acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Ponha aquí o seu pezinho
Segunda entrega das cartas açorianas, desta volta a protagonista é a lingua e a poesía popular.

?? tenho diante de mim a rica planície da Ribeira Grande, largo quadro de tons variados, desde o loiro do trigo até ao verdeescuro do milho?
Raul Brandão, As Ilhas Desconhecidas, 1926


?Neste trabalho os poetas não assinaram os seus poemas. Ou, se quisermos, assinaram todos com o mesmo nome: o Povo, que fez e faz a história entre risos e lágrimas.?
António Rego, ?Música com sabor a ilha?.





Dicía na carta anterior que o pobo açoriano tamén é vítima do autoodio. Por exemplo do desprezo á súa lingua ? Así o lemos no romance de João de Melo, cando describe como reciben o protagonista, Nuno, os seus familiares. Nuno abandonara São Miguel con menos de once anos, o destino era Lisboa e, despois de pasar polo convento e ser expulsado del, converteuse en escritor, persoa coñecida e recoñecida en Portugal. Os seus achegados notaban as diferenzas e subliñaban a maneira en que falaba: ?A surpresa dessa diferença estava na elegância física e social, no modo como falava português, não o dos Açores mas o das sílabas redondas e aveludadas de Lisboa, e no modo como se aventurava por um inglês quase sobrenatural.?

Esa referencia á diferenza na lingua aparece varias veces en Gente feliz com lágrimas, como aparece o feito de falar un portugués inzado de palabras e frases en inglés, reflexo tamén dese autoodio, intento de quen fala de demostrar ?a mellora? social acadada tras emigrar a América do Norte.

O caso é que a lingua dos Açores apártase do português padrão e cando unha chega á illa de São Miguel e escoita á xente na rúa, se non foi avisada, vira a cabeza para comprobar que está escoitando porque, ás veces, pensamos que esteamos a escoitar francés...


Se alguén sentiu algunha vez cantar o Pezinho da Vila (podemos oír esta interpretación da Brigada Víctor Jara) escoitaría esa pronuncia, unha pronuncia á francesa, para entendérmonos. Talvez este trazo fose xa estudado no seu día por Leite de Vasconcelos cando incorporou e nomeou os ?dialectos insulares? (açoriano e madeirense) no seu Esquisse D?une Dialectologie Portugaise en 1901. A maior especificidade dialectal é a da illa de São Miguel onde o trazo máis recoñecíbel é a palatalización do /u/, algo que se explica como o resultado dunha evolución en cadea que comeza coa apertura do /i/ cara ao /e/ e pasa polo fechamento do /o/ que se realiza practicamente coma o noso /u/. Na Terceira, porén, é outro o trazo significativo, a ditongación crecente das vogais tónicas, algo semellante do que fan na tomiñesa parroquia de Goián, aínda que lle afecta a vogais diferentes e ten distinto resultado.

Sobre a palatalización do /u/, a versión máis estendida fala da influencia duns poboadores franceses na illa, unha influencia que se sustenta tamén na existencia do topónimo Bretanha nunha freguesía de Ponta Delgada, en que ademais atopamos un muíño de vento que, xa influenciados por estas explicacións, asimilamos aos holandeses. Outros discuten esa premisa argumentando que ese xeito de pronunciar o /u/ tamén se pode atopar noutras illas do arquipélago. Considero máis plausíbel a explicación antes recollida en base á propia evolución interna das vogais, recollida no capítulo ?Variedades Dialectais Portuguesas? da autoría de Luísa Segura e João Saramago para o Catálogo da Exposição: Caminhos do português, coordinada por Maria Helena Mira Mateus.

A cousa é que non foi até andar as rúas de Ponta Delgada que rescatei da memoria a canción do Pezinho da Vila interpretada polo grupo baixomiñoto Doutra margem. Lembrei entón o seu cantante, Abílio, chamando a nosa atención sobre a estrofa: ?Toda a moça que é bonita /Se ela chora, se ela grita /Nunca houvera de nascer /É como a maçã madura /Da quinta do padre cura /Todos la querem comer? para explicarnos como se debía pronunciar /cura/. O mellor de todo foi cando, ao chegarmos a Ribeira Grande, a segunda poboación en importancia en São Miguel, estes viaxantes curiosos se deixaron levar pola música até vérense no medio dunha festa popular en que, xa noite pechada, houbo unha ruada da que lembro con nitidez dous inmensos bois e o palco en que acabei escoitando o Pezinho da Vila, na illa en que a canción nacera. Estabamos na freguesia de Ribeira Seca (talvez así denominada porque ?Por todos os lados brotam fontes e todas as caldeiras, à excepção da Ribeira Seca, têm água no fundo.?, Raul Brandão, As Ilhas Desconhecidas, 1926), aínda que os carros nos fixesen pensar que non sairamos da casa. Aquela noite escoitamos os cantares ao desafío de Rabo de Peixe, o único lugar da illa en que tocan as castanholas.

Días despois volveriamos ás festas das freguesias, desta volta a Covoada, preto de Ponta Delgada. Estaba rematando agosto, mes de festas nos pobos emigrantes, e sentados nas escadas da igrexa escoitabamos engaiolados aqueles cantares ao desafio, que nos semellaron máis pausados cás nosas regueifas e que eran un crisol de modos de falar en que as diferenzas entre as illas eran innegábeis.

Da importancia dos cantares ao desafio tivemos unha boa mostra anos máis tarde viaxando por Terceira. Nun cruce de estradas, ao pasar unha aldea, topamos cunha placa feita de azulexos en homenaxe a un ?homem das cantorias?, era O Tenrinho, natural daquela freguesia de Santa Bárbara, de quen alí se dicía que: ?era ? um improvisador fino de grande sentido do humor?. Dáse conta nesa placa de que mesmo pagara consultas médicas improvisando coplas, e nela tamén se recolle a que escribiu horas antes de morrer (en 1945): ?Fica-te prá i desgarrado mundo /Cheio de crueldades e enganos /Em menos de um segundo /Passei sessenta e dois anos?.

Cantares ao desafio, música tradicional, poetas populares. Como manifesta Carlos Sousa, director do grupo Belaurora, nunha entrevista realizada en 2010 (para o Correio dos Açores), esta tradición ten unha importancia fulcral: ?Afinal são eles, os nossos tocadores populares, os nossos cantadores ao desafio, os nossos músicos e artistas, que continuam, no seu dia-a-dia, a preservar e a enriquecer a nossa cultura através da música.? Talvez por iso crearon Belaurora no seu día, un 17 de maio de 1985, na vila das Capelas, en Ponta Delgada, para rescatar e interpretar as modas tradicionais daquelas terras flutuantes, porque ?Somos depositários de uma riqueza incomensurável que, com o trabalho do Belaurora, veio à luz do dia. Pena é que, cientificamente e de modo sistemático, as nossas instituições, sobretudo a Universidade, a Rádio e a Televisão não dêem mais atenção à recolha e à pesquisa e consequente registo do muito que por aí ainda anda na memória de muitos que, pela idade, vão desaparecendo...?

As rúas de Ponta Delgada e o sotaque açoriano foi o que primeiro me prendeu. Tamén a exuberancia dos mostradores de peixe nos restaurantes, ou a resmas de libros na feira instalada nun baixo da Avenida Marginal que andabamos á noite. Exuberancia e insatisfacción, pois sabía que nin podería probar todos aqueles peixes de grandes ollos escuros, nin chegar a ler ou pasar as mans por tal cantidade de libros. Creo que foi a primeira vez que me atopei cunha feira do libro de horario nocturno. Logo coñecería as de Peniche ou Ericeira, inesquecíbeis e para sempre unidas á memoria dos libros adquiridos: Beloved, Memorial do Convento. Dama de Porto Pim en Ponta Delgada.

Libros, cancións, peixes, lingua ? nada me deixaba indiferente. Todo podía ser motivo de anotación no meu caderno, os campos de té ou as estufas de ananás, que xa describira o ilustre viaxeiro Raul Brandão (1867-1930). No seu libro As Ilhas Desconhecidas relata a súa viaxe polos Açores entre xuño e agosto de 1924. Agora que leo as súas páxinas, comprobo que eu tamén: ?Corri a ver as culturas do chá e do ananás, que desconhecia, ? A cultura do ananás fui vêla à Fajã de Baixo, às grandes estufas envidraçadas da ilustre açoriana D. Alice Moderno.?

É difícil sintetizar para a viaxeira. A memoria salta dunha a outra imaxe, coma se realmente estivese ascendendo e descendendo os camiños da illa. Repaso o caderno daquel ano, os libros que comigo trouxen e os que comprei despois, os que me lembran os amigos. Oio de novo o disco de Belaurora, esas Lágrimas de Saudade en que lemos as palabras da cita inicial, e, ao escoitar as súas quadras, vénme á imaxinación a luz daquelas terras, a súa paisaxe marabillosa.

Mais cómpre ir poñendo fin a esta segunda carta. Será citando novamente a Raul Brandão, deixando aquí o fío en que prender de novo as vindeiras palabras: ?Mas há nesta ilha duas coisas maravilhosas: as Furnas e as Sete Cidades. Quase tenho medo de falar duma paisagem que hoje, mais que nunca, me parece irreal...?

Artigo publicado en Sermos Galiza
Comentarios (0) - Categoría: Cartas açorianas - Publicado o 17-04-2016 10:02
# Ligazón permanente a este artigo
Resucitar a Ofelia. Contidos
Resucitar a Ofelia é o título dun obradoiro de creación literaria organizado ao redor de dous eixos:

a) Explicar o proceso de creación dun poema, dando conta dos elementos en que se basea ou a partir dos cales foi escrito, elaboración e publicación definitiva.

b) Centrarse no punto de vista feminino desde o que os poemas están escritos para mostrar as posibilidades ?pedagóxicas? da poesía en tanto que mensaxe.

O obradoiro ten tamén un obxectivo complementario, resultado do punto de vista desde o que están escritos os poemas: promover a reflexión sobre o espazo da muller hoxe, xa sexa denunciando os feminicidios ou reflexionando sobre a visión que temos e que nos impoñen do corpo.

Para falar sobre todo isto, achégase a seguinte selección de poemas:

Presentación.- ?Hoxe estou en silencio...?, Setembro, 1998



Este poema tamén se pode escoitar na marabillosa interpretación de Xardín Desordenado.

1.- ?Resucitar a Ofelia”, artigo publicado en www.gznacion.com:
"Shakespeare dános a imaxe dunha nena inocente que se namora dun individuo torturado que, á súa vez, convértese en torturador da rapaza ao facela culpábel dun comportamento que el rexeita e que ela non ten, mais que el lle supón polo simple feito de ser muller"... seguir lendo

2.- "Non é amor...", Polifonías, 2006:



3.- ?Nada foi suficiente...?, Acuática alma, 2011:
Aquí pode verse o manuscrito.

4.- "inmóbil ...", Acuática alma, 2011.

5.- Cicatrices, poema presentado ao Congreso "Poéticas e políticas do corpo na contemporaneidade" (www.lecorps.info), París, 9-10 abril 2015



6.- Homenaxe a Begoña Caamaño,"des-tecer", Cadernos de verán, Sermos Galiza, 2015

"CINCO MIL anos
construíndo
unha imaxe perfecta"... seguir lendo

Esta é a versión definitiva deste obradoiro, de 50 minutos de duración.
Unha versión anterior foi presentada no IES Lagoa de Antela, Xinzo (10/03/2009).
Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 11-04-2016 20:58
# Ligazón permanente a este artigo
Resucitar a Ofelia no IES A Paralaia
O Blog Mar de Soños da Biblioteca do IES A Paralaia, de Moaña, dá noticia do meu paso polo centro para realizar co alumnado de bacharelato o Obradoiro Resucitar a Ofelia.

Aquí podedes ler a nova e ver algunha imaxe.
Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 11-04-2016 20:27
# Ligazón permanente a este artigo
Como escribe poesía unha sindicalista?

Neste blog da materia de Literatura Universal do IES Val do Tea podedes ler unha referencia ao obradoiro realizado co alumnado, que titulei: Resucitar a Ofelia.

Grazas polas vosa acollida e polas vosas palabras.
Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 06-04-2016 17:22
# Ligazón permanente a este artigo
Co alumnado do Val do Tea

Hoxe estiven nunha aula de 1º de Bacharelato de Literatura Universal no IES Val do Tea. Un pracer contar coa atención destes case ou máis de 30 mozos e mozas afeccionada/os á literatura entre quen, de certo, había máis dun escritor ou escritora.

Nesta entrada do blog de Literatura Universal do centro adaintaban de que ía a visita:
"O luns visitaranos unha poeta para falarnos do proceso creativo (como xa fixo en xaneiro Francisco Puy, o avó de Antonio). Nesta ocasión virá (da man de Cándido, a quen lle agradecemos o encontro) a poetisa Marta Dacosta que, ademais de contarnos como escribe leranos e comentaranos algúns dos seus poemas.

Di a autora: ?Os poemas seleccionados tratan de varios aspectos relacionados co que denominamos ?denuncia da violencia de xénero e loita pola visibilización e a igualdade da muller?, polo que ao mesmo tempo que se mostra o proceso creativo reflexiónase sobre temas como: o feminicidio, a violencia en xeral ou a visión do corpo da muller.? Como ves, son ben necesarios estes poemas neste tempo que vivimos. Velaquí queda o seu texto sobre Ofelia, a quen coñecemos moito:

?RESUCITAR A OFELIA?

? hai anos que adoptei a decisión poética de resucitar a Ofelia, personaxe literaria que representa á muller maltratada, vítima dese maltrato sutil que é o maltrato psicolóxico, que fixo que unha nena namorada tolease e, tal vez querendo, se tirase a vida..."

Podedes ler aquí a entrada enteira.

Grazas a Cándido e a Esmeralda por convidarme e acollerme. E sobre todo, grazas ás mozas e aos mozos!!
Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 04-04-2016 20:38
# Ligazón permanente a este artigo
70 anos de Pippi Langstrump
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 03-04-2016 13:28
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0