AS GABARRAS


Caderno do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Breamo



 ÍNDICE
 GALERÍA DE FOTOS
 WEBS RECOMENDADAS
 BUSCA NESTE BLOG

O Decreto de Plurilingüismo discrimina a lingua galega no ensino



O Decreto de Plurilingüismo discrimina a lingua galega no ensino

O novo decreto marca unha asignación horaria inferior para o galego e desprotéxeo especialmente na etapa de infantil.

O proxecto da Consellería de Educación dificultará a adquisición da competencia lingüística en galego por parte do alumnado


Trala aprobación do Decreto do Plurilingüismo por parte do Consello da Xunta de Galicia, a Coordinadora Galega de ENDL entende que este novo regulamento acentúa o desequilibrio entre as linguas oficiais, propiciará a inmersión en castelán en infantil e non garante que o alumnado acade a competencia en lingua galega ao rematar o ensino obrigatorio, tal e como procura a lexislación educativa en materia lingüística.

Non é certo que exista equilibrio entre galego e castelán, idea coa que o goberno pretende vender o novo texto lexislativo. O galego, lingua propia de Galicia e necesitada de protección, queda nunha situación moi inferior ao castelán no ensino. As razóns son varias, destacando tres principais:

· en realidade hai máis materias marcadas como obrigatorias en castelán ca en galego. Por exemplo, en 3º da ESO falamos de 8 horas semanais de materias que se deben impartir obrigatoriamente en castelán: Matemáticas (4h), Física e Química (2h) e Tecnoloxías (2h); fronte ás 5 horas en galego: Ciencias Sociais, Xeografía e Historia (3h) e Bioloxía e Xeoloxía (2h). No resto das materias, é imposible chegar ao 50% do ensino en lingua galega porque non existen materiais de todo tipo editados nesta lingua para poder traballar nas aulas, escenario que se reproduce en todas as etapas educativas.

· a consulta ás familias, que agora se publicita como ?pregunta vinculante?, en Infantil propiciará a inmersión en castelán pois, como sinalan os últimos estudos, o galego xa non é a lingua maioritaria nas franxas de idade máis novas. O novo decreto non contempla ningún tipo de medidas tendentes a sentar as bases da adquisición da lingua non predominante na aula.

· como persoal docente que somos os membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística, e polo tanto coñecedores da realidade sociolingüística dos centros de ensino, consideramos un síntoma moi significativo do afastada que está a Consellería de Educación desa realidade o feito de que se pretenda mudar o noso
nome por Equipos de dinamización, como se xa non fose preciso "normalizar" unha lingua coma o galego nos centros escolares, lingua que 27 anos despois de aprobada a Lei de Normalización Lingüística está moi lonxe de acadar unha situación normal na nosa sociedade.

Desde a coordinadora de ENDL pretendemos que o alumnado, o profesorado, as nais e os pais e o resto da sociedade teña competencia tamén en lingua galega, por iso somos conscientes da necesidade de apoio que precisa o galego en todos o ámbitos en xeral e, moi especialmente, no ensino.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 28-05-2010 17:16
# Ligazón permanente a este artigo
Decreto 79/2010 para o plurilngüismo no ensino non universitario de Galicia
Viñeta de Luís Davila
Viñeta de Luís Davila procedente do seu blog O Bichero


A ameaza fíxose realidade e finalmente deixaron o galego sen decreto protector. A partir de agora a política lingüística da Xunta de Galicia terá como obxectivo fundamental protexer o castelán no ensino. Ou deberiammos dicir impoñelo?

Non lles importou a oposición das familias que se manifestaron masivamente nas rúas en repetidas ocasións nin a de amplos sectores da comunidade educativa. Tampouco lles afectou o rexeitamento do Consello Consultivo, do Consello Escolar de Galicia, da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, das universidades, dos sindicatos que representan o 90% do profesorado, e de asociacións e plataformas diversas.

En fin, que sen acadar ningún consenso, o martes 25 de maio de 2010, no DOG núm. 97, publicouse o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que substituirá ao consensuado por todas as forzas políticas Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

Nin que dicir ten que nos sumamos desde aquí ao rexeitamento colectivo e subscribimos a nota de prensa emitida pola Coordinadora Galega de ENDL


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 28-05-2010 16:48
# Ligazón permanente a este artigo
Ditame do Consello Consultivo sobre o decreto contra o galego
O Consello Consultivo emitiu o seu ditame sobre o decreto que quere substituír o vixente decreto do galego e dos 23 artigos do novo decreto critica duramente 12 deles, concretamente di que van contra distintas disposicións da legalidade vixente os artigos 3, 4, 5, 6, 7, 8, 10, 12, 14, 15, 17 e 21.

As críticas non son en cuestións menores, senón que van ao cerne do decreto. Modificalo segundo as directrices deste ditame significaría facelo outra vez de novo.

Segundo o Consello Consultivo o proxecto de decreto contra o galego atenta contra varios artigos da Constitución Española, contra varias Sentenzas do Tribunal Constitucional, contra Sentenzas do Tribunal Superior, contra o Estatuto de Autonomía, contra a Lei de Normalización Lingüística, contra a LOE, contra a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, contra varias Leis Orgánicas de educación, do dereito á educación e outras, e un voto particular refírese en especial a que varios puntos do decreto van en contra do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Unha comisión de expertos xuristas xa avanzaban varios destes puntos hai algunhas semanas e facían alusión tamén a outros artigos, incluso ao título do decreto, que non son tratados neste ditame. Con estes antecedentes a ninguén lle estrañará que o PSOE xa anuncie que vai levar o decreto ante os tribunais.


Fonte: Taboleiro do Colmeiro (14/05/2010)

Máis información en GaliciaHoxe.com (15/05/2010)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 15-05-2010 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
O galego poderá usarse no senado
Senado
Deuse o primeiro paso para que no Senado tamén se poida falar galego, catalán e éuscaro. Por fin os nosos representantes, os mesmos que veñen a pedirnos o voto cada catro anos ás nosas cidades, vilas e aldeas, poderán empregar o galego cando o desexen no desempeño do seu labor, que non é outro que o de representarnos aos galegos e galegas, tamén aos galego falantes, pois o Senado é un órgano de representación territorial e como tal representa a toda España, non só á Comunidade de Madrid ou ás que teñen como única lingua o castelán.

Para moitos esta é unha gran oportunidade de camiñar cara a unha España máis democrática e plural que asuma sen vergoña a riqueza do seu plurilingüísmo, para outros, pola contra, este é un desastre terrible que conduce á ruptura de España e ataca os alicerces da "lingua común", como se empeñan en chamarlle ao castelán.

Fan tanto mal as linguas?


ALGÚNS TITULARES DA PRENSA DIXITAL COA NOVA:

Vieiros (28/04/2010): "O Senado aproba ampliar o uso das linguas co voto en contra do PP e co encabuxamento de Manuel Fraga"

elcorreo.com (29/04/2010): "El Senado hablará euskera, catalán y gallego, con el voto en contra del PP"

El imparcial (28/04/2010): "Usar lenguas cooficiales en los plenos es ceder al 'chantaje nacionalista'"


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 08-05-2010 22:41
# Ligazón permanente a este artigo
Valoración do Anteproxecto do Decreto de Plurilingüismo feita pola Coordinadora Galega de ENDL
O Anteproxecto do Decreto do Bilingüismo discriminará a lingua galega no ensino e provocará serios conflitos na comunidade educativa


O novo decreto non garantirá o equilibrio efectivo entre as dúas linguas oficiais no ensino e desprotexe o galego, especialmente na etapa de infantil.

O avance do anteproxecto relega a promoción da lingua galega ás actividades de fomento e ao compromiso persoal do profesorado.

A Coordinadora Galega de ENDL valora negativamente que o Anteproxecto do Decreto do Plurilingüismo, cuxas liñas xerais deu a coñecer onte a Consellería de Educación, non desenvolve os preceptos da Lei de Normalización Lingüística (LNL) como si facían os decretos anteriores. Así, unha lexislación que debería desenvolver a LNL, creada para protexer a lingua propia de Galicia que está en situación de desequilibrio social respecto do castelán, ponlle límites á súa normalización no ensino: por un lado, establece máximos na distribución horaria para o galego cando nunca se cumpriron os mínimos marcados nos Decretos 247/1995 e 124/2007; e, por outro lado, afonda nos prexuízos cara a unha lingua que está en retroceso ao transmitir que non é válida para todos os campos do saber posto que impide que sexa a lingua vehicular para as materias do ámbito científico-tecnolóxico.

A CGENDL entende tamén que é un decreto que non vai garantir o equilibrio entre as linguas oficiais en ningunha das etapas educativas. Por exemplo, na ESO establece que se impartan en castelán as materias de tres departamentos (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía) que teñen máis presenza horaria cás que se teñen que dar en galego. A discriminación do galego vese agravada pola falta de recursos para que o profesorado imparta algunhas das materias restantes nesta lingua, posto que na maior parte das áreas non existen en galego nin libros de texto nin outro tipo de materiais didácticos necesarios para as aulas. Polo tanto, o desequilibrio entre o galego e o castelán acentuarase ao tratar de maneira desigual dous idiomas que parten dunha situación diferente tamén neste ámbito.

No Ensino Infantil o galego queda totalmente desprotexido e o pretendido equilibrio entre as dúas linguas non se recolle por ningures. A falsa liberdade de elección das familias provocará conflitos xa que parte dunha visión excluínte das linguas a través dunha votación na que haberá perdedores e gañadores. Dende a perspectiva pedagóxica, resulta rechamante que se dea un trato individualizado aos alumnos da lingua ?non predominante? nunha etapa, como a Infantil, que se basea nun enfoque integrador das diferenzas e na que se debe dar o asentamento da aprendizaxe das linguas. Pese a que o goberno galego fai seu o noso lema, ?As linguas suman?, neste decreto subxace a idea de que o galego resta.

Neste avance do decreto, vemos con preocupación que a consellería debuxe unha división entre materias importantes e materias de segunda, entre troncais e non troncais, terminoloxía allea a unha educación, a do ensino obrigatorio, no que todas as áreas teñen unha misión educativa global. Fixando a lingua nas materias consideradas de primeira, a Consellería demostra o seu descoñecemento do proceso pedagóxico e desprestixia socialmente unha serie de materias e a formación e o traballo de milleiros de docentes.

Por outro lado, o desinterese para xestionar un sistema educativo que garanta a adquisición de competencias lingüísticas en galego a través do seu uso nas diferentes materias explica que este decreto reduza o fomento do galego á vontade do profesorado de dar aulas nesta lingua, na que o alumnado non ten que expresarse, e á organización de actividades extraescolares que nunca se dirixirán ao conxunto do alumnado.

Por último, e á espera de coñecer o texto completo, a CGENDL lamenta profundamente que se traslade a responsabilidade na toma de decisións ás familias e aos centros educativos conducíndoos ao caos organizativo e convertendo a comunidade escolar nun foco de conflitos.


Fonte: Coordinadora Galega de ENDL
Valoración do Anteproxecto do Decreto de Plurilingüismo feita pola Coordinadora Galega de ENDL

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 25-03-2010 15:59
# Ligazón permanente a este artigo
As características da política lingüística segundo Anxo Lorenzo
A continuación podemos ver unha presentación realizada no ano 2006 por Anxo Lorenzo, actual Secretario Xeral de Política Lingüística, sobre planificación lingüística.

Debemos prestar especial atención ás diapositivas número 22 e número 24, nas que se fala da necesidade de consensos, e na número 26 na que se conclúe que se debe desenvolver en profundidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL) (o mesmo que fala, por exemplo, de acadar un uso maioritario do galego na docencia, entre os docentes e nas relacións escolares en xeral).


Ten algo que ver o que sostén nesta presentación de 2006 co que defende na actualidade nas Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario? Quizais cambiou de opinión sobre como debe ser a planificación lingüística? Tal vez se explicou mal daquela ou explícase mal agora? Ou quizais somos nós os que non o estamos entendendo?

Dese desencontro entre o responsable da política lingüística da Xunta e os docentes dá fe o seguinte vídeo. Foi gravado o pasado 30 de xaneiro no IES 'As Fontiñas' de Santiago de Compostela, na inauguración das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística:




Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 07-02-2010 20:51
# Ligazón permanente a este artigo
Como se rompeu o consenso lingüístico
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 03-02-2010 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Documentos da Coordinadora Galega de ENDL sobre o borrador do decreto do plurilingüismo



A continuación enlazamos algúns dos documentos que podemos consultar na páxina da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística sobre o borrador de decreto presentado o 30 de decembro polo goberno da Xunta:


- ANÁLISE DA CGENDL sobre o borrador do Decreto do Plurilingüismo.

Documento que recolle a análise rigorosa que a Coordinadora Galega de ENDL fai sobre o novo decreto. Pódese ler na propia web da Coordinadora ou descargar en pdf.


- COMPARATIVA entre o Decreto 124/2007 e o Decreto do plurilingüismo.

Interesante documento que facilita a identificación das diferenzas entre os dous decretos a través do uso de varias cores, segundo se trate do texto coincidente en ambos os dous, do incorporado ao novo decreto ou do eliminado do decreto aínda vixente. Tamén se pode ler na web da Coordinadora ou descargar en pdf.


- PRESENTACIÓN elaborada polo ENDL do IES Ribeira do Louro do Porriño, na que amosan os CAMBIOS FUNDAMENTAIS entre as "Bases do borrador do Decreto do Plurilingüismo" co Decreto 124/2007 aínda vixente.




- PRESENTACIÓN elaborada pola Biblioteca do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo sobre os ASPECTOS ILEGAIS DAS BASES DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO.

Neste documento expóñense dun xeito visual os preceptos que se incumpren da lexislación vixente en materia de lingua, a nivel nacional, estatal e internacional, no recente rascuño de bases para o mal chamado decreto do plurilingüismo.

View more presentations from linguaog.



Fonte: Especial sobre as bases para o Decreto do Plurilingüismo da CGENDL

Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 20-01-2010 19:00
# Ligazón permanente a este artigo
Borrador do novo decreto do galego
Alberto Núñez Feijoo

Mentres estabamos cantando panxoliñas e comendo larpeiradas en familia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, fixo público o borrador dun novo decreto. Leva por título Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e parece ser que non contenta a ninguén.



Aquí podedes ler a Proposta de decreto do Goberno (PDF).

As inmediatas reaccións do mundo educativo (30/12/2009) de profundo malestar.

Unha breve historia deste conflito contada por Rafa Villar: Cando os fonemas se converten en metralla (13/07/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 12-01-2010 15:04
# Ligazón permanente a este artigo
O Tribunal Supremo desbota que os pais decidan a lingua de ensino
O Tribunal Supremo rexeita o recurso presentado por unha familia viguesa que exixía que o seu fillo recibise todas as clases en español.


Os pais non poden decidir o idioma no que han estudar os seus fillos. Así se deduce dunha sentenza do Tribunal Supremo, que non admite un recurso interposto pola familia dun estudante vigués, que esixía que o seu fillo recibise as clases unicamente en español, no centro privado no que estaba matriculado.

O texto xudicial di que recoñecer a "toda persoa dependente da xurisdición dun Estado o dereito a ser instruído na lingua da súa elección conduciría a resultados absurdos, xa que todos poderían reivindicar unha instrución impartida en calquera lingua, en calquera dos territorios".

Recurso desestimado

No seu recurso, os pais defenden o dereito a escoller a lingua de ensino do seu fillo baseándose, dunha banda, no artigo 26 da Declaración dos Dereitos Humanos ("todos os pais terán dereito preferente a escoller o tipo de educación que recibirán os seus fillos"). A sentenza que agora dita o Supremo asegura que "tal precepto non autoriza o deseño do currículo educativo dos fillos a conveniencia dos pais". Doutra banda, refírense ao artigo 27 da Constitución Española, que recoñece a liberdade de ensino. O Alto Tribunal alega que este artigo "non ten por efecto garantir nin a pais nin a fillos o dereito a unha instrución impartida na lingua da súa elección". Finalmente, desestímase o recurso e obrígase ao demandante a pagar as costas do proceso.


Pódese ler aquí a sentenza completa (Fonte: Centro de Documentación Xuducial do Tribunal Supremo)



Fonte da noticia: Vieiros (16/11/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 19-11-2009 14:10
# Ligazón permanente a este artigo
Educación promete contar cos equipos de normalización no deseño do novo decreto
O conselleiro de Educación cos representantes da Coordinadora Galega de ENDL
Representantes da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nos centros escolares achegáronlle á Xunta un decálogo "para o consenso".


A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística tivo esta cuarta feira unha xuntanza co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, onde lle expresaron a "preocupación" e o "malestar" diante da polémica orixinada arredor da lingua galega no ensino. "Esta polémica é moi negativa para a convivencia nos centros, e polo tanto para a educación en xeral e para a lingua en particular", indican. Ao fío, achegámoslles os dez puntos debatidos pola coordinadora este xoves co conselleiro e en base aos cales os representantes do colectivo solicitaron da Xunta que, como parte "fundamental" do sistema educativo, se lles permita participar na elaboración de "calquera documento que lexisle o uso das linguas no ensino":


1.O marco lexislativo educativo ten que evitar a confrontación na comunidade escolar.

2.O alumnado non pode ser segregado por razón de lingua.

3.Débese garantir a presenza do galego no ensino ao 50% como mínimo para poder acadar a competencia nas dúas linguas cooficiais. Só así o alumnado poderá escoller en liberdade.

4.Téñense que elaborar materiais didácticos, de calidade e actualizados, en lingua galega para todas as materias e todos os ciclos educativos, que suplan as carencias existentes.

5.Hai que ofrecerlle ao profesorado cursos de reciclaxe e capacitación en lingua galega; para isto é imprescindible contar cun programa previo de formación de formadores.

6.Cada centro debe seguir elaborando o seu Proxecto lingüístico, que é a base para que os ENDL desenvolvan as súas funcións unha vez analizada a situación sociolingüística do centro.

7.Decreto de infantil.

A)Nesta etapa débese garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento das dúas linguas oficiais tendo en conta que a lingua minorizada precisa de maior reforzo.


B)Propoñemos que avalíen os resultados das liñas de galego en infantil de cara a manter este programa. Os informes elaborados nestes centros valoran moi positivamente estes proxectos xa que permitiron conseguir que todo o alumnado adquirise a competencia nas dúas linguas oficiais, fose cal fose a lingua inicial dos rapaces e rapazas.

8.Equipos de Normalización e Dinamización.


A)Débense implementar programas de formación en dinamización lingüística para o profesorado interesado.


B)Hai que potenciar as coordinacións intercentros.

C)Téñense que consolidar as funcións das coordinadoras provinciais dependentes da DXPL.


9.A administración debe realizar campañas efectivas de dignificación da lingua, que comecen polo propio goberno da Xunta. A situación do galego é moi delicada, por iso algunhas accións e declaracións realizadas nos últimos tempos cuestionan o labor de recuperación do galego feito ata o momento.


10. Parécenos inadecuado que a enquisa sexa a base dun decreto novo. Esta consulta, tal e como foi realizada, non pode ter ese peso nunha lexislación educativa. En cambio, débense ter en conta conta os diferentes datos sociolingüísticos existentes tirados de estudos elaborados con rigorosidade (MSG, IGE), así como os diferentes Proxectos Sociolingüísticos de Centro realizados nos últimos anos.


Fonte: Vieiros (25/06/2009)

El Correo Gallego (26/06/2009)

Galicia Hoxe (26/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 26-06-2009 20:25
# Ligazón permanente a este artigo
A CIG recorre ante os tribunais contra a vulneración de dereitos fundamentais e da Lei de protección de datos
Imaxe da rolda de prensa na que a CIG anunciou a presentación de dous recursos
A CIG (Confederación Intersindical Galega) vén de presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e denuncia diante da Axencia Española de Protección de Datos contra o procedemento de consulta a pais e nais sobre o uso das linguas no ensino que está a levar a cabo a Consellaría de Educación. Desde a CIG-Ensino denúnciase a vulneración dos dereitos fundamentais, especialmente a liberdade de expresión e opinión e liberdade sindical, xa que se prohibe informar sobre a enquisa, así como a vulneración da Lei de Protección de Datos, a respecto do uso fraudulento dos ficheiros de xestión académica.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e o avogado da asesoría da central, Héctor López de Castro, compareceron en rolda de prensa para dar conta destes dous novos recursos, que se suman ao presentado a pasada semana diante da propia Consellaría, instándoa a paralizar de xeito inmediato a consulta. Anxo Louzao criticou duramente á Administración por atacar constantemente o noso idioma, utilizando todos os medios á súa disposición ?e mesmo inventar un inquérito ilexítimo para xustificar un resultado previsto de antemán?.

Neste senso, Louzao lembrou a circular enviada pola Consellaría a todos os centros nos que se vai entregar a enquisa prohibindo ao profesorado, Equipas de Dinamización e Normalización Lingüísitica e Equipos directivos reunirse, informar ou opinar sobre o proceso de consulta. Segundo explicou López de Castro, esta prohibición atenta contra o dereito á liberdade de expresión e opinión, de reunión, asociación e liberdade sindical, polo que a central vén de presentar un recurso contencioso-administrativo ante a o TSXG, polo dereito especial de tutela de dereitos fundamentais, coa solicitude á sala de que declare a suspensión cautelar da instrución para que, alomenos, até o día 19, no que remata o inquérito, se poidan producir manifestacións, opinións, reunións, etc.

Dende a CIG enténdese que coa circular a Consellaría se vulneran estes dereitos, constituíndo un caso de censura previa na medida en que se limita a posibilidade de difundir expresións, co agravante, ademais, das coaccións indirectas por parte da administración de abrir expedientes disciplinarios aos docentes que incumpran a prohibición. Anxo Louzao subliñou que o inquérito vulnera as prerrogativas do sistema educativo ao coartar unha das obrigas das equipas directivas: informar sobre o traballo que se desenvolve nos centros. ?O comportamento da Consellaría non busca o debate, senón converter aos centros en centros de pensamento único?, criticou.

Ao tempo, destacou o avogado da CIG, estase negando a posibilidade de crear unha opinión libre, impídese realizar reunións e coacciónase a propia existencia das asociacións no ámbito do ensino, así como se vulnera a liberdade sindical porque se prohibe realizar xuntanzas nos centros para tratar un asunto que ?pode mudar o modelo educativo e o modelo lingüístico?.

Por contra, dende a central criticouse que a propia Consellaría non se ?ruboriza? en levar a cabo unha ?fastuosa? campaña mediática sobre o desenvolvemento do proceso resaltando o seu carácter ?democrático?.

Tratamento de datos persoais
A segunda denuncia cursada nesta mañá pola CIG-Ensino está dirixida á Axencia española de Protección de Datos co obxectivo de que abra un expediente sancionar contra a Consellaría, baseado nas instrución aos centros ordenada pola administración para que se formen listados de alumnos a partir dos ficheiros de xestión académica. Estes ficheiros teñen que estar inscritos no Rexistro da AEPD e teñen que recoller a finalidade para a que se vai empregar esa información.

Non obstante, explicou López de Castro, nas bases de datos da Consellaría, renovadas en abril deste ano, non se recolle que os datos contidos vaian utilizarse para a elaboración dunha nova normativa a respecto do uso do galego no sistema educativo. De igual xeito, destacou a especial sensibilidade dos datos tratados neste caso, xa que se refiren a menores e a unha circunstancia tan particular como a lingua familiar.

Marcar a favor do galego
Pola súa banda, Anxo Louzao animou aos pais e nais chamados a participar neste proceso que se revele contra a actuación ?ilexítima? da Consellaría de Educación marcando na enquisa a opción máis favorábel ao galego, pois, lembrou, ?non se achega a posibilidade de escoller todo o ensino na nosa lingua, e mesmo marcando só a favor do noso idioma nunca se podería superar o actual decreto de normalización do galego no ensino?.

Louzao reafirmou a postura contraria da CIG a respecto deste proceso ?que non pode condicionar o futuro do noso idioma?, retirando a petición de suspensión cautelar da consulta para que ?quede como unha intentona chapuza dun goberno cunha obsesión permanente contra o noso idioma?.


Fonte: CIG-Ensino


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 15-06-2009 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
O custo da campaña publicitaria de Educación para animar a participar na consulta sobre a lingua do ensino

Historias de Icía e Avoa, de Sabela Arias.



Sabiamos que o da enquisa ía supoñer un gasto, pero non imaxinabamos que tamén ía haber unha campaña publicitaria para animar a participar na consulta:

A Consellería de Educación acaba de poñer en marcha unha campaña de publicidade en todos os xornais galegos para animar aos pais a participar na enquisa sobre a elección do idioma no ensino. Unha campaña que pode custar entre 60.000 e 80.000 euros por día?

Educación contratou unha páxina, principalmente en lado par (máis caro), e en seccións importantes de todos os grandes xornais galegos, desde La Voz de Galicia ata a edición galega de El País. Precisamente, a publicidade nestes dous medios é das máis caras de toda Galicia e unha páxina pode chegar a custar 12.000 euros. Con texto bilingüe, como o da propia consulta, a Xunta chama aos pais para que participen e elixan a lingua de educación dos seus fillos.


Fonte: Galicia Confidencial
Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 15-06-2009 16:35
# Ligazón permanente a este artigo
A consellaría de Educación prohibe actos informativos sobre as enquisas lingüísticas
Xosé Lois O Carrabouxo
A consellaría pídelle aos directores que informen á Inspección de calquera campaña nos centros. Os sindicatos consideran que o Goberno quere ?amordazar? o profesorado no proceso de reforma do decreto.


?Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento á Inspección Educativa?. Este parágrafo, que figura nunha circular enviada nas últimas horas pola Consellaría de Educación aos centros, está a provocar un considerábel malestar entre o profesorado.

Os sindicatos CIG e o STEG xa arremeteron esta mesma tarde contra unha circular que consideran que busca atemorizar á comunidade docente para que, coincidindo coa chegada das enquisas para mudar o decreto non se implique nunha campaña en prol do galego. O polémico correo chega pouco despois de que sindicatos e colectivos diversos acordaran crear unha fronte comun para reivindicar que o idioma do país non perda terreo nas aulas. De feito, os equipos de normalización lingüística dos colexios públicos e concertados teñen previsto repartir milleiros de folletos informativos para que os pais pidan que, polo menos, a metade das materias se impartan en galego.

A este respecto, dende o STEG afirman que xa teñen consultado o correo cos seus avogados e que o correo electrónico non ten valor legal ningún, xa que vulneraría principios básicos como a liberdade de expresión ou a sindical.


Máis información en Vieiros (11/06/2009)


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 12-06-2009 18:30
# Ligazón permanente a este artigo
Declaracións de Anxo Lorenzo como Secretario Xeral de Política Lingüística
Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez na súa primeira comparecencia ante os medios de comunicación
Jesús Vázquez, Conselleiro de Educación, na esquerda da imaxe, e Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, na súa primeira comparecencia xuntos ante os medios de comunicación (18/5/2009).
Foto de Álvaro Ballesteros en La Voz de Galicia.



Na primeira entrevista concedida a Vieiros por teléfono, Anxo Lorenzo avogou por un "modelo de ensino plurilingüe" consensuado e "ben asentado e que asegure un coñecemento idéntico de galego e castelán e no que teña peso o coñecemento de lingua estranxeira?.

O outro punto no que insistiu o novo Secretario Xeral de Política Lingüística para parar o proceso de substitución lingüística foi o da dinamización:

"Hai que propiciar actividades que axuden a dinamizar e a visibilizar a lingua galega nos ámbitos urbanos. Ten que haber espazos para aprendela e usala. O fundamental, repito, é apostar por unha dinamización orixinal, creativa e aberta.

Para min sería fundamental que os datos de uso e presenza da lingua galega fosen superiores aos actuais, que aumentasen os galegofalantes máis novos e unha maior visibilidade para a lingua nas cidades. En definitiva, parar o proceso de substitución lingüística."

O Secretario Xeral fixo máis declaracións estes días, pero por agora non deu moitas pistas sobre o seu proxecto, á parte da constatación de que o decreto se derrogará. O que si pediu foron cen días de confianza para que se poidan ver os primeiros froitos do seu traballo e reiterou que quere un gran consenso arredor da lingua.


Deixa o teu comentario (0) - Categoría: 12. Política Lingüística - Publicado o 19-05-2009 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0