Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>UCRAÍNA NA CORDA FROUXA. O legado da historia nos conflitos actuais</b> - <b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UCRAÍNA NA CORDA FROUXA. O legado da historia nos conflitos actuais
Tino BrugosPor: Tino Brugos *

Tradución ao galego para A VOZ da Nova Esquerda:
Alberte Cid García

FONTE: Viento Sur

Os acontecementos que se veñen desenvolvendo en Ucraína desde os últimos meses do pasado 2013 até a actualidade desencadearon unha dinámica de mobilizacións e cambios políticos que ameazan con transformarse nun verdadeiro sismo que pode chegar a poñer en cuestión a integridade do Estado ucraíno xurdido en 1991 trala disolución da Unión Soviética.

A proclamación da independencia supuxo a culminación formal dos obxectivos do movemento nacional ucraíno que, desde principios do século XX, fixo da estatalidade o obxecto primordial da súa actuación política. Porén, aquel feito non podía ocultar que Ucraína nacía cunha serie de debilidades que podían converterse en serios problemas se non se lles daba unha solución correcta. Entre os máis significativos estaban o destino do armamento nuclear herdado da URSS e o problema da península de Crimea, unha zona de poboación rusa na súa esmagante maioría que quedaba agora baixo soberanía nacional ucraína. A boa vontade e a intervención de axentes exteriores interesados en controlar o armamento nuclear da extinta Unión Soviética permitiron resolver esta cuestión nun período de tempo curto, renunciando Ucraína a calquera tipo de armamento nuclear.

No referente a Crimea a cuestión foi máis complicada desde o inicio. Para o nacionalismo ucraíno a península forma parte do territorio nacional, independentemente da composición rusa da maioría da poboación. En cambio, a parte rusa sente que a autoridade ucraína é o resultado dun agasallo especial que fixo Kruschev ao pobo ucraíno en 1953 para conmemorar o terceiro centenario da incorporación de Ucraína ao imperio zarista, coa idea de fomentar unha irmandade entre ambos os dous pobos que naquelas datas semellaba que sería eterna.

O certo é que durante este tempo ambas as dúas partes actuaron con moita desconfianza. Moscú logrou que Ucraína asinase o compromiso de respectar a presenza da súa flota naval no porto de Sebastopol, convertido nun distrito autónomo dentro de Ucraína. A cambio o novo Estado recibiu unha parte da flota, organizou a súa propia mariña de guerra e construíu unha base naval non lonxe da rusa. A isto habería que engadir o retorno da poboación Tártara, pobo de lingua turca, orixinario da zona e que foi desterrado por Stalin a Asia central acusados de colaboracionismo cos nazis. O goberno de Kiev viu na chegada dos tártaros un elemento que podía axudar a reducir o impacto da poboación rusa. En todo caso, Crimea gozaba da súa propia autonomía, igual que os tártaros tiñan recoñecida a súa dentro da entidade de Crimea sen grandes tensións até o inicio da crise actual.

Unha ou dúas Ucraínas?

Con todo, desde o inicio falouse tamén da existencia de dúas áreas ben definidas e diferentes dentro de Ucraína e salientouse o risco de fractura entra ambas [as dúas rexións] no suposto de non atopar un modelo axeitado de integración e respecto ás peculiaridades. Suscitábase que este era o verdadeiro reto que tería que superar a nova entidade estatal para consolidarse no ámbito internacional. Esta división obedece á existencia dun pasado diferente entre o leste e o oeste do novo país. A parte oriental desenvolveuse até a época da revolución dentro do imperio zarista. Aquel nacionalismo primixenio tivo que implantarse entre un campesiñado conservador, analfabeto e en boa medida desnacionalizado. Ademais, a existencia dun sistema político absolutista fixo que o nacionalismo ucraíno dentro do imperio ruso chegase con dificultades ao campesiñado, que se converteu na súa base social de apoio durante o transcurso da revolución de 1917.

Pero alén da fronteira, dentro do imperio austro-húngaro, existía un territorio, Galitzia, no que vivían varios millóns de campesiños ucraínos ou rutenos que, trala revolución de 1848, levantaron o seu propio proxecto nacional. A existencia dun sistema de liberdades políticas máis aberto que en Rusia cun xogo político que permitía a participación electoral deu como resultado a aparición dunha cultura política que tiña poucos puntos en común coa parte rusa. Aínda así, desenvolvéronse lazos entre ambas as dúas partes, sobre todo cando o zarismo procedeu a perseguir todo o que puidese identificarse con formulacións nacionalistas ucraínas. Nese contexto, Galitzia se auto asignou o papel de Piamonte ucraíno, aspirando a ser o motor do proceso de unificación nacional.

Acontecementos traumáticos como o I Guerra Mundial e a Revolución Rusa de 1917 abriron as portas a un periodo de recoñecemento da especificidade nacional en ambas as dúas partes da fronteira. Ao lado ruso desenvolveuse un proxecto que culminou coa proclamación da República Popular Ucraína que pronto entrou en conflito cos bolcheviques. Na parte de Galitzia proclamouse a República Popular de Ucraína Occidental que foi esmagada polos polacos. Ambas as dúas entidades converxeron e acabaron unidas na derrota. Elemento importante, abriuse un ciclo de separación entre os territorios ucraínos. Galitzia quedou en mans polacas e foi sometida a un proceso de asimilación que provocou un importante rexeitamento entre a poboación. Pola súa banda, na zona da URSS, estableceuse unha República Soviética que iniciou un proceso de recuperación lingüística e cultural de gran importancia. Deste xeito as dúas zonas volvían a diverxer, o que tería importantes implicacións no futuro.

Unha nación diversa

En realidade Ucraína é unha nación en construción que non se pode identificar con ningunha entidade política existente antes do século XX malia a narrativa nacionalista que retrocede na historia até a conversión dos eslavos ao cristianismo no século X e a fundación da Rus de Kiev, elemento primixenio do que se reclama tanto en nacionalismo ruso como o ucraíno. Intentar homoxeneizar un amplo espazo que se estende desde os Cárpatos até o mar Caspio é unha proposta complicada, sobre todo se se ten en conta as diversas experiencias históricas vividas en cada zona. Os feitos veñen demostrar que se produciu unha dobre colonización, os ucraínos, saíndo das montañas carpáticas avanzaron cara ao sureste mentres que os rusos fixérono en dirección sur en busca dos mares cálidos que asegurasen unha saída viábel ás rutas do comercio marítimo. Esta é a orixe dun diferente poboamento entre o leste e o oeste do país, con Kiev no centro e o río Dnieper marcando, grosso modo, a fronteira entre ambas as dúas áreas que se manifesta, entre outras cousas, na presenza dunha escisión lingüística entre o oeste ucrainófono e o leste rusófono.

Pero ademais da cuestión lingüística existen outros elementos que contribúen a marcar esa separación da que falamos. O aspecto relixioso xoga aquí un papel importante. O mundo ucraíno identifícase co espazo ortodoxo. Con todo, a presenza durante centurias do reino polaco na parte occidental permitiu que o catolicismo lograse implantarse na zona aínda que fóra dun modo que poderiamos denominar tramposo.

Para poder acceder aos centros de decisión políticos a nobreza polaca suscitou como condición que o clero ortodoxo debía de unirse a Roma e abandonar a súa obediencia ao Patriarcado de Moscú. A finais do século XVI procedeuse á Unión de Brest por medio da cal, os bispos ortodoxos de Galitzia xuraban fidelidade ao Papa de Roma. A cambio, e para evitar revoltas populares reclamando o mantemento da ortodoxia, permitiuse que a nova igrexa seguise realizando a liturxia relixiosa segundo o rito ortodoxo. Dito doutro xeito, mantíñanse as formas pero cambiaba a fidelidade que agora se atopaba en Roma. Este acordo é a orixe da Igrexa Unida ou Uniata que é rexeitada frontalmente pola xerarquía ortodoxa acusándoa de ser unha infiltración romana. Co tempo a Igrexa Uniata converteuse nunha igrexa nacional que outorgaba unha identidade propia ao campesiñado ruteno (Católicos de rito oriental) fronte aos terratenentes polacos (católicos de rito latino).

Aínda por riba, ao longo do século XX foi desenvolvéndose a idea dunha igrexa ucraína autocéfala. No mundo ortodoxo un Estado se lexitima cando coinciden as súas fronteiras cunha entidade relixiosa que abarca os seus mesmos territorios. Deste xeito a cada país correspóndelle no campo relixioso un patriarcado propio. O territorio da actual Ucraína estaba baixo a autoridade relixiosa do patriarca de Moscú pero, co desenvolvemento da revolución desde 1917, foi callando a idea de separar á igrexa ucraína da obediencia a Moscú. Naceu así a Igrexa Ucraína co seu propio Patriarca. Porén, debido a que trala revolución de 1917 quedou dentro do espazo soviético, a autocefalia non puido consolidarse aínda que seguiu existindo, sobre todo entre a poboación ucraína da diáspora americana. Deste xeito, na actualidade compiten dúas igrexas que se reclaman da ortodoxia con formulacións políticas moi diferentes.

A experiencia stalinista

A experiencia revolucionaria iniciada en 1917 foi realmente complexa en Ucraína, onde o partido bolchevique era minoritario e atopábase implantado só na zona oriental de poboación rusófona. Para alcanzar unha presenza nacional tivo que abrirse a outras correntes políticas que tiñan unhas formulacións que unían o social co aspecto nacional (A nova clase da nova nación). Nunha primeira fase procedeuse a aplicar unha política que pretendía nativizar o partido bolchevique buscando unha implantación que fóra máis aló da poboación rusa. No caso de Ucraína iniciouse un fecundo proceso que favoreceu o desenvolvemento da cultura nacional ucraína, o ensino tomando como referencia a lingua local e a promoción de cadros no partido que equilibrase os diferentes compoñentes étnicos existentes no país. Con todo, a chegada de Stalin ao poder supuxo un corte neste proceso, defenestrando á dirección do PCU, acusada de desviación nacionalista, e impoñendo un modelo soviético identificado coa tradición cultural rusa.

Ao mesmo tempo procedeuse á colectivización forzosa das terras eliminando aos campesiños enriquecidos (kulaks). Esta tarefa atopou unha forte resistencia entre o campesiñado ucraíno o que provocou unha violenta reacción que culminou co exterminio de varios millóns de persoas (as cifras oscilan segundo as fontes, pero admítese que foron non menos de seis millóns de vítimas). O illamento de Ucraína, impoñendo a obrigación de visados específicos para poder acceder á República permitiu que esta catástrofe levásese a cabo sen demasiada resonancia internacional. Porén converteuse nun elemento traumático que afastou á poboación rural e boa parte da intelectualidade do campo da revolución.

Na diáspora este feito consolidou un profundo anti-comunismo que marcará en diante as relacións entre o Estado soviético e o nacionalismo ucraíno. A isto habería que engadir outros elementos como foi a disolución oficial do Partido Comunista de Ucraína Occidental (que actuaba en territorio polaco) acusado de desviación trotskista. Deste xeito púidose consumar a infamia do tratado xermano-soviético entre Hitler e Stalin en 1939 que se repartía o leste de Europa en zonas de influencia entra ambas as dúas potencias. Galitzia foi invadida polo Exército Vermello iniciándose un proceso de sovietización forzosa que afectou a intelectuais, sectores urbanos e ao campesiñado cuxas terras tamén foron colectivizadas. Todo isto axuda a comprender por que en certas zonas de Ucraína os nazis foron recibidos como libertadores

A memoria dividida da II Guerra Mundial

Os líderes nacionalistas derrotados tralos acontecementos do I Guerra Mundial establecéronse en Francia, Alemaña, Polonia e Checoslovaquia. Radicalizaron a súa posición anti-comunista (axentes soviéticos mataron a varios dirixentes ucraínos) e, durante os anos trinta foron achegándose ás formulacións nazis. Crían que a única posibilidade de realizar o soño nacional pasaba por vincularse ao proxecto revisionista hitleriano. Do mesmo xeito que xurdiu unha Croacia ou unha Eslovaquia independente, existía a posibilidade de que Alemaña recoñecese un Estado ucraíno satélite dos nazis. Con todo, Hitler tiña outros plans e durante o transcurso do conflito, os nacionalistas da OUN (Organización de Nacionalistas Ucraínos) crearon o Exército Insurreccional Ucraíno (UPA) cuxa actuación segue sendo moi controvertida nos nosos días e é un elemento máis de división en Ucraína.

A OUN- UPA colaborou nun inicio cos nazis fronte aos soviéticos así como en tarefas relacionadas co holocausto xudeu. Ao mesmo tempo impuxo a súa propia axenda levando a cabo unha verdadeira limpeza étnica de poboación polaca na rexión de Volinia. Ante o rexeitamento hitleriano, foi deslizándose cara ao enfrontamento cos nazis a partir de 1943. Deste xeito produciuse unha carnicería cruzada entre nazis, soviéticos, polacos, ucraínos e xudeus con gravísimos Crimes contra a Humanidade. A UPA, que chegou a contar con corenta mil combatentes continuou a súa loita contra os soviéticos na parte occidental de Ucraína até os primeiros anos da década dos cincuenta. A memoria cruzada daqueles salvaxes acontecementos divide aínda hoxe á sociedade ucraína. No oeste considérase que os combatentes da UPA eran patriotas que tiveron que desenvolver o seu combate nas peores circunstancias o que lles converte en heroes solitarios, vítimas da incomprensión internacional. Pola súa banda a propaganda soviética sempre presentou aos ucraínos como fascistas, eliminando calquera posibilidade de analizar criticamente o proceso e as condicións en que se produciu.

O contacto dos destacamentos da UPA cos obreiros das rexións mineiras do leste de Ucraína permitiu coñecer as inquietudes dunha clase obreira que se manifestaba en contra do totalitarismo stalinista e, á vez, reclamaba o mantemento da propiedade colectiva dos medios de produción. Este feito reflectiuse nun cambio de orientación ideolóxica a partir do final da Guerra Mundial, pero as duras condicións de clandestinidade e o illamento acabaron coa resistencia sen que as novas ideas puidesen chegar a alcanzar un respaldo social significativo.

Cando se produciu a disolución da URSS iniciouse un controvertido debate sobre a memoria histórica que continúa vivo até hoxe. Fronte ao patriotismo soviético levántase a memoria da loita partisana anti-comunista que intenta minimizar os puntos negros que supón a súa colaboración co nazismo e o holocausto xudeu. O anti-comunismo nútrese de feitos e experiencias históricas pasadas pero non pechadas. Se a isto engadimos un fenómeno máis recente, a conversión en oligarcas de boa parte dos cadros do Partido Comunista da época soviética, atopamos un terreo fértil para que unha parte da narrativa e da simboloxía da extrema dereita atope caldo de cultivo nas protestas de Maidan, elemento que foi utilizado como pretexto por Putin para lanzar o órdago da anexión de Crimea así como a descualificación global do novo goberno de Kiev, acusado de ser unha banda de fascistas que se fixeron co poder mediante un golpe de estado.


* Tino Brugos é profesor de Historia e forma parte da Redacción da web de VIENTO SUR
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-03-2014 12:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0