideolóxica. Debemos facer da variedade unha virtude tan poderosa, que consagrará ao novo referente como a principal forza política dos pobos e nacións que configuran o Estado español.

5) Cales serian os eixos dunha campaña ás eleccións europeas autenticamente de Esquerda?


Moitos opinamos que o eixo central debería ser a defensa dun programa verdadeiramente anticapitalista. A campaña debería artellar e representar os intereses dunha ampla maioría política e social europea. En todo caso, a existencia política futura desa gran fronte popular ampla tería que superar as simples contendas e confrontacións puramente electorais e extenderse ao traballo de base no conxunto da sociedade. Este é un requisito fundamental para afianzar o seu arraigo social e garantir o seu éxito.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-12-2013 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
Nova Esquerda Galega (NEG) apoia o dereito a decidir de Catalunya.
Nova Esquerda Galega
Nova Esquerda Galega (NEG) opina que, máis aló de calquera dúbida, o enérxico e resolto desexo do pobo catalán de decidir o seu propio futuro, a irrenunciábel aspiración de facer realidade o seu dereito de autodeterminación, incluíndo a opción da independencia, non poderá ser nunca esmagada polo Estado español.

A réplica da dereita española -e lamentablemente a de parte da esquerda- foi de desacordo e oposición.

Onde a dereita cavernícola di que non se pode cambiar nada, o PSOE comeza a falar timidamente de federalismo. Pero nin uns nin outros recoñecen os lexítimos dereitos nacionais dos pobos e nacións que compoñen o Estado plurinacional español.

Nova Esquerda Galega (NEG) considera que a situación política tralas últimas declaracións de Rajoy e Rubalcaba achéganos a un escenario de ruptura do Estado unitario e verdadeira creba democrática, de xeito non visto desde a transición. Unha transición que en lugar de resolverse coa consecución dos dereitos democráticos nacionais e sociais, terminou cun pacto que asegurou a continuidade co réxime, agora ?democrático?, e que desbaratou os esforzos de varias xeracións de homes e mulleres dos diferentes pobos e nacións situados na península ibérica.

Para Nova Esquerda Galega (NEG) o actual proceso soberanista e a futura consulta defendida polo goberno catalán, debe camiñar cara á plena realización do dereito de autodeterminación. O Estado español non só se mostrou incapaz de artellar e encaixar no seu seo os anhelos democráticos de Catalunya, Euskadi e Galiza senón que ademais, iniciou unha ofensiva ?españolista? e recentralizadora que se traduce en furibundas arremetidas e ataques constantes contra todo o que teña que ver co autogoberno, ou ata co dereito a falar e vivir na lingua propia.

Nova Esquerda Galega (NEG) opina que en Catalunya a rebeldía social ás políticas austericidas e a oposición aos recortes non se limita ao plano económico, senón que os compoñentes políticos, ideolóxicos e democráticos teñen un peso fundamental. Esta demanda dunha verdadeira democratización do Estado español tradúcese no crecemento das posturas antisistémicas e rupturistas.


Nova Esquerda Galega (NEG)
estima que unha parte da esquerda española intenta presentar o forte sentimento nacional catalán como unha simple manobra da burguesía catalá. Porén, opinamos que é urxente que o conxunto da esquerda social e política catalá saiba poñerse á fronte das reivindicacións nacionais para impedir que o proxecto nacional sexa o da dereita recortadora de CiU. O pobo catalán debe poder pronunciarse nun referendo que inclúa todas as opcións baseadas no dereito á libre autodeterminación (federación, confederación, independencia, ...), incluíndo a perspectiva de establecer vínculos supranacionais sobre unha base progresista co resto de territorios de Europa, do Estado español e do resto dos Països Catalans.

Nova Esquerda Galega (NEG) opina que a única alternativa para lograr unha verdadeira consumación da plena soberanía dos pobos sen estado, na actual conxuntura, é a través dun proceso democrático de creba definitiva con este podrecido réxime xurdido trala segunda restauración borbónica.

Nova Esquerda Galega (NEG) fai un chamamento a todos os movementos sociais e partidos da esquerda rupturista para que apoien o dereito de autodeterminación de Catalunya e do resto de pobos e nacións que conforman o Estado español, porque iso suporía un primeiro paso cara á ruptura democrática co actual réxime putrefacto e serviría como exemplo para o impulso dun novo xeito de relación entre as nacións que hoxe están aprisionadas neste ergástulo chauvinista e autoritario que oprime ao conxunto dos traballadores e clases populares de todos os territorios desta quimera que é ?España?.

Vigo, 17 de decembro de 2013

Comisión Executiva Nacional de Nova Esquerda Galega
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-12-2013 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Nova Esquerda Galega (NEG) propón a creación dun Instituto de Crédito Municipal (ICM).
Nova Esquerda Galega (NEG)
NOTA DE PRENSA

http://vgomagazine.wordpress.com/2013/12/14/nova-esquerda-galega-neg-propon-a-creacion-dun-instituto-de-credito-municipal-icm/

Nova Esquerda Galega (NEG) propón a creación dun Instituto de Crédito Municipal (ICM) ou Banco Público Local co obxectivo de combater a usura e a especulación das actuais entidades financeiras ofrecendo créditos con taxas de xuro moito menores que a banca comercial. Para Nova Esquerda Galega (NEG) o futuro Instituto de Crédito Municipal (ICM) tería que ser unha entidade de micro-crédito que xurdise coa intención de promover o sector da economía de base viguesa e que posuiría como obxectivo central o apoio decidido aos proxectos de economía social e empresas cooperativas situadas en Vigo e a súa área de influencia. A idea de formar un banco que se ocupe dos pequenos emprendedores é un desafío, non porque non haxa antecedentes deste tipo de experiencias, xa que hai algunhas entidades traballando, desde hai varios anos, neste tipo de iniciativas, senón porque esta proposta xurdiría desde unha administración local.
Nova Esquerda Galega (NEG) entende que o futuro Banco Público Municipal tería como obxectivo fundamental dar soporte aos proxectos de interese local que teñan relación co desenvolvemento de pequenas e medianas empresas radicadas en Vigo e arredores. Como Banco Público de crédito tería que adquirir as facultades de outorgamento de créditos, préstamos hipotecarios, persoais e outros. Como entidade local de aforro podería recoller depósitos. A futura banca municipal tería que colaborar con outras entidades financeiras de banca social e ética como COOP 57, FIARE e outras. A partir do mesmo momento da súa creación construiranse sucursais en diferentes cidades e vilas do territorio galego.
Para Nova Esquerda Galega (NEG) a creación dun Banco Municipal Vigués tería que ir acompañado dunha política de desenvolvemento corporativo que atraese os depósitos provenientes dos aforradores vigueses e doutros aforradores de outras comarcas do interior de Galicia.
O Banco Público Municipal de Vigo tería a súa sé central en Vigo e situaría outras seis sedes nas principais cidades de Galicia (Pontevedra, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense e A Coruña).
Nova Esquerda Galega (NEG) opina que o micro-crédito abordado desde a perspectiva do desenvolvemento local é un camiño apaixonante que permite xerar organización comunitaria e mellorar os ingresos dun importante número de pequenas empresas e fogares a través do impulso de novos investimentos e o desenvolvemento das propias capacidades dos seus membros que sen a posibilidade de impulsar estas actividades, engrosarían as ringleiras do desemprego aberto. Por isto resulta imperativo que o goberno local de Vigo se comprometa coa promoción das iniciativas da economía social e cooperativa, xa sexa de xeito directo coa creación dun banco municipal ou apoiando outras institucións de micro-crédito, mobilizando recursos e creando condicións propicias para que se desenvolvan e fortalezan.
No futuro, o camiño emprendido por Vigo, se promove o devandito proxecto, impulsará a outros gobernos locais a emprender experiencias similares.

Vigo, 13 de decembro de 2013

Comisión Executiva Local de Nova Esquerda Galega
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2013 12:48
# Ligazón permanente a este artigo
ACTO de Nova Esquerda Galega (NEG) solicitando unha rúa para Nelson Mandela.
Militantes de Nova Esquerda Galega no Concello de Vigo
Nun acto celebrado no Concello de Vigo, Nova Esquerda Galega (NEG), fixo entrega na mesa do rexistro de entrada do Concello a proposta para que unha rúa ou parque público leve o nome de Nelson Mandela. Na carta NEG sinalaba:

«Ante o recente falecemento do líder mundial contra o Apartheid Nelson Mandela símbolo da dignidade e a fraternidade humana, Nova Esquerda Galega (NEG) quere solicitar ao pleno municipal que unha rúa, parque ou lugar público leve o seu nome. Consideramos moi importante que as actuais e as futuras xeracións teñan presentes sempre a este gran home que deu a súa vida e a súa liberdade pola causa de toda a humanidade. Por iso a cidade de Vigo e o seu pobo deben de deixar constancia do seu agradecemento permanente cun sentido educativo e reivindicativo da súa figura».

No acto participaron militantes de Nova Esquerda Galega (NEG) e dirixentes dos colectivos migratorios como Ibraima, dirixente histórico dos inmigrantes africanos na nosa cidade.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2013 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
A inesquecíbel herdanza de Nelson Mandela
Nelson Mandela
NOTA DE PRENSA

Ante a repentina morte de Nelson Mandela NOVA ESQUERDA GALEGA - A ESQUERDA desexa lembrar a figura emblemática dun gran loitador pola liberdade e o cambio social.

Á idade de 95 anos, faleceu Nelson Mandela, que seguirá sendo un gran referente para todos os revolucionarios, anti-racistas e comunistas do mundo enteiro, opinamos desde A ESQUERDA. Nunca poderemos esquecer a aquel insurrecto dirixente do Congreso Nacional Africano (ANC), que se converteu no impulsor fundamental das mobilizacións populares sudafricanas contra a discriminación racial e o implacábel réxime do apartheid.

NOVA ESQUERDA GALEGA - A ESQUERDA opina que é preocupante que centos de xornalistas, comentaristas, locutores e correspondentes da maioría de medios de comunicación de todo o planeta enxalcen a súa figura debuxando unha imaxe deformada sobre a súa personalidade e a súa posición política e ideolóxica. NOVA ESQUERDA GALEGA - A ESQUERDA pensa que, os aparellos ideolóxicos ao servizo das elites dominantes, estiveron preparando durante anos; e agora lanzan con furibunda intensidade, ese sentimental e deformado obituario sobre un Nelson Mandela místico e contemplativo, un perfil totalmente deturpado e descolorido onde o único que destaca é a súa camisa estampada e a súa defensa da paz. Para NOVA ESQUERDA GALEGA - A ESQUERDA esa figura tenue de Nelson Mandela é só un sucedáneo do verdadeiro revolucionario, axitador anti-racista, insurrecto implacábel e comunista convencido. Sen deixar de representar unha inmensa perda, NOVA ESQUERDA GALEGA - A ESQUERDA considera que o falecemento de Mandela debe encarnar o rexurdimento da súa verdadeira memoria plasmada no imaxinario colectivo, de todos os seus logros e acertos, de todo o potencial subversivo e transformador despregado durante a súa dilatada vida.

Debemos inmortalizar a indestrutíbel icona que representou, e aínda simboliza, aquel decidido líder negro que construíu un movemento de masas e unha organización político-militar para combater ao represivo aparello de Estado daquel terríbel réxime do apartheid. Porén tamén debemos lembrar a aquel marabilloso ser humano cunha fermosa expresión de ledicia debuxada na súa face tralo trunfo da súa loita anti-racista. Debemos ter sempre presente o seu combate incansábel e abnegado contra o réxime do apartheid. Insistimos en todo isto porque moi pouca atención tense prestado ao Mandela activista, ao organizador perseverante, ao membro ?leal e disciplinado? do Partido Comunista, ao impulsor insubstituíbel do Congreso Nacional Africano (ANC) e doutros movementos insurxentes nos que el exerceu unha gran influencia.

NOVA ESQUERDA GALEGA - A ESQUERDA desexa lembrar que Nelson Mandela militou no Partido Comunista e loitou de xeito conxunto con outros comunistas de todas as razas. Sendo membro da organización xuvenil do Congreso Nacional Africano (ANC), refutou as posicións máis moderadas e entreguistas da organización e desafiou á súa masiva base suscitando, logo de cada masacre de militantes e activistas negros, que o Congreso Nacional Africano (ANC) tiña que responder con idéntica furia a aqueles ataques da policía e o exército. Nelson Mandela chegou a liderar un grupo interno da súa organización comprometido coa loita armada, e viaxou a outros países africanos na procura de apoio económico e adestramento militar. Foi acusado de terrorista e encarcerado.

Conseguiu pactar acordos cos líderes do apartheid; porén censurou á súa contra-parte de negociacións Frederik de Klerk. Apoiou a organización das primeiras eleccións democráticas de Sudáfrica, e concorreu como candidato a elas. Todos os partidos democráticos foron tolerados. Ademais teceu alianzas cosendo diversos tapices sociais, raciais, políticos e tribais. Construíu acordos e compromisos estábeis con diversas capas e sectores da sociedade sudafricana conseguindo evitar unha conflagración civil cruenta. Finalmente decidiu non repetir, logo dun só mandato; unha curiosidade no continente africano.

Trala súa morte, NOVA ESQUERDA GALEGA ? A ESQUERDA declara que a súa xenerosa loita pola liberdade, a súa sacrificada entrega militante e o seu convencemento e abnegación deben seguir inspirando a todos os anti-racistas e revolucionarios do mundo enteiro.

Vigo, 6 de decembro de 2013
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-12-2013 22:57
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0