AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

San Xoán e a benvida ao verán
Auga das flores de San Xoán. Foto de Xosé Marra
O verán chegou o 21 de xuño, pero nós recibímolo con honores onte na noite de San Xoán saltando o lume novo e pedindo "que non nos trabe cadela nin can, nin cousa mala que ande polo chan" e hoxe lavando a cariña coa auga das herbas de San Xoán.

Feitos todos estes traballos, xa podemos dicir que lle demos a benvida ao verán e entregármonos a el ben purificad@s e coa ledicia merecida.



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 24-06-2009 18:37
# Ligazón permanente a este artigo
Campionato de Billarda All Stars 2009
O xogo da billarda ou estornela é un dos máis coñecidos e populares dos que se xogaban en toda Galicia.

Eis palanadores en acción no Campo da Chave de Ourense. Trátase do Aberto do All Stars gravado por Tele O Varal.



Claro que se preferides ver a Bud Spencer e Terence Hill xogando á billarda entrade aquí.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 11-03-2009 19:02
# Ligazón permanente a este artigo
Os xogos populares
Os xogos populares tamén forman parte do noso patrimonio inmaterial e encádranse no que a Unesco clasifica como "Usos sociais, rituais e actos festivos".

A Asociación de Gaiteiros Galegos presentounos no curso pasado un documento audiovisual baseado nos xogos populares galegos, trátase de Pelo Gato 24. Cantigas e xogos para nenos, un traballo realizado polos estudios de gravación Casa de Tolos e Mr Misto e editado por PAI-Música, no que podemos ver vídeos explicativos de diversos xogos tradicionais, videoclips de cantigas populares, etc.

Aquí temos o videoclip promocional de Pelo Gato 24, cun cantar no que se van incorporando versos e que é interpretado polo dúo Migallas.



Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 02-03-2009 11:10
# Ligazón permanente a este artigo
Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte?nas ondas! pretende que a UNESCO inscriba a Candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas na Lista Indicativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade (acto que a Unesco realizará en setembro do 2009).

As rexións do Norte de Portugal e de Galiza conservan, aínda, un conxunto de prácticas sociais e unha tradición oral que, dalgún xeito, as individualiza no conxunto das demais rexións portuguesas e españolas. As tradicións culturais aquí transmitidas de xeración en xeración son a herdanza común das comunidades sociais que neste espazo viviron ao longo dos séculos.

A excepcionalidade desta candidatura reside no feito de ser testemuña dun pasado e dun presente que ultrapasa as barreiras políticas.


Se queres apoiar a pervivencia do noso patrimonio cultural inmaterial e mais lograr o seu recoñecemento como Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial da Humanidade por parte da UNESCO, asina aquí polo patrimonio.

Máis de dous milleiros de rapaces e rapazas da comunidade educativa das dúas marxes do Miño foron protagonistas o 27 de novembro de 2007 dunha das convocatorias de Ponte...nas ondas! a prol do patrimonio inmaterial galego-portugués. Eis o resultado, gravado e producido por Casa de Tolos de Gondomar.


Este videoclip forma parte do conxunto de materiais enviados á Unesco en aval da candidatura galego-portuguesa.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 27-02-2009 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia


O patrimonio cultural inmaterial é o conxunto de formas da cultura tradicional e popular, as obras colectivas que emanan dunha cultura e se basean na tradición. Transmítese oralmente ou visualmente e modifícase co transcurso do tempo a través dun proceso de recreación colectiva.

A propia UNESCO fai a seguinte división do Patrimonio Cultural Inmaterial:

1. Tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do patrimonio cultural inmaterial.
2. Artes do espectáculo.
3. Usos sociais, rituais e actos festivos.
4. Coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo.
5. Técnicas artesanais tradicionais.

O Portal do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia foi creado para difundir o noso patrimonio cultural inmaterial e forma parte do proxecto Ronsel, xurdido da colaboración entre as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e a Xunta de Galicia, que ten como obxectivos fundamentais, a desenvolver en cinco anos, a realización do inventario, a salvagarda e a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Visitando o Portal do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia, podemos achegarnos a unha parte da riqueza do noso patrimonio inmaterial a través de fotos, arquivos de música e vídeos.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 27-02-2009 17:39
# Ligazón permanente a este artigo
O entroido

Peliqueiros de Laza


O Entroido anúncianos a fin do inverno e o comezo da primavera. Aínda que é unha festa pagá, coincide co período inmediatamente anterior á Coresma (período de xaxún que comprende os corenta días anteriores ao domingo de Ramos, conforme o calendario cristián).

É a festa que nos permite cambiar de identidade e rirnos dos poderosos. Aínda que estivo prohibido no franquismo, perviviu nas aldeas con moitas caras diferentes. Por iso en Galicia non hai un só Entroido tradicional, senón moitos Entroidos, espallados pola xeografía galega, aínda que os máis famosos sexan, sen dúbida, os ourensáns.


Deixa o teu comentario (1) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 19-02-2009 10:33
# Ligazón permanente a este artigo
Rituais do Nadal
Baseándose en crenzas relacionadas co solsticio do inverno, o Nadal posúe os seus propios rituais. Símbolo do sol, o neno recén nado ilumina a raza humana ameazada pola escuridade: é o fillo da Deusa, a Virxe, e a súa forza transcende ata presentarse como unha auténtica manifestación divina: a do Deus Sol. Entroncando con este significado, atópanse diferentes rituais de Nadal:

? Recoméndase prender lume no fogar e, se é posible, conservar algún dos leños como símbolo ou talismán de protección da casa (entronca coa tradición galega do Tizón de Nadal).

? Tamén é recomendable colocar na casa ferraduras, campaíñas, visgo ou acivro para a protección do fogar.

? Pódese mercar un agasallo (non importa a cuantía económica) para entregar a alguén que amemos, ou a persoas necesitadas como unha forma de agradecer o recibido e de facernos merecentes dos regalos do Cosmos.

? O máis estendido ritual de Nadal consiste en prender unha candea ?símbolo de poder de acción e de forza solar- con mistos de madeira ó tempo que se di: ?Poderes do Sol e da Luz, neste día, cando o Sol acada a súa menor forza e, ó mesmo tempo, comeza o seu lento camiño de renacemento, cando nace o neno Deus Sol, pedímosvos que iluminedes esta candea coa forza do renacemento e do poder de crecemento?. Se o ritual se fai en grupo débese prender unha candea por cada persoa presente ?ata un máximo de tres- para, despois de deixalas arder uns minutos, apagalas sen soplar e deixando arder a central ata consumirse. As apagadas gardaranse para volvelas prender ó longo do ano se se fan peticións relacionadas con saúde, prosperidade, amor e protección, deixándoas consumir totalmente ó tempo que se formula unha oración xunto coa petición, permanecendo diante da candea uns quince minutos. Débese, tamén, botar purpurina dourada ó aire, sobre un mesmo, os presentes e as entradas da casa ó tempo que se pronuncia: ?que este po dourado ilumine o camiño de chegada á boa fortuna?. Logo do ritual, se se fai en grupo, recoméndase ter un agasallo que intercambiar cos demais presentes. Se o ritual se fai en solitario, o agasallo pódeselle entregar posteriormente a unha persoa apreciada ou a alguén necesitado.

Artigo de Adrián Campos (3º ESO-B)



Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 17-12-2007 10:15
# Ligazón permanente a este artigo
A festa das cabazas de defuntos

Aproxímase o Día de Defuntos e con el a Festa das Cabazas.

Na páxina web do Consello da Cultura Galega infórmasenos de que entre as celebracións que se fan no noso país con ocasión do día de Defuntos, existen costumes ancestrais como deixar un oco na mesa ou racións de comida para os defuntos ou facer colares coas castañas novas. Son moitas as persoas de máis de corenta anos de diferentes puntos da nosa xeografía (Noia, Catoira, Cedeira, Muxía, Sanxenxo, Quiroga...) que lembran que tamén era habitual por Defuntos coller cabazas, tallarlles unhas caras feroces e deixalas nos camiños para asustar os viandantes. Este costume coincide co americano de Halloween e aínda co máis antigo celta do Samaín, no que eran os cranios dos inimigos os que brillaban na escuridade con candeas no seu interior.

O Samaín (Samhain en gaélico significa "Fin do verán") era unha festividade celta coa que se celebraba o inicio do Novo Ano, que para os celtas coincidía co remate da colleita e a chegada do tempo invernal.

Os celtas crían que neste tempo, que non se concretaba nunha soa noite, a barreira que separaba o mundo dos vivos e o dos mortos desaparecía e que en Samaín as almas dos mortos regresaban a visitar os fogares terrenais. Dise que para manter estes espíritos contentos e afastalos dos seus fogares, os celtas deixaban comida ou doces fóra das casas, una tradición que se convertiría no que hoxe fan os nenos indo de casa en casa pedindo doces.

Os cristiáns concretaron esta celebración nun só día e rebautizárona como Día de Todos os Santos. De aí vén o nome co que se lle chama en Estados Unidos, Halloween (All Hallow's Eve, que significa "Véspera de Todos os Santos"), a esta festa que chegou alí a través dos emigrantes irlandeses no século XIX.

As festas das cabazas, pois, que se realizaban e realizan en torno ao Día de Todos os Santos e Defuntos, teñen a súa orixe nos pobos celtas de Europa.

Rafael López Loureiro, autor de Samaín, a festa das caliveiras, e animador da recuperación do Samaín na vila de Cedeira, demostrou o carácter galego desta festa que, asociada ás de Santos e Defuntos, existía por todo o territorio galego até hai menos de trinta anos. Pero ademais de iniciar a recuperación desta festa ancestral, tamén a rebautizou dándolle un nome sen ningunha tradición na nosa lingua.

Desde o blog Brétemas dísenos que "Recuperar ou reinventar esta tradición, desde os centros escolares de primaria e secundaria, pode ser unha boa estratexia educativa para defender un patrimonio inmaterial que todos debemos conservar e mimar." Nós sumámonos a esa iniciativa, pero facéndonos unha pregunta: é preciso que o fagamos inventándolle un nome?

Se non precisamos chamarlle co nome inglés de Halloween á nosa festa, aínda que compartan ambas a mesma orixe, por que imos precisar chamarlle cun nome gaélico como Samaín ou Samhain? Se queremos recuperar unha festa tradicional e agraria que perviviu da man dos nosos paisanos, por que chamarlle cun nome exótico podendo reivindicar un nome máis próximo a nós como Festa das Cabazas ou Festa de Defuntos?


Deixa o teu comentario (12) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 25-10-2007 16:27
# Ligazón permanente a este artigo
Lume de San Xoán
Hoxe é o solsticio de verán e, polo tanto, a noite máis curta do ano, así que non podemos esquecer saltar o lume novo dicindo os esconxuros.

Circulan moitas versións das invocacións que se fan ao saltar o lume, aquí íncluímos unha:

"Salto por enriba
do lume de San Xoán
pra que non me trabe
nin cobra nin can"

Tamén temos que deixar a auga de herbas e flores ao sereno da noite para lavar mañá a cara despois de tanta festa!

Se coñecedes outros esconxuros escribídeos nos comentarios. E pasádeo ben!!!


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 07. Patrimonio Inmaterial - Publicado o 23-06-2007 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0