Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


    A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


O sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña
Recibe a boa vinda ao pequeno sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña.

A Mesa é unha plataforma cidadá independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a plena normalización da lingua galega en todos os ámbitos da socidade.

É na actualidade a principal asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socias e socios, un 17% das e dos cales están nesta zona.

O meu perfil
amesadacorunha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Este luns 15 de marzo ás 20h concentración na Praza de Pontevedra da Coruña. NON AO DECRETAZO CONTRA O GALEGO!
Este mediodía o Conselleiro de Educación e mais o seu fiel e leal vasalo e escudeiro, o Secretario Xeral de ¿Política Lingüística? (e logo non dicían que a lingua non se podía politizar?), presentaron aos medios de comunicación en solemne e aleivosa comparecencia os contidos do anteproxecto do decretazo contra o galego no ensino.

Fieis ao seu estilo, solermiño, trampulleiro e covarde (na súa acepción máis pexorativa, por suposto), fixérono de novo un día non lectivo para que as comunidades educativas se tivesen que enteirar da noticia do mesmo xeito que dicía o outro enteirarse das ilegalidades do seu propio goberno: polos xornais.

Pensarán, se cadra, (malpocados!), que esta tendencia maníaca á ocultación da realidade é estratexia? Se son felices e rebuldeiros así, deixémolos rebulir na súa inconsciencia.

Por suposto, se o que pensaban era que non habería resposta social, andaron máis unha vez enganados: nun tempo aínda máis récord que o empregado para convocar o pasado 30 de decembro, a Plataforma Queremos Galego, impulsada desde o primeiro día pola Mesa, deu convocado e xuntado nunhas poucas horas (só foi posíbel comezar a avisar á xente ben pasadas as seis da tarde) unhas dúas mil persoas á mesma porta do Conselleiro e ben perto do tobo en que adormece o que se cadra algún día foi intelixencia de Anxo Lorenzo. A esta plataforma, só por isto, tíñanlle xa que ir dando -cando menos propola -para o Libro Guiness dos récords.

Nunha próxima entrada analizarase máis polo miúdo o contido do anteproxecto do decretazo hoxe presentado "en sociedade", así que o faga a propia Mesa a través da súa Comisión Permanente e a súa directiva. No entanto, reiteramos a idea hoxe exposta na súa intervención final por Carlos Callón, Presidente da Mesa: "engánase quen pensou que isto de hoxe era o desenlace de algo e que o PP gañou a batalla". Nada máis lonxe: como din consignas supostamente vellas, por máis que o Poder se esforce en as facer plenamente vixentes, "a loita continúa". E tanto que continúa! Esta segunda feira sen ir máis lonxe, este 15 de marzo, con concentracións cidadás en diferentes comarcas do país.

Na Coruña, será ás oito do serán na Praza de Pontevedra, diante do instituto.

Na defensa do galego, nin un paso atrás!
Categoría: Xeral - Publicado o 13-03-2010 17:52
# Ligazón permanente a este artigo
Rosa Díez e a condición "pexorativa" de ser galeg@
Non é, lamentabelmente, a primeira vez que acontece algo semellante ao longo da historia do noso pobo. Tampouco é a primeira vez na propia Rosa Díez: xa antes dese seu "podría ser gallego" (en alusión ao presidente do goberno español José Luís Rodríguez Zapatero) que lle espetou a Gabilondo na entrevista de CNN+, a política acusara o pasado mes de outubro nunha visita á Coruña nada menos que ao Presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, de se estar a comportar como un "gallego" (cualificativo que, por certo, situaba á par do de "covarde").

En chegado este punto, cómpre preguntarse: que é para Rosa Díez -supomos que para o conxunto do seu partido -ser "gallego" (ou, se cadra cousa peor, ser "gallega")? Cal é o sentido "máis pexorativo" da palabra que lle estaba a pasar polo maxín para cualificar así tanto a Zapatero como ao líder da oposición, cun breve mais significativo "es gallego"? É, en todo o caso, mellor ou peor que se dicimos que unha persoa é moi basca, moi catalá, moi canaria ou moi asturiana no sentido "máis pexorativo" do termo? Reparemos agora -oh, casualidade! -en que así como o uso do español coloquial si recolle a frase ou expresión "ser gallego" ou comportarse "como un gallego", nada hai sobre o mesmo uso para os xentilicios doutros territorios "felizmente integrados en España". Non se di de ninguén que é "moi andaluz" (por máis que se manexen tópicos consabidos sobre os andaluces/zas, ou sobre os cataláns/ás, ou sobre os castellanos/as). Eis onde reside precisamente a diferenza, a idea (vixente, por desgraza, non só no cerebro de Rosa Díez: a proba é que Iñaki Gabilondo nin se inmuta) da galega como unha das "razas malditas" da Creación, como unha vez escribiu o noso sempre xenial O'Rivas.

Após a "doma e castración" daquel Reino chamado Galiza, "que se facía necesario pacificar, pois era moi guerreiro" (palabras de Jerónimo Zurita, autor dos Anales de la Corona de Aragón), chegaron os chamados séculos escuros, tamén infames no que tivo a ver coa deformación a mantenta, até o límite do insulto, da imaxe colectiva do noso pobo e as súas xentes. "Antes puto que gallego", dicía o refraneiro castelán desta época, por non citarmos as coñecidas opinións "literarias" que sobre nós verteron Góngora, Quevedo ou Lope de Vega. Aínda no século XIX alguén de pensamento supostamente "moderno" e "liberal" como Mariano José de Larra soltou a pérola de "el gallego es un animal muy parecido al hombre, inventado para alivio del asno". E así poderíamos seguir...

Porén, nin é necesario ollarmos tan atrás no tempo, pois as persoas menos informadas poderían pensar que tal recurso á parvicie e ao insulto baleiro é cousa do pasado: o 27 de xaneiro de 2009, hai ben pouco máis de un ano, podemos ler un perigoso esquerdista como Raúl del Pozo, habitual columnista do xornal El Mundo, dicir de Mariano Rajoy: que tiene de gallego apenas la cobardía del pobre, en suposta alusión a Aznar ou á súa contorna. E non é o único caso: o xornal El País, en xullo de 2008, ao analizar os cambios na cúpula militar do Estado e os diferentes nomes di do ourensán Julio Rodríguez: "Entonces, se le consideraba próximo a la Unión Militar Democrática, pero ya ejercía de gallego".

Que se saiba, non hai máis xeito coñecido de "exercer" de galego que tratando de contribuír ao benestar colectivo do teu país e das túas xentes, orgullarte del e visibilizalo. Aínda bo sería ter alguén na cúpula militar española exercendo de galego! Cando menos, de seguro que a presenza da nosa lingua nos cuarteis e instalacións militares sería ben outro e non invisíbel, como hoxe é.

E aínda un último exemplo, tamén ben recente: lembran o mediático "Caso Waninkoff" e a inxustamente condenada Dolores Vázquez, de orixe galega? Pois precisamente o avogado da outra parte escusaba o calvario xudicial e penitenciario que a muller inocente tivo que padecer alegando que no xuízo as súas respostas eran "muy gallegas". E logo, señor avogado, sendo como era a señora de Betanzos, como quería que fosen? Sabemos ao menos que, se cadra, se Dolores Vázquez tivese respondido no xuízo "á xaponesa", "á ruandesa" ou "á madrileña" quizá tería zafado da cadea...

Esa é se cadra, para tanta e tanto Rosa Díez como hai a pulular por aí en pleno século XXI, a única solución que temos como pobo: sermos cada día un pouquiño menos galeg@s, facermos ese esforzo, para ver se dese xeito conseguimos redimir a nosa alma ou chegar a adquirir (quen sabe se algún día) a condición humana.
Categoría: Xeral - Publicado o 25-02-2010 15:31
# Ligazón permanente a este artigo
As escritoras e escritores chaman a defender a nosa lingua e a nosa cultura este 24 de febreiro, Día de Rosalía
Mañá cuarta feira, 24 de febreiro, instituído como Día de Rosalía, conmemórase o nacemento dunha das voces máis universais e senlleiras -e porén unha das menos coñecidas en toda a súa dimensión literaria, filosófica e humana -na nosa literatura moderna. Non por acaso, todas os intentos de periodización da literatura de noso fan pivotar sobre a autora de Cantares Gallegos e Follas Novas a forza e o verdadeiro inicio do noso Renacer cultural na segunda metade do século XIX.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade que agrupa desde hai xa anos a unha parte moi importante das nosas creadoras e creadores literarios contemporáneos e que viu pasar pola súa presidencia, de feito, a quen este ano se honra no Día das Letras, Uxío Novoneyra, aproveita a efeméride para dar a coñecer un manifesto en defensa da nosa lingua e da nosa cultura nacionais, elaborado para a ocasión.

Seis das sete cidades máis poboadas do país acollerán mañá 24 de febreiro á tarde lecturas simultáneas do dito manifesto xunto a emprazamentos escollidos polo seu valor simbólico en cada lugar.

Na Coruña, o acto público de lectura do manifesto da AELG terá lugar ás 18h xunto ao monumento a Curros Enríquez, situado no Recheo (Xardíns de Méndez Núñez), xunto ao Hotel Atlántico e ao edificio do Teatro Colón e a Deputación.

Máis información sobre a AELG, esta iniciativa ou o manifesto que se divulgará mañá: www.aelg.org
Categoría: Xeral - Publicado o 23-02-2010 22:19
# Ligazón permanente a este artigo
O decretazo contra o galego xa ten forma e a folga xeral no ensino contra a aldraxe xa ten data: 21 de xaneiro
O pasado 30 de decembro, en caendo a noite, o goberniño da Xunta, co seu presidente á cabeza, daba a coñecer ao fin o texto das bases para o que pomposamente dan en chamar "decreto do plurilingüismo", é dicir, o texto legal que substituirá a partir do vindeiro curso escolar o actual decreto 124/07 de uso e promoción do galego no sistema educativo.

Previamente, en perfecta sintonía co hermetismo,a incapacidade para o diálogo coa comunidade educativa mantida durante meses e a data escollida para a presentación pública deste borrador, o goberniño mesmo cambiou o lugar de reunión do último Consello da Xunta do ano o día antes -de Raxoi para San Caetano -coa idea (fracasada) de evitar os protestos na porta. Malia todo, con menos de 48 horas de antelación na convocatoria, case en exclusiva a medio do teléfono e do correo electrónico, a resposta popular -organizada desde a plataforma Queremos Galego -existiu e peregrinou de Raxoi a San Caetano en forma de millares de persoas.

A seguinte cita reivindicativa é agora a folga xeral de toda a comunidade educativa, en todas as etapas, convocada para o xoves 21 de xaneiro, á que acompañará unha gran manifestación nacional en Compostela ás 11.30 da mañá.

Nos próximos días celebraranse en diferentes comarcas encontros abertos con axentes da comunidade educativa para os animar a tomar parte activa da xornada de mobilización contra este decretazo.

http://queremosgalego.org
Categoría: Xeral - Publicado o 06-01-2010 19:33
# Ligazón permanente a este artigo
Queremos Galego segue difundindo os seus materiais na rúa: este luns 4 de xaneiro na Praza de Lugo
Tan só uns días despois de se coñecer o contido das bases para o mal chamado "decreto do plurilingüismo", que máis ben debera ser chamado o decretazo do lingüicidio contra o galego, desde a plataforma Queremos Galego na Coruña anúncianse novas accións na rúa para estes vindeiros días.

Así, logo do éxito do reparto de cartóns postais dirixidos a Núñez Feijóo que levamos na pasada semana á Rúa Barcelona, na zona da Agra do Orzán, este luns 4 de xaneiro a plataforma cidadá convoca unha nova acción de difusión de materiais na Praza de Lugo, a carón da FNAC, entre as 17.30 e as 21 horas. Repartiranse e recolleranse cartóns postais nos que se lle desexa a Feijóo que neste 2010 que vén de se iniciar "tamén el queira galego". E tamén bandeirolas para colocar na fiestra, no balcón, no centro de traballo, na escola...co lema "Queremos Galego".

Xa o martes día 5 todas as persoas que se puideren achegar teñen unha cita na oficina de correos da Avenida da Mariña ás 11.30, nun acto no que Queremos Galego da Coruña fará entrega para envío dos cartóns postais recollidos na rúa.

Non quedes sen lle mandar o teu a Feijóo e desexarlle para 2010 que el tamén "queira galego"!
http://www.queremosgalego.org
Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2010 01:40
# Ligazón permanente a este artigo
Este nadal, deséxalle a Núñez Feijóo que el tamén QUEIRA GALEGO
A plataforma cidadá Queremos Galego, impulsada pola Mesa e conformada na Coruña por máis dunha trintena de entidades de todo tipo e por un amplo grupo de persoas a título particular, vén de editar 50.000 cartóns postais de nadal dirixidos ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

No texto do cartón, que a plataforma distribuirá durante as festas a través de distintos actos na rúa dos que vos iremos dando conta, convídase ao titular do goberno galego que aproveite as datas de nadal "para reflexionar sobre a verdadeira situación da lingua" e para, en consecuencia, mudar en 2010 o rumo da súa política lingüística. Por último, transmítenselle a Núñez Feijóo desexos de que no novo ano que comeza "tamén el queira galego", do mesmo xeito que hai unha maioría social no país que quere a súa lingua e non desexa ningún retroceso no seu grao de protección e difusión.

Do mesmo xeito, a plataforma Queremos Galego difundirá xa durante estas datas outros materiais como bandeirolas para colocar nas fiestras e noutro tipo de espazos ou autocolantes para pór no automóbil.

Todos estes materiais estarán ao voso dispor na comarca da Coruña en varios puntos que decidiremos mañá 23 de decembro no plenario comarcal da plataforma, que terá lugar a partir das 20h na Asociación Veciñal de Monte Alto, no Campo de Marte. Agardámosvos!
Plataforma Queremos Galego
Categoría: Xeral - Publicado o 22-12-2009 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
O Foro Cívico da Coruña organiza unha mesa de debate arredor da lingua e a "guerra" do topónimo
O clube de opinión Foro Cívico da Coruña, sempre ben atento e sensíbel á actualidade, organiza para a vindeira cuarta feira (mércores) 16 de decembro unha mesa de debate arredor da cuestión da lingua. Será a partir das 20 h na Fundación Caixa Galiza (Cantón Grande). Porén, indícannos que será na sala de conferencias á que se accede pola Rúa da Estrela.

Nesta mesa de debate, moderada pola profesora e compañeira da Mesa Mercedes Queixas, participarán representantes de varias das plataformas sociais creadas até o momento no país para a defensa da nosa lingua e cultura: Fran Rei, vicepresidente da Mesa, no nome de Queremos Galego; Xabier P. Docampo, en representación de Prolingua; e Mari Luz Canal, por Galego Patrimonio da Humanidade.

Tamén confirmou a súa asistencia Luísa Varela, presidenta da Federación de asociacións veciñais da Coruña e área metropolitana.
No nome da entidade que preside, entrou de cheo na polémica ao anunciar que a federación promovería unha iniciativa lexislativa popular para solicitar a eliminación do artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística, que sinala que os nosos nomes de lugar terán como única forma oficial a galega.

Logo do debate, haberá coloquio coas persoas asistentes.
Categoría: Xeral - Publicado o 11-12-2009 13:46
# Ligazón permanente a este artigo
Achégate ás Conversas Galegas!
Cervexaría Matthews da Coruña, onde se celebran as Conversas Galegas cada sábado á tardeUnha interesantísima e novidosa iniciativa a prol do galego viu a luz no último ano na nosa cidade: as "Conversas Galegas" que cada sábado á tarde, a partir das seis, se desenvolven de arredor dunha mesa na coñecida e céntrica Cervexaría Matthews, situada en plena zona de viños, entre a Galera e Santo André, na por moita xente aínda chamada "Praza do Cine Coruña", en referencia ao cinema que até a década dos oitenta alí estaba situado e que moit@s aínda recordamos.

"Conversas Galegas", cuxo sitio na rede é http://conversasgalegas.blogspot.com, é unha iniciativa emprendida por un pequeno grupo de persoas para favorecer a creación dun espazo informal no que o galego se converte en lingua vehicular das e dos que participaren nelas. Este sábado pasado celebráronse as vixésimo terceiras conversas, coa participación como convidado do vicepresidente da Mesa, Fran Rei.

As "Conversas Galegas", segundo explican os seus promotores, nacen da constatación obxectiva de que en áreas urbanas como a da Coruña cada vez é máis difícil para moitas persoas -especialmente as de idade máis nova -atopar espazos en que poder interactuar en galego con normalidade e que, asemade, as outras persoas se manteñan durante todo o tempo na mesma lingua.

A iniciativa, pola que xa pasaron varias ducias de persoas diferentes -aínda que algunhas delas xa se tornaron "habituais", grazas ao bo ambiente que as preside -foi especialmente ideada para persoas chegadas doutros territorios ou non galegofalantes que desexan tomar un contacto informal e cotián co noso idioma para poderen comezar a usalo aos poucos na súa vida diaria ou adquiriren cando menos un certo dominio nel.

As "Conversas" teñen moito en común, nese sentido, coa intención do Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), proxecto pioneiro de acollida lingüística en Galiza que A Mesa coordinou durante os últimos anos grazas ao apoio institucional do anterior goberno da Xunta, universidades e algúns concellos, como o da Coruña. O VAL tivo o ano pasado grande acollida na nosa cidade, cando se puxo en funcionamento, e por iso a Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística pensa en reeditalo a partir de 2010. Unha boa noticia, sen dúbida! Cando menos, dá mostra de que non todas as institucións son insensíbeis cara aos nosos sinais de existencia. E iso que estes son, a fin de contas, os que lles dan sentido. Existiría a Xunta se Galiza non tiver lingua propia?
http://conversasgalegas.blogspot.com
Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2009 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
A Mesa estará presente esta fin de semana no AchegARTE 2009
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Via Galego -auspiciada desde a nosa asociación- estarán durante toda esta fin de semana no AchegARTE 2009, a feira de iniciativas e industrias culturais que promoven a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a Deputación Provincial a través da súa área de normalización Lingüística.

A Mesa e Via Galego contarán cun stand propio situado no 1º andar do PALEXCO (o espazo no que, xunto co Quiosco Alfonso, se desenvolverán as diferentes actividades do AchegARTE). Podédelo visitar tanto sábado como domingo entre as 10'30 e as 14'30 ou as 16'30 e as 21'30. Nel atoparedes información sobre as diferentes iniciativas de traballo que desenvolve a nosa organización e tamén poderedes adquirir os diferentes materiais que temos á venda, contribuíndo así ao noso autofinanciamento.

Tamén a plataforma cidadá Queremos Galego, impulsada pola Mesa, terá o seu espazo na feira das industrias culturais do país. Non deixedes de achegarvos!
Programa completo do AchegARTE 2009
Categoría: Xeral - Publicado o 27-11-2009 15:06
# Ligazón permanente a este artigo
Bota a andar (provisoriamente) este pequeno proxecto...
Boa noite,

Comezamos con este post a xeito de boa vinda unha fermosa iniciativa: pór en andamento un sitio propio para o grupo comarcal da Mesa pola Normalización Lingüística da Coruña. Unímonos nesta singradura á xa iniciada hai meses polas nosas compañeiras e compañeiros da Mesa de Lugo: www.amesalugo.blogspot.com e a de Ourense: amesaourense.blogaliza.org.

Nace este espazo coa firme vontade de ir mellorando na súa calidade e acrecentar aqueles contidos que nos queirades achegar para seren publicados. Estamos a comezar nisto da rede, así que vos agradecemos por adiantado a vosa comprensión, paciencia e suxestións que teñades a ben facernos chegar.

É a zona organizativa da Mesa na Coruña un territorio amplo, pois colle os concellos de Arteixo, Abegondo, Carral, Oleiros, Sada, Culleredo, Cambre, Bergondo, Betanzos, Irixoa, Oza dos Ríos, Paderne, Miño, Aranga, Cesuras, Coirós e Vilarmaior, para alén da Coruña. O conxunto de todos estes municipios, especialmente o da Coruña, acolle máis do 17% do total da actual afiliación da asociación no conxunto do país.

Asistimos dun tempo a esta parte a un novo agromar na irracional campaña de agresións contra o idioma e a cultura de noso aos que tristemente xa nos teñen afeitas/os, particularmente na cidade da Coruña, onde boa parte dos ataques e difamacións van dirixidos contra a nosa organización. Nada novo, aínda que cunha diferenza: hoxe a forza social favorábel ao galego é felizmente maior que hai 20 anos, mais haina que seguir afortalando.

Neste navío todas e todos somos necesarios. A historia da Coruña está intimamente vinculada ao galego: desde as Irmandades da Fala e a Cova Céltica até Luar na Lubre ou Trapalhada, pasando polas agrupacións culturais irmás O Facho e Alexandre Bóveda, a sala Luís Seoane, Casahamlet ou Espello Cóncavo. De nós depende que o galego siga vinculado ao noso futuro.

Categoría: Xeral - Publicado o 24-11-2009 00:12
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0