acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Presentación de As casas de Carlos Lixó
O 25 de xullo tiven o pracer de acompañar a Carlos Lixó na presentación do seu libro "As casas". Iso fixo que relese e gozase de novo deste poemario breve, mais intenso.
Dicía el ao inicio que temía que as lecturas crítricas quedasen simplemente nun poesía confesional, como adoito fan no caso da obra escrita por autoras, mais, afortunadamente, non fora así.
En todo caso, deixo a miña puntada. E acaso a poesía confesinal non é, neste e noutros casos, propiamente poesía de denuncia e de reflexión?
Para min si.

Velaquí o texto que preparei para a ocasión e que logo, a memoria, alterou e modificou sobre a marcha.

As Casas:

?Escribo desde o instituto mais en pequenas doses e de maneira irregular, de aí que o que máis teña feito sexan poemas soltos e relatos. Porén con este libro foi diferente, xurdiu todo á xunta, na primavera de 2017. A idea xa estaba e o período foi bo porque tiña para facer moitas outras cousas e non me apetecía pórme con ningunha delas.?


É este un libro de poesía que contén unha estrutura interna, polo que podemos realizar un esquema das súas partes, que se van evidenciando segundo avanza o libro:
1. Orixe/nacemento:
a. A familia e os seus secretos
b. Os lugares aos que pertencemos
2. Crecemento:
a. Descuberta e construción da identidade
b. Recoñecemento
3. Presente: consciencia plena da identidade e da ausencia de liberdade

A esta estrutura contribúe a construción dos símbolos persoais do autor, que como fíos de ganduxar, afloran nos poemas ao longo do libro, entrelazando os textos e as imaxes que nos suxiren. Falo dos topónimos, os ou as periquitas e o canciño.
Neste libro que se nos presenta como un fresco dunha vila costeira galega, en que a aldea é recreada como locus amoenus e a vila representa o lugar da ausencia da liberdade, onde a xente vive apertada e a berrar, hai realmente unha viaxe á construción da persoa, unha viaxe que nos sinala algunha das súas claves nas citas coas que o libro se abre os parámetros da construción do poemario: a orixe e a construción da persoa, como elementos esenciais para o seu (auto)recoñecemento.
Isto que suxiro e que escribín co único alicerce da relectura do texto, comprobei despois que xa o manifestara o propio Lixó naquela escolma realizada por Callón en maio de 2018: ?Nel enfróntome á infancia, á paisaxe e á construción das identidades no rural que nos resta despois da fin do mundo campesiño. Escribo sobre deixar unha casa e todas as casas.?
Xustamente nesa fin do mundo campesiño comeza o poema que abre o libro, o propio léxico alértanos. No primeiro verso do libro, Lixó non di casa, escribe ?chalé?, e esta decisión léxica ponnos en alerta. Chalés dos anos setenta que substituíron a nosa arquitectura tradicional, importando modelos alleos, moitas veces copiados das paisaxes da emigración. Esa ?apropiación cultural?, que logo aparecerá no poema das galiñas, e que aquí se manifesta xa na escolla do galicismo.
Fin do mundo campesiño, dicía, que, porén, non quere soltar o último rizón e mantén a imaxe da virxe do Carme no pinche da casa, como un amuleto, como unha marca identitaria, máis etnográfica ca propiamente relixiosa.
Estamos entrando na orixe, asistimos ao nacemento da persoa, e coñecemos os lugares aos que pertencen e que son unha parte do que somos, ou non é certo que se pertencésemos a outro lugar seriamos diferentes?
Os lugares e as familias, as que gardan na memoria das xeracións o sacrificio, as mortes, os segredos, o rexeitamento. E a violencia:
?Mesmo na familia máis comedida hai dalgunha maneira certo pouso de violencia, non necesariamente física. Case todo se funda sobre o traumático? (entrevista realizada por Montse Dopico, Praza, sábado 30, decembro 2017)
Entón comezamos percorrer o mapa do lugar que define o eu poético e no que van aparecendo os topónimos, o cemiterio de San Paio, a aldea de Vilar, Caamaño, Sálvora, Vixán, Carreira, nun poema, que xa non pertence a esta parte, en que o eu poético reproduce a colisión de dous mundos, en que Carreira representa a vila que se opón a toda unha extensa zona rural. E canda esta oposición rural/vilego, está a da lingua, as referencias á diglosia, á liña divisoria que marcan os usos lingüísticos, ao abandono do idioma entre os máis novos.
No recurso toponímico entrecrúzanse o Lixó historiador e o Lixó poeta (apelido toponímico) pintando para nós a lagoa que non nomea, mais si sinala claramente ao nomear a súa orixe toponímica e aludir a unha lenda que recollen tanto o licenciado Molina como Carré Alvarellos (?A microtoponimia de Sálvora? Estud. lingüíst. galega 8 (2016): 127-145;).
Nesta parte, volvemos reparar na escolla léxica realizada polo autor para describir un vestido: ?da cor do sulfato?, unha referencia que, para alén de invocar unha cor, nos sitúa nun mundo concreto, o mundo da aldea campesiña e dos labores do campo. Podería ter dito un vestido azul, mais azul sería un termo pobre que non nos faría pensar nin na tonalidade, nin no brillo do sulfato, de cor tan intensa.
?Mais ademais o pasado non é só a infancia como pasado vivido, é tamén o pasado asumido? (entrevista realizada por Montse Dopico, Praza, sábado 30, decembro 2017)
A segunda parte, a que eu denomino ?crecemento?, está marcada co verso ?Cando era neno?. A partir de aí iníciase a viaxe de retroceso en que van sinalándose os fíos cos que se descobre a identidade, primeiro dun xeito non consciente ?como era eu, aínda que non o sabía?, até chocar coa realidade ?como pouco a pouco/ até que non entrei nunca máis?.
E a terceira iníciase co verso ?O meu can coñéceme mellor que calquera persoa?, ese can, que é outro fío de ganduxar, que vén desde aquel primeiro poema: ?agora no xardín está enterrado un canciño? e que na súa ausencia de linguaxe articulada e intelixencia humana é, porén, capaz de recoñecer o eu poético, pois carece de prexuízos e a súa mirada nace do amor. (inciso: oposición doméstico, coñecido, próximo, normal// salvaxe, descoñecido, afastado, non controlábel que se evidencia cargada de significado naquel poema ?cando era neno?: a cadela do tío que mata os pitos diferentes) E con ese recoñecemento transitamos cara ao presente, un presente de estorniños libres que rin dos humanos que viven apertados e a berrar, incapaces de ver cara ao futuro, ?ninguén ve vir a tempestade?, e a pesar de todo hai unha fenda para confiar na existencia do amor, o amor como o da ?casa familiar en inverno?.
O libro péchase cos estorniños, mais non son estas as únicas aves que atravesan o poemario. Periquitas rosas, canarias rosas, a garza, un pardal aforcado, son as aves que trasladan aos poemas e que, sen prexuízo da simboloxía tradicional, podemos interpretar como expresión da liberdade: ?fuxiu entre os dedos/voou libre?. Mais tampouco temos por que desbotar a interpretación clásica que nos traslada Cirlot: ?Desde o antigo Exipto, as aves simbolizan con grande frecuencia as almas humanas? (páx. 91) e realmente podemos entendelas así, almas que ansían liberdade e que son aforcadas para reprimir xustamente esa ansia.
Outro dos símbolos que atopamos ao longo de poemas e partes diferentes é o dos caranguexos: pinzas de caranguexo que se cravan, día dos caranguexos e noite dos caranguexos. Trátase dun símbolo relativamente hermético que nos fai imaxinar algo negativo, escuro, o suicidio, a morte. Mais en todo caso, un misterio que paira no poema e nos prende a el, facéndonos volver ao texto e tentar captar a emoción que nos transmite, esa si, diáfana.
As casas é, por tanto, unha reflexión sobre a identidade, unha reflexión feita de imaxes pasadas que van aparecendo ante nós até compor un crebacabezas que, na súa abstracción tamén nos contén ás lectoras e aos lectores, como persoas nacidas da tensión entre o que nos vén dado: a casa, o lugar, a familia e os seus segredos e o que nós decidimos: os lugares en que estar en silencio, a compañía e os xogos, liberar os paxaros.
Un libro, pois, que nos convida a facernos preguntas, a pescudar nos misterios que nos deixa. Iso que lle pedimos a un libro, especialmente a un libro de poesía.

Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 27-07-2019 10:50
# Ligazón permanente a este artigo
Un ano máis, subir ao Pico Sacro.
Saúdo pronunciado na Subida ao Pico Sacro o día 20 de xullo.

Artigo publicado en Terra e Tempo.

Referencia en Sermos Galiza.

Como cada ano, a A.C. O Galo e a A.C. Vagalume organizaron a subida ao Pico Sacro para conmemorar a realizada por Castelao no ano 1924. Trátase dun acto de lembranza en que tamén se le o discurso Alba de Gloria e se realizan outras actividades destinadas a afondar no coñecemento deste lugar emblemático desde o punto de vista do patrimonio material e inmaterial.

É un privilexio contarmos con entidades culturais que teñen a fortaleza de continuar a traballar ano tras ano. Grazas a elas mantemos en pé a nosa memoria colectiva e podemos afondar no coñecemento da nosa identidade. Por iso é unha honra acudir ao seu convite e ser parte deste acto necesario.

Velaquí as palabras que pronunciei ao pé do Pico:

Entidades organizadoras que me convidastes. Amigas e amigos

Saúdovos cando acadades á cima deste lugar, monte e cume que foron obxecto de culto do pobo que por dereito habitaba estas terras antes da cristianización forzosa que quixo ocultar a súa existencia. Como sucede adoito, non puideron apagar as lendas que no seu formato fantástico conservan para nós a historia esixíndonos que saibamos pór luz na súa mesta rede de relatos converxentes. Estamos no altar da Terra Nai, como dixo Daniel, a quen hoxe lembramos e homenaxeamos.

Da subida que hoxe conmemoramos fálannos as imaxes de Pedro Brey e o relato de Ken Keirades, que eu releo citado por Xoán Carlos Garrido (?90 aniversario da viaxe de Castelao ao Pico Sacro?, Faro de Vigo, 16-07-2014). Paga a pena ler a descrición do comportamento de Castelao cando se deitou no chan para ver o bordo do barranco. Retrátanos o mesmo home que vemos nos seus deseños: un ser único, mestura de sinxeleza, inocencia, curiosidade e intelixencia. Ese xesto de deixar a un lado aquel sombreiro que o cobre en todas as imaxes, ese arrastrarse polo chan para ir até onde ninguén ía, esa satisfacción de cumprir os desexos propios e avanzar, ratifican o que vemos na súa obra, unha persoa única que é, con razón, unha das estrelas que ilumina a nosa noite. Outra ?luciña? máis dese ?substractum insobornable da nosa Patria? (Castelao, Alba de Gloria, Xunta de Galicia, Vigo, 2008, páx. 19).

Aqueles homes estaban pescudando a terra que alimenta as nosas raíces, facéndose fortes nelas. Algo que nós debemos manter e seguir a practicar: coñecer e sentir orgullo do que somos. Sacar á luz, visibilizar as abas da nosa historia como realmente foron, para así sabermos se acadamos o cume ou aínda temos que percorrer un traxecto necesario e convocar o noso pobo para que comprobe de que elementos estamos feitos.

E se, coma este monte, estamos feitos de cuarzo, somos duros e transparentes, como Castelao foi. Cuarzo, o duro mineral desgastado en millóns de anos de chuvia até se converter en pía e facer do natural algo extraordinario, confundindo ao propio López Ferreiro quen, onde traballara a natureza, identificou a man dun pobo prehistórico: ?Esta pena é de cuarzo medio cristalizado como as demais daquel sitio; está naturalmente adherida ao chan; polos seus contornos parece que andou a man do home; e polo que toca á cavidade superior é difícil explicala como un efecto das frecuente choivas, pois a súa áspera superficie non revela a acción da auga.? (Groba González, X. e Vaqueiro Rodríguez, M., A Cova do Pico, Concello de Boqueixón, 2004, páx. 118)

Os científicos fálannos da antigüidade do Pico, uns 400 millóns de anos, orixinado na primeira etapa da formación xeolóxica de Galiza, fálannos tamén da súa singularidade por ser unha montaña de cuarzo en terra de granito. Dinnos que é un inselberg de 553 metros erixido sobre o punto en que se soldaron dúas placas tectónicas. Mais esta descrición xeolóxica, resultado da investigación e do método científico, que dá resposta racional ás nosas preguntas, é xustamente a que me fai a min dicir aquí as palabras de Alfredo Vicenti na súa novela A orillas del Ulla (1875-1880): ?Non hai dúbida; a orixinal montaña garda un secreto. Esfinxe de pedra, pon en tortura a imaxinación de cantos a interrogan (...)?(op. cit. páx. 25)

A imaxinación, ese elemento imprescindíbel para recoñecérmonos. Como di Castelao no Alba de Gloria: ?evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro? (Castelao, 2008, páx. 11). A imaxinación é hoxe o fío co que corcosemos os anacos de nós que imos recuperando, coma se fósemos nós as espeleólogas que baixamos por ese ?pozo vertical que no negro e pavoroso parece chegar ao centro da terra? (Groba e Vaqueiro, 2004, páx. 25)

A miña imaxinación pregúntase por Lupa. Os silencios que se estenden entre os retallos que nacen abeirados aos topónimos que gardan a súa memoria, poñen en marcha a engrenaxe que acaba por se traducir en palabra poética, versos que non esquecen a imaxe da escultura que retratou o seu sometemento á igrexa, case a única imaxe que chega a nós.

A lenda, a historia de Lupa foi sempre utilizada como elemento negativo na construción do relato da vinculación do apóstolo Santiago con Compostela. Retallos á sombra da historia que outros nos dixeron real: a xangada de pedra portadora de ósos sagrados na loita pola construción dun pasado cristián que dese poder e riqueza ás terras recuperadas. Un relato que se repite en diferentes latitudes e que, se o lemos ben, fala de loitas de poder. Lendas de poder que aínda hoxe prevalecen e nos impoñen unha forma de mirar á historia.

Así sometida a Santiago, xa como relato secundario, é como, talvez, non chega a esa Santa Compaña que Castelao creou no seu discurso Alba de Gloria, pronunciado o 25 de xullo de 1948 no Centro Galego de Bos Aires. Santa Compaña encabezada por Prisciliano, seguido por Teodosio, San Dámaso, Eteria, Paulo Orosio, en quen me quero deter hoxe. Eu cheguei a Paulo Orosio pescudando na orixe do que Carvalho Calero dixera que podía ser o lema de todas as galegas e galegos: ?esperar contra toda esperanza?. Carvalho engadía naquela entrevista que lle fixera Francisco Salinas para a AS-PG: ?mentres non decidamos suicidarnos como povo temos que confiar na posibilidade de rectificar a historia e a historia, por suposto, ten que ser rectificada? (Salinas Portugal, F., Voz e silencio (Entrevista con Ricardo Carballo Calero), Edicións do Cumio, Vilaboa, 1991, citado a través do vídeo publicado en 2002 por eDixgal na www.bvg.udc.es)

Nós estamos aquí xustamente para rectificar a historia, comezando por esclarecer como sucederon os feitos para logo colocalos no lugar que lles corresponde. Visibilizalos e difundilos.

Ás veces será sacando á luz pergameos, inscricións, pinturas e gravados que permaneceron ocultos baixo a maleza real e metafórica. Outras veces, botando man do ?puramente imaxinario?, como cemento necesario para edificar a casa de noso. Nese lugar creamos, ás veces, as poetas, procurando construír a rede que nos sosteña, o cobertor que nos abrigue.

Como galega, é dicir, muller nacida nesta terra, consciente da miña identidade, do meu xénero, da miña clase e de que esta sociedade precisa ser transformada, poño ao dispor de cantos me acompañades o pouco que sei facer, enfiar palabras coas que nomear emocións.

Con esa vontade, deixeime levar un día polo galopar das eguas entre a néboa e corporeicei a raíña pagá que foi sepultada baixa as palabras oficiais, para que das súas cinzas nacese a nosa vida. É o meu particular xeito de ?ver o pasado para proveito do futuro?

Artigo publicado en Terra e Tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-07-2019 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
Bagaxe de regreso
Artigo publicado en Sermos Galiza.

Camiño rúas descoñecidas no afán de alargar o mapa emocional co que buscar a paz. Consulto os itinerarios recomendados, mais procuro nas fendas: detéñome baixo os niños das andoriñas para retratar as osgas indiscretas ou paro o coche no medio da estrada para coñecer a andoriña dáurica ou contemplar o vo do abelleiro tan escaso entre nós.

Por iso as imaxes que vou gardar non teñen monumentos coñecidísimos e si os versos da varanda de cristal que delimita os postos de lectura da biblioteca de Sines: Ana Luísa Amaral, María Teresa Horta, as Tres Marías. Versos que fun lendo mentres me achegaba á sala en que reproducían o concerto de Kronos quartet e saltaba na cadeira ao escoitar de novo ?A casa do sol nacente?.

O caso foi que ese traxecto azaroso foi coma o mapa do tesouro que me conduciu até o andel das novidades onde un retrato nunha portada tirou da miña curiosidade. Era a novela ?Ele? de Cláudia de Campos, escritora de Sines que viña ao mundo o mesmo ano que Alejandra, a primoxénita de Rosalía de Castro, que na altura regresaba a Galiza.

Maria Cláudia de Campos Matos publica o seu primeiro libro, ?Rindo: contos?, sete anos despois de falecer Rosalía, en 1892. Nese momento tiña trinta e tres anos e había catro que se divorciara xudicialmente do seu marido. Un feito insólito naquel tempo. Como reaccionarían os seus coetáneos? Podemos imaxinalo. O feito é que esa realidade biográfica é a que sustenta a súa novela ?Ele?, a máis coñecida, a máis polémica, porque, malia mudar os nomes reais por nomes ficticios, as persoas e os lugares de Sines que atravesan a novela eran ben recoñecíbeis. Até entón, a súa vida fora como a de moitas outras mulleres, casou con dezaseis anos e aos dezaoito tivo unha filla. Mais ela, unha muller formada e de ampla cultura, decidiu pór remate a ese matrimonio con vinte e nove anos. Entón foi cando comezou escribir.

A novela ?Ele? publícase no derradeiro ano do século XIX, cando Cláudia de Campos contaba corenta anos e xa era recoñecida como escritora e como feminista (formou parte da dirección da Secção Feminista da Liga Portuguesa da Paz). En 1906, no xornal Vanguarda lemos: ?D. Cláudia de Campos é uma das mais distinctas escriptoras portuguezas. Verdadeira personalidade de artista a escrever, sem se deter ou preocupar com os preconceitos que dominan o nosso meio??

A través da reportaxe de Joana Beleza (Expreso, 24/11/2016) sabemos que en 1895 de Campos era a única muller publicando na revista ?A leitura?. Ao seu lado figuraban nomes como Stevenson, Tolstoi ou Mark Twain. Ela escribía: ?há muito que formulei este axioma e dele me não desdigo: um homem estúpido é duas vezes mais estúpido que uma mulher que o seja?

Quen quixer pode achegarse á súa novela (está accesíbel na páxina do concello de Sines, que a reeditou). Como leo nas diversas referencias que puiden atopar, non é unha autora de primeira fila, mais iso non debe privala da lembranza que merece e que, co mesmo ou menor motivo, reciben autores do seu tempo. De certo existen outras autoras de maior relevo e máis próximas no tempo a Rosalía que reclaman a nosa atención, mais chegamos a elas tirando desta sedela e, ademais, facendo miñas as palabras de Teresa Almeida recollidas por Joana Beleza (pois onde ela di portuguesa nós podemos colocar galega ou, por que non, universal): ?todas as mulheres que escrevem têm necessidade de se filiar numa tradição que tem que ver com as autoras que escreveram em português?. ?Portanto, descobrir uma nova escritora é muito importante para aquelas que escrevem hoje em dia, porque existe uma espécie de orfandade na literatura nacional.?

E esta foi a miña bagaxe de regreso, o que eu trouxen da última viaxe ao sur, un pouco menos de orfandade e un novo fío para seguir a agrandar ese cobertor que precisamos.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 24-07-2019 18:52
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0