Nestes días dous novos libros chegaron aos andeis da casa. Agora están aí, agardando impacientes. Impaciente eu, por contar co tempo necesario para me introducir neles e esquecerme do mundo.
O último en chegar foi ?Vivir, unha aventura irrepetíbel? a biografía de Carme Kruckenberg escrita por Mercedes Queixas. O certo é que agardaba por el expectante despois de falar con Carme e recibir a súa ilusión pola publicación do libro. Agora que o teño nas mans véñenme á cabeza todos eses momento compartidos con ela, a súa alegría, a súa disposición, esa enorme vitalidade. Carme sempre se fai querer e para as escritoras que a seguimos no tempo está moi presente.
Lin a presentación obrigada de Mercedes e acabei concordando punto por punto. Estamos ante unha biografía necesarísima. E seguín a súa indicación, lin cada poema que introduce os difetentes capítulos escoitando na miña cabeza a voz de Carme Kruckenberg, e sinto a necesidade de volver aos seus poemas, relelos de novo, escoitala.
Hai días Carme compartía con outras escritoras o acto de homenaxe a Rosalía de Castro que desde a Asociación de Escritoras e Escritores, AELG, celebramos en Vigo. Carme sempre está disposta a compartir os versos de Rosalía, unha autora central para ela, e para todas. E foi un libro sobre Rosalía o que chegou á casa a semana anterior: ?Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria? de Francisco Rodríguez.
Na presentación do libro en Vigo, correspondeume presentar a Francisco Rodríguez, estaba ao seu lado cando nos trasladaba a crítica á recepción de ensaios literarios coma este en Galiza, porque aquí e falando das nosas escritoras e escritores se nos esixe demostrar o evidente. Afortunadamente quen nos olla dende fóra non esta pexado dos prexuízos que nos rodean e afirma con rotundidade que Rosalía foi a mellor escritora do seu tempo, como se exemplificou na presentación.
Mais Rodríguez trasladounos sobre todo o amor por Rosalía, retratándoa ante nós coas palabras dos que a coñeceron, e en todas e todos os presentes medraba aínda máis a imaxe que dela temos. Saímos da presentación co desexo urxente de ler as máis de setecentas páxinas que se nos entregaban, e moitos dos presentes xa o están facendo.
Escritoras. Tantas desde Rosalía. A Carme Kruckenberg podemos escoitala aínda e cómpre que o fagamos. A Luísa Villalta e a Xela Arias só as podemos escoitar xa co corazón.
Lembreinas nestes días de abril, a elas que terían tamén a súa propia idea sobre os debates de hoxe, e dou fe, porque xa a tiñan entón. Elas falaron tamén da necesidade de visibilizarnos.
Visibilizarnos para que o feito de sermos mulleres non nos oculte a nós, nin ás nosas obras. Visibilizarnos para que as nosas ideas e os nosos compromisos non nos oculten por incómodas.
Escoitemos. Atendamos. Son moitas. Están aquí. Que sexan tan visíbeis como corresponde depende de nós, da nosa xenerosidade.
INVISIBILIDADE: ?relativo á discriminação social das mulheres... aquilo que não se vê não existe.?, Dicionário da crítica feminista de Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral.
A invisibilidade é un feito.
Normalmente atribuímola á discriminación á que nos someten os representantes da sociedade patriarcal, interesados en manter unha determinada imaxe da muller, polo que ignoran o que é realmente e cales son as súas capacidades, porque ... aquilo que não se vê não existe.
Mais existe outro tipo de invisibilidade, non executada cun obxectivo de xénero.
A invisibilidade á que te someten por manter unha posición, por situarte sen ambigüedades, por non ocultarte, por loitar.
Entón, clasifícante, simplifícante, négante.
Non te escoitan, non te len, para que ... aquilo que não se vê
Tan só pola extensión e calidade da súa obra merece un espazo propio no andel da literatura universal xunto a Harriet Beecher Stowe (A cabana do Tío Tom) ou Mary Shelley (Franskentein) ou Virgina Woolf (As ondas). Debemos considerar, ademais, o feito de que, de entre os movementos nacionalistas do Século XIX, ela é a única «poeta nacional». Correspóndelle por méritos propios unha cadeira á beira das grandes figuras da literatura occidental da altura; case a única muller entre eles.
Para observala, podemos optar por dous lentes posíbeis. O primeiro, con diferentes tons, móstranos unha nai, ou unha santa, ou unha matriarca, ou unha orfa, que canta e que chora, dando tombos, sen coherencia nin contradicións, como atordada, como o reflexo dunha persoa nun espello escachado. O segundo, en troca, insinúanos unha muller contraditoria e excepcional, condicionada polas súas circunstancias vitais, contra as que loitou e ás quizais acabou por vencer logo de morta.
Francisco Rodríguez optou desde hai moito tempo por este segundo lente para os seus traballos. Con bastante seguridade, podemos afirmar que estamos diante do ensaio máis completo sobre esta figura até o momento. Agardamos que este monumental volume de 700 páxinas sirva de revulsivo para afondar no coñecemento da nosa literatura porque Rosalía de Castro (1837-1885), «a primeira entre os primeiros», segue a ser unha descoñecida na súa terra.