acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Recensión de Na casa da avoa no Diario Cultural
Chus Nogueira fala de Na casa da avoa no Diario Cultural:


Escoitar aquí.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 26-05-2017 09:01
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de Na casa da avoa en Bueu

Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 24-05-2017 18:10
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Na casa da avoa na Sega

A recensión de Na casa da avoa en A sega, por María Reimóndez, unha beleza:

"Dende o interior do rocho, Dacosta leva aturuxando a historia persoal e colectiva das mulleres dun xeito que nos fai sentir case coas mans cada palabra. Dende a exploración do seu eu á revisión das mulleres na literatura clásica pasando polo tema recorrente da memoria, Dacosta foi saíndo pola fiestra cando lle pecharon a porta e a súa última entrega é un contributo máis a esta escrita persoal e fondamente recoñecible que noutros se ve coma un galano e nas mulleres tende a descartarse como ?repetición?. Cousas."

"A de Dacosta é unha memoria que se rebela, que se nega a construír a casa do pai e do esposo, que por fin dá voz ás traballadoras que quedaron só na imaxe, coma as mulleres retratadas en cadros, fotografadas (por Ruth Matilda Anderson, por María Caldarelly) e nesa voz rescata a artista e o obxecto para facer de ambas, suxeito.
Mais se cadra a rebeldía máis intensa é aquela que, seguindo a Rosalía de Castro en Cantares, toma o que outros denominaron feo e inútil e faino fermoso: dende Guillermina que baila entre o granito coma flores ata o corpo envellecente das mulleres. Un corpo polo que pasa o tempo non para condenalo, como nos din todas as mensaxes que nos rodean, senón para amosar coas súas cicatrices que ?venceu?."

A recensión completa aquí: "O interior das casas", María Reimóndez, A Sega.

Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 24-05-2017 18:08
# Ligazón permanente a este artigo
?Estamos en pé de igualdade a nivel creativo con calquera lugar do mundo?
Esta semana das letras fun entrevistada por María Obelleiro para o Sermos Galiza.

"Defendes que a nosa literatura ten un elemento imprescindíbel: as creadoras e creadores, mais dis que falla no final do proceso, na parte lectura. E vinculas isto coa lingua. Por que?

A nosa ferramenta de traballo non é o barro, a fariña, a rede ou a madeira; é a lingua. Entón, se un carpinteiro non ten futuro cando deixamos de utilizarse mobles de madeira e pasamos a utilizar mobles de plástico, pois evidentemente a obra creativa dunha escritora ou dun escritor non terá futuro se a lingua coa que traballa non ten lectores nin falantes. O futuro da cultura galega e da literatura galega está indisolubelmente ligada ao futuro da lingua, porque nós traballamos coa lingua. Se cadra, se vivise noutro lugar do mundo e se falase outra lingua, non dicía isto que digo. Creo que non é cuestionábel que teremos máis lectores en galego se temos máis falantes en galego. A máis falantes, máis lectoras e lectores. O noso país pode presumir de potencia creativa. Temos escritoras e escritores, debuxantes, artistas plásticos en xeral, actrices e actores... temos todos os elementos mais falla a pos produción, a difusión, o apoio de alguén que debería estar fachendeando, dicindo, que unha das mellores poesías europeas se escribe en galego."

Semos Galiza Número 246.
Estracto no dixital.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 21-05-2017 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Entre os 10 escritores galegos que hai que coñecer segundo Librotea, El País

Estes son os "10 escritores gallegos que debes conocer" segundo a estantería de Librotea do xornal El País.

Engaden:
"As escritoras tamén sobresaen. Entre elas, Diana Varela con Fin de festa, unha homenaxe aos feos edesposuidos nestes tempos en que todo se mide polo éxito e a beleza; Marta Dacosta, con Na casa da voa, unha homenaxe ás mulleres históricas, míticas e tambén reais; e Emma Pedreira, con Bibliopatas e fobologos, unha homenaxe aos libros, a aqueles polos que matar, e a aqueles polos que vivir."

Agradecida de que os meus versos se teñan feito un oco entre as propostas narrativas.

Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 21-05-2017 10:40
# Ligazón permanente a este artigo
Recensión de Na casa da avoa no Sermos Galiza

Mario Regueira fala de Na casa da Avoa no Sermos Galiza do 11 de maio.

"Rescatar, xunto coa memoria persoal, a da estirpe familiar das mulleres e, ao seu lado, a da comunidade negada da que formaron parte."

"No fondo, a reconstrución dunha estirpe que habitou neses espazos silenciados e na que o xénero feminino é determinante... A forma na que a negación desa historia feminina se completa coa negación dunha comunidade nacional aparece de forma especial no último poema do libro..."
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 18-05-2017 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Os clubs de lectura
Este 3 de maio estiven no Club de Lectura Araos do IES Pedra da Aguia de Camariñas, convidada por Mónica Places Torrado, lectora atenta e amiga. Era unha sesión dobre. Á mañá co alumnado de 3º e 4º da ESO, á tarde co club de adultas. Falamos de Setembro, un libro que ten xa vinte anos e que elas esgotaron. Rematouse a edición.

Para falarlles do proceso de escrita de Setembro, fotografei algúns orixinais, cos que lles mostrei (por primeira vez) non só como é de impulsiva esa primeira fase da escrita (en Palavra comum definín as que son para min as tres fases da escrita), que me fai anotar onde podo (un anaco de periódico escribindo por riba da letra impresa, unha gravación de voz ?) ou que un poema pode escribirse nun minuto ou durante un ano.

Eu lembraba perfectamente que o poema ?Hoxe estou en silencio?? que acabou por transcender o libro, foi escrito durante un tempo longo. Ao revisar os orixinais comprobei que ese tempo ía desde o 2 de decembro de 1995 ao de 30 novembro de 1996, un ano. Un ano reescrituras desde o primeiro borrador do que apenas se salvaron algunhas palabras para dous versos. O poema acabou nunha proposta de comentarios literarios dun manual de literatura e convertido en canción por Xardín Desordenado, na marabillosa voz de Marlene Rodrigues.

As lectoras e os lectores queren ?entender? o poema e, ás veces, néganse a quedar coa súa lectura, que é a lectura verdadeira, pois despois de publicado o poema é tan seu como da escritora ou o escritor. Eu insisto en que se trata de sentir, de gozar coa súa música, igual que son capaces de gozar cunha peza musical, clásica ou moderna, sen ter que saber exactamente se ese movemento fala da chuvia de primavera ou nos conta unha lenda dun país afastado. Coinciden en que ese goce é posíbel. Mais, curiosidade humana, por que escribiu a/o poeta eses versos? Máis ca entender, as lectoras e os lectores queremos saber cal é o pre-texto que levou ao poema, á metáfora, mesmo á imaxe irracional.

Dicíalles o outro día, e ratifico o dito, que son eu a que gaña nestes encontros coas lectoras e os lectores. Gaño na riqueza das súas lecturas, na sorpresa ao descubrir a vida que late baixo algúns versos, na satisfacción ao reler o pasado e afirmarnos de cara ao futuro.

De Camariñas traio unha alfaia. Seica debateron moito sobre un poema que apenas ten dous versos:

Hoxe nácenme fontes polas liñas da man,
será de estar coidando dos xoguetes da infancia.


Despois de darlle moitas voltas concluíron que a poeta choraba coas mans tapando os ollos e así xurdían as fontes, carreiros de bágoas a mollar as mans e provocar a imaxe da fonte a nacer. Nunca imaxinei así o transfundo do poema. E fascíname.

Moitas grazas.
Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 05-05-2017 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
A cultura galega está amorzada
Este é o titular da entrevista que me fixeron no Sermos Galiza con motivo do seu 5º aniversario e que se publicou o 3 de maio:

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Amordazada. Como a lingua. Impedida de mostrarse en todo o seu esplendor. A crise, o ive, o mercado, a lexislación... Porque no primeiro que penso é no goberno galego que acumula subterfuxios para non apostar realmente pola nosa cultura, mesmo como PIB, e iso mentres vemos como se dilapidan euros e máis euros en fundacións e actividades culturais que nin nos representan, nin se expresan na nosa lingua. Con todo, hai unha fenda de luz a través daquelas institucións que son responsábeis e pulan pola nosa lingua e a nosa cultura.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?
-Teño a certeza de que o movemento asociativo vai seguir traballando arreo e vai darnos a oportunidade de gozar de toda a diversidade cultural en que o noso país é tan rico. O movemento asociativo foi e é fulcral para a nosa cultura...
Seguir lendo
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 05-05-2017 20:04
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista no Faro de Vigo
O 21 de abril o Faro de Vigo publicou esta entrevista con motivo da primeira presentación ese día de "Na casa da avoa":

Marta Dacosta: "Vivimos nunha sociedade enferma"
A escritora presenta o seu último poemario hoxe en Gondomar

Marta Dacosta vén de publicar Na casa da avoa, un poemario no que teceremos con Penélope, a súa avoa e outras mulleres na busca dunha voz no mundo. A obra preséntaa hoxe no Instituto de Estudos Miñoranos en Gondomar (Pontevedra) ás oito da tarde. "O libro -explica- xorde da escrita de varios textos nos que había a vontade de dar a voz á tódalas mulleres. Ó mesmo tempo, a figura da avoa é unha especie de elexía pola perda dunha muller que era do pobo, unha persoa que pasou toda a vida traballando, sen formación, case analfabeta. Pero que, a pesar diso, e como di un poema, tiña a capacidade de definir que era a liberdade. Esa liberdade entronca coa teoría feminista da independencia económica, do criterio. As avoas son as persoas que nos dan os fíos para retirar os veos que nos invisibilizan".

-Fío é unha verba constante no poemario, como se repite na historia das mulleres a loita contra o destino.

-O que pretende o libro é construír unha nova idea de muller. A pesar do paso do tempo, nós necesitamos falar da nosa realidade. Recentemente, pasou pola televisión unha serie na que aparecía un personaxe histórico galego, a raíña dona Urraca. Mostrábana como unha persoa manipuladora, mala. Ese é o prezo que paga a memoria desa raíña. Na Idade Media, era unha muller antinatural porque en lugar de deixarse someter, reclamou para exercer o seu dereito como herdeira lexítima. A sociedade quixo impoñerlle o ideal de muller como obxecto. Iso recólloo no último poemario do libro. Aparece como oculta na néboa, fáltannos datos sobre ela.Este é un exemplo de como hoxe prevalecen os prexuízos.

-Un estudo entre alumnos da ESO en Santiago recolle a dominación machista nas redes sociais con adolescentes.

-Os alumnos son reflexo da sociedade e repiten o que ven. Todas e todos vivimos nunha sociedade determinada, que está enferma de machismo, de patriarcado. Cada un de nós está enfermo. Algúns somos conscientes desa situación. Tivemos que librar as nosas propias batallas para chegar a ese punto. É certo que avanzamos pero tamén é verdade que, ás veces, os medios que temos para transformar a sociedade non actúan para iso. Unha polémica reiterada é como se recollen os feminicidios nos medios. Non se fala claramente de violencia ou asasinato machista. No seu lugar, aparecen eufemismos para ocultar a realidade. Os adolescentes viven nesta sociedade, consumen publicidade? e vemos que a eses ámbitos se traslada o machismo. Non podemos ser etiquetadas de maneira desprezativa.

- "Na casa da avoa" abunda a mitoloxía, como ve a perda no currículo da Filosofía, Grego ou Latín.

-Estannos empobrecendo. Se podemos expresarnos con corrección e ter bagaxe cultural ampla, vai en beneficio noso. A cultura constrúenos como persoas, dános capacidade crítica. Se se nos priva delas somos máis pobres e menos capaces de analizar. Ímonos facendo analfabetos para comprender o mundo.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 05-05-2017 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0