Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>Eleccións europeas </b> - <b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Eleccións europeas
Por: Gabriel Flores *

Tradución ao galego para A Voz da Nova Esquerda: Xoel V. S. López

Aínda que poida que a moitas persoas non lles soe de moito o seu nome, van oír e ler con frecuencia nos próximos meses a Martin Schulz. De feito, xa comezou a facerse un oco no ateigado espazo das noticias que reclaman atención na súa dobre condición de Presidente do Parlamento Europeo e candidato polo Partido Socialista Europeo a presidir a Comisión Europea tralas próximas eleccións europeas que se celebrarán nos 28 Estados membros da Unión Europea (UE) entre o 22 e o 25 de maio de 2014.

Tal e como establece o vixente Tratado de Lisboa, o novo Presidente da Comisión Europea será proposto por maioría cualificada do Consello Europeo, ?tendo en conta o resultado das eleccións ao Parlamento Europeo e tras manter as consultas apropiadas?, pero será o Parlamento o que ?elixirá ao candidato por maioría dos membros que o compoñen?. Se a persoa proposta non obtén o respaldo maioritario da Eurocámara, o Consello Europeo deberá propor no prazo dun mes, outra vez por maioría cualificada, un novo aspirante que deberá someterse posteriormente a idéntico procedemento e superalo (Artigo 17.7 do Tratado da Unión Europea)

O máis probábel é que o Partido Popular Europeo no que se agrupa boa parte da dereita conservadora volva ser o máis votado nestas eleccións (do mesmo xeito que nas tres últimas de 1999, 2004 e 2009). Porén, a pouco que os resultados non sexan un desastre para a socialdemocracia, Schulz podería converterse no candidato con máis posibilidades de concitar os apoios necesarios no novo Parlamento Europeo. Un Parlamento que reflectirá o maior grado de fragmentación e polarización de todos os constituídos ata a data e a maior presenza de correntes euroescépticas e eurohostís.

Á marxe do que suceda cunha abstención que podería roldar máximos históricos, as dúas grandes correntes políticas europeas sufrirán o desgaste provocado polo seu compromiso cunha xestión da crise centrada na austeridade que segue concitando o apoio dos grandes grupos de poder económico e financeiro, pero que non contenta, por razóns ben diferentes, nin ás cidadanías dos países do norte da eurozona nin ás do sur. O normal e, na miña opinión, o máis conveniente para a saúde democrática do proxecto europeo é que ambas as dúas agrupacións políticas europeas paguen polos seus erros e polo seu apoio consciente aos intereses dos grandes grupos económicos e unhas elites que están aproveitando a crise para obter maiores rendas, patrimonios, privilexios, novos espazos de negocio e prebendas varias a costa dos bens públicos, os dereitos das clases traballadoras e o sufrimento que ocasionan as súas políticas en amplos sectores sociais.

Non é razoábel banalizar as consecuencias do posíbel fortalecemento de correntes antieuropeas de carácter ultranacionalista e reaccionario que en varios casos exhiben unha descarada xenofobia, pero sería moi difícil atopar algún aspecto positivo no intento de mobilizar o voto do medo e afogar así a libre e democrática expresión cidadá en contra dunha estratexia de saída da crise baseada nos recortes que a esquerda social valora como manifestamente inxusta e ineficaz. Doutra banda, esa estratexia conservadora impúxose fuxindo dos procedementos democráticos de control e consulta que eran reclamados por un sector substancial da cidadanía e eran facilmente realizábeis.

Os verdadeiros inimigos de Europa non son os partidos euroescépticos nin, menos aínda, os cidadáns que manifestaron con enorme temperanza a súa indignación e rexeitamento aos recortes, a austeridade, a corrupción e o saqueo ao que se viron sometidos bens e diñeiros públicos. Os verdadeiros inimigos de Europa foron as autoridades nacionais e comunitarias que realizaron unha xestión da crise escasamente democrática, sen explicar as súas decisións e os potenciais impactos destas nin solicitar a opinión da cidadanía, porque temían que a maioría social rexeitase unha estratexia de austeridade que afectou de forma extremadamente inxusta e desequilibrada aos países do sur da eurozona e a amplos sectores das clases traballadoras, sen que as vantaxes obtidas polas economías do norte da eurozona fosen significativas nin beneficiasen á maioría das súas poboacións.

O proxecto de unidade europea non se pode construír de costas á cidadanía nin con políticas que promoven a pobreza, o medo e a desigualdade e destrúen a cohesión económica, social e territorial. E que, precisamente por iso, polos custos que ocasionan, non poden responder aos intereses da maioría nin contar co seu respaldo.

Nos últimos dous anos, todos os estudos de opinión solicitados e coordinados pola Dirección Xeral de Comunicación da Comisión Europea mostraron que dous de cada tres cidadáns europeos pensan que o seu voto non conta na UE. Esa porcentaxe dispárase nos países do sur da eurozona ata o 80% en España, o 86% en Grecia e Chipre e o 79% en Italia e Portugal (datos do EB 80, último Eurobarómetro publicado en decembro de 2013). A confianza que inspiran as institucións europeas é moi escasa (un 67% dos enquisados en España mostra a súa desconfianza no Parlamento Europeo e porcentaxes parecidas respecto de a Comisión e o BCE) e tamén unha ampla maioría do 57% pensa que na UE as cousas van na mala dirección, fronte ao 24% que, pola contra, cre que o rumbo é bo. Malia a todo, nin ese escepticismo da cidadanía respecto da UE nin a desconfianza que inspira a acción política das institucións comunitarias impiden que a maioría social do noso país (o 56%) se manifeste a favor do euro e dunha unión económica e monetaria ou que unha maioría aínda máis ampla (o 69%) se siga sentindo cidadán europeo.

Parece claro que o euroescepticismo da cidadanía refírese máis ao rumbo que segue a UE e ás políticas que desenvolven as institucións comunitarias que ao proxecto de unidade europea que encarna a UE. Ou dito doutra maneira, o euroescepticismo que alentaron as institucións e as políticas comunitarias só socavaron marxinalmente o sentimento de sentirse cidadán europeo e o apoio popular que aínda concita o proxecto de unidade europea. Cando menos, polo de agora.

Non hai maior risco moral nin maior insuficiencia dos mecanismos democráticos de control e delegación de poder que o que os votantes non exerzan o seu dereito a reprobar e reemprazar aos gobernantes que non fixeron nada por escoitar a súa opinión nin por defender os seus intereses. Ou quizais si, porque aínda sería peor que as autoridades se afixesen a non asumir responsabilidades ou a non pagar nada polo que fixeron manifestamente mal, ás veces en contra do seu propio ideario ou programa e frecuentemente de costas aos propios electores e á cidadanía. No núcleo duro da democracia reside a capacidade que ten a cidadanía de xulgar o labor que realizan os gobernantes e de sancionar a súa actuación, autorizándoa ou reprobándoa, tanto nas prazas públicas como nas urnas, tanto no momento de depositar o seu voto como cando a data dunha nova cita electoral está aínda moi afastada.

En democracia sempre é a hora da cidadanía e nada hai mellor para a democracia que o cidadán exprese cando o considere oportuno a súa opinión, manifeste as súas críticas, defenda os seus dereitos e intereses e, si toca, deposite o seu voto, si desexa utilizalo, como mellor entenda.

Pero volvamos a Schulz e ao seu papel no conflito aberto entre diferentes institucións comunitarias á mantenta da unión bancaria e as negociacións en curso que el mesmo protagoniza no intento de modificar o alcance, o ritmo e os contidos do Mecanismo Único de Resolución e o Fondo Único de Resolución (ambos os dous conforman o segundo alicerce da unión bancaria) que foron decididos polos ministros de Economía e Finanzas dos Estados membros o pasado 17 de decembro e ratificados polo último Consello Europeo celebrado o 18 e 19 de decembro de 2013.

Schulz parece decidir que a súa campaña electoral vai estar centrada en dotar de verdadeiros contidos comúns ou únicos ao mecanismo e ao fondo de resolución e, de paso, axilizar a posta en marcha da unión bancaria. Propósito tan limitado como importante que enmarca no obxectivo máis amplo de intentar equilibrar a capacidade de decisión das institucións europeas e impedir que a deriva intergobernamental que tomou a UE vaia a máis e acabe na práctica anulando o método comunitario e consolidando a posición subordinada das outras institucións comunitarias fronte ao Consello Europeo. Máis concretamente, o seu obxectivo é que o poder de decisión nos asuntos comunitarios dos cumes de xefes de Estado e de Goberno diminúa e o das outras institucións europeas (a Comisión e o Parlamento, principalmente) aumente. En realidade, trátase de frear a escalada de poder do Goberno alemán e os seus aliados do norte de Europa, pero hai que entender que Schulz concorre a estas eleccións como cabeza da lista do Partido Socialdemócrata Alemán e que ten que acomodar a súa mensaxe ás preocupacións e peculiaridades do electorado alemán e á súa condición de representante dun partido que comparte o Goberno coa dereita alemá.

Nos últimos catro anos, o Goberno presidido por Merkel, arroupado polas forzas gobernantes dos outros países do norte da eurozona, marcou a axenda da UE, impuxo as reformas estructurais e as políticas de austeridade que considerou pertinentes e marcou os límites do que estimaba aceptábel ou inaceptábel para os seus intereses nacionais, á marxe dos impactos económicos negativos e sufrimentos sociais que as súas decisións puidesen ocasionar nos países do sur da eurozona que requiriron ou podían requirir o apoio financeiro da UE.

Con enorme intelixencia, Schulz decidiu que a diferenciación da candidatura socialdemócrata respecto de a da dereita europea non se centre en demasía nos escabrosos temas dos recortes, a austeridade, a inacabábel presión para reducir os salarios, a crecente insolidariedade entre os socios do proxecto europeo que presupoñen esas políticas e a conseguinte intensificación da desigualdade e a fragmentación económica, financeira, produtiva, social e territorial que provocan. A súa campaña, en consecuencia, vai tratar de colocar nun segundo plano a dicotomía entre esquerda e dereita en torno á estratexia conservadora de saída da crise que se impuxo ata agora e que decidiron manter viva, incorporando algunhas correccións, nos próximos anos.

A pretensión de Schulz, se a miña interpretación non é demasiado errónea, consistiría en centrar a súa campaña electoral na negociación en curso entre o Parlamento e o Consello Europeo en torno á unión bancaria co obxectivo de comunitarizar os desvaídos trazos dos recentemente aprobados mecanismo e fondo de resolución que requiren para a súa aprobación definitiva do voto dun Parlamento Europeo que xa expresou o seu rexeitamento ás propostas ratificadas polo Consello Europeo no último cume de decembro. Negociación na que resultará difícil que os desencontros políticos alcancen demasiada intensidade ou se convertan en trending topics e na que será fácil que Schulz poida lograr algúns éxitos parciais.

O enfrontamento institucional á mantenta da unión bancaria susténtase en propostas e argumentos inevitabelmente marcados por certa complexidade técnica, pouco propicios para interesar á opinión pública ou espertar crispación social. O obxectivo de Schulz non é protagonizar un conflito no que tería en fronte ao poderoso ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schäuble, senón concitar un apoio o máis amplo posible entre os membros das institucións europeas (o Parlamento e a Comisión en primeiro lugar, pero tamén no seo do BCE) que permitise rescatar o método comunitario de decisión e o papel protagonista do conxunto das institucións europeas na definición das políticas comunitarias. E, sen chegar a torcer a man de Schäuble, conseguir antes das eleccións de maio un acordo que lle permita presentarse como vencedor parcial da disputa e presentar o resultado obtido como unha reafirmación do método comunitario e un paso adiante nun reparto máis equilibrado dos poderes e funcións das institucións comunitarias.

Nese contexto, os debates electorais entre as dúas grandes correntes políticas europeas poderían desenvolverse con formas non demasiado agres ou desestabilizadoras para o curso que seguiu nos últimos anos a UE e que, nas súas liñas fundamentais, vai seguir transitando nos próximos anos. Á marxe dalgunhas diferenzas etéreas e xerais sobre o que pretenden facer coa UE que separan á dereita e á socialdemocracia europeas, ambas as dúas correntes semellan estar de acordo en que a orientación que segue a UE é a boa e que as correccións que sexa necesario facer, de maior ou menor envergadura sobre a intensidade dos ritmos ou o alcance dalgunhas reformas en marcha, non deben cambiar o rumbo que as dúas grandes formacións políticas que se disputan a xestión dos asunto europeos marcaron á UE.

Ao final, Consello e Parlamento Europeo chegarán a un acordo antes de maio. Xóganse demasiado como para escenificar un desencontro aberto e unha crise institucional en plenas eleccións europeas, cunha situación económica aínda moi delicada e nun momento clave do exame á banca europea que vai realizar o BCE antes de asumir as súas responsabilidades como supervisor único. O acordo entre o Consello e o Parlamento Europeo contentará parcialmente a ambas partes, pero non vai resolver nin o pretende os graves problemas dun sistema financeiro dominado por un pequeno e influente grupo de operadores de alto nivel que efectúan a maioría das operacións de mercado, van continuar mantendo unha propensión extrema a asumir riscos e pretenden seguir xogando con novos produtos que escapan a todo control. Nin dun sistema bancario dominado cada vez máis por grandes grupos demasiado grandes para caer, que teñen sempre un pé nos paraísos fiscais, especulan co diñeiro dos aforradores, exercen sen complexos a súa influencia política sobre reguladores e supervisores e nos momentos en que son máis necesarios, como agora, non serven para transformar os aforros que captan en créditos para os fogares e as pequenas e medianas empresas liquides que os solicitan.

A dereita conservadora e a esquerda socialdemócrata non son o mesmo, nin dá o mesmo cal das dúas gañe as próximas eleccións europeas; pero inclínome a pensar que gañe unha ou outra a transcendencia destas eleccións vai ser máis ben escasa e vai cambiar en pouco o curso que segue a UE.

Hai no noso país, é certo, moita ebulición político-electoral nalgunhas pequenas franxas de activistas indignados e militantes de diferentes correntes de esquerdas. Non resulta raro escoitar soños sobre as posibilidades que as eleccións europeas ofrecen a forzas políticas e coalicións emerxentes. As esperanzas en que a cidadanía exprese co seu voto o cabreo, o medo e o rexeitamento que con tanta insistencia traballaron os dous grandes partidos que desde o Goberno xestionaron con nefastos resultados a crise parécenme desmedidas. Do mesmo xeito que me parece sobreactuación o temor que mostran as direccións do PP e do PSOE polo alcance das súas perdas electorais e polo destino deses votos. Porén, tralas eleccións europeas, o aumento da fragmentación e a maior irregularidade da paisaxe política van ser, en gran medida, inevitábeis. O cal engade dose de dramatismo a unha complexa situación que, a pouco que o Goberno de Rajoy siga desatendendo os problemas ou, nalgúns casos, agravándoos, podería conducir a unha situación moi delicada e derivar en grave crise social e institucional.

Malia que aínda queda algún tempo para oficializar as diferentes candidaturas e coalicións, o máis probábel é que as esquerdas volvan presentarse en orde disperso e defendan os seus programas electorais en clave nacional, sen prestar demasiada atención aos debates en torno á UE, ao imprescindíbel desenvolvemento das propostas para cambiar as institucións comunitarias e á concreción das políticas económicas europeas que se necesitarían para impulsar a saída da crise, minimizar os custos económicos e sociais e rescatar do desterro ao principio comunitario de cohesión. Os perfectamente prescindíbeis chamamentos á unidade electoral da esquerda só van ser un pobre e incríbel argumento para xustificar a multiplicación das ofertas electorais e a súa presenza na contenda electoral.

Segundo as enquisas, será IU o principal beneficiario do desgastar electoral do PSOE. O cal non sería un mal resultado se a dirección de IU entendese que o seu avance electoral bebe menos nos méritos propios que nos deméritos acumulados polo PSOE. E que o seu bo resultado vaise a sustentar, sobre todo, no traballo a pé de obra dos intereses da maioría que unha cidadanía viva, activa e solidaria levou a cabo, con todas as insuficiencias e carencias que é fácil supoñer, tomando nas súas mans a defensa das súas vivendas, hospitais, escolas, barrios, aforros, postos de traballo e dereitos.

O irregular e minguado paisaxe política das esquerdas sairá, en todo caso, algo máis fragmentado que o actual pero non máis débil. Esa maior fragmentación política non será, de entrada, nin mellor nin peor que o panorama actual. E a menor debilidade electoral das esquerdas será de xeito evidente positiva, moderadamente positiva.

O que resulta verdadeiramente preocupante non é tanto esa fragmentación como a incapacidade que mostran os nosos partidos de esquerdas para valorar a importancia decisiva que tería a súa unidade de acción en torno á defensa das persoas e os colectivos sociais máis duramente golpeados polas medidas de austeridade que se impuxeron. E en defensa tamén dun programa progresista común ou unhas medidas básicas para xerar empregos netos, defender os bens públicos, minimizar os custos económicos e sociais e garantir protección social aos sectores excluídos ou en risco de exclusión.

E máis preocupante aínda é a deteriorada conexión dos partidos de esquerdas coas loitas e a resistencia que día a día mantén a cidadanía aínda que, como sucede no 99% dos casos, non aparezan nos medios de comunicación. É aí, nese traballo diario e pouco vistoso que se desenvolve antes e logo dos periodos electorais onde a esquerda xógalla e onde se van a multiplicar ou disipar as posibilidades de que se fortaleza a resistencia popular aos recortes, emerxa un programa común da esquerda e, en último termo, fórmulas máis ou menos extensas e complexas de coalición electoral. Pero non será nas próximas eleccións europeas. Haberá que esperar un pouco máis e, sen dúbida, traballar por iso un pouco máis.


* Gabriel Flores é doutor en economía e analista político.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-02-2014 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0