Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
<b>A trampa da xestión clínica</b> - <b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A trampa da xestión clínica
Hospital Xeral de VigoPor: Pablo Vaamonde

Fonte: Pavillón de Repouso
(Blog de Pablo Vaamonde)


http://pablovaamonde.blogspot.com/

Nos últimos días de xullo, coa oposición desactivada e a maioría dos profesionais agardando as necesarias vacacións, o goberno publicou no BOE a Lei 10/2013. Trátase dunha norma aparentemente inocua sobre cuestións de fármaco vixilancia. Mais, despois de moitas páxinas, aparece unha disposición final quinta que fai referencia a un asunto de maior calado: posibilita a creación de Áreas de Xestión Clínica (AXC) cun réxime laboral distinto ao estatutario dos traballadores da sanidade pública. Abre a porta á laboralización do persoal sanitario que se integre en ditas unidades, coa perda dos dereitos laborais que hoxe teñen.


Esta manobra tramposa non é nova. O PP ten usado esta estratexia falaz e vergonzosa noutras ocasións: introducen unha disposición de gran transcendencia nunha lei de escasa relevancia para burlar a vixilancia de sindicatos e oposición. Neste caso a trampa foi descuberta polo sindicato CESM que se opuxo á norma desde o primeiro momento. Se chegase a aplicarse suporía un grave revés para os traballadores e para a sanidade: favorecería a entrada de xestores privados como responsables desas unidades dentro dos hospitais, creando microempresas que competirían entre elas pola concesión pública.




A xestión clínica é outra cousa (potenciación da atención por procesos, continuidade asistencial, implicación dos profesionais na mellora da calidade, co-responsabilidade na utilización de recursos diagnósticos e terapéuticos etc) e non ten nada que ver coa introducción de intereses empresariais alleos no cerne dos hospitais públicos nin coa supresión do réxime estatutario que hoxe ampara aos sanitarios. O chamado ?Foro da Profesión Médica?, integrado por organizacións afíns ao PP, apoia esta estratexia que abre espazos de negocio ás empresas privadas e ao numeroso exército de xestores que viven dos orzamentos públicos ?cunha relacion parasitaria escasamente denunciada-, mais perxudicaría aos traballadores e aos usuarios da sanidade que verían encarecidas e limitadas as prestacións coa introducción de criterios de rendibilidade e beneficio económico. Porque, en último extremo, as empresas privadas teñen unha obriga final única: repartir beneficios entre os seus socios.


No Parlamento Galego veñen de aprobar unha proposta do PP que facilita a creacion de AXC nos nosos hospitais. Tivo o incongruente apoio de BNG e AGE, que aceptaron, ou así parece, a afirmación de Miguel Santalices, portavoz de Sanidade do PP, quen afirmou que ?en asistencia sanitaria la comunidade autónoma es soberana y el decreto nacional no es vinculante?. Mais non é así: os xuristas afirman que unha lei estatal prevalece por enriba dunha autonómica. Así o afirma tamén o PP que dí verse na obriga de introducir o co-pagamento dos fármacos de dispensación hospitalaria para doentes crónicos, por non poder eludir o mandato da norma aprobada en Madrid.






Nunha estratexia de propaganda encadeada a conselleira Rocío Mosquera ven de comparecer ante a prensa cos conselleiros de Madrid e Valencia (compañeiros de viaxe que teñen as súas comunidades na ruína e aos profesionais en pé de guerra contra das súas imposicións políticas). Afirmou con rotundidade que o actual sistema sanitario xa non sirve e que cómpre cambiar o sistema retributivo dos profesionais do Sergas, eliminando o salario fixo para introducir criterios de implicación no traballo e obxectivos cumpridos. Tamén afirmou que ?no nos queda outra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada?. Estas afirmacións representan unha absoluta falta de respecto para os profesionais da sanidade que -a pesar das reduccións salariais e a precarización laboral-, están a exercer o seu labor coa máxima profesionalidade coa intención de frear o deterioro dos servizos sanitarios. Trátase dunha nova campaña de desprestixio do público para introducir a xestión privada nos centros sanitarios. Xa temos visto os catastróficos resultados que obtiveron en Madrid e Valencia, mais seguen polo camiño trazado a pesar de todas as evidencias.




A sanidade galega está sendo descapitalizada: perdeu 370 millóns de euros do orzamento desde 2009, cando o PP ocupou o poder. As consecuencias comezan a ser visibles: peche de camas e servizos como nunca se fixera, paralización do traballo de tarde, amortización de prazas, precarización das condicións laborais, fuga de profesionais sanitarios etc. Diante desta realidade, que irá a peor con estas políticas, a conselleira teno claro: vai fomentar o ?autocoidado? dos propios pacientes e impulsar a telemedicina, porque ?la accesibilidad no se mide solo por la proximidad y es posible outra forma de prestar asistencia?. Para eso vai promover a atención telefónica. Semella un sarcarmo, pero estas palabras foron pronunciadas por Rocío Mosquera en sede parlamentaria na súa última comparecencia. Tamén anunciou que van permitir o acceso dos hospitais privados e dos xeriátricos ás historias clínicas informáticas do Sergas. Esta decisión pode ser ilegal (permite o acceso privado a datos moi confidenciais que o Sergas debe tutelar): algo terá que decir a Axencia de Protección de Datos, tan rigorosa noutras materias.


Diante deste panorama, certamente desalentador, boto de menos unha maior reacción social, politica e sindical. Que máis ten que facer o actual goberno contra dos servizos públicos para que haxa unha accion sindical unitaria e potente contra destas actuacións de destrucción dos servizos públicos desde as mesmas entrañas do poder?

Estamos gobernados, aquí e en Madrid, por un grupo de liquidadores dos servizos públicos, por unha facción ideolóxica que segue con entusiasmo o credo ultraliberal e que se aplica con dilixencia no desprestixio e desmontaxe do público, coa entrega a mans privadas de parcelas de orzamento cada vez máis cuantiosas. Para este fin empregan, na sanidade, todos os medios posibles: a privatización total dos hospitais (mediante as concesións tipo PFI), a derivación masiva aos centros privados e a externalización crecente de servizos sanitarios e parasanitarios.

Este grupo dirixente minte e engana a cotío. Romperon todas as promesas da campaña electoral. Unha vez gañadas as eleccións comezaron o seu labor de demolición. Núñez Feijóo xa advertiu que privatizaría todo o que non fose estrictamente sanitario. Pero a conselleira vai máis aló: ?no nos queda outra que aplicar fórmulas de colaboración público-privada?. A utilización do BOE para publicar normas (incrustadas en leis referentes a outras materias) é unha táctica tramposa que utilizaron en diversas ocasións. Que empreguen este medio para a creación das Áreas de Xestión Clínica (AXC), coa posibilidade de laboralizar aos sanitarios acollidos ao Estatuto Marco, fai desconfiar das intencións do executivo. Nada bó están a preparar cando pretenden agochalo dese xeito.





Alí onde aplicaron as receitas neoliberais (que comezaron hai tres décadas no Reino Unido) as consecuencias foron catastróficas para a sanidade pública e para os seus traballadores. Nas comunidades gobernadas polo PP, onde máis teñen adiantadas as medidas privatizadoras, chegaron a un severo deterioro da calidade asistencial e das condicións laborais, provocando ademais un incremento no gasto sanitario que sitúa a esas autonomías na quebra. Os gobernantes de Galicia, a pesar das evidencias, seguen o mesmo camiño. As consecuencias para os profesionais son severas: reducción drástica dos orzamentos da sanidade, desartellamento das Xerencias de Atención Primaria, amortización de prazas, precarización do emprego, suspensión da xornada de tarde nos hospitais, exilio dos profesionais novos. Tamén a poboación sofre as consecuencias no aumento das listas de espera e o desvío masivo cara os centros concertados. A aposta pola privatización é rotunda; entregaron a empresas externas a plataforma informática, a renovación tecnolóxica, a central de compras, o subministro de material sanitario etc. A proposta de creación de AXC non é senón un chanzo máis para privatizar, neste caso, o núcleo duro dos centros sanitarios: o labor asistencial.
Feito este longo preámbulo lembremos o sucedido nestes últimos tempos:


-O goberno de Madrid publica no BOE, con nocturnidade e aleivosía, unha norma que promove a creación de AXC e facilita a laboralización do persoal sanitario.
-O goberno galego leva ao Parlamento unha proposta para crear AXC en Galicia (que xa viñan impulsando nos últimos meses nos hospitais, sen que existise norma legal algunha). É moi probable que o PP galego impoña en Galicia os criterios propostos deste Madrid. As promesas de soberanía feitas polo seu portavoz ofrecen pouca garantía.
-Rocío Mosquera comparece diante da prensa en compañía dos conselleiros de Valencia e Madrid, máximos expoñentes do furor privatizador do PP. Afirma que é preciso modificar o sistema retributivo para vinculalo ao rendemento (facendo entender que actualmente non existe implicación no traballo nin se conseguen obxectivos).
-Poucos días despois, en sede parlamentaria, afirma que a Consellería vai impulsar o ?autocoidado? e a atención telefónica. En resumo: pechan camas, eliminan servizos, amortizan prazas, suprimen a actividade de tarde e pretenden que os pacientes se coiden a sí mesmos e, cando non cheguen, que chamen por teléfono.


A estratexia é clara (desprestixio do público, reducción dos orzamentos e da actividade dos centros, e introducción da xestión privada nos hospitais) e os actores están identificados (os actuais mandatarios do PP que, no futuro, poderán pasar, mediante a porta xiratoria, a xestionar as áreas que agora privatizan). Os perdedores desta batalla tamén son coñecidos: os profesionais (que están a perder dereitos laborais de forma acelerada) e os usuarios da sanidade pública (que ven medrar as demoras para recibir a atención e os co-pagamentos aos que deben facer fronte).

A forza dos feitos é tan contundente que non podemos permitirnos o luxo de ser inxenuos nin é posible ollar para outro lado. Os partidos da oposición teñen que saír do seu letargo para tentar frear, por todos os medios, esta demolición programada da sanidade pública. As forzas sindicais deben recuperar a belixerancia de antano para facer fronte común diante da liquidación dos servizos públicos. De non facelo así, xa e todos xuntos, quedarán na historia como cómplices do maior ataque contra o estado de benestar perpetrado desde o poder.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-11-2013 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0