|
|
|
|
Idade indefinida |
|
Camiño desa idade indefinida e eterna
non se pode parar o círculo da lúa,
nin o fluír do sangue, constante fase a fase.
Devalo da marea o noso corpo
déixase levar da lúa chea
e esquece que a area está acabando
de descender exhausta o seu traxecto.
Partirémolos ósos como cristal de azucre
porque a graxa do leite fora prohibida,
seguimos sendo pequenas, tan pequenas,
diminutas aos ollos que nos miden.
A nosa vida é un camiño de cadeas,
cadea de sangue, cadea de leite,
cadea que nos creba os ósos e corroe
a cerna do noso ser de sobreira destrutíbel.
En atalaia alerta. |
|
|
|
Literatura, sociedade, nación |
|
Coa intención de provocar o debate, abrín a mesa que me correspondía coordinar ("Literatura, sociedade, nación")no III Encontro de escritores novos, "Entre dous séculos" coas seguintes palabras:
Que foi primeiro? A literatura galega ou a construción da nación?
Podemos falar de que a obra literaria de Rosalía Castro, Manuel Curros ou Xoán M. Pintos se produce á marxe do seu contexto cultural e temporal, ou ben é un produto consciente dun compromiso efectivo coa realidade en que viven?
No ano 1863, Rosalía pide indulxencia para os seus versos mentres declara abertamente que a súa obra ten por obxecto dignificar Galiza e o seu pobo. Desde entón, cantas obras non podemos citar que obedecen a este mesmo obxectivo? Pensemos en De castro a catro, en Manuel Antonio, nesa negada viaxe alegórica coa que o autor describe o estado do país.
As nosas soedades
veñen de tan lonxe
como as horas do reloxe
Pero tamén sabemos a maniobra
dos navíos que fondean
a sotavento dunha singladura
Falamos de literatura, sociedade, nación. Falamos de se a escrita actual segue sendo produto do seu contexto, un contexto que podemos definir como de anormalidade cultural, un contexto en construción desde a perspectiva feminina, un contexto en que a globalización, é dicir, o novo imperialismo, penetra até os lugares mellor defendidos.
Si, é o vello debate de se é posíbel a arte pola arte, se a autora debe demostrar o compromiso coa sociedade á que pertence, ou se pode ignorar as súas latitudes para instalarse nun mundo propio, tal vez se ese mesmo afastamento da realidade é unha posición en si mesma e, por tanto, produto do seu contexto social.
Na mesa estaban Carlos Negro e María Reimóndez, tamén Rafa Villar, en espírito a través do seu relatorio, xa que a esa mesma hora tiña que asistir en Ourense á entrega do premio Cidade de Ourense. Os tres tiñan participado (como moitos outros autores e autoras) nas publicacións colectivas que xurdiron despois do Prestige, en 2003, o ano en que en Galiza deu inicio o século XXI. |
|
|
|
Construcións publicarase |
|
Desde aquí unha aperta para Eduardo Estévez, que publicará proximamente o seu libro Costrucións en Positivas.
Moi boa nova neste preciso momento.
Que quede aquí tamén a declaración de Eduardo:
O día de hoxe veño a ser informado de que a Deputación Provincial da Coruña decidiu aceptar unha impugnación recibida hai uns meses e que solicitaba que se descalificase o meu libro construcións e se lle retirase o premio de poesía Miguel González Garcés que lle fora concedido.
O argumento da impugnación, presentada polo señor Xabier Lama, é que o libro incumpría as bases da convocatoria por estar previamente publicado no blog ?en construcion?.
Como expliquei no seu momento perante a propia Deputación que mo solicitou, esta impugnación carece de toda base legal segundo os seguintes argumentos:
1. O premio, tal e como está descrito nas súas bases e é de público coñecemento, premia unha ?obra?. Quer dicir, considera unha ?obra? a totalidade do material presentado baixo un título e lema. A ?obra? presentada a concurso é rigorosamente inédita.
2. Existe, efectivamente, un blog, titulado ?en construción?. e co seguinte subtítulo: ?bitácora da construción dun libro de poemas?. A existencia deste blog era pública antes da convocatoria do premio e, como pode comprobarse, non a ocultei en ningún momento. En todo caso, o que se publicou neste blog é unha descrición do proceso de produción da obra. Non é un libro, senón unha bitácora, un diario. Acompañando esta bitácora é posíbel consultar borradores de algúns dos textos que compoñen a obra pero non todos os textos nin as súas versións finais. O poeta e investigador Miro Villar explica claramente, nun informe técnico que emitiu nesta oportunidade, que ?é axioma ou principio filolóxico fundamental que as versións anteriores á edición definitiva ou testamentaria por parte do autor teñen a consideración de material de traballo para a crítica textual, mais en ningún caso se chegan a considerar como textos definitivos do autor?. O concepto de ?obra?, por tanto, distínguese claramente do seu proceso de produción e nas bases do premio non se indica que o proceso de produción da obra deba ser inédito.
3. Como se pode ver no mesmo blog, a publicación do proceso de produción abandonouse o 1 de maio de 2006. Un mes despois (o 13 de xuño) déixase constancia dun período de reflexión sobre os textos e, posteriormente (o 25 de agosto), infórmase de que a obra sufríu moitas correccións. Dende aquela, como resulta habitual habida conta do tempo transcorrido até a convocatoria do premio, aínda houbo outros procesos de revisión profunda do libro nos que se descartaron poemas e se incluíron outros, ademais de modificarse seriamente a totalidade dos textos. Ningunha destas modificacións (nin a descrición das mesmas nin os textos) foron difundidas no blog ou na miña páxina persoal.
4. Na mesma cláusula SEGUNDA das bases do Premio dise que a Deputación ?publicará? a obra premiada. Non se explicita (aínda que queda amplamente sobreentendido) que se trata dunha publicación en papel. Pódese sobreentender, por tanto, que a expresión ?inédito? na cláusula primeira se refire tamén a este modo habitual de publicación.
5. Por outra banda, o mesmo informe técnico antes mencionado determina sen que caiba lugar a dúbidas que, ?só recibe consideración de obra édita aquela que posúe o seu correspondente rexistro, quer no ISBN quer no Rexistro da Propiedade Intelectual, e calquera outra obra sen o devandito trámite sempre adoita considerarse como inédita?.
6. Existen hoxe en día diversos métodos de edición de libros dixitais. Como se explica na Wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/Libro-e#Formatos_de_archivos_de_eBook), os formatos comunmente utilizados para este soporte son DOC, PDF y LIT. Nin o blog nin os textos incluídos na páxina web utilizan calquera destes métodos. En todo caso, pódese consultar os arquivos do ISBN para ter constancia de que non existe rexistro da edición de ningunha obra ao meu nome en formato papel ou dixital que poida significar un incumprimento das bases do premio. Outro informe técnico, neste caso do poeta e editor Fran Alonso, explicita: ?En ningún caso pode entenderse o blog «En construción» como un libro dixital. En primeiro lugar, un blog non responde ao que desde o punto de vista profesional os editores entendemos por «edición dixital» (formatos de texto dixitalizado, sometido a un proceso de edición e preparado para a súa descarga nun ordenador, pda, teléfono móbil ou libro dixital, como adoitan ser os pdf ou os .doc). Por outra banda, as propias normas de estilo da ortografía técnica na edición indican que se debe empregar a cursiva para os títulos de obras literarias (tanto en formato papel como en formato dixital) pero que se deben empregar a redonda para os nomes dos blogs.?
7. En calquera caso, e tal como deixa entrever Fran Alonso no seu argumento, o concepto ?edición? inclúe unha serie de procesos adicionais (e necesariamente posteriores) á escrita do libro que, como resulta obvio, non puideron ter lugar neste caso, xa que a escrita dos textos do libro non estaba rematada no momento en que se interrumpiu a difusión da bitácora.
8. Canto á alegación presentada á cláusula TERCEIRA das bases (que dice, literalmente: ?As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono?), a Deputación pode dar fe de que o libro foi presentado baixo plica, cun título e un lema, polo que non se entende a que violación desta cláusula se refire a alegación.
9. Con todo, atendendo ao espírito desta cláusula que procura o anonimato dos textos para non viciar a resolución do premio, o xurado está no seu dereito (aínda que non o respalde unha lectura estrita das bases) de, antes de emitir o fallo, desbotar un libro porque pode recoñecer a súa autoría por haberse difundido algún dos textos que o compoñen en publicacións colectivas ou mesmo en recitais poéticos. Porén, unha vez que o xurado falla de boa fe e en exercicio da súa indiscutíbel profesionalidade, non parece pertinente que este mesmo dereito de veto se lle conceda a calquera persoa por que tivese coñecemento previo da obra.
10. Máis alá doutras consideracións, tanto o acto de presentar o libro ao premio canto a actuación do xurado desenvolvéronse baixo o principio de boa fe que rexe, segundo a lexislación vixente, todos os contratos de palabra (como o é o caso de presentar un libro a un premio literario). Como se explicita no artigo 1.288 do Código Civil: ?A interpretación das cláusulas oscuras dun contrato non deberán favorecer á parte que tivese ocasionado esa oscuridade?.
11. En todo caso, a actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido.
Teño na miña man presentar recurso contencioso administrativo contra a resolución da Deputación pero non o farei. Acepto esta nova decisión do xurado tal e como a aceptei da primeira vez e non pretendo obter nos despachos aquilo do que de boa fe o xurado e a Deputación agora me privan.
A importancia dun premio radica en que un xurado considere que o traballo de un merece ser premiado, o que xa ocorreu co meu construcións. Quédome con iso.
Eduardo Estévez
A Coruña, 23 de setembro de 2008. |
|
|
|
abaneada |
|
 Desde finais de xuño abanean os alicerces da casa. Unha ameaza paira sobre nós. Entón houbo que se armar de novo, escribir, falar, saír á rúa... Non dou pensado noutra cousa... en que se vai adiante nada será igual, nin as nosas vidas, nin este val tan fermoso. Por iso me naceron estas palabras:
Foi o primeiro que nos sorprendeu, o nome. O plan chámase Vigo Íntegra, con acentuación esdrúxula, remitíndonos á súa orixe latina. E non deixa de ser unha contradición, porque íntegro é o que conserva todas as súas partes, sendo así sinónimo de enteiro, a súa versión popular que sufriu integramente toda a evolución fonética da lingua e que no dicionario vén definida como ?o que aínda non foi comezado?.
Pois que continúe enteiro, ou sexa, que non se comece nunca.
Digo que o Plan se chama Vigo Íntegra e, nunha das súas partes, a que fai referencia ao concello de Gondomar, a palabra íntegra non é axeitada á proposta, porque propiamente o Plan desintegra, separa, divide, destrúe, illa.
Quen coñeza o Val Miñor sabe ben que en Gondomar non falamos por falar. Defendemos o noso territorio, a nosa paisaxe, a nosa calidade de vida, a nosa natureza singular de cabeceira de val, o noso patrimonio de pazos, fontes, covas, castros, muíños e arte románica todo el ameazado polo impacto do Plan no concello. Unha obra totalmente prescindíbel que só consolidaría unha etapa máis de destrución e deterioro do territorio.
Tanto é así que en Gondomar pasa algo que nunca sucedeu, e é que hai unha sensibilidade inmensa ante esta agresión ao noso concello. Todas e todos, os máis pequenos e os de maior idade, os que naceron aquí e os que elixiron esta vila, os que pensan así e os que pensan asá, todos e todas estamos de acordo, non necesitamos nin queremos esta mole de alcatrán. O día 13 saímos á rúa, éramos máis de 3000, de todas as parroquias, idades e estratos sociais. O pobo de Gondomar estaba na rúa reclamando ser escoitado. Será escoitado?
En Gondomar si hai un problema de comunicación, a ausencia de transporte colectivo. Temos dúas liñas de autobuses, mais unha delas soamente podemos subir a ela se camiñamos uns quilómetros até a parroquia de Mañufe. Comunícannos con Vigo e malamente co concello de Tomiño e o Rosal. Mais non temos unha liña que nos leve a Baiona, á oficina do Inem ou ao Instituto, ou viceversa, que traia a Gondomar e a Nigrán a quen o desexar. Non temos un bo transporte e isto repercute na contaminación ambiental e no peto de cada un de nós, pois vémonos obrigados a ir co noso coche particular a todas partes. En Gondomar si reclamamos unha solución a este problema, e seguimos agardando por ela, porque este Plan non contempla un modelo de transporte colectivo minimamente sustentábel.
É a enfermidade do progreso mal entendido, asfaltar, trazar grandes viais, correr máis para chegar ao mesmo punto e no mesmo tempo. Primeiro unha estrada e logo outra, en paralelo, sempre imperfectas, nunca suficientes. Pois non, non se precisa máis asfalto, porque xa hai unha autopista pola que circular a gran velocidade, aí ao lado, unindo precisamente os puntos que se queren unir. Mais quen presenta o proxecto, parece reticente a facerse coa concesión da autopista, polo que se ve, prefiren gastar máis diñeiro público construíndo estes viais, e permitindo que unha empresa privada obteña beneficios dunha autoestrada infrautilizada por mor das tarifas da peaxe. Isto, desde logo, non é aproveitamento das infraestruturas.
Artigo publicado en www.gznacion.com en setembro de 2008. |
|
|
|
Migracións, Rafa Villar |
|
Hai libros dos que non lembro nin o seu contido. Porén, outros deixan a pegada da súa emoción e até podo lembrar o momento exacto en que os lin. Lembro ben as tardes no sofá granate lendo Cantares Gallegos ou Cousas (repasando unha e outra vez a tristura de Dona Micaela), lembro a paz despois de ler unha antoloxía de Alfonsina Storni, ou a luz que se filtraba naquela tarde de verán cando todas as horas foron para ler Veinte poemas de amor y una canción desesperada, antes de iniciar a singradura de Confieso que he vivido.
Un deses libros que lembro especialmente é Días de Sherezade, de Rafa Villar. Lembro aquela mañá de outono en que recollín os libros no apartado de correos e tiven que comezar ler Días... mentres camiñaba lentamente cara ao meu destino. Lembro perfectamente esa sensación entr paz e felicidade coa que iniciei a mañá, satisfeita de me ter inmerso naquel libro.
Sucede cos libros de Rafa Villar, tamén con Ícaro, non se pousan, unha vez abertos absórvenme, até o punto de ler e reler os poemas mentres o libro non se fecha. Así con Migracións, premio de poesía Cidade de Ourense. Reencontreime cos versos de Rafa Villar, con esa exactitude conceptual resolta nunha limpa perfección formal. Poesía concetrada, directa á reflexión e á emoción:
a nosa é unha terra náufraga
a nosa unha lingua illa
nós apenas mar aberto
Alégrome de ter este libro entre as mans, e alégrome de que Rafa teña recibido este premio, do que se farán o acto público de entrega o vindeiro sábado 27. Parabéns Rafa.
o que acontece
é que case sempre escribimos
esgazando a soidade que vive cómplice
entre os dedos exiliados
e cada poema
desprende esa razón desesperada
(foto: Porto, 1999, con Rafa Villar, Yolanda Castaño e Teresa Seara) |
|
|
|
Poesía terapéutica |
|
 Principio activo: poesía.
Presentación: Nadja c'est moi, Xosé Luís Mosquera Camba.
Laboratorio: Premio de poesía Concello de Carral. Espiral Maior.
Posoloxía:
Tamén teño por veces días tontos
Nos que me meto dentro da trincheira
Para non ter despois que arrepentirme
Dunha feroz debilidade
......................................
Os luns nacen as semanas para botarse á rúa
...
Cando me dou conta todo é martes ou mércores ou centro de saúde.
Interaccións e efectos secundarios: non están descritos.
Poñer á man (e sobre todo á vista) de adultos e nenos.
|
|
|
|
O URXENTE |
|
Son anos reclamando compromisos. Anos denunciando que non se cumpre a lexislación. Anos advertindo de que cómpre tomar medidas. Agora é o Consello da Cultura quen dá datos e pon en evidencia as cifras do abandono. Di o que xa dixemos antes, desde a CIG, desde a AS-PG, que a lexislación non se cumpre e que hai que adoptar medidas, como a formación do profesorado, a dotación de materiais, o apoio aos equipos, a sensibilización da comunidade educativa... A implicación efectiva da Consellaría de Educación, a responsábel dos centros educativos.
O informe fala de que só un tercio do alumnado dos centros públicos ten como lingua inicial o galego, constata tamén o incumprimento nas distintas materias, e só con estes dous datos bótanse por terra as falaces alarmas sobre os perigos que corre o español.
Non é unha novidade, sabiámolo. Sabiamos que os nosos fillos e fillas só poden empregar o noso idioma cun grupo reducido de compañeiros de curso e que os rodea unha realidade que os obriga a expresarse nunha lingua que non é a súa, unha realidade que nin sequera no centro educativo lle ofrece o 50% das horas docentes en galego porque non se cumpre a lexislación. E fóra da escola que teñen? Nada.
Xa o dixéramos, mais temos novos datos, datos que falan dunha menor conciencia, dunha menor sensibilidade e compromiso coa nosa realidade lingüística, e non pode ser un informe sen máis, porque xa hai tempo que a gota rebordou a cunca. Cómpre tomar medidas urxentes.
Manuel María, a quen lembramos un setembro máis, deixouno escrito en fermosas palabras:
?... se deixamos morrer unha palabra
o universo enteiro
dóese de orfandade e desamparo.?
Artigo enviado a A Nosa Terra. |
|
|
|
Ondjaki |
|
Estou rematando de ler Os da minha rua, de Ondjaki, e comprobo de novo por que me gustara tanto o primeiro libro que lin deste angolano (Bom dia camaradas).
Neste caso Ondjaki fala da súa infancia, e faino como o neno que foi. É un libro marabilloso, que nos fai rir e que nos emociona. Un deses libros en que podemos delimitar perfectamente o escenario en que sucede, a Angola poscolonial: os traballadores soviéticos que levantan un mausoleo, os camaradas profesores cubanos que un día tiveron que partir, a avoa que alimenta a imaxinación infantil "contando, inventando, alterando as estórias".
Quere a casualidade que ande estes días cun cd de João Afonso no coche, e mentres conduzo, volvo imaxinar os relatos de Ondjaki, escoitando Um homem novo veio da mata.
Deixo aqui este pequeno fragmento, para non o esquecer: "... o futuro não era uma coisa invisível que gostava de ficar muito à frente de nós mas antes -ela dizia...-, antes um lugar aberto, uma varanda, talvez uma canoa onde é precisso enchermos cada pedaço de espaço com o riso do presente e todas, todas as aprendizagens do passado..." |
|
|
|
|
|