Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


    A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


O sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña
Recibe a boa vinda ao pequeno sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña.

A Mesa é unha plataforma cidadá independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a plena normalización da lingua galega en todos os ámbitos da socidade.

É na actualidade a principal asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socias e socios, un 17% das e dos cales están nesta zona.

O meu perfil
amesadacorunha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Rosa Díez e a condición "pexorativa" de ser galeg@
Non é, lamentabelmente, a primeira vez que acontece algo semellante ao longo da historia do noso pobo. Tampouco é a primeira vez na propia Rosa Díez: xa antes dese seu "podría ser gallego" (en alusión ao presidente do goberno español José Luís Rodríguez Zapatero) que lle espetou a Gabilondo na entrevista de CNN+, a política acusara o pasado mes de outubro nunha visita á Coruña nada menos que ao Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, de se estar a comportar como un "gallego" (cualificativo que, por certo, situaba á par do de "covarde").

En chegado este punto, cómpre preguntarse: que é para Rosa Díez -supomos que para o conxunto do seu partido -ser "gallego" (ou, se cadra cousa peor, ser "gallega")? Cal é o sentido "máis pexorativo" da palabra que lle estaba a pasar polo maxín para cualificar así tanto a Zapatero como ao líder da oposición, cun breve mais significativo "es gallego"? É, en todo o caso, mellor ou peor que se dicimos que unha persoa é moi basca, moi catalá, moi canaria ou moi asturiana no sentido "máis pexorativo" do termo? Reparemos agora -oh, casualidade! -en que así como o uso do español coloquial si recolle a frase ou expresión "ser gallego" ou comportarse "como un gallego", nada hai sobre o mesmo uso para os xentilicios doutros territorios "felizmente integrados en España". Non se di de ninguén que é "moi andaluz" (por máis que se manexen tópicos consabidos sobre os andaluces/zas, ou sobre os cataláns/ás, ou sobre os castellanos/as). Eis onde reside precisamente a diferenza, a idea (vixente, por desgraza, non só no cerebro de Rosa Díez: a proba é que Iñaki Gabilondo nin se inmuta) da galega como unha das "razas malditas" da Creación, como unha vez escribiu o noso sempre xenial O'Rivas.

Após a "doma e castración" daquel Reino chamado Galiza, "que se facía necesario pacificar, pois era moi guerreiro" (palabras de Jerónimo Zurita, autor dos Anales de la Corona de Aragón), chegaron os chamados séculos escuros, tamén infames no que tivo a ver coa deformación a mantenta, até o límite do insulto, da imaxe colectiva do noso pobo e as súas xentes. "Antes puto que gallego", dicía o refraneiro castelán desta época, por non citarmos as coñecidas opinións "literarias" que sobre nós verteron Góngora, Quevedo ou Lope de Vega. Aínda no século XIX alguén de pensamento supostamente "moderno" e "liberal" como Mariano José de Larra soltou a pérola de "el gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio del asno". E así poderíamos seguir...

Porén, nin é necesario ollarmos tan atrás no tempo, pois as persoas menos informadas poderían pensar que tal recurso á parvicie e ao insulto baleiro é cousa do pasado: o 27 de xaneiro de 2009, hai ben pouco máis de un ano, podemos ler un perigoso esquerdista como Raúl del Pozo, habitual columnista do xornal El Mundo, dicir de Mariano Rajoy: que tiene de gallego apenas la cobardía del pobre, en suposta alusión a Aznar ou á súa contorna. E non é o único caso: o xornal El País, en xullo de 2008, ao analizar os cambios na cúpula militar do Estado e os diferentes nomes di do ourensán Julio Rodríguez: "Entonces, se le consideraba próximo a la Unión Militar Democrática, pero ya ejercía de gallego".

Que se saiba, non hai máis xeito coñecido de "exercer" de galego que tratando de contribuír ao benestar colectivo do teu país e das túas xentes, orgullarte del e visibilizalo. Aínda bo sería ter alguén na cúpula militar española exercendo de galego! Cando menos, de seguro que a presenza da nosa lingua nos cuarteis e instalacións militares sería ben outro e non invisíbel, como hoxe é.

E aínda un último exemplo, tamén ben recente: lembran o mediático "Caso Waninkoff" e a inxustamente condenada Dolores Vázquez, de orixe galega? Pois precisamente o avogado da outra parte escusaba o calvario xudicial e penitenciario que a muller inocente tivo que padecer alegando que no xuízo as súas respostas eran "muy gallegas". E logo, señor avogado, sendo como era a señora de Betanzos, como quería que fosen? Sabemos ao menos que, se cadra, se Dolores Vázquez tivese respondido no xuízo "á xaponesa", "á ruandesa" ou "á madrileña" quizá tería zafado da cadea...

Esa é se cadra, para tanta e tanto Rosa Díez como hai a pulular por aí en pleno século XXI, a única solución que temos como pobo: sermos cada día un pouquiño menos galeg@s, facermos ese esforzo, para ver se dese xeito conseguimos redimir a nosa alma ou chegar a adquirir (quen sabe se algún día) a condición humana.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-02-2010 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
As escritoras e escritores chaman a defender a nosa lingua e a nosa cultura este 24 de febreiro, Día de Rosalía
Mañá cuarta feira, 24 de febreiro, instituído como Día de Rosalía, conmemórase o nacemento dunha das voces máis universais e senlleiras -e porén unha das menos coñecidas en toda a súa dimensión literaria, filosófica e humana -na nosa literatura moderna. Non por acaso, todas os intentos de periodización da literatura de noso fan pivotar sobre a autora de Cantares Gallegos e Follas Novas a forza e o verdadeiro inicio do noso Renacer cultural na segunda metade do século XIX.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade que agrupa desde hai xa anos a unha parte moi importante das nosas creadoras e creadores literarios contemporáneos e que viu pasar pola súa presidencia, de feito, a quen este ano se honra no Día das Letras, Uxío Novoneyra, aproveita a efeméride para dar a coñecer un manifesto en defensa da nosa lingua e da nosa cultura nacionais, elaborado para a ocasión.

Seis das sete cidades máis poboadas do país acollerán mañá 24 de febreiro á tarde lecturas simultáneas do dito manifesto xunto a emprazamentos escollidos polo seu valor simbólico en cada lugar.

Na Coruña, o acto público de lectura do manifesto da AELG terá lugar ás 18h xunto ao monumento a Curros Enríquez, situado no Recheo (Xardíns de Méndez Núñez), xunto ao Hotel Atlántico e ao edificio do Teatro Colón e a Deputación.

Máis información sobre a AELG, esta iniciativa ou o manifesto que se divulgará mañá: www.aelg.org
Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2010 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0