
Deixando afastado o tempo das sombras por un tempo,
no espazo invisíbel no que se move a ledicia
e se mestura cos desvelos,
aquí, onde o chan manca
as plantas dos pés cansados,
lacerados polas espiñas
das silveiras da beira do camiño,
florecen matas de rosas,
xasmíns e flores de lavanda
que perfuman os meus pasos
e traen prendidas no aire mil lembranzas.
O arco da vella vai pousando sobre a pel
luces milagrosas
que van do vermello ao violeta,
e pintan sorrisos en cada xesto.
Deixando afastado o tempo das sombras por un tempo,
tendo as mans para que as túas
se acheguen á inmensidade
que un día escuro
daquel escuro tempo, nunca fuxido,
tentaron construír
sen deixar de regalar un sorriso.
Grazas, Gabi, polo teu xeneroso agasallo. |