acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

A faciana do blog
Hoxe, anda esta xanela na edición dixital de A Nosa Terra, concretamente na sección: A faciana do blog.

Comeza así:

Que é 'Acuática'?

É un blog froito dunha arroutada e dunha reflexión. Levaba tempo lendo moitos blogs e cadernos na rede con distintos enfoques e un día tomei a decisión de facer o meu propio para visibilizar o meu traballo literario. Acuática é unha parcela feita exclusivamente para o meu traballo literario. Persoalmente considerei oportuno ter unha xanela, que é como defino o meu blog, na que poder mostrar algúns dos meus textos, opinións sobre literatura e lingüística, colocar os meus artigos e falar dos libros que leo e que me gustan. O blog tamén me permite almacenar cousas na rede: para min é como unha especie de hucha ou baúl da memoria para non esquecer as cousas. É unha memoria electrónica.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2010 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
Somos o que lemos
Somos o que lemos.

Dicimos que somos o que comemos. Que a nosa composición de vitaminas, colesterol, azucre, leucocitos, hematíes? corresponde co que nos alimenta día a día.

Iso para o músculo e o óso.

Mais tamén hai que alimentar as ideas, os soños, a imaxinación... e para iso están os libros.

Por iso deberíamos dicir que somos o que lemos, toda e cada unha das palabras que fomos depositando na memoria para ser esquecidas e que nos permitiron medrar na procura dun horizonte que fomos deseñando coa luz que nos chegaba a través de poemas e relatos.

Por iso eu sempre levo un libro, ou dous.

E estes días aínda ando descubrindo, a través de Colette Beaune, quen foi e como foi utilizada Jeanne D?Arc, ao tempo que comezo a abrir O reino das mulleres de Antón Chéjov. Sen contar todos os manuscritos que me agardan na sala, para que eu emita opinión no próximo certame literario.
Comentarios (2) - Categoría: A muller que le - Publicado o 23-04-2010 18:17
# Ligazón permanente a este artigo
Poesía invisíbel
Acabo de recibir Cincocentos, a publicación conmemorativa dos 500 anos de Peneiras nestes 25 anos. Coa Peneira contactei hai xa 24 anos, porque participei no entón I certame de poesía xuvenil da Peneira, sendo a gañadora daquela primeira edición de 1986. Pedíronme un artigo para este conmemorativo e eu escribín o que titulei Poesía Invisíbel, que aseguir reproduzo:

Transcorreu case unha década do novo século e a poesía segue teimando no seu esforzo construtivo. A casa da palabra medra día a día e se fortalece con versos, sen que deamos por eles. A literatura galega segue á procura da gran novela e aínda anda a recontar as mulleres que asinan, nese intento de demostración imposíbel de que non hai diferenzas reprobábeis.

E todo segue igual, porque a poesía segue loitando contra xigantes ciclópeos. Mais hoxe nin pensamos neses grandes traballos, porque un meteorito imparábel pretende reeditar a extinción no Xurásico. Que é o que ten sentido cando a lingua e nós mesmos estamos ameazados?

Na sobremesa calorosa, unha ducia de homes e mulleres comezan falar de asuntos literarios. Quéixanse dos correctores, quéixanse con razón de que se cuestionen os dereitos de autor, de que se lles negue o recoñecemento á suor coa que escribiron os seus libros. Critican que non haxa contratos de edición, ou que sexa tan difícil saber se a edición está ou non esgotada ou mesmo de cantos exemplares consta. Son narradores, narradoras, recoñecidos autores lidos e relidos nas aulas do país. Traducidos unha e outra vez despois de deixarnos abraiados coa súa aparición fulgurante.

Dúas poetas sorben café e escoitan. En todo están de acordo, mais, a certa altura, as dúas mulleres óllanse, pertencen a dúas xeracións diferentes, aínda que comparten tantas veces espazo físico, e encóllense de ombros, a realidade da poesía está a miles de anos luz, tal vez en sistema diferente.

Quen alimenta versos nada sabe de contratos, nin dereitos, sabe si da necesidade de visibilizar a poesía, sen importar o medio nin a entrega. Quen alimenta versos anda á procura dos premios literarios que publiquen a obra gañadora como último recurso para que o texto chegue ao papel dos libros que logo nunca están nos andeis ou nos escaparates das librerías. Quen alimenta versos pode gozar dunha recoñecida traxectoria e, porén, precisar do certame que escolla o seu texto e garanta así esa publicación que sempre chega tarde, e que nunca se traduce en dereitos de autor.

A poesía segue inmersa na néboa mesta da non rendibilidade económica e o pánico á incomprensión. Haberá quen diga que naturalmente ese é o lugar da poesía, o selecto lugar dos lectores escollidos e formados, a mesa sólida da librería especializada onde soamente entran os máis avisados. E sinto que son un pouco Rapunzel agardando na torre, mentres a miña cabeleira xa non consegue medrar.

Desde a torre miro a oriente e un día dou en ler afastadísimos versos, descubro que os poemas nacen das mesmas fontes de soidade e de amor, que ollan a unha mesma lúa que non sabe de distancias. Mais descubro tamén que hai mundos que veneran a poesía e memorizan os versos, que hai lugares correntes en que o poeta ilumina con palabras frecuentes un instante da vida vulgar e apresurada de calquera persoa. E envexo eses lugares, coa mesma intensidade coa que quixera ver outro editor atento disposto a publicar, sen que por baixo do manuscrito se agoche un informe contábel. Un editor que teña tras de si unha política cultural que lle permite non pensar nos pesados dividendos. A mesma intensidade coa que desexaría que fósemos máis cegos ante o texto, lanzándonos intrépidos aos doces e salgados sabores da poesía.

O descoñecemento é unha lousa de medo que acaba por matarnos, ao poema ou á lingua e ao pobo que os creou.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 20-04-2010 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Cea das letras 2010
Onte foi a Cea das Letras. Todos os anos a Asociación de Escritores (AELG) organiza este acto destinado a premiar os mellores libros do ano anterior en diferentes modalidades. Onte foron varios os premiados, desde o aplaudidísimo Agustín Fernández Paz, até Manuel Rivas que nos relatou, entre outras, unha anécdota dos seus primeiros tempos cando unha muller ao ser preguntada pola súa valoración da Lei do Aborto, respondeu: ?Eu non son de aquí, que vin comprar uns zapatos?.

Unha das premiadas, en poesía, foi Luz Pozo, que onte á noite recibía o segundo premio por Deter o día cunha flor, xa que horas antes recibira o Premio da Crítica. Se debese quedar cunha soa parte da entrega de premios de onte, quedo coas súas palabras emotivas e atinadísimas. Luz Pozo expresou relatándonos os dous soños que onte tivera, coa súa nai e con Eduardo Moreiras, canto amor temos pola nosa terra e polo noso idioma.

O idioma estivo moi presente, como non podía ser doutro xeito. O noso presidente, Cesáreo Sánchez, falou do compromiso das escritoras e os escritores coa lingua e da nosa entrega inequívoca e definitiva ao seu engrandecemento e defensa.

Mais había un momento da noite especialmente emotivo para min. A homenaxe ás diferentes directivas que desde o ano 80 levaron adiante os traballos da AELG, pois son xa 30 anos. Os e as secretarias xerais, vicepresidentes e vicepresidentas e os presidentes (a familia de Avilés e de Uxío nos seus casos) representáronnos alí, e un emocionado Bernardino Graña falou en nome de todos, lembrando aqueles primeiros anos.

Farteime de aplaudir, porque era a maneira que eu tiña de expresar a miña emoción. Con case todos eles compartín ilusións e horas baixas, porque aínda era presidente Uxío Novoneyra cando eu entrei na Directiva da AELG, o que debeu ser incluso antes de 1998, aínda que xa non o lembro. O certo é que a AELG é xa unha parte importante da miña vida, por iso e porque é a casa que a todos nos acolle, deséxolle longa vida, longa e fructífera vida.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2010 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Un ano máis o Correlingua
imaxe da CIG-EnsinoEsta mañá presentamos en Compostela a nova edición do Correlingua. Un ano máis miles de rapazas e rapaces sairán á rúa reclamando o seu dereito a vivir no noso idioma.

Este ano o lema está tomado do verso de Uxío Novoneyra: "Galego, a forza do noso amor".

O manifesto escribiuno o alumnado de 2º de ESO do IES Porta da Auga de Ribadeo, e di enter outras as seguintes cousas:


A nosa proposta é clara, díxonola Manuel Antonio:
?A nosa fala é nosa, pospola a calquera outra é unha forma de suicidio?
Libraremos a batalla se libres quixermos ser
facéndolle honor ao seu lema, evitando o xenocidio.
...
Somos unha xeración
de galegos preparados,
a gramática coñecemos,
da nosa historia sabemos.
Por usar a nosa lingua
quen se atreve a insultarnos?
Se nos deixamos gañar,
non seríamos desleixados?.
...
Queremos galego na escola!


Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 15-04-2010 20:07
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe ao Val de Xálima (II)
Xulián ten unha tenda de produtos estremeños. Está mesmo por detrás da igrexa parroquial de Sa Martín de Tours. Cando baixabamos cara a ela chamounos a entrar coa súa exposición exterior, onde as lousas anunciaban os distintos produtos. E entramos.

Non déramos catro pasos, case nin faláramos entre nós, cando Xulián, erguéndose do seu tallo tras o mostrador, preguntounos: Sodes galegos? Entón iniciouse a pequena conversa na que recollemos saúdos para Henrique Costas e Vázquez Pintor, na que soubemos dos intercambios con Moaña e Viana do Bolo, onde vimos o mapa de Galiza nun lugar de relevo con varios puntos sinalados, e onde falamos moi superficialmente das dificultades que tamén ten ?a fala?. Fomos a iso, a encontrarnos coa nosa lingua nun lugar insospeitado e resoou nos nosos oídos ese galego oriental que une as terras que a Administración española separou.

Na viaxe cara ao Xálima, iamos lendo sobre os debates que ?a fala? ten suscitado. Cando chamamos a Galiza, contáronnos que mentres nós pisabamos aquelas terras alguén anunciaba novos estudos que desbotaban as orixes galegas da fala e explicaban que este xeito procedía de seren poboacións limítrofes con Portugal. Non é iso o que se sente nos pobos occidentais da Serra de Gata, non é portugués o que se escoita, e iso que só hai 25 quilómetros a Penamacor, o primeiro pobo portugués ao cruzar a fronteira.

Mais a conclusión é sempre a mesma, os prexuízos contra o galego que, alí, se converten en rexeitamento das orixes da fala. Xa nolo dixo Xulián, hai a quen non lle gusta que os galegos cheguemos alí usando a nosa lingua, nun claro aceno de que recoñecemos a súa fala como un dialecto arcaico da nosa. En ?Fala i cultura? teñen claras as orixes galegas e están a loitar polo recoñecemento da súa fala, levándoa mesmo aos centros do ensino a través do proxecto ?A Fala ena Escuela?

Seguirá habendo debate sobre as orixes da ?Fala?, mentres, haberá que loitar pola súa supervivencia, como ben di Domingo Frade no seu artigo en "La crónica de Sierra de Gata?: ?Nosa fala, ripitimus, é un luju en sí, nun una joyita do axinal en festas, propias de folklore i vitrinas. Emisión e recepción mais facil ao comunicalnus con 400 ó 300 millons dos falantis de castellanu i portugués i mais ainda otrus.?
Comentarios (2) - Categoría: Viaxe ao Val de Xálima - Publicado o 10-04-2010 11:58
# Ligazón permanente a este artigo
O Consello escolar de Galiza pide a retirada do Decreto de Plurilingüismo
Foto da CIGGañamos!

Onte foi outro día importante na defensa da nosa lingua. Gañamos a votación mediante a cal se presentou unha emenda á totalidade contra o Decretazo do Plurilingüismo, por 24 votos fronte a 16.

A sociedade galega non avala este decreto, que lles quede claro, especialmente ao Secretario Xeral de Política Lingüística que tivo a desfachatez de dicir que non se ía cambiar un "ápice" do documento.

A información da Radio Galega na Crónica das 8 foi un modelo de manipulación.

Pola nosa lingua, nin un paso atrás!!
Comentarios (0) - Categoría: Cousas da lingua - Publicado o 08-04-2010 09:11
# Ligazón permanente a este artigo
Viaxe ao Val de Xálima (I).
Foto Marta Dacosta
(foto de Valverdi du Fresnu desde o cruce que leva a Sa Martín de Trevellu)

Estes días de descanso decidimos viaxar ao Val de Xálima. Había tempo xa que viñamos pensando en achegarnos a coñecer estes pobos estremeños en que se conserva ?a fala?, unha variante da nosa lingua nas que foron terras reconquistadas e repoboadas por galegos. Así que con moi pouca antelación reservamos habitación en Valverdi du Fresnu, no único hotel en que quedaban cuartos, pois xa todas as casas rurais estaban cheas.

Chegamos o mércores 31 de marzo ao mediodía. Nesa mesma tarde percorrimos os tres pobos: Valverdi, Sa Martín de Trevellu e As Ellas. Están moi preto os uns dos outros, como a cinco quilómetros, así que o percorrido total non pasou de 20/25 Km.

Impresiona a súa disposición. Deitados ao longo da Serra de Gata, situados no seu extremo occidental antes de chegar á Serra da Malcata, están como deitados na aba da serra. As Ellas, semella un felino agatuñando pedras arriba, como escapando da chaira que viu verter tanto sangue desde a alianza dos vetóns cos lusitanos.

Vistos desde a estrada que comunica Valverdi con Hoyos engáñannos na súa altitude, pois semellando Valverdi o máis elevado dos tres, é precisamente o que está máis baixo sobre o nivel do mar, fronte a Trevellu, a case mil metros de altitude.

Tres pobos, unha fala, un val, o de Xálima, e tres personalidades claramente diferenciadas. Din deles que cada un ten o seu xeito de falar, en Valverdi, valverdeiru, nas Ellas, lagarteiru (un lagarto arrástrase polo seu escudo), en Trevellu, mañegu, en calquera caso xalimés, e se hai diferenzas non as puiden percibir, pois moi pouco sentín a fala ao meu redor.

Trevellu conserva o engado medieval das súas callis estreitas, as casas de adobe e as traves de madeira sobresaíndo sobre as nosas cabezas. Mentres andamos, un regato de auga cruza por entre os nosos pés. Nas Ellas, a penas quedan dúas torres semiderrubadas dun antigo castelu artu que hoxe é o cemiterio da vila, onde os mortos xacen en terra e levan apelidos tan galegos como ?Payo?. Valverdi non conserva practicamente nada do que foi a arquitectura popular da serra.

Non foi unha boa época para a viaxe. Demasiados turistas, moitos retornados. Nas rúas non se escoitaba a fala, case reducida ao uso gremial reservado aos iniciados do que os estranxeiros non podemos participar. No hotel, ás veces até me sentía violenta por lles falar en galego, pois moi poucas veces me responderon na súa fala as traballadoras que me atenderon. Mais coñecimos a Xulián, e con el puidemos botar algunha parrafada?
Comentarios (2) - Categoría: Viaxe ao Val de Xálima - Publicado o 05-04-2010 13:51
# Ligazón permanente a este artigo
A mentira do equilibrio
Un. Ao mercado dos luns veñen mulleres que aínda usan as vellas básculas de dous pratos. No seu oficio dominan a técnica do equilibrio deixando o fiel no mesmo centro do arco de oscilación. Elas saben perfectamente que cando precisamos equilibrar os dous lados da balanza non podemos pór en cada prato exactamente a mesma pesa, non, ben ao contrario, deberemos pór todo o peso no prato máis alto, para que se aproxime do que aínda ten un peso maior. As mulleres da feira dos luns saben de equilibrio e ben o podería explicar na Secretaría Xeral de Política lingüística, en toda a Xunta de Galiza.
Dous. Entre as lembranzas máis nítidas que gardo das aulas da Facultade de Filoloxía no entón Colexio Universitario de Vigo está a mañá en que o profesor de lingüística insistiu en explicarnos que o bilingüismo é unha destreza individual, mais que, en ningún caso se pode falar de sociedades bilingües. Non quedou dúbida ningunha, por tanto, de que a situación do galego non é un caso de bilingüismo, nin poñéndolle cantos adxectivos se lle queiran botar. Polas clases daquel profesor tamén pasou o responsábel do anteproxecto do Decreto de Plurilingüismo.
Tres. Primeiro foi a ?imposición?, agora o ?equilibrio?, e mentres tanto fixeron desaparecer a palabra normalización e difundiron que a nosa lingua xa non está en situación de diglosia. Procuraron asociacións amigas que lles esixisen a defensa do español. Deseñaron unha estratexia fundamentada en impor o seu obxectivo final. ?Unha mentira axeitadamente repetida mil veces, convértese en verdade?. Os seus mestres non están nos libros de sociolingüística.

Este é o artigo publicado no A Nosa Terra desta semana.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 04-04-2010 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0