Warning: getimagesize() [function.getimagesize]: Filename cannot be empty in /var/www/vhosts/blogoteca.com/httpdocs/include/func-blog.php on line 249
Achégate ás Conversas Galegas! - A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


    A Mesa pola Normalización Lingüística na Coruña


O sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña
Recibe a boa vinda ao pequeno sitio na rede da Mesa pola Normalización Lingüística na zona da Coruña.

A Mesa é unha plataforma cidadá independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a plena normalización da lingua galega en todos os ámbitos da socidade.

É na actualidade a principal asociación cultural de Galiza, con máis de 3.500 socias e socios, un 17% das e dos cales están nesta zona.

O meu perfil
amesadacorunha@gmail.com
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Achégate ás Conversas Galegas!
Cervexaría Matthews da Coruña, onde se celebran as Conversas Galegas cada sábado á tardeUnha interesantísima e novidosa iniciativa a prol do galego viu a luz no último ano na nosa cidade: as "Conversas Galegas" que cada sábado á tarde, a partir das seis, se desenvolven de arredor dunha mesa na coñecida e céntrica Cervexaría Matthews, situada en plena zona de viños, entre a Galera e Santo André, na por moita xente aínda chamada "Praza do Cine Coruña", en referencia ao cinema que até a década dos oitenta alí estaba situado e que moit@s aínda recordamos.

"Conversas Galegas", cuxo sitio na rede é http://conversasgalegas.blogspot.com, é unha iniciativa emprendida por un pequeno grupo de persoas para favorecer a creación dun espazo informal no que o galego se converte en lingua vehicular das e dos que participaren nelas. Este sábado pasado celebráronse as vixésimo terceiras conversas, coa participación como convidado do vicepresidente da Mesa, Fran Rei.

As "Conversas Galegas", segundo explican os seus promotores, nacen da constatación obxectiva de que en áreas urbanas como a da Coruña cada vez é máis difícil para moitas persoas -especialmente as de idade máis nova -atopar espazos en que poder interactuar en galego con normalidade e que, asemade, as outras persoas se manteñan durante todo o tempo na mesma lingua.

A iniciativa, pola que xa pasaron varias ducias de persoas diferentes -aínda que algunhas delas xa se tornaron "habituais", grazas ao bo ambiente que as preside -foi especialmente ideada para persoas chegadas doutros territorios ou non galegofalantes que desexan tomar un contacto informal e cotián co noso idioma para poderen comezar a usalo aos poucos na súa vida diaria ou adquiriren cando menos un certo dominio nel.

As "Conversas" teñen moito en común, nese sentido, coa intención do Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), proxecto pioneiro de acollida lingüística en Galiza que A Mesa coordinou durante os últimos anos grazas ao apoio institucional do anterior goberno da Xunta, universidades e algúns concellos, como o da Coruña. O VAL tivo o ano pasado grande acollida na nosa cidade, cando se puxo en funcionamento, e por iso a Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística pensa en reeditalo a partir de 2010. Unha boa noticia, sen dúbida! Cando menos, dá mostra de que non todas as institucións son insensíbeis cara aos nosos sinais de existencia. E iso que estes son, a fin de contas, os que lles dan sentido. Existiría a Xunta se Galiza non tiver lingua propia?
http://conversasgalegas.blogspot.com
Categoría: Xeral - Publicado o 05-12-2009 18:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0