Reunido o xurado do I Premio de Poesía Figurante na noite do 25 de xuño de 2013, decidiu por unanimidade concedelo a Eli Ríos polo seu libro Maria e a Marta Dacosta polo seu poemario Argola.
O xurado recoñece o valor literario das dúas propostas, salientando a pertinencia da mensaxe dende unha perspectiva feminista, a forza e intensidade das imaxes e o dominio dos diferentes recursos poéticos, así como do idioma, na amálgama que conforma un todo sólido e perfectamente coligado. Ademais, quere destacar a cantidade e calidade de propostas enviadas.
O premio consta da publicación das dúas obras en volumes independentes, o que se realizará ao longo do presente ano, nunha primeira edición de, como mínimo, cen exemplares, dos que se derivarán os preceptivos dereitos de autor.
Artigo publicado en Terra e Tempo sobre a proposta feita pola CIG-Ensino para que o Día de Rosalía figurase no calendario escolar e a negativa da Consellaría a recollelo:
"Contemprou cal pasaban e pasaban
Collendo hacia o infinito,
Sin que ô fiaren n'ela
Os ollos apagados e afundidos
Deran siñal nin moestra
D'habela n'algun tempo conocido."
No mesmo mes en que celebramos a publicación de Cantares gallegos hai 150 anos, a Consellaría de Cultura e Educación négase un ano máis, e desta volta con especial belixerancia, a acoller a proposta que desde a CIG-Ensino se vén realizando de que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, forme parte do calendario escolar no apartado de conmemoracións, ao lado de datas como o Día de Europa ou o Día da defensa dos dereitos do consumidor.
Se o ano pasado a Consellaría pechou o debate concluíndo que estudaría a proposta, este ano negouse desde o principio, até o extremo de dicir que se se lle dedicaba a Rosalía, habería que llo dedicar tamén a outros autores ou que por que a Rosalía. É posíbel que esta pregunta se faga nun organismo da Consellaría de EDUCACIÓN? De verdade que hai que explicar o que significa Rosalía de Castro para a lingua e a literatura galega? Actitudes como a demostrada este xoves 23 pola Consellaría de Educación son a expresión do seu autoodio e da súa vontade de reducir a nosa lingua e a nosa cultura á mínima expresión.
Non son como aquela procesión de mortos que pasan por ela sen daren mostra de a teren coñecido, senón como un exército de zombis que insisten en negala nun discurso que oculta o esencial e que demostra a consciencia de que as palabras de Rosalía nacen dunha firme vontade identitaria. Por iso pretenden aparentar o recoñecemento á autora, mentres negan por omisión o significado fulcral da súa contribución, reducindo a súa figura a ?... quen levou a través da palabra escrita,.. o noso espírito á mellor lírica da época contemporánea; tamén polo seu pensamento transformador, en prol da igualdade de dereitos entre todos os seres humanos?. Estes son segundo o Conselleiro de Cultura e Educación os motivos para recoñecer a obra rosaliana, unha nova volta ao parafuso da beatificación confusionista que desde hai décadas pretenden infrinxirlle "os horados na vila" á nosa autora.
Unha vez máis non poden negala en termos absolutos, borrala da memoria colectiva, enterrar a súa obra no esquezo. Por iso renovan a estratexia da manipulación e da redución até a eliminación, impedindo facer do Día de Rosalía un día para que os centros escolares e, por tanto, as nenas e os nenos, as xeracións do futuro, lean, declamen, coñezan a súa obra.
Son os mesmos que concibiron a implantación do terzo en inglés para ir eliminando o galego das aulas.
Contra a súa negación o pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que un 24 de febreiro as escritoras e os escritores lean os seus versos nas rúas das cidades, mentres as persoas que camiñan se deteñen, escoitan, lánzanse a ler tamén.
O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que unha profesora propoña unha actividade escolar da que as pequenas e os pequenos falen cando cheguen á casa. O pobo galego erguerá a voz de Rosalía cada vez que en calquera momento e lugar unha nena declame os seus versos, e diga alto e forte: que así mo pediron, que así mo mandaron que cante e que cante na lingua que eu falo.
O pobo galego erguerá a voz de Rosalía aínda que teimen en evitalo.
Este 15 de xuño a AELG dedícalle a Marica Campo a homenaxe: A escritora na súa terra. Esta carta vai para ela, para lle expresar o meu aprezo e compatilo con todas e con todos.
Amiga Marica Campo:
Ilusióname acudir ao Incio este sábado día 15 de xuño para festexarte. En canto tiven noticia do acto anoteino e tomei acordo de acudir, aí, ao Val do Mao do que tanto nos falas sempre que hai ocasión.
Antes de mais, cómpre dicir que esta homenaxe instituída pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, é un verdadeiro acerto porque é unha homenaxe en vida que lle permite a quen a recibe compartila con todas e todos, escritoras e escritores, familia e amiga/os, veciñas e veciños, convertendo o acto literario en popular, deixando memoria viva da escritora nas rúas e nos camiños que o pobo transita.
Así quedará o nome de Marica Campo, o teu nome, nese souto que é o Campo da festa do Val do Mao e, talvez dentro de cen anos, cando a neta pregunte o por que do nome, aínda a avoa saiba transmitirlle quen era a escritora que un día foi cativa coma ela nesas terras do Incio.
O que quero dicirche ben o puidera facer en persoa, ao tempo que te felicito por esta merecida homenaxe. Mais non quero que a declaración da miña admiración quede en tan reducido ámbito, prefiro compartila así, de xeito que sirva tamén como recoñecemento público da túa persoa.
Souben dos teus versos antes de saber que existía a escritora, case como todos. De certo cantaba os teus poemas insistentemente sen saber que eran teus, sen saber sequera que eran versos. E se onte estarrecía escoitando ese inmenso poema que é Muller, aínda hoxe non podo deixar de sentir a soidade desa muller anónima que encarna o sufrimento de todas as que padeceron fame, soidade, sometemento, esquezo. Todas. Elas. Que son o pobo.
Hoxe volvín abrir Memoria para Xoana, a narración en que admirei a construción da memoria, o legado á filla que vai nacer. Aínda teño marcada aquela páxina en que dis: ?... non quixera estar na miña torre de marfín, allea ao mundo que sofre?. E dou fe que non é na torre onde ti estás, senón entre todas nós, alzando a túa voz, dándonos as palabras que precisamos, as que nos permitan comprender o mundo en que vivimos. Nesas páxinas escritas hai xa máis de dez anos segue latindo o presente: ?Hai un Sur de pobreza que non pode acceder ao Norte da abundancia porque, en contra das palabras da nosa máis grande escritora, toda a terra NON é dos homes.?
Grazas Marica. Polos teus versos, polos teus relatos. Por ser tamén unha mestra comprometida co noso país, que o amou a través das cativas e dos cativos. Pertences á estirpe das que fixeron da escola algo máis que un lugar de memorización e fría aprendizaxe. Ti e tantos coma ti, fixestes do ensino unha arte de nos amar a nós mesmos, Lelos descridos da escola por mor de mestres alleos.
Vaia esta aperta de palabras impresas para che dicir que ti es das escritoras que admiro.
Concluimos o Obradoiro cun Encontro de Creación Literaria
A convidada para pór o punto final a este obradoiro foi Marta Dacosta, que acaba de gañar o premio Johán Carballeira co seu libro Dun lago escuro. Ela mesma preparou unha Escolma de Poemas seus, para falarnos do que ela entende por proceso de creación literaria, de por que escribe e como o fai.
Os e as asistentes puideron disfrutar non só da lectura destes poemas senón tamén de como ela ía explicando todo o seu proceso de creación literaria que esas autopoéticas desvelan mediante metáforas. De como bebe das cousas que a rodean, das experiencias vividas: algo que ve nun intre determinado ou mesmo que escoita e le nun xornal, as vivencias de cando era nena ou esas anécdotas familiares das que nos fixo participes a todos e todas as que alí estabamos, coñecendo desta maneira o universo máis íntimo e persoal da autora.
Público no encontro de creación literaria con Marta Dacosta insistiu en que en poesía é importante a escolla das palabras: non serve calquera. Hai que seleccionar moi ben as verbas para poder transmitir todo o que se desexa, que non quede ningún matiz no tinteiro. Confesa Marta que incluso chega a escribir pequenos poemas para utilizar determinados termos, sobre todo aqueles que como profesora de lingua e literatura galega lle interesa conservar, os dialectalismos do lugar onde vive, as palabras familiares que, na maioría dos casos, se van perdendo co tempo. Transmitiulle aos asistentes as súas raíces e o afincadas que están na terra, aínda que o seu espazo bucólico e idílico segue sendo o mar, a ría de Vigo que a viu nacer.
Marta comezou a escribir sendo unha nena moi pequena, con apenas oito anos, xa escribira unha obriña teatral de dúas páxinas. Foi nese intre cando comezou a xestarse a que hoxe en día coñecemos como unha das principais poetas de Galiza. Escolleu na súa madurez e dominio da escrita a canle poética porque confesa que e afín co seu carácter, é inmediata, íntima, mesmo vergoñenta. E do mesmo feito que ela, a poesía evoluciona co tempo, é decir, o mesmo poema cambia a súa perspectiva e o seu significado conforme van pasando os anos.
Asistentes len poemas de Marta DacostaAconsellou aos participantes no obradoiro gardar o que escriben e relelo moito tempo despois. De feito, Marta comentou que ela mesma traballaba deste xeito: escribía, gardaba e cando xa tiña na súa carpeta o suficiente material -que podía abranguer dous anos- lía e facía a súa escolla, tachaba, ampliaba, correxía, polo que nunca se chega desfacer dos textos, malia que non se publiquen..
Rematou o seu relatorio coa lectura duns poemas inéditos que nos deixaron a todas e todos un bo sabor de boca, esperando que pronto saia publicado o novo poemario de Marta Dacosta para poder disfrutar dun lago escuro. Podedes escoitalos no seguinte video
Estes días fálase de en quen poderá recaer o día das Letras Galegas de 2014. Lembro entón este artigo que escribín en xuño de 2004. Nel falo de Carvalho Calero, aínda non homenaxeado. Cando será o día das letras de Carvalho?
Letras galegas
Recentemente o día das Letras Galegas volve estar de actualidade, desta volta pola decisión de lle adicar as letras do 2005 a Lorenzo Varela, decisión que non recibiu o apoio unánime da Academia. O outro motivo que lle confere actualidade é o debate sobre a súa utilidade, sobre a súa hipotética crise.
Certamente no contexto actual faise necesario recorrer á alquimia, inventar novas fórmulas, atopar a pedra fiosofal que arraigue na sociedade a nosa identidade. A celebración das letras galegas debe ser unha festa, a festa da nosa identidade cultural, mais unha festa que non ignore a problematica actual, nin renuncie a reclamar as medidas necesarias para a normalización plena da nosa cultura e da nosa lingua. Debemos, ademais, desterrar o carácter litúrxico, ritual desta data instituída para manter e recuperar a nosa identidade.
Con respecto á escolla de Lorenzo Varela reaxín con sorpresa, abraioume a escolla deste autor fronte a outros cun obra máis extensa e importante e cunha contribución máis destacábel a prol da nosa cultura. Tanto como a elección abraioume que, segundo informaba a prensa escrita, non houbese candidato alternativo e comecei considerar algúns dos autores que eu achegaría.
Cinxíndome ao criterio de ter morto hai dez anos, criterio que podería ser revisado, penso fundamentalmente nos seguintes escritores:
O profesor Carvalho Calero, destacábel pola súa aportación creativa e ensaística, un dos grandes investigadores da nosa literatura, Eusebio Lorenzo Baleirón, ou os irmáns Alvarez Blazquez, nomeadamente Xosé María quen, tamén nos duros anos do franquismo, contribuíu á nosa historia cultural non só mediante a creación literaria, senón tamén mediante o activismo coa creación de selos editoriais e coleccións. Un Xosé María Alvarez Blázquez que entre outras cuestións tería ao seu favor o feito de ter sido membro da Academia.
E un nome máis, o nome dunha muller, tan raras nesta lista de escritores homenaxeados, fiel reflexo da súa presencia no mundo das letras, mais aínda así, merecedoras dun pequeno lugar. Refírome, naturalmente, a María Mariño.
Por que non se barallan estes nomes? Non nego con isto que Lorenzo Varela non poida recibir esta homenaxe, mais tamén é certo que non está, en canto á súa aportación creadora, á altura dalgún dos nomes citados.
Esta é a miña contribución ao libro Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto, que se autodefine como "iniciativa poética popular contra a mina de Corcoesto". Está publicado por Caldeirón e nel participan 75 escritor@s.
Estes días, mentres penso no Obradoiro que a Asociación Cultural o Galo me convidou a impartir o luns día 3 en Compostela, leo Arte poética, seis conferencias de Borges, e estou gozando coa lectura. Quizais porque como o propio autor di na conferencia "Credo de poeta" coa que pecha o libro:
"Considérome esencialmente un lector. Como saben vostedes, atrevinme a escribir; mais creo que o que lin é moito máis importante que o que escribín. Pois un le o que quere, mais non escribe o que quere, senón o que pode."