acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Paz universal?

Fragmento do poema que pecha o meu libro Argola, un libro que se sitúa historicamente dous mil anos atrás, mais que quere retratar a mesma ambición imperial que aínda nos domina. Hai un estraño paralelismo cos días de hoxe.



... sospeitan que fun desleal ao tirano
non hai probas, mais saben que procurei
con tento e con coidado destruír o seu tempo
de crueldade e orgullo, estragalo

eles non saben como, e por iso predican
que conculquei as normas que debía gardar
que fun impura, que son unha negra influencia

e de que outro feito poderían culparme
sen ter que revelar os seus ocultos vicios
esa fame de sangue coa que devoran pobos
esa cobiza inmensa que nunca se sacia
que ocultan co discurso da paz universal
mentres baten sen pausa no lombo dos escravos

...
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 30-08-2013 12:57
# Ligazón permanente a este artigo
Peitieiras
Con motivo da celebración dunha Mesa da oralidade na Semana Cultural do XX Festival Folcórico de Peitieiros, lembrei este texto do ano 2002. Pediumo a Comisión de Festas daquel ano. Eu falei deste lugar, inspirándome nunha lenda que pretende explicar o seu nome, e da festa que máis me gusta, a de San Miguel:


Quizais procedían do mar. Mais sei de certo que perderon o que lles quedaba de peixe, coma os peites de ouro e o espello que tiveron que sustituír polos cardos e o reflexo do río. No canto de seducir, foron elas as seducidas por estas abas sollosas.
Foron as primeiras en peitear a súa longa cabeleira na beira do río, o que baixa por Muíños Novos. Foron as primeiras, as que lle deron uso ás flores e as que aprenderon despois ás súas fillas e netas, ... bisnetas que hoxe lles son as mulleres. E así naceu a lenda e naceu o nome: Peitieiros, aínda que fora mellor dicir Peitieiras, mulleres ao fin, nais e avoas.
Foron as primeiras seducidas mais non as únicas nin derradeiras, aínda hoxe uns tras outros son seducidos novamente e veñen parar a estas terras do Miñor, onde o sol quenta especialmente e xa non nos rodea a néboa do río.
De sempre é Peitieiros lugar obrigado de paso, xa sexa para subir ao curro, ou xa sexa para despedir o verán, na festa de San Miguel, mentres contamos e recontamos se houbo ou non boa colleita de millo, como se deron as rabaquetas e probamos o viño novo.
Xa daquela puxemos as castañas no canizo para que sequen ben e logo poidamos comelas máis adiante, porque as nosas castañas comezan caer en agosto e dar, dánse ben en setembro. Xa se sabe: polo San Miguel castañas asadas e viño con mel. Que o mel tamén se recolleu, despois de afumar convenientemente as abellas para que non nos aguilloen mentres lles tiramos os panais, os que pomos a escorrer nas olas e imos chuchando e roubando sen que ninguén nos vexa.
E antes de que remate a festa, aínda podemos poxar por unha parella de quicos ou uns cazapiños, e se hai unha rosca moito mellor, enchémola despensa e ata o San Martiño, non sen antes botar unha cantadela:

San Migueliño das uvas maduras
que tarde nos vés e que pouco nos duras;
se nos viñeras dúas veces ao ano,
¡Quen nos tusira de gordos e sanos!


E así vén o outono e logo a primavera en que as mulleres volven recoller as flores, flores de todas as clases, hoxe para facer alfombras, noutrora para adornar as beiras dos camiños e os arcos, como o que se colocaba no adro, para pasar por baixo mozos e mozas, para adornar a festa. Arcos que se mantiveron ata hai poucos anos na nosa parroquia, a derradeira do Concello de Gondomar en deixar de facelos.
Por iso non nos estraña que no mencer do mundo foran as sereas as que abandonasen gustosas o mar, remontando a Xunqueira do Miñor e elixindo o río Morgadáns para sentir o sol na súa pel salgada, deixando que se secasen e se perdesen as escamas do seu corpo, dourando os cabelos lasos que peiteaban constantemente, co río como espello, desde o alto das pedras que dan nome a un dos barrios máis grandes desta parroquia.

Peroleira
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 20-08-2013 18:58
# Ligazón permanente a este artigo
Construírmos a soberanía
Con Valentín García e Xavier Vence ante o munumento a Bóveda"A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos para vivir. Adóroa máis alá da miña morte. Se o tribunal entende que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado..."

Con estas palabras dirixiuse Alexandre Bóveda ao tribunal que indigna e inxustamente o xulgaba, un tribunal que era a escenografía pseudolegal coa que xustificar o asasinato de todos os que se significaran polo seu amor a Galiza, a comezar por aqueles que tiveran un papel preponderante na construción da soberanía, que, sen recibir este nome, comezou naquel primeiro cuarto do século XX e grazas ao cal hoxe estamos aquí, de novo, tentando continuar a súa tarefa.

Tamén nós amamos a nosa terra e ese amor é o que hoxe nos trae aquí, a acender o facho da memoria de Bóveda, porque acreditamos nas palabras de Castelao na Alba de Gloria: "Bóveda terá que ser, nun mañá próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención".

Bóveda formaba parte dunha xeración única para a historia de Galiza. Cada vez que me achego aos seus escritos, cada vez que comprobo a impetuosidade e o radicalismo de Manuel Antonio, a serenidade e a contundencia de Victoriano Taibo, a creatividade e a intelixencia de Castelao, ratifícome na miña admiración por eles. Foron unha xeración non fundamental, imprescindíbel para a nosa existencia. Non seriamos o que somos sen a súa obra e o seu traballo. Por iso considero que temos a responsabilidade de continuar o seu proxecto, a obriga moral de nos entregar como eles se entregaron, antepoñendo sempre o amor a Galiza, para camiñarmos a senda que eles iniciaron.
Pensaron, escribiron, actuaron, entregaron a vida para que nós herdásemos unha terra que comezase a ser recoñecida como nación. Sabía Bóveda cando se entregaba totalmente á campaña en prol do estatuto ou Castelao cando teimou até que foi aprobado polas cortes que eses serían feitos decisivos para recuperarmos a loita polo autogoberno anos despois?

Talvez si, do mesmo xeito que nós seguimos loitando pola soberanía porque sabemos, como sabía Bóveda, que só acadando a soberanía plena poderemos xestionar mellor os nosos recursos financeiros, pesqueiros, enerxéticos, crear traballo no noso país, xerar riqueza para Galiza.
Porque o colonialismo persiste. Porque dous mil anos despois volven os dominadores de sempre e estenden o seu imperio nas nosas terras, como antes fixeron. Até volven aos mesmos lugares que un día explotaron os romanos a trazar cuadrículas mineiras.

A fraude das preferentes, a emigración da mocidade, a explotación dos nosos recursos por empresas estranxeiras, a limitación ou eliminación da nosa capacidade pesqueira son o contexto que nos leva a ratificar a actualidade da obra de Bóveda, que defendía a existencia dunha banca pública galega, ou de Castelao cando denunciaba que as nosas xentes eran enviadas á emigración como paquetes teutóns ou cando simbolicamente afirmaba que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen.

Todas estas lacras foron ideadas fóra do noso país e sonnos imposta desde un goberno alleo e os seus lacaios nas institucións galegas. Son unha mostra máis de que o futuro de Galiza pasa pola soberanía plena e pola autoorganización, como sinalastes xa compañeiras/os nas décadas de 60 e 70: estando o centro de decisión no noso país. Porque ?nunca virá de fóra /remedio ou esperanza? (Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos.)
Por iso en 2013, máis dun cento de persoas demos en pór en marcha a iniciativa Galiza pola Soberanía, porque chegou o momento de pularmos por un estado propio, de crearmos a República de Galiza. Ese será unha parte importante do noso traballo de agora en diante, é a nosa responsabilidade cos devanceiros e coas xeracións futuras.

As galegas e os galegos que puxemos a andar Galiza pola Soberanía aspiramos a levar adiante o dereito a iniciarmos un proceso de construción nacional, que nos leve a unha situación de soberanía plena, á consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república. Por iso o pasado mes de xullo presentamos publicamente esta iniciativa e convocamos a todas e todos os que coma nós consideren que debemos camiñar cara á República da Galiza a traballar canda nós por esta arela. Porque como escribiu Daniel Castelao no Sempre en Galiza: "Galiza é unha nación e como tal é soberana e ten dereito a se organizar sen máis límites que os derivados do respecto ao dereito igual das demais" nacións e, por conseguinte, "non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para vivir con absoluta independencia- sería sempre un acto tiránico".

Como en Quebec, Scotland, Catalunya, Euskal Herria, é o tempo do pobo, é o tempo de erguer a nación e rexer os nosos destinos.

Escoitade, debaixo dos nosos pés estas pedras aínda gardan a calor dos pasos dos camaradas de Bóveda e Castelao, os deles mesmos. Escoitade, entre estes muros ecoan aínda as súas palabras. Foron estadea, foron semente, son labarada que nos ilumina, collede a súa forza. Camiñemos, agárdanos Galiza.



17 de agosto de 2013, Día de Galiza Mártir.
Intervención na Homenaxe a Alexandre Bóveda, publicada en Sermos Galiza.
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 18-08-2013 11:00
# Ligazón permanente a este artigo
Na miña terra

Na miña terra

?Tenho visto alguma coisa do mundo, e apontado alguma coisa que vi. De todas quantas viagens porém fiz, as que mais me interessaram sempre foram as viagens na minha terra.? Almeida Garret, Viagens na minha terra, 1846 (citado da edición da Porto Editora de 1982).

Cando comecei pensar neste artigo, foi esta obra de Garret, revolucionadora da prosa portuguesa, unha das primeiras ideas que me viu á cabeza. Certamente teño visto algunha cousa do mundo e a súa pegada quedou no que fun escribindo: a verticalidade do volcán de Pico nos Açores, o arreguizo camiñando os corredores do Coliseo, a lama nos Elíseos, o voo dos pelicanos na baía de La Habana ou a nostalxia camiñando un areal de Lekeitio. Mais non sabería dicir se foron estas as viaxes que deixaron máis pegada.

Tampouco se foron as viaxes ou os libros que elixín para me acompañar, e os que trouxen de volta como trofeos, os que ancoraron na lembranza. Porque mellor que as propias rúas de Río de Janeiro, lembro as páxinas de Voces no deserto de Nélida Piñón ou o Jubiabá de Jorge Amado ás portas do Museo da Baleia na Ilha da Madeira.

Mulher de Porto Pim, de Antonio Tabucci, foi un dos trofeos. O libro atravesou o Atlántico na miña maleta dúas veces, sempre no camiño dos Açores. Apareceume na Feira do libro de Ponta Delgada (Ilha de São Miguel), nesas feiras do libro que en Portugal abren as súas portas contra a noite, alá cando as temperaturas son máis frescas e a xente dá demorados paseos. No ano seguinte, o libro volveu de novo aos Açores, mais agora para acompañar o meu deambular pola Ilha de Faial e a propia praia de Porto Pim. Noutra desas feiras do libro nocturnas fíxenme con Memorial do Convento, foi na praia de Ericeira, na propia cámara municipal de Mafra, alí onde se ergue o convento do que Saramago fala. Esa viaxe precisamente deixou pegada nas miñas palabras, foi por mor dos morcegos conservadores, os gardiáns de libros como Opera Omnia de Homero, ou a 1º edición da Enciclopedia de Diderot e D?Alambert na biblioteca do Convento de Mafra.

Practicamente non nos deixaron entrar, só dar uns pasos dentro da biblioteca que se estendía máis alá do que os nosos ollos acadaban. Foron explicando todos os detalles da construción, os volumes que gardaba. Explicaban que os libros non tocaban o fondo dos andeis para non entrar en contacto coa humidade das paredes e que ás veces a limpeza da sala non era óptima porque nela vivían os morcegos, uns morcegos que acabaran por se demostrar os mellores conservadores posíbeis, pois eran os encargados de exterminar os insectos que ameazaban con devorar os libros. Por iso de regreso escribín sobre os morcegos conservadores desta vila chea de historia, esquecida á sombra de Sintra.

Mais debo volver ao inicio, porque nesta viaxe polos recantos da memoria, deixeime levar pola fascinación lectora e deixei atrás o fío primeiro que me guiaba neste labirinto.

Dicía cando comezaba que ao pensar neste artigo inmediatamente me veu á cabeza Almeida Garret e isto porque na miña escrita as viaxes que máis fondamente influíron foron as feitas na propia terra. Xa teño afirmado, en máis dunha ocasión, que é a paisaxe, a nosa paisaxe, unha das inspiracións fundamentais da miña escrita.
Porque sen a ansia do mar e as fuxidas de Santiago cara á costa talvez non existiría o meu primeiro libro, Crear o mar en Compostela. Mentres me facía adulta e aprendía a gobernar a miña propia vida andei esas praias do norte, praias en que o mar en nada se asemella daquel que me viu nacer na Ría de Vigo. Era como descubrir o mundo: Seaia, Baldaio, Razo, Camelle, Arou, O Trece, Nemiña, Lires, O Rostro, Mar de Fóra, Lagosteira, Caldebarcos, Carnota, Louro, Esteiro, Aguieira, Corrubedo. Praias e mar de Fisterra que se quedaron gravados para sempre na palabra, nos poemas, e acabaron por lle dar corpo ao desexo de que a Compostela chegase o mar. E aínda que cegada polo sal que precisaba, fun descubrindo os ríos que alimentan o océano: Tambre, Sar e Sarela e aldeas de nomes sonorosos: Olveira, Ponte Maceira.

Andei a praia do Trece para subir o Monte Branco de Camariñas, singularidade xeolóxica de duna rampante que coa forza do vento coroa o cume do monte e dálle nome. Monte arriba e monte abaixo. Saltei entre os cons cando a praia se perdía, entrei no cemiterio dos ingleses e imaxinei a historia que oculta, fun até o final do Petón do Boi e seguín camiñando cara ao Cabo Vilán para sentir a forza do vento ao pé do faro. Polo camiño busquei a camariña e atopei herbas de namorar e foxos de lobos.

Sentín o temor vendo unha vella ás crebas no Rostro, temor do que non pode ser racionalizado e aparece e desaparece mentres os ollos se pechan e as areas se cravan igualmente nas pupilas. E unha mágoa fonda, indescritíbel, mortal coma o veleno, cando o bafo negro cubriu de morte o Mar de Fóra, o país enteiro desde Ortegal ao Miño, e deixamos de respirar.

E despois de percorrer todas as distancias que o tempo me deixou medir, aínda quedan camiños e camiños por andar. Camiños aos que volver, recunchos inexplorados que me empurran contra o papel en branco e unen a miña voz á de todas e todos os que se alzan para reclamar máis terra e máis mar. Cantís de Teixido ou cume do Pindo, canóns do Sil e auga a gurgullar en Lobios, miliarios e montes furados. País que nunca rematas de nos sorprender.

Ande a viaxeira camiños do norte e do sur, vaia contra o nacer do sol, ou cara ao ocaso, déixese ir, non repare en reloxos caprichosos que negan as bóvedas feitas polas follas dos carballos, bóvedas que nos levan até as augas ocultas que curan todos os males da alma. Fágalle caso a viaxeira a esa fame inexplicábel que a fai parar á beira da estrada e descubrir un monumento do Románico que non viña nos libros da súa escola, e repare na singularidade da construción en mármore, no cemiterio cuberto do que foron retiradas as tumbas, nas torres defensivas hoxe destinadas a campanario e panteón. O vello de ollos azuis e falar pausado desas terras do Incio virá canda ela para lle explicar que ten ante si unha xoia e mesmo accederá a abrir a igrexa para poder contemplar as esculturas de hai oito séculos ou máis.

As abas dos montes, o mármore negro, o falar do home, a viaxeira non saberá cal é o maior tesouro, mais volverá plena e disposta a se perder outro día, noutro lugar desta terra, recoñecéndose.

Xullo de 2013.

Artigo publicado no suplemento "A Fondo" do Sermos Galiza de 19 de xullo de 2013.

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 15-08-2013 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
As escritoras galegas á procura dun espazo propio
Na primeira semana de agosto, o Instituto de Estudos Miñoranos, IEM, recuperaba na súa sección de "Colaboracións literarias" o relatorio co que intervín na Feira do Libro de La Habana, o 23 de febreiro de 2008.

Trátase da miña intervención na mesa redonda "Da voz e da man das mulleres" xunto con Teresas Moure e Rosa Aneiros, moderadas e presentadas por Antía Otero.

A miña intervención titulábase "As escritoras galegas á procura dun espazo propio".

Podedes lela neste enlace

Outras informacións sobre aquel acto:
- En Acuática.
- Na páxina do BNG.
- En bubusopía.


Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 14-08-2013 12:51
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0