acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Poesía no Festigal
Foto de Tokio

Ás 19:40, con retraso sobre a hora prevista, deu comezo o recital de poesía no Festigal. Foi un recital magnífico, especialmente polo que atinxe aos meus compañeiros de mesa que como vedes son, de esquerda a dereita: Medos Romero, Paco Souto, Lucía Novas, Xabier Paz e eu mesma.

Desde aquí o meu agradecemento por poder compartir con eles esa hora.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2007 14:06
# Ligazón permanente a este artigo
Festa da miña patria
Foto de Marta Dacosta
Este ano Compostela, a Quintana, a carballeira e o Festigal estiveron máis cheos que nunca.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-07-2007 13:56
# Ligazón permanente a este artigo
FESTIGAL


Mañá comeza o Festigal!

E o mércores en Compostela. FORZA!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2007 00:04
# Ligazón permanente a este artigo
As bandeiras dos seus pais
copiada de http://www.filmaffinity.com/es/film779616.htmlPara resarcirnos dunha de terror que vimos no cine, sen avisar e a traición (La Voz calificaba a película de fantástica e falaba de que trataba da expansión dun virus en Gran Bretaña, non dicía nada de que era unha nova volta sobre os zombis) vimos Flags of our fathers, que comeza cunha moi boa frase sobre os que non saben o que é a guerra porque nunca estiveron nela (referiríase a Bush?). A pelícual é moi interesante pois fala da utilizacion de tres soldados para xustificar a política bélica do EEUU e para recadar fondos para a participación na guerra. En definitiva, un tema totalmente actual aínda que fale de medidados do XX. Agora teño que ver Cartas desde Iwo Jima...
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2007 00:00
# Ligazón permanente a este artigo
Curros
Foto de Marta Dacosta
Esta quincena falei dos Curros en www.gznacion.com. Do bo e do malo.

A foto e o artigo son sobre o curro de Morgadáns, en Gondomar, que no calendario habitual celébrase o primeiro domingo de xuño.

CURROS

Estes días atrás celebrouse no concello de Gondomar o curro de Morgadáns que fora adiado por mor do mal tempo.

O curro de Morgadáns, como todos os curros, ou rapa das bestas que lles chaman noutros lugares, consiste en recoller os cabalos ceibos e reunilos durante a madrugada para baixalos ao curro na mañá para na tarde apañar un a un, cortarlles as crinas, desinfectalos e, nalgúns casos, marcalos. Hai compravenda de animais, especialmente de poldros, tanto para cría, coma para sacrificio.

Este curro está situado a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar e debe ser un dos máis altos da comarca do Val Miñor e Oia. Localízase nun monte que estriba coa Serra do Galiñeiro e o Aloia e ten unhas condicións orográficas idóneas para esta actividade, pois está situado nunha bagoada, dentro da cal o curro, o recinto pechado de pedra, ocupa a parte inferior e está rodeado de árbores, unha delas un inmenso liquidámbar, que dan sombra impedindo que os cabalos estean expostos ao sol, cuestión que incidiría en incrementar o estrés dos animais.

Din que o curro comezou realizarse nunha zona localizada máis ao sur, a un par de quilómetros de distancia, na aba do monte da Peraguda, xa dentro da parroquia de Peitieiros. De feito ese lugar recibe hoxe en día o nome de Curro Vello. Curiosamente dicía aínda un home, un dos ?aloitadores?, referíndose a un cabalo que destacaba pola súa mansedume: ?este é dos de Peitieiros que son os da mellor raza?... será unha forma de falar para dicir que debía ser un cabalo dos que pacen en Peitieiros.

Os cabalos que se reúnen no curro de Morgadáns esténdense por toda a serra do Galiñeiro e chegan mesmo ás abas de Chan do Cereixo, en Tomiño. Hoxe son cabalos xeneticamente moi mesturados, precisamente os cabalos que puidemos ver este domingo eran cabalos de grande porte, altos, robustos, de cores diversas, entre eles cabalos brancos, grises, negros... Se cadra algún destes cabalos podería ter aínda unha predominancia de trazos xenéticos da raza galega, mais aparentemente víanse moi mesturados. En calquera caso eran fermosos cabalos.

Con todos estes ingredientes unha pode gozar da actividade e pasar unha tarde en contacto coa natureza. Mais hai un lado escuro, unha situación a erradicar, hai que realizar un labor de concienciación para desterrar dos curros os comportamentos violentos e agresivos cos animais. Desde a parte superior da bagoada pode comprobarse como hai homes que con tranquilidade e sen violencia apañan os cabalos, sempre con corda, e lévanos cara a fóra. A paciencia destes individuos é perceptíbel en que son quen de dar voltas e voltas ao redor do cabalo até apañalo, non levan vara na man e, cando teñen que marcalos, fano dunha soa vez e sen tentar chegar ao óso. Son as mesmas persoas que conseguen cortar as crinas á primeira e mesmo tirarlle a corda á besta coa propia man, pois o cabalo, que estando nunha situación moi violenta para el, non se sente agredido, deixa que se lle achegue o home.

Mais hai individuos que co pao na man pasan a maior parte da tarde berrando e mallando nos cabalos, son os mesmos que no marcado prenderlle lume no pelo e, incapaces de acertar á primeira, impóñenlle o ferro unha e outra vez. O público protesta e o cabalo retórcese de dor até se deixar caer derrubado no chan, unha estampa pola que sairía correndo do curro. Considero que estes individuos actúan así por medo, porque consideran que o cabalo é unha besta insensíbel que os vai atacar, cando o cabalo é o primeiro en asustarse, cun medo nos ollos que medra cos berros e os paos. Cumpriría dicirlles a estes homes que non precisan ter medo dos cabalos, si respecto, mais que mallando neles só van conseguir asustalos máis e dificultar o traballo que queren realizar.

Nos últimos anos vense mulleres nos curros, en Morgadáns había unha, celebro a circunstancia, mais celébroa especialmente porque aquela moza non só non lle bateu a ningún animal, senón que chegou acariñalos e os cabalos que ela conducía mostrábanse tan tranquilos que eran quen de pacer por entre o medio das persoas. Se cadra é un exemplo a seguir.

Para min, que amo o mantemento das nosas tradicións, os curros son actividades de grande interese, actividades ás que aínda se lles podería tirar máis rendemento procedendo a un estudo de todos os cabalos do monte, investigando na nosa raza galega e na súa mestura con outra razas, traballando para a boa saúde deste gando. Mais tamén amo os animais e a natureza e por iso defendo que actividades coma estas deben levarse a cabo procurando a menor incidencia entre os animais, minimizando ou eliminando todos os factores que contribúan ao seu estrés e tratándoos como o que son, seres vivos que comparten con nós esta terra, seres que teñen os seus propios sentimentos, dereitos e, por que non dicilo, cultura.

En todo caso, quedo coa imaxe dos poldros respostando á chamada da súa nai, pois son quen de se recoñecer cando rinchan, ou co comportamento dunha fermosa egua branca que volveu atrás na procura do seu poldriño canela de estrela na testa, lambéndoo e cheirándoo, nunha actitude como de preguntarlle como se atopaba e que andara lixeiro, monte arriba, cara aos prados de herba fresca e lonxe daquel lugar.


Gondomar, 18 de xullo de 2007.
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 20-07-2007 13:01
# Ligazón permanente a este artigo
Muíños abandonados
Foto de Marta DacostaA imaxe corresponde a dous muíños abandonados na beira do río que baixa de Murxido, cara a Gonda e Morgadáns (Gondomar). É o río Morgadáns que logo se une ao Zamáns para dar lugar ao río Miñor, o mesmo río que dá nome a este val e que despois de lamber as terras de Gondomar desemboca nunha foz e divide Nigrán de Baiona.

Para min é un deses recantos fermosísimos, un lugar en que as pedras van cedendo ao paso dos anos esquecidas de todos. Por iso lles tirei unhas fotos, por iso e porque me lembraron un poema que escribín hai máis de 15 anos diante doutro muíño abandonado e estragado, daquela no curso do río Sarela ao seu paso por Compostela.



Corre o río por muíños nos camiños encontrados,
e na súa voz gallopan acuáticos cabalos
ou seixos das redondas sombras da ribeiras.
Corre o río purgatorios dos infernos que morreron,
nos cadoiros pequeniños
estragados polos homes.
E polo monte baixa baixo os altos ameneiros,
recorre outras distancias de pontillóns recentes
e pedras esquecidas nas marxes das ribeiras.
Baixa neno o Sarela cantando doce,
sen encontrar os ledos compañeiros de antano,
e outras cancións poboan os seus transparentes beizos
para os mortos que o agardan no seu rápido camiño.

(de Crear o mar en Compotela, 1993)
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 17-07-2007 20:47
# Ligazón permanente a este artigo
The children of the dust
foto extraída de http://www.imdb.com/title/tt0113195/Onte estiven vendo esta película traducida co título de Razas. Curioso filme, un negro medio indio, un indio e unha muller opoñéndose ao avance do home branco, o home branco portador da ideoloxía destinada a trunfar, o home blanco do carapucho branco, a tea de lume e o coitelo na man para castrar o futuro dos que lle son diferentes.

Unha das personaxes, Nube Negra, pronuncia esta frase que resume o contido da película e do último século: "o tempo dos seres humanos xa rematou, comeza o dos homes brancos". Exacto.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 16-07-2007 16:10
# Ligazón permanente a este artigo
A santa esposa
Este é o título do artigo de Marica Campo na A Nosa Terra desta semana. Bo artigo, como todos os de Marica, magnífica escritora. Bo e sorprendente, pola comparación que a autora fai entre a actitude do home que chama á súa muller "a súa santa esposa", mentres se deita con outra. El di que a respecta, mais na realidade ese non é respecto ningún, senón desprezo. Esa actitude é a que teñen algunhas persoas coa nosa lingua, respéctana mentres se deitan co castelán que lles reporta máis beneficios.

Recoméndovos o artigo para estes días en que algúns se empeñan en atacar a nosa lingua, porque atacala é pedir que se reduza a súa presenza... Máis? ... Nunca.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2007 16:23
# Ligazón permanente a este artigo
Discrepo
Hoxe boteille un vistazo á entrevista que no suplemento Culturas de La Voz de Galicia lle facína a Juan Gómez-Jurado, o escritor que coa súa primeira novela, El espía de Dios, e trinta anos xa pode dicir que se vai adicar ao oficio de escribir. Este xornalista que pasou, entre outros medios, pola COPE, di nesa entrevista un par de cousas das que discrepo abertamente.

Unha é que a literatura debe ser comercial. Pois non, non debe selo. Non digo que non teña que haber literatura comercial, ou que quen se adica profesionalmente á escrita non teña que, de vez en cando, escribir literatura comercial, mais penso que esa literatura é absolutamente efímera, un mangado de palabras que non deixa pouso ningún e que mesmo pode non proporcionarnos ningún goce estético, unha das cuestións que xunto coa aprendizaxe e a procura do coñecemento creo que deben estar presentes no achegamento á arte e, en concreto, na lectura dunha obra literaria.

A outra cuestión é que, como bo madrileño, respostou a unha pregunta sobre a literatura galega, con outra pregunta: que é a literatura galega? E fixo un símil cunha empresa de compoñentes informáticos que se ensamblan en Galiza mais que foron fabricados en Asia... Pode entón falarse de literatura galega? Di el. Entendo, logo, que tampouco el se considera un escritor español ou pertencente ao sistema literario español, pois segundo o seu razoamento, neste mundo globalizado nada pode ser xa galego, catalán ou francés... En fin, discrepo radicalmente porque son da opinión de que as persoas pertencemos a un lugar, a unha historia e a un tempo; eu non podería ser eu sen as miñas circunstancias de ter nacido en Galiza, coñercer a historia de meu e vivir dacabalo entre o século XX e o XXI, sabéndome herdeira dunha cultura milenaria que algúns tentan desaparecer, falando unha lingua que se me nega, ou defendendo posicións políticas que non están de moda, porque o que está de moda é como no caso de Gómez-Jurado ser apolítico e gañar moita pasta.

Perdón pola acritude.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-07-2007 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
Outeiro dos Lameiros
Fotos de Tokio
O martes pola noite, alá pasadas as 12, ou sexa, xa no mércores realmente, acudimos a unha saída programada polo Instituto de Estudos Miñoranos para ver os petróglifos de Outeiro dos Lameiros con luz artificial, no medio da noite escura. É unha das mellores formas de velos, pois durante o día dependerá da posición do sol que os poidamos ver ou non.

Foi unha fermosa saída. Conducidos pola potente voz de Xosé Lois Vilar, que anda por esa foto aínda que non se vexa ben, retrocedemos no tempo para escoitar a sonoridade das pedras e ver e interpretar os deseños que os avós nos deixaron. Que nos quererían dicir? A noite é especialmente atractiva para elucubrar sobre as moitas posibilidades. Ademais houbo a engaiolante sorpresa dunha gaita no cumio do outeiro para acompañar o noso espírito transportado.

E no medio do monte, na noite escura, aquela morea de persoas cos seus candís, mais parecíamos Santa Compaña ca excursionistas, e iso debeu pensar un coche da Garda Civil que se achegou a nós, e que cando viu aquelas ringleiras de luces, deu media volta sen dicir boas noites, non fora ser...
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-07-2007 15:43
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2]
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0