Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
R. Suárez Picallo, X. Manuel Beiras e a Fronte Popular. - <b>A VOZ DA ESQUERDA</b>


    A VOZ DA ESQUERDA


Voceiro de N.E.G.
(NOVA ESQUERDA GALEGA)
Nova Esquerda Galega (NEG) é unha organización que se define como alternativa, socialista, ecoloxista, galeguista, confederal, internacionalista, feminista, altermundista e que se esforza por impulsar as loitas contra toda forma de explotación, opresión e dominación sobre as persoas e a natureza. As mulleres e os homes de Nova Esquerda Galega (NEG) organizámonos politicamente para levar adiante a transformación revolucionaria da sociedade. Nova Esquerda Galega (NEG) procura a construción do socialismo sen renunciar a unha democracia avanzada e participativa, autoxestionaria, libre de explotación, alienación e opresión, onde todo o mundo poida participar dun xeito democrático e autónomo na elección dun novo futuro colectivo.

PULSA SOBRE A BANDEIRA DE NEG PARA SABER MÁIS SOBRE NOVA ESQUERDA GALEGA (NEG)


O meu perfil
aesquerdavigo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

R. Suárez Picallo, X. Manuel Beiras e a Fronte Popular.
Ramón Suárez Picallo
* Lois Pérez Leira


A importante declaración de ANOVA ? Irmandade Nacionalista convocando a creación dunha fronte electoral sen exclusións para as vindeiras eleccións europeas é un paso moi importante para ir perfilando unha nova Fronte Popular como en 1936. Naquel entón participaron partidos da esquerda estatal como o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), Partido Comunista de España (PCE), Izquierda Republicana (I.R.) e formacións nacionais como o Partido Galeguista, Acción Nacionalista Vasca (EAE-ANV), Esquerra Valenciana, Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) entre outros. Tamén foron parte desta Fronte os anarquistas, os trotskistas e as centrais sindicais.
A Fronte Popular presentouse en Cataluña, como Front d'Esquerres, nucleada en torno a Esquerra Republicana de Catalunya mentres que en valencia participou co nome de Front d'Esquerres.
No noso país un dos impulsores desta fronte popular será o Partido Galeguista, tendo como animadores principais a Ramón Suárez Picallo e Alfonso D. Rodríguez Castelao.
Co triunfo da dereita en 1933, o panorama político presentábase moi difícil. O 13 e 14 de xaneiro de 1934 o Partido Galeguista convoca a súa III Asemblea na cidade de Ourense. Na devandita Asemblea Picallo enfróntase co sector conservador do partido, representado por Vicente Risco e Otero Pedrayo. Para Picallo o gran inimigo é o fascismo e hai que pór todas as forzas para derrotalo. A III Asemblea de Ourense foi un profundo debate ideolóxico entre dous xeitos distintos de concibir o Partido Galeguista. Picallo e Risco encarnarán estas dúas opcións, que tempo despois darán na escisión da dereita galeguista. Durante a Asemblea Picallo formalizou unha Proposta de Declaración que contou con 70 votos a favor e 1 en contra.
Esta sinalaba a posición que habería que adoptar con respecto á coalición e coordinación cos partidos republicanos e autonomistas de Galiza. No debate di:
"O Partido non pode presenciar impasíbel o retroceso da historia política de Galiza". Na Declaración recóllese: "o ascenso ao poder dos máis encarnizados inimigos das aspiracións autonomistas; inimigos, igualmente, das máis puras esencias do réxime republicano e democrático, e tamén inimigos das conquistas obtidas ou por obter, das clases obreiras, campesiñas e mariñeiras de Galiza, así como do rexurdir integral do espírito da galeguidade ?lingua, arte e cultura?, principios e aspiracións que o Partido Galeguista defende e sostén, por mando do seu programa, e por vontade dos seus afiliados".
Entre os puntos principais desta declaración está o primeiro punto que esixe a máis plena autodeterminación política de Galiza e a defensa do réxime republicano para Galiza. O segundo punto propón un labor conxunta (de todos os partidos que defendan o dereito da autodeterminación,) contra o avance das dereitas. A aprobación das teses de Picallo, sintetizadas nesa Declaración política, vai significar una esquerdización do Partido Galeguista.
En abril de 1935, realizouse en Santiago de Compostela a IV Asemblea do Partido Galeguista; durante as discusións Picallo ten una histórica polémica con Otero Pedrayo. Este debate será parte dos enfrontamentos ideolóxicos entre as distintas correntes internas. Picallo, o expoñente máis claro da esquerda dentro do Partido, dirá nesta oportunidade:
"O problema de marxismo ou anti-marxismo é unha creación arbitraria das dereitas españolas e significa un erro profundo facerlle o coro a tales xentes".
Arredor do marxismo Picallo fai consideracións que demostran un fondo coñecemento do asunto e a utilización deste pensamento na súa análise política. Picallo dirá posteriormente:
"Non renuncio á colaboración con estas forzas políticas. Que dende logo entre Roma ou Moscova, como agora se di, eu sen dúbidas con Moscova..". Para despois engadir: "E se fose católico sería católico, apostólico e galego. O problema no mundo é de marxismo e fascismo. O noso país e un pequeno termo medio. Polo seu liberalismo e constitución económico-social".
Picallo, malia a súa formación marxista, considera que o Partido Galeguista por ser un partido que ten que representar a toda una nación e non se pode decantar por una soa ideoloxía. Pensa que é necesario que neste partido conflúan todas as correntes do pensamento patriótico.
"O Partido Galeguista non é marxista, dende logo, mais a asemblea non pode tampouco facer ningunha declaración nin de marxismo nin de anti-marxismo. Estes son, en Galiza, dous tópicos importados.
O noso Partido é un partido político e como tal ten que vivir a realidade do momento. Hai un problema plantexado que é o de liberdade ou opresión e o Partido non pode dubidar. É un problema circunstancial e de táctica e hai que afrontalo..."
Posteriormente na II Asemblea Extraordinaria do Partido Galeguista, na que tomaron parte máis de 100 representantes, entre os que había delgados da emigración, son proclamados os candidatos a deputados, para integrar as listas do Fronte Popular, os cales foron elixidos por votación dos delegados: Castelao, 1.785 votos. Picallo, 1775. Antón Villar Ponte, 1.771. Alexandre Bóveda, 1.735. Gómez Román, 1.683. Álvarez Gallego, 1.639. Plácido Castro, 1.498. Carballo Calero, 1.416. Otero Pedrayo, 1354. Valentín Paz Andrade, 1.304. Manuel Peña Rey, 1.219. José Nuñez Búa, 828. Sebastián González, 805. Víctor Casas, 680. Álvaro Xil, 569. Enrique Peinador, 534. Xosé Moreira, 352. Ánxel Fole, 312. Ánxel Casal, 287. Xosé R. F. Oxea, 245. Johán Carballeira, 244. Xosé P. Fernández 227. Ramón Vilar Ponte, 212. Francisco Domínguez, 192.
A pesar dos anos transcorridos daquel debate dos nacionalistas e das actuais circunstancias políticas, ambas as dúas etapas históricas teñen puntos de semellanzas. Agora é ANOVA e Xosé Manuel Beiras os que encarnan as posicións frontistas de Picallo e do Partido Galeguista. Naqueles anos non se equivocaran na caracterización do momento político e a necesidade de crear un instrumento unitario contra o fascismo. Na actualidade a regresión democrática do neo-fascismo, require dunha resposta contundente das forzas nacionalistas e as das esquerdas rupturistas, para derrotar á monarquía e garantir o dereito autodeterminación de Galicia.




Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-09-2013 12:17
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0