Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


    A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


O sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña
Recibe a boa vinda ao pequeno sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña.

A Mesa é unha plataforma cidadá independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a plena normalización da lingua galega en todos os ámbitos da socidade.

É na actualidade a principal asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socias e socios, un 17% das e dos cales están nesta zona.

O meu perfil
amesadacorunha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Valedor do Pobo insta o Concello da Coruña a garantir que a Compañía de Tranvías use o galego
A denuncia dun socio da Mesa na cidade da Coruña posibilitou que o Valedor do Pobo se dirixa formalmente ao Concello da Coruña para lle "recomendar" que inste a concesionaria do transporte público urbano -a Compañía de Tranvías -a non excluír a lingua galega nas súas sinalizacións, mensaxes de voz, materiais informativos dirixidos ás persoas usuarias ou campañas publicitarias.
A Mesa fixo pública hai uns días en conferencia de imprensa esta histórica resolución, que supón un serio aviso para a política de exclusión sistemática da lingua galega que aínda practican distintas áreas do Concello e a práctica totalidade das emrpesas concesionarias de servizos municipais, non sendo en aspectos testemuñais ou moi específicos, como as notificacións de cobro.
Ademais de a empregar con normalidade o galego, o Valedor do Pobo pídelle ao Concello que inste a Compañía de Tranvías a usar a toponimia "oficialmente recoñecida", tanto no que ten a ver co nome oficial da cidade (o nome da propia compañía segue a ser "de La Coruña") como tamén cos topónimos incluídos no rueiro da cidade e coas denominacións dos barrios da cidade. Hai pouco, o grupo local da Mesa denunciaba que a renovación da sinaléctica informativa das paradas en diferentes zonas da cidade non estaba a servir para corrixir vellas ilegalidades, senón para mantelas, mesmo a pesar de a Concellaría de Mobilidade e Transporte contar cun inventario elaborado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello que sinalaba cales deben ser as denominacións correctas das paradas e lugares en cada unha das liñas que atravesan o territorio municipal.

Vontade de diálogo co novo alcalde e o seu goberno

A Mesa aproveitou a súa comparecencia perante os medios na Coruña para valorar o resultado das eleccións municipais do 22 de maio na cidade na perspectiva do que os mesmos poden significar para a nosa lingua e a nosa cultura.
O presidente da Mesa, Carlos Callón, sinalou que a asociación "respecta" o resultado electoral, que outorgou a maioría absoluta ao Partido Popular no Concello, mais prometeu "firmeza e compromiso" coa lingua ao tempo que amosou a vontade da organización de dialogar co novo alcalde, Carlos Negreira, e co seu equipo, para chegar a acordos que sexan beneficiosos para a nosa lingua e non supoñan retroceso ningún a respecto do avanzado nos últimos catro anos. Así, A Mesa solicitaralle formalmente unha entrevista a Negreira tan axiña como sexa investido alcalde, o día 11 de xuño.
Carlos Callón recoñeceu que as promesas e discursos electorais do PP a respecto da lingua, tales como a inmediata eliminación do Servizo de Normalización ou da propia Concellaría, ou a volta ao uso do topónimo deturpado da cidade, "son motivo de preocupación". O presidente da Mesa afirmou agardar que Carlos Negreira goberne "como o deputado que en 2004 votou desde o seu escano no Parlamento de Galiza o Plan xeral de normalización da lingua galega" e non "como o candidato que se caracterizou nos últimos tempos polo seu histrionismo cara ao galego".
Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2011 12:00
# Ligazón permanente a este artigo
A A.C. Alexandre Bóveda presenta un proxecto de recuperación da microtoponimia costeira da Península da Torre
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña presentou esta semana un proxecto de recuperación da microtoponimia costeira da Península da Torre. Na iniciativa, que contou coa colaboración da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, contouse coa participación directa dalgúns dos maiores coñecedores da contorna da Torre: os percebeiros. Un deles, Emilio "Milucho" Mariñas, é quen, acompañado do polifacético escritor e artista Xurxo Souto, vai descubrindo un a un todos os nomes tradicionais dos principais accidentes costeiros que rodean a zona da Torre, descoñecidos para a inmensa maioría da veciñanza coruñesa e ignorados até o momento por todos os poderes públicos.

A Agrupación Alexandre Bóveda retoma con este novo proxecto un traballo de restauración da microtoponimia propia que xa desenvolvera na zona hai máis dunha década, cando antes que ningunha administración tomara a iniciativa de sinalizar camiños, praias, furnas e cantís.

O proxecto consta inicialmente dun polidíptico que inclúe un mapa coas diferentes denominacións de cada un dos puntos da costa da Torre e dun traballo audiovisual no que participan Xurxo Souto e o propio Emilio Mariñas. A partir do outono, a agrupación cultural conta con iniciar unha campaña de divulgación entre a veciñanza dos barrios próximos á costa da Torre e en centros de ensino de toda a cidade "para que a memoria dos nomes de noso pasen dunha xeración a outra".

A Rabaleira, O Boi, A Vaca, O Becerro e O Becerriño, a praia de Area de Concha, O Cabalo de Pradeiras, o Herminio, O Gueivouteiro, O Grelle ou Cabo Verde son só algúns dos nomes tirados do esquecemento grazas a esta iniciativa.
Categoría: Xeral - Publicado o 03-06-2011 11:38
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0