acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Muller, lingua e imaxinación
Arquivo de Marta DacostaEste era o título co que nos convocaron hoxe en Mos. Xulia Vaquero, María Magdalena e quen escribe falamos da nosa adquisición da lingua. Tamén falamos da escrita feminina.

De camiño acompañeime de Caetano Veloso, mentres lembraba a luz de Guanabara:

Existe alguém em nós,
em muitos de entre nós esse alguém,
que brilha máis do que um milhao de sois
e que a escuridao cohece tambem.

(como se colocan os acentos nasais? maldita ignorancia informática, tampouco son quen de colocar a foto)

Existe alguém aqui...
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-05-2007 21:54
# Ligazón permanente a este artigo
Veleiqui no que teimo
Veleiquí no que teimo, no que cismo,
en darme como son; varil, enteiro,
algo salvaxe, rexo e verdadeiro
deica lindes de morte e parosismo.

Eu non quero ver, non, o propio abismo,
o meu ser tebregoso e silandeiro,
nin camiñar somentes un vieiro
que comeza e remata sempre o mismo.

Instálome no amor, ábrome á vida
como se acende prá luz o caravel
en viva labarada estremecida.

Tomade esta fogueira, esta ferida;
unha arraigada paixón sempre fiel.
¡E esta fonda esperencia compartida!

Deixo na xanela este soneto de Poemas da labarada estremecida, un dos libros de Manuel María de referencia para min. Estes días ando á súa procura, extravieino na selva dos libros que hai na nosa casa.
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 29-05-2007 08:50
# Ligazón permanente a este artigo
Calor en Ourense

Este fermoso debuxo que vedes aquí é nin máis nin menos que a ilustración do poema Sisargas que fixeron os alumnos e alumans de 4º de primaria do CPI José García, en Ourense. Non só o debuxaron, aprendérono de memoria e recitárono todos xuntos no acto programado para onte día 24. O debuxo, que gardarei con moito coidado, foi tamén a especial cortina que debín tirar para descubrir a placa que di que a súa aula se chama "Marta Dacosta".

Foi un día moi especial, creo que para todos, para os nenos e nenas tamén. Inauguráronse as aulas de O Carrabouxo (a de plástica, claro)e a de Fran Alonso, e tamén a aula Adán - Uxío, que vén sendo a aula de Eduación Física, onde estes dous profes desenvolveron e desenvolven entregadamente o seu traballo. Fermosa iniciativa.

O día tamén acompañou e lucíu un sol caloroso que agachou a treboada até ben entrada a tarde.

Só me queda enviar un bico moi grande para Héctor, Andrea, Andrea P., Víctor, Raquel, Andrea F., Nuno, Nerea, Eva, Ivette, Anxo, Gladys, Millán, Idubaren, Cristian, Tania e Mabel.
Comentarios (11) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-05-2007 15:47
# Ligazón permanente a este artigo
Vou a Ourense
Hoxe chamoume Mabel para explicarme como chegar ao CPI José García en Ourense. Xa teño anotadas todas as indicacións, agora a ver se son guiadiña.
Pois iso, que vou a Ourense este xoves 24 porque o Equipo de Normalización dese centro puxo en práctica unha iniciativa que consiste en darlle ás aulas nomes de escritores ou persoas relacionadas coa nosa cultura. E vai e resulta que hai unha aula que se vai chamar coma min, incríbel!
Así que vou a Ourense, eu e máis Fran Alonso e O Carrabouxo e máis adiante van ir outras autoras, que o centro tenche moitas aulas e cada unha ten o seu nome.

Estou expectante, porque agora tócanos a nós deixar nos rapaces e rapazas unha fermosa lembranza, esa semente pequerrechiña que vai medrando moi lenta e que un día fará nacer o carballo da lingua na súa boca, ou facelo aínda máis vizoso.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 22-05-2007 22:26
# Ligazón permanente a este artigo
Ese día de maio
Lía estes días na bitácora de Náufrago a súa reflexión sobre o día das Letras. Por casualidade tamén eu falara do tema días antes e, sen pensalo, dei en contrastar esta situación de aparente bonanza coa realidade diaria de moitas poetas.
Non me disgusta que se lle adique o día a unha autora ou autor e, así, ir descubrindo entre todos o que somos, mais sempre pensei que converter o día das letras en festivo era restarlle parte da súa utilidade, de feito ben vimos todo o que nos ofrecían para esta ponte das letras (vaia nome raro para unha ponte): viaxes aquí e alá, todo menos unha receita milagreira para converternos a todos en galego-falantes de vez. Por iso só acredito nun 17 de maio reivindicativo, un día máis para erguer a voz reclamando o que é noso: o idioma.
Ao final, mesmo semella que todo se reduce a maio, e, por mor de ser neste mes o día das letras, parece que é a única data útil para realizar actividades culturais ou para falar da lingua.

Pois non, non pode ser así.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-05-2007 18:24
# Ligazón permanente a este artigo
Acuática
Cando era pequena, adoitaba pórme á xanela da cociña subida enriba dun tallo. Pasaba horas e horas cantando, cantando naquela ventá que daba ao camiño. Hoxe, abro esta xanela para deixar nela as palabras que me van ocupando. Saúdovos e agardo que, de cando en vez, poida vervos pasar por este camiño. Para comezar vou pór na ventá estes versos que escribín en outono.




Medran as membranas interdixitais
das miñas mans palmípedas,
as miñas pernas únense,
seguindo o movemento que o corpo gardou
na memoria do caos.
Non fondo da gorxa
o osíxeno aboia na boca fechada,
pequenas burbullas de osíxeno
que aínda alimentan os cabelos de argazo,
himantalias finísimas coma serpes
na beleza de Medusa.
O meu corpo desprázase horizontalmente,
coa ondulación herdada na orixe do mar,
por entre este outono líquido,
observando o regreso do caos,
a verticalidade da auga sobre a noite
para desfacer todo o que construímos,
para desfacernos, destrúeme
destrúome
destrúote.
Alóiome
acuática alma.
Son altura e refuxio, son alento ancestral
para a atmosfera líquida
que hoxe nos envolve.
Precipítome ao val,
lanzo este corpo de chuvia sobre o río furioso
para anegar muíños e pontes,
recuperar a terra nunca construída,
para desfacernos, destrúeme
destrúome
destrúote.
Alóiome
acuática alma.
Corpo de río para buscar o mar,
alma de chuvia para medrar con forza,
con rabia ancestral e azul
deste mundo que xira e xira e xira
translacióninfinitamenteeterna
translación infinita da auga.

Médranme as membranas interdixitais,
desaparece a cadeira dolorida
e a columna alóngase e lembra
o movemento orixinal do mundo.
Cabelo himantalia elongata ou correa
porque a chuvia é río, é mar,
é sal, é vida
azul en movemento.
Vida que me destrúe e destrúe
destrúeme
destrúome
destrúote.
Alóiome
acuática alma.
Vida que nos dá vida, que atrapa a vida
para a nosa alma de mar e area,
musgo e pedra, terra e fento,
cágado e ova,
lama e seixo
destrúeme
destrúome
destrúote.
Alóiome
acuática alma.
Comentarios (8) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 19-05-2007 19:04
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0