Este martes, 8 de abril, Chus Nogueira realizou unha recensión de Argola no Diario Cultural.
Os últimos libros "confirman unha tendencia que é a evolución a unha escrita que semella máis consciente desde o punto de vista do xénero e que se apoia na memoria familiar por unha banda e tamén na reescritura dos mitos por outra." Chus Nogueira
Este 3 de abril presentamos Argola en Moaña. Foi un acto da Irmandade do Pontillón que ten como caras visíbeis a Daniel Costas Currás e Benxa Riobóo. A presentación correo a cargo do poeta Xosé Manuel Millán Otero.
Na presentación Daniel Costas mencionou que lle alegraba poder presentarnos a un tempo, pois fora lector da nosa obra. Millán falou de promocións literarias e xeracións, e do feito de termos compartido a antoloxía Para saír do século.
Debatemos pois, aínda que brevemente, sobre a idoneidade das etiquetas elaboradas para analizar a poesía de finais do século XX, e sobre a idea de que talvez esas etiquetas teñan ocultado outra realidade moito máis complexa que só co tempo e a distancia poderá ser debidamente analizada, algo que eu empracei a Millán a que fixese, pois me consta a súa capacidade de análise neste campo.
Millán falou do ritmo dos poemas, de que no libro se explicita a oposición natureza / cultura, estando representada a natureza polas mulleres, gardadoras da identidade do pobo, e a cultura polo poder da urbe imperialista.
Millán tamén sinalou que atopaba a pegada de Rosalía, da Rosalía de ?Do íntimo? en poemas como ?Atraveso a noite?, páx. 31, ou ?Esa son eu?, da páxina 33. A lectora, o lector xulgarán.
O 21 de marzo, presentamos Argola en Vigo. Desta vez foi Ramón Nicolás a persoa encargada de presentar o poemario, unha presentación que como ele mesmo sinalou en Caderno da Crítica xirou ao redor da evocación dun tempo, os anos 80, en que se conformaba unha xeración, a nosa, que comezaba timidamente a dar os primeiros pasos no ámbito da nosa literatura.
Volvendo a vista atrás falamos tamén da caracterización daquela xeración, que crecía mentres a reconversión naval se cebaba na nosa economía e as rúas de Vigo eran un ir e vir de manifestacións, algunhas delas motivadas polas primeiras folgas xerais convocadas polo nacionalismo. Eramos a xeración que saíra á rúa para reclamar un prezo axeitado nos buses, e que non podiamos rematar os noso estudos na cidade en que naceramos e acababamos por recalar en Compostela, crisol en que confluïamos e consolidabamos a nosa posición, política ou literaria, mentres coñeciamos Ólisbos, ou propiciabamos a creación do Grupo de Teatro en Galego, inédito en Filoloxía até 1988, Edicións do Dragón ou Letras de Cal. Eses somos nós, se a nosa actitude foi ou é comprometida co país, á vista está, como dicía Ramón Nicolás na presentación.
Ramón Nicolás rematou a súa intervención reeditando as palabras que dedicara a Argola na recensión que publicou no Caderno da Crítica en xaneiro de 2014, a primeira que recibía o libro.