As Campaíñas


Middlesex, de Jeffrey Eugenides
Jeffrey Eugenides (1960) é un novelista estadounidense de ascendencia grega, autor de The Virgin Suicides (Las vírgenes suicidas, Anagrama) e desta segunda novela súa, Middlesex, coa que gañou o Premio Pulitzer. Poucos detalles se saben da súa vida, pois é un autor reacio a facer declaracións sobre sí mesmo. A obra orixinal está escrita en inglés, a primeira edición española é de 2003 (Editorial Anagrama, con tradución de Benito Gómez Ibáñez).
Middlesex é unha novela rara. O mesmo narrador califica o relato como ?esta narración singular y fuera de lo común?, rexeitando explicar con detalle asuntos que puidesen semellar moi habituais. Polo contrario, a atención pretende centrarse nos feitos extraordinarios, singulares. Non está exenta de ironía esta declaración do narrador e pode observarse non só en afirmacións explícitas como a citada, senón tamén na actitude coa que encara o relato: hai na voz do narrador o reflexo dunha mirada pretendidamente fría e distanciada que analiza dende un obxectivismo cuasi-científico os feitos que se narran. Feitos que, si, poden considerarse pouco comúns (o relato podería resumirse como a historia de como a práctica reiterada da endogamia nunha familia dá lugar ó nacemento dun hermafrodita, Cal, o protagonista da novela); pero non tanto, como comprobará o lector ó recoñecer no relato do extraordinario o reflexo do máis común. Esta actitude de distanciamento no narrador, esta ironía, é como unha rede: a mesma historia, nas mans dun autor con menos gusto, sería un culebrón folletinesco, ben estrano, por certo. Ó comezar a ler é o primeiro que chama a atención, e mesmo retrae un pouco, ata que comeza a debuxarse a historia coa que o Cal adulto trata de explicar a súa condición. Esta historia é a historia da súa familia, e arranca en Turquía, nos anos 20, coa paixón secreta dos seus avós (primos pero tamén irmáns), quen, ó emigrar ós Estados Unidos, libres das miradas dos coñecidos, poden casar. A tortura comeza para Desdémona cando, ó quedar embarazada, escoita por primeira vez falar dos problemas que poden ter os fillos dunha unión endogámica. Os remordementos da avoa son grandes e, a pesar da vontade que pon en evitar que estes problemas se dean na súa familia, non pode facer nada cando o seu fillo Milton casa coa súa prima Tessie, os pais de Cal, que nace sendo Calliope, unha nena (a pesar de que as predicións que a avoa fixera cunha culler dicían que ía ser un neno) que ó chegar ós catorce anos resulta ser outra cousa (un monstruo, según o dicionario e a ciencia dos anos 70). Resístome á tentación de contar aquí o capítulo final, porque sei que a moitos lectores non lles gusta que lles conten o final das historias, pero si direi que nel está a clave da interpretación da novela, a luz do misterio e a solución dos problemas, e que sen mencionalo o comentario está incompleto. En suma, que, por raro que pareza, á súa maneira Middlesex ten un happy-end moi americano, común pero pouco común.
O que máis me gustou da obra foi o retrato dalgúns personaxes, como Lefty (o avó, elegante e decadente ata o último día) ou Capítulo Once, o irmán de Cal (non cheguei a saber por que o chamaron así). Tamén me gustou o relato do primeiro amor de Calliope cunha rapaza á que lle chama o ?Oscuro Objeto? (noutra mostra de ironía do narrador). O personaxe de Desdémona tamén é interesante, pero máis polo papel que ten na novela que por outra cousa.
Middlesex, en resume, é unha novela na que custa entrar, pero da que custa saír. Recomendaría a súa lectura a un lector esixente e disposto a explorar un pouco máis alá dos convencionalismos literarios.

Comentarios (1) - Categoría: Lecturas - Publicado o 28-02-2010 02:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Coincido en todo cos teus comentarios, sobre todo no da frialdade do protagonista. A min#blgtk08# tamén me custou entrar, pero despois encantoume esta historia familiar chea de ironía.
Comentario por Heladio (03-03-2010 10:48)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
Club de Lectura
As Campaíñas
CPI don Aurelio
Cuntis

O meu perfil
cpidonaurelio@gmail.com
 CATEGORÍAS
 FOTOBLOGOTECA
 RECOMENDADOS
 ANTERIORES
 ARQUIVO
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS

© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0