acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

A muller que le (II): Gruoch
O ano pasado a escena cultural inzaba con produtos que querían lembrar a Shakespeare. Eu sempre sentín certa atracción pola obra do inglés, así que procurei aproveitar a oportunidade: Macbeth segundo Kustin Jurzel (na imaxe). Impresionoume. O cine ten o poder de nos inundar desde os ollos, e deixeime levar pola brétema que envolvía as parcas desde a primeira escena.

A partir de aí comecei a debandar o meu nobelo. Lady Macbeth pasou ao centro da miña imaxinación e as conversas, as procuras en internet, as lecturas, eran para saber máis da muller que Shakespeare retrataba. É a miña teima de non crer nas aparencias. De negarme a admitir a primeira descrición dunha persoa, especialmente se é muller. A teima de tirar os veos para atoparme coa realidade e chegar ao fondo dos motivos. A necesidade de comprender.

E algo me dicía que tiña que haber máis. Ou menos. Todo o que sabemos de Lady Macbeth é real? Quen era ela? Cales son as diferenzas entre a historia e a obra literaria? Cumpre a obra algún papel político?

De primeiras repasei o exemplar de Macbeth que había na casa. Por que ela non era nunca mencionada polo seu nome?. Por que sempre aparecía co nome del?. Quixo o autor crear dúas personaxes na escena que eran na realidade as dúas caras dun carácter?


A resposta, ou algo parecido, neste artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 27-03-2017 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista sobre Na casa da avoa
Este 21 de marzo, día da poesía, fun convidada ao programa "Plató aberto" de Localia, para falar de poesía e de Na casa da avoa. Tamén para recitar o poema "cicatrices".

Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 24-03-2017 08:32
# Ligazón permanente a este artigo
Día da poesía de 2017

observa, verás
que o mapa do tesouro se compón de silencios
e palabras deitadas coa perfección do lance
para atopar a punta do fío que te guíe
por ese labirinto que chamamos memoria

Con este fragmento dun dos poemas de Na casa da avoa, acompañando unha imaxe de promoción do libro, celebrou Galaxia o Día da poesía.

Os amigos da Libraría Cartbón tamén fixeron unha imaxe promocional.

Son as cousas bonitas que poden pasar ao redor dun libro o día da poesía.

Moitas grazas.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 24-03-2017 08:29
# Ligazón permanente a este artigo
Cartas açorianas (VII). Memoria da balea.
?Os baleeiros das Lajes, os vilas, andavam por esses mares a balear ? com as baleias que apanhavam, derretiam no Caneiro, suas histórias para contar. Contavam-nas no mar enquanto no mar pescavam, contavam-nas por esses campos, enquanto por esses campos lidavam ??, Dias de Melo, Vida Vivida em Terra de Baleeiros, en Cadernos Sibil, nº 1




En canto conseguimos motorizarnos, iniciamos o noso percorrido por Pico visitando un dos lugares que xa seleccionáramos previamente: o Museu dos baleeiros en Lajes do Pico. Na que fora unha fábrica baleeira, existen agora salas que acollen fotografías ou unha lancha baleeira a tamaño real. Alí vimos por primeira vez un vídeo sobre a caza. Foron os primeiros estremecementos. Non é doado asistir á matanza dun cachalote. A inmensidade do animal obriga a multiplicar a crueldade do ataque do arpón, pois cómpre darlle morte canto antes. O animal ferido, aumenta a súa xa descomunal forza e pode lanzar polo aire as pequenas lanchas baleeiras con toda a tripulación. Quen sabe se a lenda de Mobby Dick non ten como causa real un intento de captura que se saldou cun cachalote ferido que aprendeu a responder aos ataques dos barcos baleeiros. No libro Os picoenses na odisseia da baleação de Manuel Moniz Bettencourt recóllese xustamente a memoria traumática da morte dun arpoeiro en 1946: ?? o desditoso ?Teixeira?, vencido mas não convencido, baixou a cabeça e com a habilidade que lhe era peculiar segurou a lança e arremessou-a atingindo novamente o monstro que, num derradeiro esforço, elevou a sua grande cauda e, imediatamente a desabou sobre a proa do bote onde, infelizmente, aquele trancador se encontrava? restado dele apenas e só, umas migalhas da sua massa encefálica espalhada no que restava de bote!!!?. Aquela nova correu coma a pólvora e causou grande trauma na memoria das xentes das illas, ?só decorridos alguns anos se aplacou a angústia por todos vivida?.

Mais na primeira sala aínda nos podemos dedicar á serea contemplación dos scrimshaw ou figuras talladas nos ósos e nos dentes dos cachalotes que, segundo recolle José Carlos Garcia, autor de varios libros sobre a cultura baleeira no Pico, eran o resultado das horas de vagar dos mariñeiros. Na colección que mostra este museo hai figuras humanas e de animais, utensilios, caixas, un cachimbo esquimal, compases, plumas estilográficas, paraugas, dentes que son como cadros en que se deseñan diversas figuras ou mesmo un colgante feito co dente dun cachalote que aínda non nacera. Até un xogo de café, coas súas chávenas e pratos ou a parte máis ancha das inmensas mandíbulas do odontoceto convertidas en lenzos suxeitos ás paredes de pedra, en que se representaban diversas escenas da vida dos mariñeiros.

E un feto de cachalote disecado.

Unha besta mínima amosando as vértebras miúdas por baixo do coiro da súa delicada pel.
Ou o que parece ser o libro de bitácora dos barcos Lady Melville e Scaleby Castle, deixándonos a curiosidade en suspenso.
Así que as mandíbulas alí expostas xa eran o que menos nos chamaban atención. Como os selos de lacre, o aceite ou as lámpadas rematadas co rabo ergueito dos mamíferos ao se sumir nas profundidades.

E toda variedade de ganchos e machadas, coitelos e arpóns. Imaxes que se cravan en nós e nos lembran os esforzos por parar a caza da balea que, completamente industrializada no século XX, ameazaba a supervivencia dos grandes animais do mar.

O Museu dos Baleeiros está nas antigas Casas dos botes, edificios que sobreviviron ao ciclón do 4 de outubro de 1946. O ciclón tamén levou con el os botes e obrigou a mudar o procedemento para gardalos de futuros accidentes climatolóxicos. No dixital Tribuna da Ilhas Fernando Faria relata a intensidade destrutora deste ciclón: ?No dia 4 de Outubro de 1946 ? um ciclone de extrema violência assolou o arquipélago açoriano, provocando prejuízos materiais de grande monta. Nas ilhas do Faial e Pico os ventos tempestuosos e o mar alteroso destruíram culturas agrícolas, danificaram vários prédios??. Faria recolle como a prensa da época informou de que apesar dos danos causados polo ciclón, a?enérgica e bem conduzida acção? das autoridades, permitiu reconducir a situación. Mais o autor sinala que esta información non se corresponde coa realidade, senón que obedece ao que mandaba o tempo político da ditadura: ?Vivia-se então em pleno Estado Novo, havendo o controlo governamental dos meios de comunicação social que, coagidos pela lei censória ou por opção própria, não inseriam notícias contrárias ao poder político e, mesmo nos artigos de opinião, raramente se aventuravam em ultrapassar o que lhes era consentido.? O que non di o autor é que esta censura segue a existir nos tempos de hoxe, aínda que os réximes políticos sexan outros. Mais isto xa é fariña doutro autoclave.

O descanso do mediodía deunos un respiro. Apenas o tempo imprescindíbel para achegarse a outro misterio e volver de novo, agora para visitar o Centro de Artes e Ciencias, musealización da antiga fábrica da Sibil (Sociedade da Indústria Baleeira Insular Lda) e acabar de impresionarme.

O edificio era impecábel. Liñas rectas, paredes branquísimas, anchas escadas? e abaixo os fornos. Outra vez o vídeo sobre a caza da balea. E os fornos. Os inmensos fornos en que eran cocidos os animais até derretelos por completo. Os mesmos fornos crematorios recubertos de ladrillo vermello e pesadas portas. Tan pesadas como a sensación de afogo que se apoderou de min e da que non me puiden liberar nin cando saín ás alancadas fóra do edificio. Agora non podo documentar o que me di a memoria, non sei se o lin nin onde, ou se foi unha explicación na visita guiada que logo realizaríamos en Horta, mais lembro que mentres contemplaba aquelas máquinas destrutoras manexaba a información de que eran xemelgas das que foran colocadas nos campos de concentración naquelas décadas de mediados do XX.

Nesta viaxe aínda seguimos a visitar outras ?fábricas de baleia?. Mais foi entón cando sentín esa angustia. Unha sensación completamente oposta á que me produciu anos antes a fotografía que ocupa un lugar principal do Museu da baleia en Caniçal, Madeira. Unha imaxe que recolle un momento real que se converte en símbolo: a entrega do derradeiro arpón ou o abandono consciente, convencido, firme da caza destes animais inmensos sen os que o Atlántico sería outro océano. O símbolo de que ser humano e ser animal dialogan e comprenden como as vidas de todos son os alicerces en que aboia este planeta. Di a foto do museo madeirense: ?Eleutério Reis entregou em 1981 o último arpão à Sociedade para a Defesa dos Mamíferos Marinhos (GSM), documentando assim a sua evolução de caçador de baleias até a entusiasta defensor das baleias?. A caza da balea aínda rematou en 1984, sendo en 1987 cando se cazou o derradeiro cachalote con arpón nas proximidades da illa do Pico (Cadernos Sibil, nº 1, 2007).

Saímos daquela antiga fábrica cargados de libros. Entre eles o moi recomendábel caderno Cultura baleeira nas Lajes do Pico. Identidade e Patromónio do xa citado José Carlos Garcia, autor de varios traballos sobre a cultura baleeira no Pico. Este caderno ten a virtude de sintetizar e recoller o máis esencial para achegarse a esta temática. Nel informámonos de que esta cultura baleeira se inicia case co poboamento dos Açores, pois data xa do XVI, cando nos inicios os poboadores das illas aproveitaban os cachalotes que viñan parar á costa. No final do caderno atopamos unha reflexión que ten a ver coa simboloxía xa referida da entrega do derradeiro arpón: o ?processo de reinvenção da memória baleeira, assumido pelos actores sociais que viveram ou não este passado, tem concorrido com a consagração identitária da actividade e dos homens e mulheres que a produziram e para a criação de espaços e monumentos simbólicos?. Trátase de asumir o pasado, de tomar consciencia do presente e reinventarse orgullosos de ter avanzado. Non se trata de ocultar o que sucedeu, trátase de ter orgullo de nación e reivindicarse ao tempo que se asume que cómpre mudar as prácticas pois a realidade da vida no planeta nos pide outra posición. Sobre isto xa ten escrito Alfredo López, o meu compañeiro de viaxe, quen reclama ese orgullo e esa reinvención e toma de consciencia para o noso país, un país en que non se reivindica nin patrimonializa a cultura baleeira que tamén a nós nos pertence.

De José Carlos Garcia trouxemos outras publicacións como A fábrica de baleia de São Roque do Pico, fermosamente editada, ou o libro de Manuel Moniz Bettencourt, nostálxico de seguir coa caza, que tamén os hai. Neste libro hai unha fotografía do exterior da fábrica da Sibil en que se pode ver o corpo estendido dun cachalote que agarda para ser despezado. Vexo a foto e reparo en que a cabeza do animal é tan ancha como alta é a fachada da fábrica e penso que se me puxese ao seu lado eu non sería tan alta, coma el é ancho. Que inmenso ser!.

Nos días seguintes volvemos visitar outras ?fábricas de baleia?, como a de São Roque, aquel Museu do Pico, Núcleo Museológico da Indústria baleeira que ostenta en grandes letras vermellas as palabras: ?vitaminas oleos farinhas adubos Armações baleeiras reunidas Lda?, resumindo así todos os usos que se lle deu á graxa dos cachalotes. Na mesma porta están aínda os enormes engrenaxes que turraban dos grandes cetáceos. Hoxe están impecabelmente pintados de gris e inmóbiles ante a rampla sobre a que un día se arrastraron os enormes corpos e hoxe se deslizan, empurradas coa forza dos brazos, as antigas baleeiras, convertidas en traíñas deportivas.
No interior, a nave mantén a mesma distribución de máquinas e utensilios que un día estiveron a pleno rendemento. De novo as baleeiras e os fornos ou autoclaves. Na explanada que se estende entre a fábrica e o mar, unha estatua que representa o arpoeiro soíño na súa barca, a piques de acometer o cachalote. No pé uns versos do poeta local Almeida Firmino:

?Ancoradouro de aves, poetas e baleeiros
Heróis sem nome com um pe em terra e outro no mar
Quantas vezes em vão a balear?
?


Publicado en Sermos Galiza
Comentarios (0) - Categoría: Cartas açorianas - Publicado o 24-03-2017 08:19
# Ligazón permanente a este artigo
E chegou

Velaquí.
Así loce no escaparate e nos andeis da Livraría Suévia.
Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 20-03-2017 08:44
# Ligazón permanente a este artigo
Proximamente

Proximamente
A partir do 15 de marzo, poderedes ver nas librarías "Na casa da avoa", un libro de poesía escrito con tres fíos: o da historia, o da literatura e o da vida.



Comentarios (0) - Categoría: Na casa da avoa - Publicado o 01-03-2017 21:47
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0