AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

Anxo Lorenzo é o novo Secretario Xeral de Política Lingüística
A anterior Secretaria Xeral de Política Lingüística, Marisol López e Anxo Lorenzo
O pasado xoves 14 de maio apareceu nos medios de comunicación o nome do novo Secretario Xeral de Política Lingüística: Anxo Lorenzo, profesor de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universidade de Vigo.

O nomeamento causou sorpresa e non gustou á Mesa pola Normalización Lingüística nin a Galicia Bilingüe. Porén, desde a Coordinadora Galega de ENDL valórase positivamente que sexa un sociolingüísta, que ademais de ter coñecementos teóricos, leva anos ligado ó traballo normalizador.

Anxo Lorenzo participou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega do 2004, concretamente na sección de educación, e na campaña difundida pola Universidade de Vigo o ano pasado baixo o lema de "Quen sabe galego, sabe máis". Tamén foi o coordinador da exposición itinerante As nosas palabras, os nosos mundos, elaborada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e que se atopa de xira por Arxentina na actualidade.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 18-05-2009 21:30
# Ligazón permanente a este artigo
O Presidente da Xunta incita a incumprir a lexislación educativa

A COORDINADORA GALEGA DE ENDL CONSIDERA INADMISIBLE QUE O PRESIDENTE INCITE A IMCUMPRIR A LEXISLACIÓN EDUCATIVA E EMITE O SEGUINTE COMUNICADO:


Diante das noticias publicadas onte na prensa onde se recolle que o Presidente da Xunta de Galicia, o sr. don Alberto Núñez Feijoo, vai enviar unha circular aos centros educativos dando instrucións a respecto da distribución curricular das linguas oficiais nos centros educativos segundo a vontade do alumnado e o profesorado, a Coordinadora galega de ENDL considera inadmisible que un presidente dun goberno incite a incumprir a lexislación educativa mediante unha circular, documento este que ten como finalidade ?aclarar? aspectos da lexislación, nunca para ir en contra dela, xa que non é un instrumento normativo.



Neste momento está en vigor o Decreto 124/2007, que regula o uso e promoción do galego no sistema educativo e que procura que o alumnado reciba un 50% de clases en lingua galega, para así poder garantir que sexa competente nas dúas linguas da comunidade, algo que só se pode conseguir se o alumnado aprende galego pero tamén ?en galego?.



Coas medidas postas en práctica no Decreto, non se atentou contra ningún ?dereito civil?, polo tanto o noso colectivo non entende porque se fala de ?repoñer os dereitos civís nas aulas?. A Coordinadora non dá creto a esta chamada á ?insumisión? baixo o discurso da liberdade que deixa na elección do alumnado e do profesorado a lingua das clases, cando está lexislado mediante un Decreto que se estaba comezando a aplicar e que aínda non foran avaliado.



Os integrantes da Coordinadora Galega de ENDL tamén mostran a súa sorpresa polo momento e a forma en que sae esta noticia. Tras un discurso de investidura no que se repetiu ata a saciedade a palabra consenso, promove esta medida sen contar coas persoas e entidades que están implicadas directamente no proceso educativo e/ou con todos aqueles que participaron na redacción do Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento. Dá así a impresión de que os ?votos prestados? dos que falaba neste días o Conselleiro de Educación, o sr. don Jesús Vázquez, pesan máis ca calquera intención real de consenso.


Deixa o teu comentario (2) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 30-04-2009 11:20
# Ligazón permanente a este artigo
Decreto de promoción do galego no ensino
O Consello da Xunta aprobou o xoves 28 de xuño de 2007 o decreto que desenvolve a Lei de normalización lingüística, polo cal o alumnado ten que rematar cada tramo educativo coa mesma competencia oral e escrita en ambas as dúas linguas oficiais.

Redacción Vieiros- 14:51 28/06/2007

No ensino de réxime xeral e na educación de persoas adultas, recollidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación ( LOE), asignarase globalmente o mesmo número de horas ao ensino da lingua galega e da lingua castelá. Nas clases de lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura, usarán as respectivas linguas profesorado e alumnado. Nas programacións e outros documentos didácticos referidos á lingua castelá poderase utilizar esa lingua.


Infantil e primaria


Por etapas, na educación infantil o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensino, será, como mínimo, igual á da lingua castelá.

En toda a etapa da educación primaria, o alumnado recibirá cando menos o 50% da docencia en galego, por medio de tres materias: matemáticas, coñecemento do medio natural, social e cultural e educación para a cidadanía e os dereitos humanos.


Secundaria e ensino de persoas adultas


En educación secundaria obrigatoria (ESO), impartiranse en galego ciencias da natureza, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e educación para a cidadanía. Cando ciencias da natureza se desdobre en bioloxía e xeoloxía por un lado, e física e química por outro, ambas as dúas materias se impartirán en galego. Ademais, o claustro completará o número de materias, excluída aquela que a LOE determina de carácter voluntario para o alumnado, que garantan que como mínimo o cincuenta por cento da docencia se imparta en galego.



Bacharelato e FP


E por último, no bacharelato, o alumnado recibirá tamén a metade da docencia en galego. Na formación profesional específica, ensinanzas artísticas e deportivas, de grao medio ou superior, impartiranse en galego os módulos atribuídos á especialidade de formación e orientación laboral e os módulos profesionais que decida a dirección, logo de escoitar os departamentos correspondentes, pero sempre supoñendo que o alumnado recibirá a metade da docencia en galego. Ademais, en todos os módulos garantirase que o alumnado coñeza o vocabulario específico en lingua galega.

No ensino de persoas adultas, nos niveis I e II impartirase tamén a metade das materias en galego; no nivel III, correspondente á ESO, e no bacharelato, as ensinanzas impartiranse integramente en galego, agás as materias doutras linguas. Neste sentido, establecerase un plan específico destinado á nova poboación inmigrante que se está a asentar en Galiza, que abranguiría formación lingüística e coñecementos históricos e socioculturais de cara a facilitar a súa integración.


Proxecto educativo


Cada centro, dentro do proxecto educativo, elaborará o seu proxecto lingüístico: nel constarán as linguas que se deben empregar nas áreas, materias, módulos ou ámbitos de coñecemento distintos aos que veñen determinados na nova normativa, as medidas de apoio e reforzo necesarias, os criterios para determinar a lingua predominante do contorno; e as medidas adoptadas para que o alumnado que non teña o suficiente dominio da lingua galega poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle impartan nesa lingua. Este proxecto será redactado por unha comisión do profesorado do centro designada polo equipo directivo, e aprobado e avaliado polo consello escolar.


A Administración educativa avaliará os proxectos lingüísticos dos centros e fará o seguimento dos resultados que se desprendan da súa aplicación, coa finalidade de adoptar, se é o caso, as medidas necesarias para garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia.


Equipos de normalización lingüística e formación específica nos centros dependentes de Educación


A nova norma prevé que nos centros dependentes da Consellería de Educación se constitúa un equipo de normalización e dinamización lingüística formado por profesorado, persoal non docente, e representantes do alumnado, quitando infantil e primaria.


Por outra banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolverá un plan de formación para o persoal dos centros educativos, de xeito que lles achegue coñecemento de sociolingüística galega e unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e desenvolver a súa actividade profesional en galego. E o persoal seleccionado para a docencia recibirá formación específica de terminoloxía, estilos, linguaxes propias da especialidade e aspectos sociolingüísticos.


Deixa o teu comentario (4) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 22-10-2007 20:06
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0