acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

alestindo un palangre de noso
Foto da GalipediaAndaba eu lendo aquí e alá e cheguei ao artigo desta semana para o Galicia-Hoxe de Carlos Callón. E dúas ideas, agora xa son tres, viñeron á miña cabeza.

A primeira foi a sorpresa que levei cando coñecín á tía da miña parella. Debín coñecela hai uns vinte anos ou máis, ou sexa que andariamos polos anos 90. Vive en Mondariz, exactamente na parroquia que o pobo renomeou como Vilasobroso, antes chamada San Martiño da Portela (e esta xa é outra historia). Pois ben, non puiden deixar de reparar aquel día en que para ela o verbo ?gustar? é de réxime preposicional, como en portugués, e lusista ela non é. Nunca lle escoitei usar o verbo doutro xeito que non fora: eu gosto do leite, ou non gosto de beillar... por iso eu dei en recuperar ese uso preposicional, igual que dei un día en deixar constancia de que na miña aldea, que vén ser o centro de Vigo, a nai da miña nai é a miña avó, tamén como en portugués, con ?o aberto.

A segunda idea foi que o outro día dei de "fuciños" no Memorial do convento coa voz ?falperra?. Vin usada esta palabra como nome común e corrín ao dicionario da Porto Editora para saber o seu significado, porque sempre sentín curiosidade por coñecer que sentido tiña o topónimo Falperra, en Vigo. O dicionario di que ?Falperra? é un lugar onde se practican moitos roubos, e que a palabra procede dun topónimo, neste caso portugués. Vaia, entón onde está a orixe, no topónimo Monte da Falperra, próximo ao Bom Jesus de Braga? E os ?Falperra? galegos, de Vigo ou da Coruña, teñen que ver con ese topónimo?

E tres. Eu, que ás veces son algo teimuda, hei de seguir dicindo, cando me pete, que gusto da poesía, e non deixarei de usar a palabra ?alestir? para que non esquezamos que así se di reparar as redes do palangre e pouco a pouco alestiremos o noso propio aparello, con bolachas e outros moitos termos.
Comentarios (8) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 30-08-2010 19:32
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista no Atlántico diario
A felicidade é unha conquista permanente que irremediabelmente ten unha data de caducidade?
Hai un poema en que digo que a felicidade é ese favo de mel que sempre estamos procurando, mais que só damos por el cando xa o tempo pasou e foi devorado polas larvas e cómpre comezar de novo. Non caduca, porque sempre a procuramos, porén, ás veces non a recoñecemos.

Parte da entrevista, realizada por Manuel Vidal Villaverde, publicada onte, 29 de agosto, no Atlántico diario.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 30-08-2010 18:42
# Ligazón permanente a este artigo
Neno no ano 2000
debuxo de Tokio
Outra das cousas que atopei nesta reorganización de vultos, foi este poema do ano 1985 cun deseño de Tokio. Era a contraportada da miña carpeta. Por que o titularía así? tan lonxe vía o ano 2000 en 1985?

Neno no ano 2000

Coa mesma lasitude e o seu manto
chega por riba da cidade a brétema.
Pode cantar, pero só fala
cun timbre musical de frauta doce.
Lixos escuros en nubens gallopan,
cabalos esvaídos
que pintou un cativo coas mans cortadas.
O neno mira cos ollos cegos
a cidade coberta.
O neno respira con dificultade na súa burbuxa,
o excitante cheiro do petróleo
que se desprende do tubo de escape
de mil motos sonorizadas.
Din que antes había unha especie
(vexetal?): as flores.
O cativo mírase nas augas infestadas de Orillamar
grasentas e pesadas, escuras,
nas que patinan muxos
arelantes de penetrar nas cañerías.
Comentarios (3) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 25-08-2010 18:56
# Ligazón permanente a este artigo
Aqueles anos 80
arquivo Marta Dacosta
Non se poden ordenar os papeis... de súpeto comezas atopar cousas. Iso foi o que pasou onte.

Entre outros atopei este exemplar de Castrellis do ano 84, mira ti, e fun atopar nel un bo resumo do que levo dito que foron para nós aqueles anos de movida. Así que aí queda, con erros ortográficos e todo, esta portada interior deseñada por Tokio (a revista viña dentro dunha funda de LP feita para a ocasión).

Que novos eramos!!
Comentarios (8) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-08-2010 11:41
# Ligazón permanente a este artigo
Os morcegos de Mafra
arquivo Marta DacostaInmensa. Así é a biblioteca do convento de Mafra. A mastodóntica afirmación imperial de João V nas terras do norte de Lisboa. O seu xeito de facer ostentación pétrea do seu poder, a custe do ouro do Brasil, ou o que é o mesmo, a custe do sangue brasileiro.

A biblioteca dependía dos franciscanos, que habitaban o convento, até que o Marqués do Pombal decidiu instalar alí os agostiños buscando unha saída ao elevado custe de mantemento dos franciscanos. Foron os agostiños os que edificaron a biblioteca tal e como hoxe a coñecemos. Anos máis tarde a biblioteca volveu ás mans dos franciscanos que son os responsábeis da súa organización, que aínda perdura hoxe.

Non hai nada casual. A biblioteca ocupa esa parte do edificio por ser onde se daban as mellores condicións climáticas. O fondo dos andeis non toca coa parede para impedir que a humidade chegue aos libros que, por súa vez, tampouco tocan o fondo.

A biblioteca garda incunábeis como a Opera Omnia de Homero, ou a 1º edición da Enciclopedia de Diderot e D?Alambert.

Mais o que máis me sorpredeu foi saber que hoxe os expertos na súa conservación son os morcegos. Dentro da biblioteca viven os pipistrellus e rhinolophus que se encargan expresamente de devorar todos os insectos que pretenden atacar os libros, manxares de fariña e sementes cos que un día foi feito o papel e a cola que o engoumou. Así libros e morcegos habitan aquel enorme espazo, beneficiándose mutuamente.

Poderán os morcegos, cos seus radares diminutos, adiviñar que alí, no segundo andar, xusto onde pon ?Miscelânea vária?, agardan, perfectamente ordenados, os libros prohibidos outrora?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-08-2010 12:06
# Ligazón permanente a este artigo
a dificultade do galego
Fun renovar o documento de identidade.

Agora, mentres procesan os datos, podes ir lendo como son recollidos. Así pasei os minutos, lendo que as entradas estaban en español (no documento que nos entregan están nas dúas linguas) e comprobando se os datos eran introducidos en galego. Ao final, o único dato en que se podía visibilizar o idioma era o sexo: ?femenino?, mais no documento soamente figura un ?f?.

Falei do tema coa persoa que me facía a renovación: ?Estou comprobando que os datos estean en galego?. Entón dixo: ?en gallego sería ?feminino? no? Yo hablo castrapo, no sé gallego, soy de aquella época en que no se enseñaba gallego en la escuela, y yo no sé gallego, en casa si, falamos castrapo, pero eso non é galego... e o galego normativo é mui difícil?.

Non fun quen de articular algo coherente, algo dixen, sobre que non importan as normas senón usar o idioma, mais non sei como o dixen. O lugar e a sorpresa que me produciu o argumento de que o galego normativo é moi difícil, nunha persoa que me pareceu máis nova ca min, debería ter algunha hora de galego na escola, deixoume noqueada.

E non sei de que me sorprendo...
Comentarios (2) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 13-08-2010 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
da miña man tamén

Catro anos e catro meses despois chegoume o único exemplar que me correspondía (o nº 60 de 100 exemplares editados a man) da obra colectiva Por man propia. Un proxecto da colección Bourel ao qeu achegeui este poema, que xa non lembraba, pode facer cinco ou máis anos.

Por fin.
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 09-08-2010 19:05
# Ligazón permanente a este artigo
O convento visto por Saramago
Foto de wikipedia"... em Mafra sei que se constrói um convento por causa de voto em que fui parte, e nunca ninguém de cá me levou a vê-lo, há nisto muita cosa que não sei entender ...

Minha filha e futura rainha, (...) a real vontade de teu pai e senhor nosso quis que se levantasse o convento, a mesma real vontade quer que vás para Espanha e o convento não vejas, só a vontade de el-rei prevalece, o resto é nada (José Saramago, Memorial do convento, p. 315).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-08-2010 11:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0