acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

cansa

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 29-07-2015 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Pobo e nada máis
Pobo e nada máis

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo


Estes dous versos acompáñanme de cote. Por iso adoito empregalos en unidades didácticas e obradoiros. En discursos, en conversas ou neste artigo. Con estes versos inicia Manuel María o poema A Fala. Dous versos que nos dan a clave de por que o vinte e cinco de xullo saímos á rúa. Porque é a través do idioma como nos situamos no mundo, como nos recoñecemos galegas e galegos e tomamos conciencia de que pertencemos a unha nación diferenciada que lexitimamente aspira á súa soberanía.

Manuel María escribiu este poema entre os anos 1978-79, forma parte de As rúas do vento ceibe, libro destinado aos nenos e nenas. Segundo Camilo Gómez Torres (Manuel María: os traballos e os días, 2001) faino animado pola adaptación musical que Suso Vaamonde fixera do seu Os soños na gaiola, esoutro libro en que lemos:
Galicia somos nós:
a xente e máis a fala
¡Si buscas a Galicia
En ti tes que atopala!

Mais tamén para dar satisfacción ?ás demandas que os nenos e nenas galegos lle achegaran nas súas cartas desde 1972?. Como di Manuel María na ?Carta ós nenos que pode servir de prólogo a este libro?: ?Quixen contar dun xeito elemental, sinxelo e esquemático o que é Galicia, o que foi Galicia. E alcender en vós ?que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro.?

Alcender en vós ?que sodes o porvir- a chama dunha espranza para que fagades a Galicia do futuro, por isto volvo hoxe aos poemas de Manuel María para convertelos en argumentos que nos convocan á nosa celebración. Como el mesmo dixo, o 25 de xullo: ?Coa nosa bandeira ó fronte / non hemos retroceder. / ¡Galicia ten que ser ceibe! / ¡Temos, irmaus, que vencer!? (?Día da patria galega?, As rúas do vento ceibe).

Convertemos a poesía en argumento porque ten o poder de falarnos a través do tempo. Nos poemas de Manuel María atopamos unha mensaxe clara para este momento político:

Galicia é o pobo e nada máis
O que non é pobo non pode
ser Galicia?
Nós, que somos pobo, seguiremos
sendo pobo eternamente.
No pobo está a verdade.
E soio o pobo ten e garda
a esencia indestrutible de Galicia.

É un fragmento dun poema de Versos para un país de minifundios, 1968, un libro en que Manuel María enuncia os principais problemas do noso país: ?fala materna, // emigración, pobreza, economía,// conciencia, minifundio, compromiso? Denomínaos: ?verbas arrepiantes?, porque producen arrepío entre os defensores do sistema, eses que procuran que non se fale deses temas, que nin sequera se pronuncien esas palabras.

No Congreso Manuel María. Literatura e nación, celebrado en 2005, sinalamos que foi a poesía dos 90 a que tomou como referentes literarios os autores e autoras da xeración de 57, seguindo a denominación establecida por Xosé Manuel Millán. A ela pertencen Manuel María, Bernardino Graña e Uxío Novoneyra, tres poetas que teñen en común un trazo que denominamos visión ecocéntrica, é dicir, unha visión que trata por igual humanidade, animais, natureza e planeta. O ? home ?e o poeta como metonimia de toda a humanidade- deixan de ser o centro do universo literario para converterse nunha parte máis, nin sequera privilexiada, e o seu oco vai encherse coa omnipresencia da natureza, a materia e as súas forzas desatadas.? (Millán Otero, ?O contexto literario?, en B. Graña, Profecía do mar, 1995). Esta relegación do antropocentrismo é evidente na poesía de Manuel María que pon en pé de igualdade natureza, animais e persoas: ?¿Cándo faremos un mundo no que poidan // cantar libremente en paz, // en auténtica irmandade, // homes, ventos, planetas, ríos e paxaros??

Esa visión do mundo e a súa capacidade para converter en palabra poética a urxencia do tempo que lle tocou vivir é o herdo que reclamamos as xeracións que vimos finalizar o século XX. Chamámoslle a esa poesía socialrealismo, utilizando esa etiqueta para acubillar baixo a mesma denominación poéticas diferentes. O propio Manuel María é quen sinala a diferenza nun artigo en que nos fala da súa admiración por Celso Emilio: ?O que non foi ... é o que se entende ... por poeta nacionalista galego como, por exemplo, Ramón Cabanillas. A temática da poesía de Celso Emilio Ferreiro vale pró povo galego. Esto é evidente. Pro hai unha temática específicamente galega ? normalización da lingua e da cultura, autodeterminación, situación do asoballo nacional, dependencia, etc.- que non aparece na súa poesía, se exceptuamos o fermosísimo poema adicado ao idioma propio.? (?O meu Celso Emilio Ferreiro?, Celso Emilio Ferreiro. Común temos a patria, 1989).

Temos a fortuna de podermos celebrar o vindeiro 2016 o ano de Manuel María. O certo é que, desde que soubemos a nova, comezamos celebralo. Por iso hoxe, este vinte e cinco de xullo, pensei que era acaído volver aos seus versos. Ler de novo as súas palabras acendidas. Memorizar pos seus poemas porque son o mellor argumento:

? estamos vivindo sulagados nun
caos/anacrónico/suicida
Mais
somos donos dun ideal,
temos bandeira,
contamos
que pobo que non renunciou
ó dereito de vivir
i está
disposto a tirar tódolos xugos,
rachar as infindas cadeas
que o teñen amarrado
ó subdesenrolo,
ó asoballamento
i a i-n-x-u-s-t-i-c-i-a
Compre
comenzar polo principio,
dinamitar o vello/vergoñoso
edificio colonial/imperialista
e construír, dende os cementos,
unha patria nosa/nova/ceibe:
A GALICIA POPULAR/SOCIALISTA
QUE NÓS SOÑAMOS
E QUEREMOS

(Poemas pra construír unha Patria, 1977)

25 de xullo de 2015.

Artigo publicado en Terra e tempo e Valminor.info
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Manuel María - Publicado o 29-07-2015 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
des-tecer IV

A cuarta enterga de des-
tecer, un poema en homenaxe a Begoña Caamaño:
?Escribo dende un xénero excluído e dende unha lingua minorizada e asumo a responsabilidade que esa escolla conleva?
Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 29-07-2015 12:11
# Ligazón permanente a este artigo
Dous libros de relatos para o verán
Dos últimos libros publicados, chamaron a miña atención dúas coleccións de relatos que veño de ler nestes primeiros días de verán.

Creo que foi na Feira do libro de Vigo, cando alguén comentou que volvía o relato, como se no ámbito narrativo fose a novela a que ocupase o escaparate espazo- temporal do edificio literario. E creo que si, que un pouco si.

Estes libros son dous títulos absolutamente recomendábeis. Imprescindíbeis, diría eu, e cito por orde de publicación:

Funambulistas de Mercedes Leobalde
Un animal chamado Néboa de Ledicia Costas

Dúas mulleres dando pasos firmes no mundo da narrativa.

Moi diferentes entre si, en canto á temática, localización e extensión do relato, mais igualmente gratificantes. Ambos os dous están escritos cunha lingua poderosa, poética por veces, cun estilo adecuado ao texto que se constrúe. Até ler outra vez unha frase ou un prarágrafo só pola súa beleza, sen importar o seu contido.

Un animal chamado néboa feriume, tiven que pechar o libro máis dunha vez por mor da dureza dalgún dos relatos. Son historias que sabemos ou intuímos, mais que non cansamos de rememorar, porque sabemos que lembrar é terapéutico, necesario. O meu preferido é ?Leningrado?, especialmente o segundo episodio.

Funambulistas tamén peta no corazón, fainos rir ou acóuganos a través da vinganza que ás veces nos medra no estómago. Gostei especialmente dos relatos relacionados entre si, eses que dan tanto a entender, mais que non revelan completamente o que sucedeu, e entre eles o terceiro, xa contra o final do libro, esperanzador.

Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 24-07-2015 09:29
# Ligazón permanente a este artigo
des-tecer III

Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 17-07-2015 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
des-tecer II

Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 17-07-2015 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
cabalo de area
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 07-07-2015 19:03
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a María do Carme Kruckenberg na Feira do Libro de Vigo

O martes día 7 de xullo, ás 20:30, reunirémonos na Feira do Libro de Vigo, convocadas por Galaxia, para recitar versos da querida Carme.

O acto será presentado, naturalmente, por Mercedes Queixas.

Alí estaremos dando voz á poeta que xa non está.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 04-07-2015 10:20
# Ligazón permanente a este artigo
Recital


Recital realizado no marco das X Xornadas de pesca organizadas pola Confraría do Pindo.

Na imaxe: Merche Díaz Mayán da organización, presentando o recital, Xose Iglesias, Francisco Xosé Fernández Naval, quen escribe, Alexandre Nerium e Rafa Villar.

Puxemos todo o mar que nos coubo nos poemas.
Un pracer.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 03-07-2015 22:10
# Ligazón permanente a este artigo
Des-tecer I
Comeza a publicación deste conxunto de poemas por entregas. Velaquí a primeira, en 2 de xullo de 2015. Compartindo páxina con Marica Campo, un pracer.
Comentarios (0) - Categoría: des-tecer - Publicado o 03-07-2015 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0