|
|
|
|
A penitencia das urnas |
|
Séntase unha diante do informativo da TVG e comeza sentir unha sensación de vertixe, e terei que pedirlle cita ao médico? Será do oído ou das cervicais? Das dúas cousas, porque non paramos de oír que sube a prima de risco, que lle baixan a cualificación ao estado español, que non se vendeu a emisión de débeda, que se Alemaña ? e o pescozo xa non pode abaixarse máis. O peso da información. Da información que nos trasladan a través dos medios, perfectamente dosificada, como un veleno inoculado na dose exacta para que vaia facendo efecto co tempo.
Así fixeron con esta última andanada de recortes na Educación. É a estratexia da vacina, vannos metendo aos poucos as bacterias daniñas e cando te das conta o teu corpo xa neutralizou a reacción. O veleno e as bacterias xa forman parte de ti, até o punto de que se ti non viviches por riba das túas posibilidades seguro que o teu veciño si que o fixo, e vas á ventá e fíxaste, comprou un coche, viste como sempre, non se lle nota nada que lle baixaron o salario?
E é que teñen moita arte para envolver as mensaxes, e hai quen segue quedando co envoltorio sen abrir o paquete. Como na sanidade, o problema son os xubilados estranxeiros que veñen vivir aquí e claro, ao estar empadroados xa poden operarse do que queiran. E todo o mundo dicindo que non pode ser! Non pode ser! E con tanto non pode ser, cando se dan conta o que queda sen seguridade social é o fillo que ten na casa que non ten traballo e leva varios anos agardando unha oportunidade.
Hai que saber explicar as cousas, eles saben cales son erros sen intención e cales desmáns dignos de reprobación. Así, cambiar as cifras do déficit é un erro, porque en Madrid, Valencia e Castela e León levan anos facendo as cousas ben. Agora, se o bipartito seguise gobernando en Galiza, iso sería o maior desastre universal, xa nos aclaran eles, os gobernantes que hoxe nos desgobernan, que non poderíamos estar peor.
Tantos anos de misa para nada aprender. Se Santo Tomás de Aquino puidese falarlle na lingua dos contribuíntes deixaríalles claro unha vez máis que quen oculta a verdade mente, e por moi útil que sexa a mentira, non deixa de ser pecado e se é maliciosa o pecado é mortal.
Mais non esquezades que na súa moral católica, todo pecado precisa de penitencia. E esa chegará un día destes antes de marzo de 2013. Que non sexa por nós que non poidan emendar os seus pecados, esforcémonos.
Artigo publicado en Terra e tempo.
|
|
|
|
1964 Día das letras por Castelao |
|
 Hai uns meses pedíronnos desde a AELG un breve texto, 70 caracteres incluíndo os espazos, para realizar unha colección de carteis ilustrativa e conmemorativa do 50 aniversario do día das Letras Galegas. O proxecto naceu pola colaboración de distintas entidades, entre elas a Academia Galega, a AELG, a asociación de libreiros, deseñadores, etc.
"As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une. Porque somos as letras que lemos e as nosas son as que nos escriben, as que nos describen, as que nos pensan e nos fan pensar; son as que din quen somos, como galegos, tamén como individuos.
Somos o que lemos e estas son as Letras que nos fixeron, as que aínda nos fan."
Este é un fragmento do manifesto As letras que nos fixeron co que se abre esta publicación e que foi escrito conxuntamente por Marcos Dopico, presidente da Asociación Galega de Deseñadores DAG, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Jacobo Bermejo, presidente da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores, Xurxo Patiño Pérez, presidente da Federación de Libreiros de Galicia, María Xesús Álvarez, presidenta da Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, Olimpia López Rodríguez, presidenta de Anabad-Galicia.
A min correspondeume escribir un texto pequeno sobre Castelao e eu quería condensar nel a obra de quen non pode ser resumido. As frases que escribín teñen esa medida exacta: 70 caracteres con espazos. A penas unha ducia de palabras. Entón pensei en xogar cos significados das palabras procurando que a combinación das súas referencias desen unha imaxe aproximada do que o Irmán Daniel foi para as galegas e os galegos. Foi difícil. Se cadra non o conseguín.
Este foi o resultado. Un cartel deseñado por Javier Pérez López e cinco significados centrais: amor, idea, obra, pobo, Galiza.
Neste enlace pódense descargar os cincuenta carteis.
|
|
|
|
O dereito do pobo galego |
|
Este é a miña primeira colaboración en Sermos Galiza, publicada este 17 de maio.
O dereito do pobo galego
Sempre conto que, cando era pequena, pensaba que as ameixas e as "ciruelas" eran cousas distintas. Na miña casa había ameixas, desas pequeniñas e verdes que se as comes antes de tempo arrabean. Chamábanlles ameixas inglesas, non sei por que. Mais cando ía á tenda había a vender unhas "ciruelas" amarelas e grandes. Así me pasou a infancia e un día decateime de que unhas e outras eran ameixas, aínda que tardaría aínda uns anos máis en comprender por que me pasara iso.
Na adolescencia descubrín a lingua de xeito consciente. Quero dicir, entendín definitivamente que a lingua nos precisaba, que cumpría tomar partido. Naqueles estreados anos 80, eran frecuentes os debates nas aulas sobre a nosa lingua, e a moza de quince anos que eu fun, castelanfalante, escritora de ripios inconfesábeis, decidíase a reclamar aulas en galego. Eu soa defendía tal propósito, e na miña memoria queda aquela sensación de soidade amparada por Ana e Estrela, as miñas amigas de entón.
Algo se nos moveu dentro. Ese ano, xuntámonos tardes enteiras na casa de Estrela e acordamos facer un mural para un concurso do día das letras. Non fixemos un mural grande, fixemos un mural grandísimo, se cadra de tres metros de alto por catro de ancho, que sei eu. Houbo que buscar unha parede ben grande para colgalo, un descanso das escadas do instituto Santo Tomé. Mágoa non o conservar. No centro unha ilustración inmensa e nos laterais un longo poema, que non lembrarei nunca que dicía, mais si podo afirmar con rotundidade que falaba da lingua. E levamos un premio, tampouco lembro cal.
Sei que falo de anécdotas, de detalles que son as miñas vivencias, as marteladas con que me fun construíndo, as causas que explican estas consecuencias. Mais é a miña memoria da lingua e sorpréndeme que hoxe haxa adolescentes que transitan vivencias como aquelas.
Foi hai trinta anos, eu estaba no instituto e sen sabelo participaba dun debate que acabaría na Lei de Normalización Lingüística, que viña de lonxe e que continuaba, nunha reivindicación inquebrantábel grazas á cal puidemos chegar aquí. A implicación e a loita de moitas e moitos bos e xenerosos fixo posíbel avanzar, sempre contra corrente. Hoxe, máis contra corrente que nunca.
Os que se empeñan en poñernos muros, os que non queren que a lingua avance, mesmo non queren que a lingua estea, entre eles eses que no último minuto se atreven a prohibir o que non pode ser prohibido, deben saber que vimos curtidos na longa resistencia e que non imos sucumbir ás súas agresións. Hai anos que comezamos este camiño, e nel seguiremos cargados da razón que nos dá exercermos de galegas e galegos. Con nós traemos todas as santas compañas, como na Alba de Gloria de Daniel. Vimos impulsados pola memoria dos avós e polo exemplo de todas e todos os que entregaron e entregan a súa vida en defensa da lingua. O 17 de maio estaremos na rúa, porque é o noso dereito, o dereito do pobo galego, o dereito de Galiza.
Pararemos os ataques contra o galego!
Maio de 2012.
|
|
|
|
Paremos os ataques contra o galego |
|
Mañá estaremos en Compostela. Nada nos vai parar, temos a forza das avoas con todas nós e non imos permitir os ataques á nosa lingua.
Había unha ameixeira ao pé da casa
árbore sempre verde que eu recordo,
e miña nai a roubar antes de tempo
aquel certo veludo que cegaba.
Había unha ameixeira ao pé da casa
en que eu sen saber, souben da lingua
aquela que tiñamos agachada
aínda que sempre alí, ao pé da casa.
Setembro, 1998
|
|
|
|
Vinte puntos de fuga |
|
Segundo recolle Teresa Seara, editora deste volume, na súa introdución, en 2006 a editorial El perro y la rana propúxolle publicar en papel a antoloxía realizada para a revista virtual Enfocarte, engadindo catro autores máis. Deste xeito publicouse Veinte puntos de fuga, poesía gallega contemporánea en 2011, en Caracas.
Hai uns meses, as e os autores agardabamos coñecer a publicación, unha vez que esta lle chegase a Teresa Seara, mais aínda non foi recibido por ela ningún volume, e por tanto tampouco por nós, as vinte autoras e autores que figuramos no libro, como o título anuncia.
Mais nestas voltas que o mundo dá, sucedeu que un compañeiro do sindicato, Manuel Mera, estivo en Venezuela e alí foi agasallado coa tal antoloxía, que viaxou na súa maleta ao noso país. É así como chega a min este exemplar, da man de Manuel Mera.
O meu xeito de compartila é colocar aquí a súa portada e deixar escrito o meu desexo de que non tarden moito en chegar os exemplares que todos queremos ter. E agradecerlle a Manuel que me permitise coñecela antes que os demais.
Con esta autopoética ábrese a escolma de poemas da miña autoría:
Autopoética
Coma esa fonte, esa que nace nunha volta do camiño, baixo un castiñeiro.
A auga nace fría, moi fría, e percorre a pedra até chegar a unha folla de magnolio desde a que cae en fervenza contra o chan. De onde virá esta auga? Sei que vén de lonxe, dunha mina profunda no monte e que percorreu un longo camiño, entre a terra e as raíces, oculta á luz e ao coñecemento. Sei que naceu do paso do inverno, das chuvias que atravesaron a cúpula vexetal e empaparon a terra, empuxando os pequenos gomos ocultos.
Sei que escavou o seu leito unha e outra vez, durante días e días, unha e outra vez, unha e outra vez... sen deterse, buscando un oco para saír á luz e desbocarse, como as eguas que agallopan ese mesmo monte sobre o mar, fronte ás illas.
|
|
|
|
|
|