acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Marchamos contra a LOMCE
Estamos na recta final da aprobación da LOMCE e temos a responsabilidade de facer visíbel a nosa oposición.

Cheguei á Universidade con escasos coñecementos da historia do meu país, a maior parte deles adquiridos grazas ao traballo realizado polo profesorado de galego, o único que naqueles anos me falaba na miña lingua e da miña realidade.

O mesmo aconteceu coa xeografía de Galiza. Tiven que memorizar até o castigo da copia reiterada os nomes dos afluentes dos ríos do Mediterráneo, ou do centro da Península, mais ninguén me falaba do Umia, Ulla, Sar, Tambre, Xallas, etc. E outros tantos accidentes e lugares deste país noso que non aparecía nos libros.

Foi unha eiva. Durante anos sentinme frustrada polo meu descoñecemento. E aínda hoxe estou segura que son moitas as cousas que aínda teño que aprender.

Lémbrome de todo isto cando vexo cal é a intencionalidade da LOMCE non podo máis que pensar no sistema educativo no que me tocou estudar, un sistema no que a nosa lingua non estaba presente máis alá da materia que a estudaba, e que me formaba ignorando a realidade que me rodeaba, facendo de min unha persoa que non se recoñecía na súa contorna.

Cando leo a LOMCE, penso que xustamente se pretende volver a iso, un sistema educativo uniformizador que desarraiga as nenas e os nenos da súa realidade, converténdoos en recitadores de respostas correctas para superar as reválidas que lles permitan seguir continuando os seus estudos, se a situación económica da familia é axeitada. Unha especie de autómatas memorizadores cegos para o mundo que os rodea.

Robots provistos de calculadora para sumar e restar ingresos e gastos e afanarse o resto da súa vida por ter diñeiro para pagar as facturas do médico e da escola. Seres alienados na súa pobreza destinados a ser man de obra barata. Obreiras e obreiros explotados con salarios cada vez máis baixos e escasos dereitos.

A sociedade perfecta para o capitalismo. Masas de escravos da súa propia miseria incapaces de tomar o poder.

E nós, que vemos con claridade cal é o destino que pretenden darlle ás nosas fillas e fillos, ás nosas netas e netos, ao noso país, temos a responsabilidade de erguer a nosa voz e saír á rúa, para deixar constancia de que rexeitamos esta manipulación legal que pretende afogarnos.

Esta sábado 28 temos unha nova oportunidade para trasladar a nosa oposición a esta proposta de lei. A marcha á que nos convoca a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público permitiranos dicir unha vez máis que estamos en contra da privatización do ensino público, da eliminación da igualdade de oportunidades, de que se ningunee a nosa lingua, de que cada vez estea máis presente a relixión nas aulas ou de que os centros educativos se convirtan en empresas das que se desterrará a xestión democrática.

Eu non pedirei a dimisión do ministro, porque non é unha decisión do ministro, é a decisión dun partido no goberno. Así que lle vou pedir a retirada do anteproxecto da lei, mais voullo pedir a quen me goberna e representa: a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza, porque o seu cometido sería escoitarnos e atender as nosas demandas, para logo trasladalas a quen elabora a lei e dicirlle que Galiza non está de acordo, que refuga a súa proposta.

Porque a Consellaría de Educación da Xunta que nos goberna é a responsábel de que este tema non se tratase no Consello Escolar de Galiza e non se puidesen posicionar os distintos sectores que o integran.

Porque a Consellaría é culpábel da situación do idioma aprobando unilateralmente un Decreto, hoxe anulado parcialmente polos tribunais, que servíu de inspiración para a redución por trilingüismo na LOMCE.

Porque a Consellaría de Educación xa está aplicando a LOMCE, antes de que exista mesmo, ao incumprir a sentenza do Supremo e manterlle os concertos educativos aos centros que segregan o alumnado por sexo.

Porque a Consellaría de Educación é quen aumenta o profesorado de relixión, mentres se reduce o resto do profesorado, camiñando xa cara unha maior confesionalidade dos centros.

Porque a Consellaría de Educación é a adiantada do Estado tamén na privatización, concedendo ciclos formativos a centros privados, que segregan o alumnado por sexo, mentres llos negan aos públicos que teñen profesorado e instalacións. Ou introducen empresas privadas para facer actividades de inglés dentro do horario escolar, mentres os profesores especialistas en lingua inglesa engrosan as listaxes do paro.

Porque a Consellaría de Educación recorta os nosos dereitos ao uso do comedor e introduce a arbitrariedade na admisión do alumnado.

Porque a Consellaría de Educación reduce unha vez máis os salarios das súas traballadoras e traballadores, nun alarde de desprezo á súa profesionalidade e aos seus dereitos de representación.

Porque a Consellaría de Educación, a Xunta de Galiza podería estar en contra da aprobación desta lei e deixar constancia desta oposición.

Eu o 28 de setembro marcharei a Compostela desde a Ponte da Rocha, canda as miñas compañeiras e compañeiros do Sur. Porque estou en contra da LOMCE e en contra deste goberno da Xunta que a ampara.

Setembro de 2013

Artigo publicado en Terra e Tempo e valminor.info
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-09-2013 23:35
# Ligazón permanente a este artigo
Recención de Acuática alma

Acabo de atopar esta recensión de Acuática alma, de Vicente Araguas, en Nordesía, Suplemento dominical do Diario de Ferrol, do 10 de marzo de 2013 (ano XIV / Número 767), páxina 30.
Comentarios (0) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 12-09-2013 08:34
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista sobre Argola
Entrevista emitida no Diario Cultul sobre Argola:



Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 06-09-2013 08:57
# Ligazón permanente a este artigo
Varrendo a estela dos meus pés

... apaño unha punta de argazo
co que ir varrendo a estela dos meus pés espidos
porque quero borrar calquera marca
que lle permita recuperarme

(fragmento dun poema de Argola, lido no programa do Diario Cultural do 4 de setembro de 2013)
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 05-09-2013 08:25
# Ligazón permanente a este artigo
Argola
Nesta primeira semana de setembro, poden escoitarse poemas do meu libro Argola no Diario Cultural da Radio Galega, pechando o programa normalmente.



Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 03-09-2013 21:57
# Ligazón permanente a este artigo
non debería escribir un día coma onte

non debería escribir un día coma onte
posibelmente tampouco debería falar dun día coma onte

as sementes dos umeiros medrando canda a luz
e a primavera anunciándose insolente

o cansazo podía coas palabras, ou cos xestos
unha conversa era un traballo insoportábel

unha gota para estoupar pantanos

así que debería ter dado coa porta contra o día
trancando os corredores á luz dos que se achegan
pechando os ollos aos avisos inocentes
que se cravaron como cristais entre os dedos

non debería lembrar un día coma onte
posibelmente tampouco
debería falar
dun día coma onte
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 02-09-2013 08:07
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0