As Campaíñas


El árbol de la ciencia, de Pío Baroja.
Adán proba o froito da árbore da ciencia
El árbol de la ciencia é unha novela difícil de reseñar, pois ó ser lectura obrigatoria moi frecuentemente nos bacharelatos, case todo o que se pode dicir dela que sexa de interés para os estudantes, xa está dito. Por iso esta reseña só quere ser unha presentación da obra a todos aqueles que non a coñezan e, sobre todo, unha opinión personal.

Comezarei dicindo que toda persoa medianamente cultivada debe ler este libro ó chegar a unha idade. Convén lela a partir dos dezaséis ou dezasete anos (pois é unha novela dura, sen piedade). Se un non leu este libro na adolescencia ou na primeira xuventude, xa se perdeu algo importante. A Andrés Hurtado, igual que ó Raskólnikov de Crime e castigo, hai que coñecelo coa mesma idade que el ten. A aproximación a esta novela na idade adulta pode ser mellor ou peor aproveitada dependendo da vontade que o lector teña de abrir os ollos a realidade. As realidades que se retratan nela son duras e rabiosamente actuais (a pesar de que a acción transcorre a finais do século XIX e principios do século XX), e precisan un lector disposto a plantexarse cuestións de peso, cousa pouco frecuente a partir de certa idade, en que é tan difícil saír da comodidade duramente conquistada.

Moitas veces se di que Pío Baroja improvisaba ó escribir, que deixaba ás súas novelas medrar espontaneamente; pero tamén se di que El árbol de la ciencia é unha excepción a este costume. Efectivamente, El árbol de la ciencia ten unha estrutura moi definida (non a explicarei aquí, pois o explicala supón desvelar feitos importantes da historia), en torno á cal se plantexa o argumento, que non é outro que o relato da vida de Andrés Hurtado a partir de que, ó comezar a estudar na facultade, ingresa na idade adulta. A través dos ollos de Andrés, que vive, traballa e frecuenta diversos lugares, ambientes e tipos de xente, Baroja ofrece unha crítica da decadente España finisecular. Esta crítica da situación patria é característica da Xeración do 98 española, como tamén o é o espíritu filosófico da novela, deudora da obra de Schopenhauer. A visión da natureza como unha forza indomable e aniquiladora que somete ó ser humano á súa vontade sen que el poida facer nada é, por exemplo, unha das bases do pensamento deste filósofo. Andrés, que probou o froito da árbore da ciencia do ben e do mal (o coñecemento), está envenenado e non só non desexa integrarse con alegría nun mundo dominado por tan terribles leis -as da natureza-, senón que loita por manterse afastado delas. Como é natural, a loita está perdida de antemán, pois nin un home só, nin toda a humanidade, pode alterar o peso das leis naturais. Unha dolorosa lección de humildade, saber que un home non pode ter maiores aspiracións no mundo ca unha cucaracha.

A tese da novela, tristemente, é universal, e por iso merece a pena ler este libro ós dezaoito anos, e relelo cada vez que un esquece as súas ensinanzas.


Comentarios (0) - Categoría: Lecturas - Publicado o 18-05-2010 00:34
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0