| MEMORIA DE UNA GENERACIÓN |
|
|
|

|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
| O Campo do meu arredor - De la Viña |
|
O Campo do meu arredor
De súpeto, acordei. Abrín os ollos lentamente. A luz encheu o meu arredor consciente. O ar estaba morno. Arrecendía a herba e a palla seca; croaban as ras nun rego preto de min. Tiña a cabeza e a cara contra o chan; como se esfociñara. Pero non; non foi tal. Agora lembro: quedara durmido mentres asexaba un grilo Príncipe, no seu burato. Era maio, e a atmosfera estaba chea de aromas. Olores do campo. Bueno, tamén estaba o regato que viña do balneario dos Baños Novos; os de Cambón; ese, máis ben cheiraba. Pero o conxunto, a min gustábame. Estaba no meu paraíso particular: un campo, con grileiras e un regato con ras. ¿Pódese pedir máis, para un cativo da miña idade, deses que van cos xeonllos ó ar?.
Normalmente estaba no campo que chamaban de Barrán, pegado ó Río Pequeno, que máis adiante souben que lle chamaban o Rego da Balsa. Barrán non era o dono, pero era o que o coidaba, e un dos seus cometidos principais, era escorrentar ó grupo de rapaces que tiñamos o mal costume de usa-lo campo como sitio de xogo. E iso non lle gustaba; así que o seu pasatempo favorito, era botar a correr detrás nosa, berrando e xurando que se nos pillaba íanos matar. E non era para tomalo a broma, porque el era o matachín do pobo. Iso dá medo. Moito medo... O campo de Barrán estaba tamén xunto ó balneario dos Baños Novos, que tiña as súas historias; logo vos contarei algunha.
O sol puxérame media cara colorada. Pero volvín co meu espírito de cazador aventureiro. Collín de novo a palliña, e tentei de sacar ó grilo da súa cova. ¿Sabiades que hai varios tipos de grilos?. Os máis abundantes son os príncipes, así chamados porque no lombo, sobre as súas ás, tiñan debuxada como un P maiúsculo. E cantaban moito. Cantaban doce, e a min semellábanme bos rapaces. Vai ti a saber por que. Había outros grilos máis raros, que coido chamaban carniceiros. Eran ruíns, non cantaban e disque comían ós príncipes. ¡Serían republicanos!, ha, ha, ha. Xa o seu nome daba creto da súa perfidia. Carniceiros...
A maioría das veces cazaba un ou dous, e metíaos nunha pequena gaiola de plástico verde, cunhas follas de leituga; e levábaos para casa. Non aguantaban moito, meus pobres. Pero outras, quedaba mirando para eles sen moverme, para non asustalos, na porta do seu burato. Entón, se non te movías, poñíanse a cantar: cri, cri, cri!. E eu pasmaba, ollando para eles, fascinado pola súa chamada de amor. O tempo pasábame así, como se non existira; alí, mergullado naqueles doces sons, nos arrecendos do campo; as andoriñas zoando ó meu redor na busca de alimentos para súas crías. Sempre aparecían outros animais, que espertaban a miña tremenda curiosidade: un rato de campo, pequeno e con máis medo ca min; unha denunciña ou denociña esquiva; ou algunha estraña cascuda. Se había sorte, que non moitas veces, teño albiscado algunha toupa, desaparecendo rápido nos seus furados; algún ourizo cacho, coas súas púas como traxe de guerreiro, especialmente riquiñas cando se facían unha bóla. Nunha ocasión, só en unha, cheguei a ver, ó lonxe, unha londra. ¡Si!, unha londra. Claro que iso foi no regato cando estaba pescando ras. ¿Conteivos como era?. A cousa era doada, polo menos así de primeiras; seguindo as regras. E a norma dicía: colles unha margarida, e un anzó, ou un arame dobrado a tal xeito, atado a un cordel, e este a un pao pequeno; e procurando poñerllo diante dos fociños da ra. O conto tiña a súa arte. Non fagades caso se vos din que estaba chupado. Eu, na miña vida conseguín pillar unha soa daquelas feras saltonas.
Acababan brincando, logo de mirar con insultante indiferenza, para aquel suculento cacho de flor. Nunca souben por que non picaban. Tampouco souben de ninguén que as pescara así, ó demo das ras. Mais era o que dicían os manuais de perfecto pescador de batracios. Ben, o caso é que me pasaba o tempo, enfeitizado pola abundante natureza do meu contorno. Alí, pousado sobre dunha espadana, estaba quieto un cabaliño do demo, de fermoso corpo.
(José María de la Viña)
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|