Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>A UNIÓN EUROPEA: UNHA NOVA COLONIZACIÓN </b> - <b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A UNIÓN EUROPEA: UNHA NOVA COLONIZACIÓN
Outra Europa é posíbelHéctor Illueca e Adoración Guamán *

Tradución ao galego para A Voz da Nova Esquerda: Adela A. Alonso










FONTE: http://blogs.publico.es/dominiopublico/

http://blogs.publico.es/dominiopublico/8679/la-union-europea-una-nueva-colonizacion-parte-i/



[I]

A crise económica que afecta ao noso país e as políticas de austeridade impostas pola troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional) están provocando unha fractura social cada vez máis evidente. A cidadanía observa atónita a degradación da vida cotiá e a tolerancia do poder cos abusos cometidos polos máis privilexiados do país. Como non podía ser doutra maneira, o crecente deterioro das condicións materiais dunha cada vez máis ampla maioría social chega acompañado de gravísimos escándalos de corrupción que salpican ao conxunto das elites políticas e económicas, alumando unha sociedade cada vez máis instalada na inxustiza e a desigualdade.

Neste contexto, o soño da integración europea deveu nun pesadelo que impón un duro presente e condénanos a un porvir sombrío. Dunha forma intencionada, ofreceuse á cidadanía unha imaxe falsa, ideolóxica e idílica da hoxe denominada Unión Europea, utilizando os medios de comunicación para proxectar unha visión mítica e afastada da realidade: unha Unión Europea completamente allea aos principios de cohesión e colaboración solidarios, que se converteu nunha sorte de reserva de caza alemá na que as economías fortes explotan as súas vantaxes económicas e comerciais para esmagar ás débiles. Unha Unión Europea gobernada pola lei da selva.

Con todo, a gravidade da situación económica e a caída do veo do benestar individual fan que comece a abrirse paso entre os habitantes da periferia a idea de ser vítimas dunha nova colonización. Cada vez é máis difícil ocultar que a implantación do euro xerou unha relación centro-periferia no seo da Unión Europea que enfronta ao Norte central e dominante co Sur periférico e dominado. Xa non é posíbel negar que a existencia da moeda única beneficiou a Alemaña e a outros países ricos de Europa, reforzando a súa posición no esquema europeo como exportadores netos de bens de equipo e de consumo e como importadores netos de demanda xeral. Para dicilo claramente e en poucas palabras: a unión económica e monetaria permitiu que os países centrais, especialmente Alemaña, acumulen crecentes excedentes comerciais no seu espazo vital europeo, bloqueando calquera posibilidade de depreciación competitiva e alimentando unha intensa redistribución do traballo en prexuízo das modestas economías da conca [ou bacía] mediterránea. Os países fortes do centro, como Alemaña, Holanda ou Finlandia, incrementan a súa competitividade, conservan a súa soberanía nacional e financian os seus estados de benestar grazas á perda da competitividade, a destrución da soberanía e desmantelamento do benestar dos seus compañeiros de moeda, a periferia europea.

Os traballadores do Estado español, xunto aos do resto de economías periféricas, convertéronse nunha reserva de man de obra low cost. Como salientaron algúns autores, o proceso de construción europea xerou unha nova división internacional do traballo, alimentando unha dinámica colonialista caracterizada pola hexemonía alemá e pola subordinación das economías periféricas [1]. Isto é o que explica que as actuacións estatais de control sobre o mercado e de protección dos dereitos sociais estean sendo destruídas ao ritmo dos dictados da unión económica e monetaria. Cando as esixencias do proceso entran en contradición coas disposicións estatais en materia de política social, os Estados periféricos proceden a adaptar os seus respectivos sistemas de benestar, sempre no sentido de diminuír a protección dos dereitos laborais e sociais. O dumping social non só non se combateu, senón que se fomentou, situando a regulación do factor traballo como elemento de competitividade e desencadeando un feroz darwinismo normativo para reducir os estándares laborais e de protección social.

A nova división europea do traballo explica e promove a progresiva destrución dos modelos sociais estatais auspiciada pola troika e inmediatamente perceptíbel en dous ámbitos fundamentais: a flexibilización dos mercados de traballo (en concreto, mediante a rebaixa da tutela da estabilidade no emprego e a depreciación do custo da man de obra) e a redución da protección social, en particular dos sistemas de Seguridade Social (redución da contía da pensión de xubilación, reforma sanitaria, ...). A súa influencia advírtese igualmente na reforma educativa do Ministro Wert, tamén auspiciada polas institucións europeas, que orienta o sistema educativo cara á preparación de man de obra barata, provista dos coñecementos indispensábeis para desenvolverse adecuadamente no mercado laboral lixo que caracteriza aos países subdesenvolvidos. A posición dependente e periférica da nosa economía no esquema europeo é radicalmente incompatíbel coa existencia de pensións públicas, a educación e a sanidade públicas e un mercado laboral medianamente digno.

Ao aceptar os dictados da troika, as clases dirixentes dos países periféricos asumen a súa incapacidade de afrontar un camiño independente para os seus respectivos países e selan unha relación de subordinación e dependencia semellante á que se produce no proceso de colonización clásico, caracterizado pola desposesión sistemática das economías periféricas e a sobreexplotación dos seus traballadores. Non debemos esquecer que son as clases dirixentes dos diferentes Estados membros as que construíron e abonaron este modelo de Unión Europea, baixo cuxa intocábel lexitimidade resgardaron as máis impopulares e duras reformas. A posibilidade de socavar a posición negociadora dos sindicatos abonou a traizoeira conivencia das elites dos países deficitarios, alimentando unha alianza sólida e estábel coa burguesía alemá para impoñer unha nova orde política-social a escala europea.

Neste contexto, non deixa de sorprender que determinados sectores da esquerda española e europea insistan en reformar a eurozona como solución á actual situación de urxencia social e económica. Con certo aire panglossiano, invocando a necesidade de ?máis Europa?, critícase a fragmentación da política fiscal e denúnciase a actuación dun BCE disposto a proporcionar abundante liquidez aos bancos mentres abandona aos Estados endebedados que soportan os ataques especulativos. Como proposta política, reclámase a abolición do Pacto de Estabilidade, a creación dunha autoridade fiscal e a modificación dos estatutos do BCE para que poida conceder préstamos aos Estados que atravesan por dificultades. Nun arrebato de inxenuidade, incluso chega a falarse dun ?euro bo? no que podería establecerse un salario mínimo europeo para reducir os diferenciais de competitividade entre os países.

Trátase dunha quimera que paralizou durante décadas a boa parte da esquerda e do movemento sindical e que bloquea a construción dunha alternativa ao servizo das clases populares do noso país. A zona euro carece dun estado único europeo e non hai expectativa ningunha de que poida crearse un nun futuro próximo. A unificación da política fiscal suporía unha completa reestructuración da soberanía en toda a Unión Europea, construída a partir dunha rigorosa xerarquía de estados e un coidadoso cálculo de intereses nacionais, e precisaría un consenso que non vai producirse. Calquera reforma posíbel debería respectar a xerarquía de poder existente, caracterizada polo dominio dos países da zona central e moi especialmente de Alemaña. Por expresar a idea con maior precisión, o euro foi o medio utilizado para forxar a hexemonía do capital alemán, que se impón inexorabelmente no escenario europeo e que impide a posibilidade de realización dun programa que atenda ás necesidades das maiorías sociais.



Na nosa opinión, calquera axenda política que pretenda romper realmente co neoliberalismo, mesmo nun sentido reformista, debe suscitar en serio a saída do euro e enfrontarse á Unión Europea como tal. Como salientou Costas Lapavitsas [2], a única saída progresista para o noso pobo consiste en abandonar da zona euro e recuperar o control da soberanía, no marco dun desprazamento radical do poder económico e social cara ao Traballo. Unha estratexia que empeza co impagamento da débeda soberana e amplíase a unha saída do euro que permita ao noso país escapar do cataclismo da depreciación interna imposta pola Unión Europea. O noso país ten futuro, pero un futuro digno pasa necesariamente por romper con esta Europa e coas institucións desta Europa.


[II]


A Unión Europea construíuse a golpe de falacias. Desde a súa creación, coa Comunidade Económica Europea en 1961, a defensa da paz e da liberdade apareceron como obxectivos idealizados, nun espazo supranacional aparentemente baseado en relacións de igualdade e solidariedade entre os pobos europeos. Este ideal actuou como un potente cebo para a cidadanía do sur de Europa, moi especialmente a española, a portuguesa ou a grega, que saían das súas ditaduras coa ansia de entrar no que semellaba o club da democracia e a prosperidade. A esta idealización contribuíu de forma notábel o publicitado crecemento económico que no ámbito da antiga UE-15 produciuse (en beneficio duns máis que doutros) durante case dúas décadas e que dotou de lexitimidade e dun atractivo innegábel ao proxecto europeo.


Porén, axiña se demostrou que aquel ?club? non era garantía nin da democracia nin da prosperidade, senón unha trampa para inhibir a primeira e arrombar a segunda. En realidade, e como viamos anteriormente, a trampa europea encubría unha nova colonización baseada en relacións de forza e caracterizada polo dominio dos países do norte europeo, fundamentalmente de Alemaña. O Tratado de Maastricht e a aparición do euro desencadearon unha guerra comercial que devastou as economías dos países periféricos e leva camiño de facer o propio cos seus sistemas políticos, destruíndo a soberanía e desmantelando o benestar dos estados que se atopan en dificultades. Pronto se evidenciou que aquela prosperidade derivara dun previo e continuado desenvolvemento económico e social conseguido no plano nacional por estados enmarcados no constitucionalismo social de posguerra, con dinámicas intervencionistas e formulacións redistributivas que a unión económica e monetaria eliminou por completo. Trátase, en palabras de Emmanuel Todd, da negación de Europa.

Neste contexto, antóllase imprescindíbel desbordar ou sobordar as marxes impostas e atreverse a suscitar a ruptura coas limitacións que impiden o avance dun programa realizábel de transformación social. Na nosa opinión, a saída do euro constitúe unha alternativa necesaria para recuperar a soberanía e superar a gravísima crise que atravesamos. Trataríase, xunto coa negación ao pagamento da débeda ilexítima, do primeiro paso dunha estratexia constituínte que pretenda o reequilibrio da economía no marco dun desprazamento do poder económico e social cara ao Traballo, situando ao Estado no posto de mando da economía.

A estratexia ten numerosos e diversos elos. De entrada, é previsíbel que a depreciación monetaria provoque un incremento da débeda externa, pois debería liquidarse nunha moeda moito máis valiosa que a nosa e sería imposíbel continuar satisfacéndoa. Polo que respecta á débeda pública (ao redor de 300.000 millóns de euros), parece ineludíbel a suspensión de pagamentos e a realización dunha auditoría pública para asegurar unha quita substancial que alixeire o esmagante peso da débeda sobre a nosa economía. En particular, consideramos que debería declararse ilexítima a contraída polo Estado na reestructuración e rescate do sistema financeiro, que supuxo unha obscena socialización das perdas acumuladas pola banca no financiamento das burbullas bolsistas e inmobiliarias.

Polo que respecta á débeda privada, os bancos estarían baixo presión e terían que afrontar crebas. As tensións que experimentaría o sector financeiro farían inevitábel a nacionalización do mesmo e a creación dunha banca pública co fin de garantir os depósitos e asegurar un financiamento estábel ás pequenas e medianas empresas. Ademais, e fundamentalmente, o control público do crédito faría posíbel afrontar os desequilibrios de fondo que provocaron a crise, convertendo a banca pública nun instrumento clave para reverter a financiarización da economía e transitar dun modelo dependente baseado na especulación a un modelo baseado na economía real, produtiva e industrial.

En paralelo, o Estado debería nacionalizar os sectores estratéxicos (servizos públicos, transporte, enerxía e comunicacións) e promover unha política de investimentos públicos que, mantendo a protección e defensa do medio ambiente como alicerce fundamental, contribuíse a modificar e renovar a estrutura produtiva do país, detendo os procesos de desindustrialización e especialización produtiva que derivan dunha inserción asimétrica na economía europea. Como destacaron algúns autores, a crise económica está provocando un preocupante deterioro da nosa capacidade produtiva motivado pola debilidade da actividade inversora, a descapitalización do tecido industrial e a descualificación da forza de traballo, afondar a fractura produtiva que separa ao centro da periferia [3]. Neste contexto, a reconversión do modelo produtivo devén unha tarefa urxente, so pena de embocar unha rápida e dramática transición ao subdesenvolvemento. En definitiva, trátase de iniciar unha traxectoria de crecemento diferente, caracterizada pola intervención pública na economía, a colaboración dun sistema bancario público e o respecto ao principio de sostibilidade ecolóxica.

Como correlato do anterior, a estratexia constituínte tería que abordar dous aspectos cruciais para deter e reverter a ofensiva neoliberal: unha reforma fiscal progresiva e unha profunda reestructuración do mercado de traballo, como expresión dunha nova racionalidade económica que sirva aos intereses da maioría social. En efecto, a extensión da base impoñíbel aos sectores máis poderosos e a persecución da fraude fiscal permitirían expandir o gasto público e mellorar as prestacións sociais, especialmente sanidade e educación, que sufriron un importante deterioro por mor dos recortes orzamentarios. Do mesmo xeito, farían posíbel a reorganización do sistema de pensións transferindo recursos dos orzamentos xerais do Estado para garantir a sostibilidade do sistema e o poder adquisitivo das prestacións [4].

No que incumbe ao mercado de traballo, urxe ou aprema unha resposta contundente e efectiva á urxencia social provocada pola situación de paro e precariedade xeneralizados, outorgando á lexislación laboral un necesario protagonismo político. De entrada, enfrontámonos á necesidade de desandar o camiño andado durante as dúas últimas décadas, retomando a creación de emprego decente como eixe nuclear da política económica. Neste sentido, as últimas reformas laborais aprobadas polo PSOE (2010-11) e o PP (2012-13) deben ser expresamente derrogadas. As novas normas laborais deberían incentivar a creación de emprego decente, estábel e con salarios dignos, mellorar as condicións de traballo, prestando unha atención especial á igualdade efectiva entre mulleres e homes, á corresponsabilidade e á inserción laboral da mocidade así como reforzar a negociación colectiva. Partindo desta base, unha das estratexias para combater o paro que permite unha saída progresista e solidaria á grave situación actual é a redución da xornada laboral de xeito xeralizado para facilitar a colocación dos traballadores desempregados. Esta medida estratéxica debería complementarse cun incremento significativo do salario mínimo interprofesional e coa extensión da protección por desemprego, a fin de contrarrestar os efectos máis nocivos do axuste interno e alumar un modelo diferente de distribución da riqueza producida pola sociedade.

Nos anteriores parágrafos resumimos a estratexia que, na nosa opinión, permitiría superar a dinámica colonial na que nos atopamos trala implantación do euro. Por suposto, o emprego do termo ?constituínte? ten un significado preciso e congruente coa folla de ruta anteriormente esbozada: a clave é impulsar un proceso constituínte para realizar unha transición democrática completa, que liquide as graves carencias arrastradas desde a ditadura e que reflicta un novo equilibrio de forzas entre clases e entre xéneros. Non pode haber un reequilibrio da economía a favor dos traballadores sen unha profunda transformación do Estado nun sentido republicano, plurinacional e democrático, con pleno respecto ao dereito a decidir dos pobos. Unha transformación que reflicta unha gran alianza político-social para substituír mecanismos de goberno ineficientes e corruptos pola transparencia e a participación popular permanentes. Esta alianza existe de xeito potencial na nosa sociedade e podería materializarse se as esquerdas políticas e sociais conseguisen aglutinarse nun xiro radical ao redor dunha estratexia constituinte que dispute a hexemonía á oligarquía.


* Héctor Illueca é Doutor en Dereito e Inspector de Traballo e Seguridade Social e Adoración Guamán é Doutora en Dereito e Profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social.


------------------------------------------

[1] NAPOLEONI, L. Democracia en venta. Cómo la crisis económica ha derrotado la política. Barcelona, Paidós, 2013.

[2] LAPAVITSAS, C. Crisis en la eurozona. Madrid, Capitán Swing, 2013.

[3] ÁLVAREZ PERALTA, I.; LUENGO ESCALONILLA, F. y UXÓ GONZÁLEZ, J. Fracturas y crisis en Europa. Madrid, Clave Intelectual, 2013.

[4] Vid., en esta línea, el documento ?En defensa del sistema público de pensiones?, dispoñíbel en http://documentopensiones.org/
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-03-2014 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0