AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Máis Galeoke
Queridos Reis Magos:

Queremos o Galeoke!!!


O Galeoke é o primeiro karaoke con cancións 100% galegas destinado a revolucionar as sobremesas. Trátase do primeiro videoxogo para grandes e pequenos que permite cantar só en galego e gozar en familia e con amig@s da nosa música.

O ano pasado saíu á venda o seu primeiro volume, O galeoke, a música que levas dentro, e ante o seu éxito, este ano apareceu a segunda entrega, Galeoke, a música que levas dentro, volume 2.


LISTAXE DE GRUPOS QUE APARECEN NO VOLUME I.

LISTAXE DE GRUPOS QUE APARECEN NO VOLUME II.


Podemos ver algún momento da presentación do primeiro volume do Galeoke no Culturgal 2010:





Tamén contamos coa información ofrecida por Disquecool sobre a presentación do segundo volume do Galeoke no Culturgal 2011: Culturgal: Galeoke, a revolución das sobremesas


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 05-01-2012 12:40
# Ligazón permanente a este artigo
Música en galego na televisión serbia


Djurdja Pokraja, unha rapaza serbia, cantou en galego no casting do "X Factor" ou "Got Talent" do seu país, "Ja imam talenat" (Eu teño talento), coas cancións "Lela" e "Negra sombra".

Foi na televisión serbia e á moza xa a entrevistaron a semana pasada na Radio Galega grazas ás xestións de Jairo Dorado, que fala e traduce ao galego do serbo-croata, do húngaro e dunha chea de linguas máis, e fixo de intérprete galego-serbio e aproveitou para largar un par de andanadas contra os que desconsideran e desprezan o noso idioma, para que tomen exemplo desta rapaza da Voivódina serbia.

Non sabemos nada da historia lingüística desta moza, pero o caso é que o seu galego non soa nada mal. E se non o credes, escoitádea no vídeo.


Fonte: Prolingua


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 12-12-2011 21:53
# Ligazón permanente a este artigo
Consellos para este verán: Música galega ao vivo!
Eis os consellos de Román Landín para este verán publicados na revista Irimia, o que podedes ver ampliado premendo no seguinte enlace:

O verán, tempo para as músicas ao vivo.




Pódese consultar o calendario de actuacións musicais en MUSIQUEoh!, un novo sitio na rede que centraliza as páxinas dedicadas á música galega.


Fonte: Caderno de Lingua


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 03-07-2011 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
GgAaL-EGO. El Puto Coke
El Puto Coke, que leva 16 anos rimando, ofreceunos esta primavera o primeiro videoclip do seu último traballo discográfico e escolleu para facelo o tema 'GgAaL-EGO' e un lema que é toda unha declaración de principios: 'O galego é práctico'.

O resultado é un modelo de como o galego pode chegar a públicos e rexistros de todo tipo, rachando cos estereotipos trasnoitados que llo impiden.

O videoclip 'GgAaL-EGO' foi o favorito do público na Semana da Música que tivo lugar no Breamo este pasado mes de maio:



Lírica: El Puto Coke para Licorkafe.com
Producido por: Bleis
Gaita e Whistles: Anxo Lorenzo
Voces Adicionais: Wöyza
Scratch: Dj Fabian

Máis información en:

"Orgullo de ser galego a ritmo de rap"

"El Puto Coke, o galego é práctico"


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 06-06-2011 14:03
# Ligazón permanente a este artigo
En Leonberg. Manu Clavijo
Manu Clavijo musicou o poema que Lois Pereiro escribiu con este título e aquí podemos ver o videoclip coa súa canción:



Realización: Gonzalo Enríquez
Produción: Mr Misto Films


"Bid adieu, adieu, adieu,
Bid adieu to girlish days".
J. JOYCE
("Chamber music", XI)



ABURRIDO
un olor a café
na indiferencia de Praga.
Prumas na cabeza, verde artificial.
Unha entrada excitante
para un xogo final de namorados.

Un tenor azul canta o turno da pasión cando
cae o único inocente.

Sobre o fondo exipcio
a testa ladeada, de perfil.


PEREIRO, Lois, 1996, Poemas para unha loia, A Coruña: Espiral Maior


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 15-05-2011 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
Narcisismo. Radio Océano
"Narcisismo", na onda post-punk sinistra de principios dos 80 e con letra de Lois Pereiro, foi a canción que máis sona lle deu a Radio Océano e, curiosamente, a única que non apareceu no seu único álbum Nin falta que fai, manténdose inédita na súa discografía.



Ademais de fotos daquel único álbum Nin falta que fai e a única instantánea do grupo na época, este vídeo ten imaxes do grupo na súa única reunión, 25 anos despois, o 22 de abril de 2010, na Sala Nasa de Santiago de Compostela.

Realización: Xavier Valiño


Letra: Lois Pereiro

Sigo os pasos do sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo máis firme
abro un sulco vermello en media lúa
na vea que me acolle tan azul

Narcisismo
narcisismo...


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 13-05-2011 22:02
# Ligazón permanente a este artigo
Alalá da noite. Berrrogüetto
Berrogüetto é o gañador do Premio da Música 2011 á mellor canción en galego pola súa versión do poema "Alalá" de Manuel Rivas. Recollerá o galardón en Madrid o próximo 18 de maio.

A canción, que leva o título "Alalá da noite", foi musicada por Quico Comesaña e Xabier Díaz. (Podemos escoitar como se xestou a partir do minuto 7 desta entrevista para CNN+)

Podemos vela neste vídeo gravado na presentación de Kosmogonías de Berrogüetto en Pontevedra no Pazo da Cultura (09/04/2010):





ALALÁ

Á vella maneira

A Cachi e Amparo

Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.

No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se puidera afogare
na ardora dunha misteira.

O que soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.


Rivas, Manuel (2009), A desaparición da neve, (Madrid: Alfaguara)


A versión de estudio da canción pódese escoitar en Son de Poetas.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 01-05-2011 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
Maxicamente vello. Roi Casal



A FALA

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Poema de Manuel María (2001) musicado por Roi Casal baixo o título "Maxicamente vello", o mesmo nome que lle deu ao seu segundo disco en solitario.

Tamén podemos escoitalo en Son de Poetas.







Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 01-05-2011 00:05
# Ligazón permanente a este artigo
"Eu chorei chorei" desde a India
NENOS E NENAS DUNHA ESCOLA NA INDIA INCORPORAN "EU CHOREI CHOREI" AO SEU REPERTORIO

As nenas e nenos da escola María Soliño en Pubai-Orissa (India), financiada pola ONG "Shanga India" cantan "Eu chorei chorei" nun perfecto galego. Compróbao:



O proxecto

A ONG "Shanga India", con sede en Cangas do Morrazo, naceu no ano 2004 e leva adiante o desenvolvemento e financiamento da escola María Soliña en Pubai, na illada rexión de Orissa (India).

"Shanga", que significa amigo no idioma oriá, pretende acadar a totalidade do ensino oficial básico, que na India comprende 10 cursos, escolarizando a 500 nenos e nenas e asumindo todos os gastos, incluído o do persoal, que é todo autóctono.

Pódese colaborar e obter máis información a través da web www.shangaindia.org


Deixa o teu comentario (4) - Categoría: 04. Música - Publicado o 30-03-2011 18:33
# Ligazón permanente a este artigo
AZOU

Na Mariña lucense dise que ten o AZOU quen non para quieto, quen anda a bulir todo o día cheo de inquietudes.

Desde a web da banda Azou.eu podes obter información sobre a banda e o seu espectáculo e tamén podes descargar de balde a súa música, pois está publicada con licencia Creative Commons




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 26-03-2011 13:29
# Ligazón permanente a este artigo
G-g-A-a-L-EGO. El Puto Coke


Traemos un novo vídeo deste tema do Puto Coke, para o que contou coa colaboración do gaiteiro Anxo Lorenzo e as achegas de Wöyza e Dj. Fabián e co que participou no A polo ghit 2010.

Descargar o MAXI [Irmán / G-g-A-a-L-EGO]


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 26-03-2011 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
Irmán. El Puto Coke


Despois dunha longa espera, o MC Puto Coke, irrompeu o pasado verán no panorama musical con dous temas en galego, "G-g-A-a-L-EGO" e "Irmán", como adianto do seu último e desexado traballo..

Puto Coke co tema "Irmán" quixo homenaxear a Galicia e facer un chamamento ao irmán galego a reflexionar sobre o seu propio pasado. Está producido polo propio Coke, que para esta ocasión elixiu como sample (mostra) principal un fragmento da canción de Juan Pardo "Irmán Daniel", no que recita o poema de Cabanillas para Castelao, e conta coa participación de WöYzA.

Descargar o MAXI [Irmán / G-g-A-a-L-EGO]


Fonte: Komunikando.net


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 26-03-2011 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
IES Nº 1 do Carballiño - Primeiro premio do concurso ?Ponlle imaxes á nosa música de amor?


Canción: Quen puidera namorala
Letra: Álvaro Cunqueiro
Música: Luís Emilio Batallán

Fonte: Lingua de Buxo

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 13-03-2011 18:46
# Ligazón permanente a este artigo
A invisíbel efervescencia da música galega
Artigo de Román Landín
para o nº 824 da revista Irimia (17-30 de xaneiro de 2010)

Trazar un panorama da música galega no ano 2010 non deixa de ser unha tarefa curiosa cando o traballo de solistas e bandas está suxeito a uns ritmos diferentes aos que caracterizan unha produción cultural estábel e normalizada. Un disco de Berrogüetto ou Lamatumbá, por falar de dous grupos referenciais, ten un percorrido máis pausado e longo, e a dinámica da edición, presentación, difusión e contacto co público, que ao final retroalimenta a propia creación artística, non sabe de exercicios anuais.

Calidade clandestina

O ano que vén de rematar volve demostrar que na escena galega hai calidade, variedade e apostas arriscadas e orixinais. A que se debe entón que o público descoñeza o que se está a facer? Por que non existe unha demanda que responda a esta oferta talentosa e relativamente ampla? A música galega sobrevive á marxe dos circuítos maioritarios, o público non a atopa nos medios de comunicación, que lle prestan unha atención marxinal. E se isto sucede en xornais, radiofórmulas e canles de TV privados, máis grave é que os medios públicos prioricen a produción allea fronte á propia. Se o 2009 supuxo a desaparición de programas como Aberto por Reformas e Extrarradio na RG e Onda Curta e Miraxes na TVG, o 2010 confirmou a posición subalterna da música, confinada ás segundas canles e a horarios clandestinos da radio e televisión galegas. As novidades discográficas rara vez teñen cabida en informativos e magazines, que non adoitan picar discos galegos nas ráfagas, anuncios e minutos musicais de recheo. A RG mesmo lle fixo contraprogramación ao Apologhit, concurso que viña coorganizando exitosamente con Vieiros, e lanzou o Vas-sacar-nota.

Sounds from Spain

A esta eiva sumouse a falta de planificación institucional dunha Consellería de Cultura que parece desistir da encomenda de fortalecer unha industria musical aínda feble e necesitada de circuítos e estratexias de difusión. Relegada a un lugar secundario na programación xacobea, a consellería volveu caer na identificación entre música en galego e música de raíz. ?O pop e a música galega marcan a axenda de concertos patrocinados por Xacobeo 2010?, titulaba un comunicado de prensa da Consellería. Ignoramos que prexuízos existen para non vender como música galega o rock, o pop, o hip hop ou a fusión, e si grupos que cantan en castelán e inglés. Isto mesmo se repite nas publicacións da AGADIC ou de Xuventude e nas feiras internacionais ás que acode Cultura, agora baixo o selo Sounds from Spain que dilúe a oferta diferenciada nunha etiqueta global. A falta de patrocinios aos festivais locais e comarcais, onde os grupos galegos se fixeran un oco nos últimos anos, e a inercia na xestión das redes de locais de ensaio e locais de música en vivo, debilita máis os circuítos que dan oportunidades ás novas xeracións musicais.

Mais falabamos dunha oferta de calidade e diversa no 2010. A música de raíz retomou parte do vigor perdido na década cun auxe importante das citas reservadas á música tradicional e coa publicación dos discos de grandes referentes do folk como Luar na Lubre, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Budiño, Cristina Pato ou Sondeseu. Un álbum que debe ocupar un lugar preferencial no 2010 é o esperado Kosmogonías, de Berrogüetto, que tras catro anos volveu para renovar un estilo propio e recoñecíbel, agora coa voz de Xabier Díez, e cunha videocreación de Olalla Sendón de agasallo. Outra proposta orixinal é a do compostelán Narf e o guineano Manecas Costas en Aló Irmão!, unha confluencia de tradicións e estilos traballada no directo, ao que tamén temos acceso en formato DVD. Aínda neste ámbito destacamos O Manual de sedución de Marful, froito dunha tranquila maduración de ritmos, melodías, arranxos e letras suxerentes que chega logo dun primeiro traballo publicado en 2006 que fora ben acollido por público e crítica.

Propostas pop, cantautores e outros ritmos

No terreo do pop sobresae o novo disco de The Homens, Cuarta potencia, un power-pop renovado cun son máis melódico, coa aparición do órgano Hammond e unhas guitarras máis potentes e afiadas que de costume. Un son máis experimental e rockeiro é o que achega Noise Project en Asuntos que se resolven co tempo, disco que se pode descargar de balde do netlabel A Regueifa, plataforma fundamental xunto coa páxina Komunikando.net para a proxección da escena alternativa. Tamén dende a autoedición chega Fluzo cun sorprendente disco homónimo que se move nos límites do hip hop. Sen saír das marxes, confirmouse o hardrock melódico de Nao co seu segundo disco, Coas túas mans. Houbo estreas, ademais, de bandas asentadas como Ruxe Ruxe (Na fura de diante), os últimos bravús, e Lamatumbá, que con A órbita da banda hipnótica encheou de sons mestizos os escenarios festivaleiros, onde foron habituais grupos con discos do 2009 como Som do Galpóm, Cuchufellos ou Guezos, e O Sonoro Maxín, que por fin entrarán nos estudos de gravación neste ano.

O vigor do jazz e novidades para as crianzas

Poden completar este abano de propostas para seguir coñecendo e gozando no 2011, apostas de autor tan singulares como as de dous Emilios, Emilio Rúa (Interior) e Emilio José (Chorando apréndese), o blues de Victor Aneiros (Brétemas da memoria) e a rica escena jazzística con Virxilio da Silva (Odysseia), Roberto Somoza (Yellow), Abe Rábade (Zigurat), Sumrrá (Sumrrá 4.0), Baldo Martínez e Maite Dono (Sons-Nús), A Tribu (A chamada) ou Álvaro Bieito, que co seu Introducing non só inaugura a súa carreira senón tamén ?Azos?, a primeira colección de jazz da discográfica galega Falcatruada.

A escolma anual ficaría incompleta se esquecemos produtos novidosos como Na punta do pé, de Pesdelán, un libro-CD-DVD cunha ben traballada proposta didáctica para aprender cancións, bailes e xogos do patrimonio tradicional galego-portugués, o Galeoke, o primeiro xogo de karaoke de música galega, e o número crecente de traballos publicados para o público infantil. Cunha produción ambiciosa que comeza a ser habitual e mestura música, textos, videoclips? en libros-disco ou CD-DVD, no 2010 chegaron A nena e o grilo, de Magín Blanco; Tic Tac, de Pablo Díaz; Ola-ola-la, de Mamá Cabrá; Abracadabras, con textos de Marica Campo e música de Pirilampo; ou o recén saído do forno Arrolos de salitre, de Xabier Díaz. Son estas achegas importantes para facer ?normal? a música do país, e a lingua galega, nos cantares e nos xogos xa dende o berce.


Fonte: Caderno de Lingua
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 12-01-2011 12:23
# Ligazón permanente a este artigo
Flashmob do EDLG do IES As Barxas para felicitar o 2011


Este é un flashmob do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES As Barxas (Moaña) protagonizado polo alumnado dese centro para felicitar o aninovo a todo o mundo e montado por Luz, a súa profesora de Plástica.

Un flashmob consiste nunha actuación sobre a realidade na que un conxunto de persoas se poñen de acordo nun lugar e momento determinados para realizar unha acción simultánea cunha determinada finalidade ou só por pura diversión. Neste caso, ademais de se divertir, pretenderon chamar a atención sobre a importancia da recuperación dun tempo propio para termos unha vida máis feliz.

A música atopárona en Jamendo, trátase dun tema de Galdson, que non é outro que o mestre de Ortigueira Vicente Orjales.

Se che gusta, PÁSAO!


Fonte: A profa

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 04. Música - Publicado o 10-01-2011 17:29
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0