Tiñamos unha cita co noso idioma propio.
Entón non importou que a chuvia xa anunciase,
mentres abría o día, a segura presenza que, ao longo das horas,
tería canda nós na cita necesaria.
Así que camiñamos, con tempo, cara ao norte,
alá onde a pedra garda as voces de nós todos,
nese lugar de estrelas do que nos apropiamos,
unha vez e máis outra, por sempre no futuro.
Entón, como era a data, a voz do Conselleiro,
de Cultura, acompaña a viaxe(informativos das 10),
e soubemos así, dun feito nunca visto, a gran modernidade
que para nós reserva. Volveu asegurarnos que promocionará
a cultura, a Valle e a Torrente, tal vez a José Cela,
e por que non abrirnos a terras estranxeiras,
representar aquí a Hamlet in english, naturally,
convidando a Royal Shakespeare Company,
con subtítulos en galego. Entón imaxinei,
descúlpenme a broma, a Kenneth Branagh coa caveira na man,
nese momento intenso, to be or not to be,
mentres das bambolinas xorde un bailarín esvelto,
portando con estilo un cartel ben visíbel,
que para nós traduce: ser ou non ser, aínda esa é a cuestión.
E xa en Compostela deixamos aos máis novos,
na fronte desa marcha de miles e milleiros.
Alba e Aldán, Paula e Ana, apropiáronse da lingua,
como sempre se apropian, porque a queren e a aman
e porque lles é propia, e ían reclamando que así lles siga sendo.
Todos apropiándonos do noso idioma propio,
mentres no extremo oposto, en Láncara o presidente,
apropiábase tamén do ideario de Piñeiro.
E eu digo como Callón berraba na Quintana,
aprópiese tamén do noso idioma propio, cordialmente se quere.
Porque,
señoras e señores que van a gobernarnos,
cordialmente,
sexan bilingües:
fálennos en galego.
Teño un asunto pendente. Hai varios días xa o Blog da Silva, do CPI de Cernadas de Castro, en Lousame, tivo a ben agasallar a esta xanela co título de blog Maneiro, que vén ser o mesmo que cualificala de blog ?con xeito?.
Síntome moi honrada, pola consideración e por que iso se faga desde un ENDL dun centro escolar, así que moitas GRAZAS, moitas, moitas grazas.
Paso entón a cumprir co cometido que isto significa:
Para ser "blog maneiro" de pleno dereito :
-Exhibo a imaxe do premio ?Olha que blog Maneiro?.
- Exhibo o nome do blog que concedeu o premio: Blog da Silva.
- Indico outros 10 blogs propostos para seren maneiros.
- Comunico o premio aos blogs seleccionados.
- Publico as regras.
- Comprobo que os blogs premiados tentan seguir as normas.
O galego que non fala
Na lingua da súa terra
Non sabe o que ten de seu
Nin é merecente dela.
(Victoriano Taibo, Da vella roseira)
Mañá 17 de maio celebraremos o Día das Letras Galegas manifestándonos en Compotela en defensa do noso idioma. Poque o galego é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une. Vén cada nós, para expresarmos todas e todos xuntos que queremos vivir en galego.
Adherímonos así mesmo ao "Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego", promovido por A Mesa pola Normalización Lingüística. (http://www.amesanl.org/campanhas/convivenciaeigualdade.htm)
Hoxe estivemos en Compostela para apoiar a manifestación deste domingo en Compostela, ás 12 da mañá na Almeda. Temos varios motivos para estar alí, para que nos acompañedes.
Vémonos en Compostela.
E por se había algunha dúbida o Xornal de Galicia déixao ben claro: o novo Secretadio Xeral é "para Feijóo, "un linguísta independente que o goberno ficha co compromiso de derrogar o anterior Decreto de Política Lingüística e consensuar un novo".
Estes días asisto e participo en actos (como o de onte en Nigrán: "O galego lingua viva en Galiza, lingua viva en Nigrán", en que avaliamos a situación do noso idioma no ensino) sobre a situación da lingua.
E atopo un elemento en común, as moitas ganas que os asistentes teñen de falar do tema, de se expresar, de compartir as súas experiencias, preguntándonos como podemos facer para acadar un maior uso do noso idioma.
Precisamos compartir este sentimento de amor á lingua. E este domingo farémolo de novo, en Compostela, ás 12 da mañá.
Vémonos alí.
O GALEGO, A NOSA COLUMNA VERTEBRAL, O IDIOMA QUE NOS UNE!
Como o ano pasado o tempo tívonos preocupadísimas, mais un ano máis non houbo chuvia que puidese co Correlingua do Baixo Miño e do Condado.
Moitos nervios nas horas e nos días previos, mais ao final este ano até conseguimos ser puntuais no inicio da carreira e da festa.
A rapazada gozou do espectáculo de Chévere, sempre tan agudos analizando en clave de humor a situación do idioma. Alegrámonos tanto cando Pailán Veider tirou a máscara... Por fin puido falar galego, sen complexos.
E rematou a festa Hugo Torreiro. Agardo que siga cantando e actuando en galego, porque así é como avanzamos e el vén de comprobar que cantando en galego tamén pode ter centos de fans.