acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Recital nas IX Xornadas de pesca do Pindo
Este sábado ás 19:00 horas e despois da presentación do libro "As crebas: outro xeito de andar ao mar" de Francisco Fernández Naval, terá lugar un recital poético en que participaremos o propio Fernández naval, Alexandre Nerium e eu mesma.

Será no marco das IX Xornadas de pesca do Pindo, organizadas como todos os anos pola confraría do Pindo, nas instalacións da propia confraría.

Un ano máis en que a reflexión sobre o mundo do mar, a ecoloxía, a música e a literatura, reúnense ao pé do Monte Pindo.


Ampliación:
Neste enlace poden verse algunhas imaxes do acto.
Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 27-06-2014 08:32
# Ligazón permanente a este artigo
Resumo da presentación de Argola en Pontevedra
O pasado 18 de xuño presentouse Argola na Libraría Paz de Pontevedra.

Helena Torres fixo este marabilloso resumo da presentación:

"Daniel falounos das obras e premios de Marta, das anécdotas de actos e presentacións nas que coincidiron para rematar facendo unha pequena "reseña" de Argola e das diferentes lecturas que el fixo das que destacou que "nesas partes tan contestativas e tan claras atopei no medio moitas preguntas, esas preguntas son as que máis me lamearon na lectura e as que máis me gustaron porque cando tes unha lectura clara e concisa do que te están contando esas preguntas son as que che deixan mergullarte moito máis no libro."
Marta contounos do proceso de Argola dende a idea que o orixinou ata a escolla da protagonista, a vestal, como pretexto para falar de todo o que non é concreto nin está concretado, un símbolo que lle permitía xuntar varias cuestións que se resumen en que colonialismo, patriarcado e imperialismo é o mesmo "ismo".
Para rematar, Marta leunos varios versos escollidos que poden resumir o seu libro. Marabilla.
Marta e Daniel, moitas grazas pola vosa visita"

Grazas á Libraría Paz e a Helena Torres que sempre está atenta para que a nosa obra non pase desapercibida.

Galería de imaxes en facebook.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 23-06-2014 08:53
# Ligazón permanente a este artigo
Resumo da presentación de Argola en Vilanova de Cerveira

O sábado 7 de xuño presentouse Argola en Vilanova de Cerveira, na Porta XIII, convidada por María Alonso Seisdedos.

Foi unha presentación moi especial, e foino porque me rodeaban catro amigos, catro persoas coas que compartín e comparto centro de traballo, o IES de Tomiño.

Así que para min foi moi emotivo. Unha presentación de poñer os pés no chan, porque Puri Ameixide volveu dicir cousas fermosísimas do libro, e destacar o seu valor de conxunto que o converte case nun relato poético que crea unha personaxe plena.

Carlos Villanueva, Luís Lechuga e Lorenzo Suárez interpretaron tres pezas de grande calidade, demostrando que son uns grandes músicos (así que vos recomendo que escoitedes o disco Doutra marxe, e veredes de que estamos falando).

E ao final sucedeu algo imprevisto. A palabra xuntouse á música, e os versos encaixaban nos acordes como se fosen feitos os uns para os outros e o recitado fora ensaiado... e non, era a primeira vez.

E foi, unha presentación feliz.
Grazas
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 11-06-2014 20:22
# Ligazón permanente a este artigo
Garza

Poema Dun lago escuro.
Composición con deseño de Tokio, para a súa publicación nas colaboracións literarias do IEM, sección conducida polo escritor Miguel Anxo Mouriño, onde foi tan agarimosamente presentado:

"Nova entrega de Colaboracións Literarias da man da escritora Marta Dacosta e o ilustrador Alfredo López, que adoita usar o pseudónimo Tokio. Agradecémoslles este exquisito aperitivo do libro Dun lago escuro, premio Xohán Carballeira 2013, que acaba de pórse á disposición do público e xa acadou os primeiros postos entre os libros recomendados por dous prestixiosos críticos literarios como son Armando Requeixo (Tabela dos libros. Criticalia) e Ramón Nicolás (Taboleiro dos libros galegos. Caderno da crítica). Magnífica saída que augura un mellor percorrido polas rutas poéticas do nosos sistema literario."
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 11-06-2014 10:05
# Ligazón permanente a este artigo
Taboleiro dos libros galegos


E un día despois, o Taboleiro do libro galego, do Caderno da crítica, blog de Ramón Nicolás, informa que Dun lago escuro é o cuarto libro de poesía máis vendido.

Certamente é un bo xeito de comezar a andaina deste libro. Grazas ás lectoras e aos lectores.

E tamén grazas a todas as persoas que difundides os seus versos, como Antonio García Teijeiro que no seu blog Versos e aloumiños, dedica o XXXVII escaparate poético ao meu libro.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 04-06-2014 08:58
# Ligazón permanente a este artigo
Volve a vertixe

E volve a vertixe. O medo á exposición. Algo paliado porque nestes primeiros días deste meu lago escuro algunha nova axuda a ver con claridade por este ventá que é a publicación do libro (así esta recomendación da Tabela dos libros, do blog Criticalia de Armando Requeixo).

Dun lago escuro, un libro tan parecido a Argola como a noite se parece ao día ou un estanque inmóbil e opaco á fonte cristalina. Dous extremos da barra pola que vou camiñando sen a destreza da ximnasta e temendo sempre o golpe da caída.
Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 02-06-2014 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Vilanova de Cerveira

Este sábado 7 de xuño presentaremos Argola na Porta XIII de Vilanova de Cerveira.

O certo é que estou emocionada. Non todos os días presentas o teu libro rodeada de compañeiros de traballo, de amigos.

En Vilanova acompañarame Puri Ameixide, escritora, autora de Nada se esquece e compañeira no departamento de Lingua galega do IES de Tomiño.

Estarán tamén tres músicos da formación Doutra marxe: Carlos Villanueva, profe de bioloxía e actual director do Instituto e Luís Lechuga, o profe de música que tomou o relevo de Lorenzo Suárez, ex-profesor no noso centro. Todos eles veciños ou oriundos do Rosal.

Eu, que máis podo dicir? Moitas, moitas grazas e quedades todas e todos convidados.
Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 02-06-2014 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Argola en Vilanova de Cerveira

Comentarios (0) - Categoría: Argola - Publicado o 01-06-2014 10:48
# Ligazón permanente a este artigo
"agora que xa non está"

Este mes de xuño de 2014 cúmprense dez anos do pasamento do meu avó Xesús Alonso Covelo, un mariñeiro que naceu en Vigo e navegou no Grand Solé a maior parte da súa vida.

Nunca coñecerei xa o seu relato vital. Non saberei das súas angurias nin dos seus silencios. Das súas sombras. A penas me chega a súa rebeldía relatada como pequenos, ou grandes, desafíos.

O seu desexo de ser por si mesmo.

Por iso este poema. Un poema que tomou sentido e forma ao ser integrado en Dun lago escuro, para reflexionar tamén, sobre a distancia entre a aparencia e a realidade. Un poema que, sen premeditación, se publica como aniversario, aos dez anos da súa ausencia.

Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 01-06-2014 10:46
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0