acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Dun recital no Makondo
Nasas envíame o enlace en que estaba esta foto (que copio con descaro porque tamén a teño), é da páxina do poeta amigo Modesto Fraga que a utiliza para ilustrar a nova do premio de poesía Cidade de Ourense a outro poeta amigo: Rafa Villar.

Aí estamos, Abel Méndes, a que escribe, Modesto Fraga e Rafa Villar, nunha noite poética no Makondo, un bar de Cee que daquela abrira Modesto (poeta taberneiro como Paco Souto e Avilés de Taramancos). Era o 20 de xaneiro de 1996.

Lembro perfectamente que lin este poema, nunha versión probabelmente anterior á definitiva, pois deille voltas durante tempo.

Grazas a Nasas por enviarme o enlace e saúdos a Modesto e, por suposto, parabés para Rafa Villar, que merece moito ese premio.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2008 22:55
# Ligazón permanente a este artigo
EGUA
Arquivo Marta DacostaNun día coma hoxe, mentres a néboa sobe coma unha onda xigante val arriba, lembro as eguas da Groba

eu
egua a voar contra o vento
para sentir o sal do mar




Trouxo atrás dela as eguas da Groba

amamos os seus lombos nus
carne sobre carne
vento

vento que nos peitea mentres lembramos as fuxidas


De As amantes de Hamlet (2003)
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 23-06-2008 21:21
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza, sempre
De www.culturagalega.org
É o mapa de Domingo Fontán, o mapa que guiou ao galeguismo a Adrián Solovio, o protagonista de Arredor de si, que Otero Pedrayo constrúe para representar a evolución ideolóxica da súa xeración.

"... a lingoa de Galliza e Portugal, as quaes ambas erão antigamente quasi hua mesma ..." Así nomea o noso país Duarte Nunes de Leão en 1784, na súa obra Origem da língua portuguesa.

É só por poñer un exemplo histórico, non medieval, agora que volvo falar do tema no A Nosa Terra desta semana. O artigo está colgado no Caderno Xeral da AS-PG.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 20-06-2008 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
O galego que non fala a lingua da súa terra
Foto de Marta DacostaSe cadra, algunha vez sentistes algunha destas estrofas, pertencen ao libro Da vella roseira, de Victoriano Taibo, publicado no ano 1925:

N?hai cantigas com?as nosas
nin fala com?a galega,
non hai terra com?a miña
nin baila com?a muiñeira.

O galego que non fala
na lingua da sua terra,
nin sabe o que ten de seu
nin é merecente d?ela.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-06-2008 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Parásitos do paraíso
foto da wikipediaHai días xa que rematei de ler o libro Parásitos do paraíso de Leonard Cohen.

Andaba eu pola librería e dei con el (se cadra os libros non se buscan, porque son eles os que nos atopan desde os andeis e as mesas)e non puiden resistir o impulso de traelo comigo (ese suxerente título!), e comeceino ler de inmediato. O libro está publicado en Visor, nunha tradución de Antonio Resines. Está composto por poemas escritos entre 1965 e 1966, poemas escritos cando eu nacía, e iso abráiame, porque os textos parecen completamente actuais... versos polos que non pasou o tempo.

Gustoume, mais non me entusiasmou, se cadra pola miña habitual reacción negativa ante os textos poéticos traducidos, se cadra polo meu descoñecemento do autor, da obra e do contexto, que non me permitiu gozar do libro na súa completa dimensión. Mais relía os poemas e mesmo, eu que só teño uns rudimentos de inglés, lía a versión orixinal despois de ler a tradución, para sentir a sonoridade do verso, ou para cuestionar (quen son eu) a tradución dalgunha palabriña.

Neste libro está o poema, ou a canción, Suzanne e palabras coma estas:

"Que é un luxo iso de deixarse cousas non tinteiro, un luxo do que moi poucos poden gozar"

"... berrarlle aos deuses para demostrar a irrealidade dos deuses..."

Se cadra un día, un andel achegarame outro dos seus libros e volverei impregnarme de melancolía.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 14-06-2008 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Premio para a novela A cabeza de Medusa.
Foto GalipediaOnte foi, sen dúbida, un sábado literario: en Melide, en Boborás, outra vez en Melide ou en San Simón.

Á mañá acompañamos a Vázque Pintor durante a fermosísima homenaxe que recibiu. Á tarde escoitamos con emoción o fallo dos Xerais, especialmente do Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil: a novela A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre.

Quero dicirvos que debedes ler a novela en canto estea nos andeis das librerías. É absolutamente recomendábel.

Eu tiven o privilexio, sen ser membro do xurado, de ler esta novela e direivos que a lin practiamente en dous días porque, desde que a comecei, non puiden separarme dela até rematala. Malirar Aleixandre acaba de facernos un inmenso agasallo, dános unha novela que cumpría, unha novela sobre a violencia sexual contra as mulleres.

Porque si, penso que faltaba unha novela coma esta, e penso que é enormemente difícil tratar o tema e Marilar faino con mestría e con magnífico resultado, centrándose precisamente no máis importante: na violación social que se produce despois da agresión física, algo, se cabe, aínda máis doroso.

Insisto, hai que ler a novela. E é un acerto que saia na colección xuvenil, pois entre todos os públicos que a deben ler, está en primeiro lugar os que comparten idade cos protagonistas: os e as adolescentes, coma os que integraron o xurado que unanimemente decidiu esta obra como gañadora, e que logo lle manifestaron á autora canto lles gustara a súa novela.

A Marilar os meus parabéns desde aquí, outra vez(onte xa tiven a oportunidade de celebrar con ela o premio). E a vós, lede a novela.

Adiántovos a súa primeira frase, un inicio xenial que nos sitúa no centro do conflito:
"O venres en que ía ser violada amenceu bochornoso..."
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 08-06-2008 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Galiza ou Galicia. Os castelanismos léxicos
A consellaría consultou e a Academia resposta hoxe. Disque o noso país ten que se chamar Galicia.

Eu só vou dicir unha cousa: hai unha modalidade de castelanismos léxicos que consiste en que, nun par sinónimos, cando unha das formas é coincidente co castelán, esta é a usada en detrimento da forma exclusivamente galega: beizos/labios, bágoas/lágrimas, Galiza/Galicia.
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-06-2008 12:05
# Ligazón permanente a este artigo
Homenaxe a Xosé Vázquez Pintor en Melide
Foto da AELGA Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, decidiu homenaxear este ano a Xosé Vázquez Pintor.

Este poema pertence ao libro Ofidios de diario, que eu lin no ano 1990.

Para quén escribo se non é para o silencio,
para encher a noite con bastos gallardetes de papel,
para a terápia contra do home parado que eu son,
para espantar os cínefes
e convocar en asambléa a toda a fauna de amor sen nome,
para ser un posuído da voz e da morfina
/ aquel anelo de fumo que se escapa da boca
e se desfai no aire como un vello
na memória do tempo, máis e máis... /



Parabéns para o poeta!
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2008 18:25
# Ligazón permanente a este artigo
Eu, carballo
Arquivo Marta DacostaHoxe é o día mundial do Medioambiente. En tres días será o día mundial dos océanos. Para celebralo, volvín á miña teima de sempre: a de que temos unha lingua que é un fermosísimo carballo e que, por tanto, cómprenos coidar e facer medrar, para resistirmos e vivir.

Tamén hoxe se cumpren 139 anos da composición dun fermosísimo poema: Cántiga de Curros Enríquez, de quen celebramos 100 anos do seu pasamento.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 05-06-2008 14:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0