As Campaíñas


Visítanos Pablo García, gañador do Premio Biblos
Pablo García Martínez, nacido en Arzúa fai 23 anos, foi o gañador da quinta edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia para autores de menos de 25 anos. Relato dun estalido xordo, título da obra provisional que o xornalista de Arzúa presentou a concurso, converterase nunha novela acabada grazas a un proceso durante o cal contará coa axuda de Manuel Rivas.

Poucos días despois de coñecer a valoración final do xurado do Premio Biblos, esta nova promesa da literatura respondeu as preguntas de Netclub.

En que momento e como pasas de escribir por afección a expoñelo como algo máis serio?

A verdade é que non teño claro aínda que supere este punto. Ata este momento a escritura foi para min algo circunstancial e determinado polas vontades. Coa miña participación neste premio empecei a ter unha dedicación máis continuada. O aumento do tempo e as enerxías destinadas a esta faceta viñeron determinadas pola superación das diferentes fases recollidas no funcionamento do certame, e agora aínda falta a parte de maior traballo.

Como se empeza a escribir unha primeira novela?

Esa é unha boa pregunta, xa que é unha curiosidade que compartimos. Eu aínda non teño moi claro cando unhas historias illadas comezaron a converterse no que será unha novela, e moito menos como se termina. A isto axudaranme dende agora e quizais ao final do ano consiga ter clara a resposta á vosa pregunta, que é tamén a miña.

Relato dun estalido xordo preséntase como unha novela de adolescencia nunha vila da Galicia interior. Canto hai de autobiográfico nos personaxes e a súa contorna?


Eu considero que todo o que facemos ten algo de autobiográfico, e este caso non é diferente. A historia principal que se recolle no proxecto actual protagonízana un grupo de mozos que comparten vivencias usando como escenario unha noite de festa. Ese escenario físico e tamén a néboa lúdica que o arrodea parécense moito a aquela que coñecín só uns anos atrás, pero naqueles compoñentes autobiográficos que a obra poida ter ou terminar tendo sempre terei a liberdade de malealo ao meu gusto. Nunca serán fotografías, senón máis ben debuxos que teño a sorte de poder deformar ao meu gusto. Aínda así, está claro que miro cara a atrás para evocar os ambientes que pretendo recrear e miro desde os meus ollos, que son os que teño.

O premio Biblos ten un funcionamento bastante orixinal, xa que non se premia a obra rematada, senón o seu proxecto. Que vantaxes cres que ten este sistema? Dirías que vos achega a un proceso creativo profesional?


É un exemplo de gran oportunidade para a xente nova que ten inquietudes e déixanos sen argumentos para non buscar un vehículo (que no meu caso é a escritura) que nos permita democratizar aquilo que nos ferve dentro.

Como dirías que inflúen a túa formación e experiencia xornalística á hora de abordar este desenvolvemento?

O que máis me achega a miña formación e a miña experiencia é o costume de escribir continuadamente e baixo tensión constante, que se converten en esixencias tanto dende o punto de vista lingüístico coma intelectual. Despois durante este tempo fixen importantes avances na correcta utilización da lingua, nos que tiveron unha importancia capital os meus compañeiros Moncho Vilar e Ana Salgado.

Que esperas que che achegue un titor como Manuel Rivas no proceso de acabado do libro?

Espero comprensión e paciencia en primeiro lugar, porque vai ter moito que puír comigo. Despois a maior achega que espero é que me axude a ver un catálogo de solucións xerais aos problemas de elaboración que ten actualmente o meu proxecto, porque el xa se enfrontou en moitas ocasións a dúbidas deste tipo. Aínda así, estou aberto a que estas expectativas iniciais sexan superadas nos próximos meses.

Como cres que afectará este premio á túa futura carreira literaria?

Tomando como punto de partida a consideración da miña carreira literaria como unha ficción este premio fai que sexa un pouco máis real ese concepto.

A longo prazo, cales son os teus obxectivos na literatura?


Seguir divertíndome, lendo e, se continúo escribindo, sentirme realizado co que faga.
Comentarios (0) - Categoría: Actividades - Publicado o 25-05-2010 19:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0