|
|
|
|
Chegou o moi querido outono |
|
 (hoxe cae a primeira poalla do outono, o tempo das rabaquetas)
Pois cando ti chegaches tamén chegou a chuvia
por iso levas auga
agachada nos ollos.
(Setembro, 1998)
O tempo corre
a esa velocidade constante
que teimamos en medir
e que nunca, nunca
é imaxe de si mesma
...
Nunca é imaxe de si mesma,
só desequilibrio veloz,
precipicio en movemento,
abismo móbil que se achega
desde o fondo distante,
sen distancia,
do presente.
Así inaugurei a miña libreta Moleskine.
Di a súa publicidade que algunhas páxinas de Hemingway ou Picasso foron escritas en libretas coma esta.
? |
|
|
|
Homenaxe a Bernardino Graña II |
|
 Foi unha fermosa noite,chea de calor, calor na sala e calor nas palabras, especialmente nas de Bernardino que nos engaoiolou coma sempre.
Hai aquí unha entrevista en que Bernardino conta por que escribe.
Parabéns poeta. E que sexan moitos máis. |
|
|
|
Setembro |
|
 Setembro leva aínda a dor que foi o parto,
os días de salitre baixo a chuvia do outono.
Unha muller e outra e tantas que non sei
cunha dor tan profunda nas rodeiras dos labios.
Setembro, 1998. |
|
|
|
Homenaxe a Bernardino Graña |
|

Xa está publicado na web da Asociación de Escritores, AELG, o programa de actos da homenaxe a Bernardino Graña, por certo coincidindo co seu 75 aniversario.
Parabéns Bernardino! |
|
|
|
En galego |
|
 Estou enriba do escenario do Salón de Actos do IES Santo Tomé do Freixeiro (Vigo), o centro en que estudaba. Representaba a personaxe da Morte de Os vellos non deben de namorarse. Era o 16 de maio de 1984. Daquela non imaxinaba que tantos anos despois subiría ao mesmo escenario, mais desta volta para dar unha conferencia e falar de algo para min esencial, o idioma, conretamente da súa regulación no novo Decreto 124/2007. Así dimos inicio ás XXXI Xornadas do Ensino organizadas pola CIG-Ensino e a AS-PG.
Hoxe mesmo facíanse públicas unhas declaracións do Consello Escolar de Galiza en que se advertía da progresiva desgaleguización da poboación escolar.
Debemos, pois, pór todas as nosas forzas na pervivencia do idioma, en procurar que os nosos fillos manteñan vivas as palabras que lles damos, que se sintan orgullosos desta lingua. Debemos facelo, e neste momento xa temos iniciativas como o Manifesto "Ensino en galego" para facelo. |
|
|
|
Floreceu a glicinia |
|
 Hoxe descubrín que floreceu a glicinia. Xa sei que é un detalle menor, mais para min moi, moi importante. Souben, ao ver as primeiras flores, que esta glicinia é unha desas non habituais. Normalmente teñen as flores malvas ou azuladas, mais esta ten as flores brancas, é unha glicinia alba, coma a quen a prantou gústalle ir contracorrente.
Para min é moi importante porque é unha desas pequenas cousas que me fai feliz. Estou convencida de que a felicidade se mide en cousas pequenas, tan pequenas como esta primeira floración da wisteria da miña casa (wisteria sinensis é o nome científico).
Para máis casualidade con esta visión da felicidade, resulta que esta pranta tamén recibe en castelán o nome de "flor da pluma", unha pluma como a da canción:
"A felicidade é como uma pluma
Que o vento vai levando pelo ar ..."
|
|
|
|
Manuel María na lembranza |
|
Xa pasaron tres anos do seu pasamento.
Lembremos de novo as súas palabras sabias, mergullémonos no seu verbo e saiamos repletos do seu mesmo amor á terra.
Hoxe, con Manuel María, debemos lembrar tamén a necesidade de defender o noso idioma cada día, cada hora, como sexa...
CANCIÓN PRA CANTAR TODOS OS DÍAS
Hai que defender o idioma como sexa:
con rabia, con furor, a metrallazos.
Hai que defender a fala en loita rexa
con tanques, avións e a puñetazos.
Hai que ser duros, peleóns, intransixentes
cos que teñen vocación de señoritos,
cos porcos desertores repelentes,
cos cabras, cos castróns e cos cabritos.
Temos que pelexar cos renegados,
cos que intentan borrar a nosa fala.
Temos que loitar cos desleigados
que desexan matala e enterrala.
Seríamos, sen fala, unhos ninguén,
unhas cantas galiñas desplumadas.
Os nosos inimigos saben ben
que as palabras vencen ás espadas.
O idioma somos nós, povo comun,
vencello que nos xungue e ten en pé,
herencia secular de cada un,
fogar no que arde acesa a nosa fe.
Manuel María, Canciós do lusco ó fusco. |
|
|
|
Con Bernardino |
|
Proximamente celebrarase unha homenaxe a Bernardino Graña, e quero a través destas palabras sumarme a ela.
Bernardino é unha importante referencia para min, por ese motivo dicidín que fose el o prologuista do meu primeiro libro, o mesmo motivo polo que esa obra comeza coa seguinte cita:
"Silencio. Un invisible
orballo engorde intenta
facer que fructifique
o corazón, a pedra."
Himno verde
Bernardino é o poeta do mar, o autor dunha poesía que nace da mesma natureza, por iso esta admiración. Aí queda este poema dun dos meus libros predilectos: Sen sombra e sen amor.
TI ES UN BARCO DE ENSOÑO
que vai deixando un ronsel
de ensoño nun mar de ensoños.
Eu arroaz no ronsel.
Eu arroaz á procura do peixe do teu lecer,
salseiro vivo, ardentía, brincos de auga a ferver.
Brincos de auga nos teus ollos escintilando en roibén.
Vas de barco cheo de música.
Eu arroaz no ronsel.
Eu de arroaz á procura do brillo interior que tes
na auga profunda, na ría
de ensoño nos ollos teus.
|
|
|
|
Días de mar |
|
 Hoxe convídovos a ver estas imaxes da CEMMA. Foi unha fermosa forma de rematar o mes de agosto e o verán. A ilusión de devolver a liberdade, de vela pasar diante de ti, de vivila.
Despois de todo o que vedes aínda houbo algo máis... unha magnífica balea alibranca... gravada na retina.
|
|
|
|
|
|