acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

empezaron
mobilización de Galiza NovaDicía Manuel Rodrigues Lapa que ?numa simples palavra se pode resumir todo o universo?. Empregar como lema ?empezamos? envía ao receptor a mensaxe de que quen así se presenta aparece ante nós por primeira vez, que non ten traxectoria anterior. Ao tempo vén a dicir que aínda nada foi feito, que todo está pendente e que ten a capacidade de realizalo. Mais hai outro aspecto importante, a ambigüidade idiomática, de maneira que quen o emite non precisa tomar posición, será o receptor quen decida se recibe a mensaxe en galego ou en español. Palabras comúns para quedar ben con todos os posíbeis votantes. Non era pouca cousa nunha campaña que se iniciara xa en xuño de 2007, cando o partido que nos gobernará comezou repetir unha e outra vez que non estaba de acordo co Decreto do galego no ensino e que non aceptaba imposicións. Decíao o seu portavoz, Núñez Feijoo, quen, no seu día, en setembro de 2004, votara a favor do Plan Xeral de Normalización que é onde se recolle cantas materias se deben impartir en galego, exactamente as mesmas que figuran no Decreto. Si, exactamente as mesmas, porque entre o Plan Xeral apoiado polo PP e o Decreto contra o que se posicionou, non hai ningunha diferenza, para alén de cal era o partido no goberno cando un e outro se aprobaron. Xa antes da campaña o candidato empezou a dicir que derrogaría o Decreto, e despois de gañadas as eleccións, seguiu dicindo o mesmo. Así que si, empezaron, empezaron atacando a lingua, ou sexa, atacando o que somos, a nosa identidade. E para iso seguen ocultando cal é a realidade lingüística do noso país, cegos ante os datos alarmantes do Mapa Sociolingüístico que nos dá unha clara mostra da situación, porque o idioma que non goza dos mesmos dereitos e que por iso é o que está en retroceso e en perigo segue sendo o noso, o galego.

Artigo publicado en A Nosa Terra.

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-03-2009 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Día da auga
Onte, 22 de marzo, día da auga, participei no Rosal nun recital con motivo do día da poesía, o día da auga e o día da muller... un marzo moi celebrativo.

Así que lin Acuática, claro:

Médranme as membranas interdixitais,
desaparece a cadeira dolorida
e a columna alóngase e lembra
o movemento orixinal do mundo.
Cabelo himantalia elongata ou correa
porque a chuvia é río, é mar,
é sal, é vida
azul en movemento.
Vida que me destrúe e destrúe
destrúeme
destrúome
destrúote.
Alóiome
acuática alma.
Vida que nos dá vida, que atrapa a vida
para a nosa alma de mar e area,
musgo e pedra, terra e fento,
cágado e ova,
lama e seixo
destrúeme
destrúome
destrúote.
Alóiome
acuática alma.
Comentarios (4) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 23-03-2009 23:20
# Ligazón permanente a este artigo
Compañeiros
fotografía tomada do blog: http://www.blogoteca.com/ofalarnontencancelas/O día 9 de marzo (precisamente o día en que morreu Kollontai)estiven en dous centros de secundaria falando da cuestión feminina desde unha perspectiva literaria, desmontando personaxes como o de Ofelia, e falando dos problemas de espazo e recepción das escritoras, nomeadamente do caso de Rosalía, unha adiantada ao seu tempo, tamén nesta cuestión.

Días despois algúns alumnos trasladáronme esta pregunta: ?Algúns rapaces sentímonos directamente aludidos como responsables da situación discriminada da muller. Temos a impresión de que só temos un papel negativo e gustaríanos que nos explicaras que opinas ti. Esperamos a túa resposta...? Respondín todo o rápido que puiden, mais é unha cuestión que me parece axeitada e central, porque falamos do papel que todos temos, da importancia da toma de conciencia de todas e todos, porque cando falamos da cuestión da muller, estamos falando, nin máis, nin menos, que da nosa sociedade enferma e, por tanto, da urxencia da súa transformación.

Dicía Alexandra Kollontai por volta de 1909: ?as mulleres proletarias... non ven os homes como inimigos e opresores, pola contra, venos como compañeiros que comparten con elas a dureza do día a día e loitan ao seu carón por un futuro mellor. Tanto a muller coma o home proletarios atópanse escravizados polas mesmas condicións sociais, oprimidos polas mesmas cadeas odiosas do capitalismo que os privan das alegrías e praceres da vida. É certo que algúns aspectos específicos do sistema contemporáneo pesan o dobre na muller...?. Isto é o que subxace na resposta que lles din inmediatamente, que nos necesitamos as unhas aos outros, e que todos somos vítimas deses sistema que ten na opresión e na invisibilización da muller un dos seus síntomas principais.

Con isto non quero deixar de lado a realidade, unha realidade terríbel da que os nosos compañeiros de viaxe deben tomar consciencia e activarse contra dela, pórse tamén na primeira liña da denuncia e do combate para erradicar esta violencia que nos está matando. Aos nosos compañeiros correspóndelles estar atentos para identificar que actos son unha cruel reprodución dos estereotipos que nos relegaron a un plano escuro e rexeitalos, dialogando con nós para a necesaria construción da sociedade que todos precisamos. Mais tamén as mulleres debemos estar atentas, ao fin e ao cabo, mulleres e homes somos vítimas dunha educación social errada, que entre todos e todas debemos transformar.

Mais contamos con eles, contamos con vós, amantes e fillos, amigos e alumnos, porque as vosas mans firmes e decididas, comprometidas nesta loita que verdadeiramente é común, serán o noso mellor apoio para continuar e avanzar.

Para que quede un pouquiño máis claro, podemos botar man da palabra literaria, especialmente do capítulo ?Amor(ot)es ventureiros? de A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, un capítulo en que o amor e o entendemento aparecen como o mellor antídoto e a mellor cura para esta enfermidade social, como o mellor potenciador da valentía necesaria para enfrontar o traballo necesario.

?(Sofía) - ... denunciar unha violación tería que ser tan normal como denunciar a un tipo que che atropela un pé cunha moto... mais a meirande parte non denuncia. E a miña situación é mellor que a de moitas rapazas, téñote a ti, teño o apoio de meus pais...
(Rubén) ? Tesme a min, miña nena. Tes este caníbal en alma e corpo.?

(a foto, que é do acto do día 9, tomeina prestada do blog http://www.blogoteca.com/ofalarnontencancelas/, do IES Lagoa de Antela. O artigo está publicado en gznacion.com)
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 19-03-2009 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
conducir esta dorna entre a escuma e o vento

(poema inédito
Cabo Silleiro, desde o mar)
Comentarios (3) - Categoría: Acuática alma - Publicado o 15-03-2009 11:29
# Ligazón permanente a este artigo
Somos poucas, porén loucas!


Somos poucas, porén loucas!

E así seguiremos, si, si, si, siiiiii!

Na escola, na rúa... no papel (porque este foi o artigo que me suxeriu unha anécdota do día).

Viva o 8 de marzo... todos os días!
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 11-03-2009 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
Entre Ourense e Xinzo

Hoxe andei entre Ourense e Xinzo porque dúas profes e as súas alumnas e alumnos tiveron a amabilidade de me convidar, así que alí estiven no IES Prieto Nespereira e no IES Lagoa de Antela.

Faleilles do 8 de marzo, das súas orixes, e do papel das escritoras na procura de espazo literario, algo que levamos facendo máis de dúas décadas. Porque moitas de nós decidimos que xa chegara o tempo de que as mulleres fosen protagonistas, creadoras e lectoras dunha literatura que falase de nosoutras, da nosa dor física e psicolóxica, dos nosos soños de superar o teito de cristal, da nosa visión do mundo. E entón tamén decidimos desmontar as personaxes e os mitos para refacelos de novo, subvertindo o seu papel na sociedade patriarcal que nos tocou herdar.

Así que ás mozas e aos mozos faleilles de que o 8 de marzo fixouse como data conmorativa a petición das mulleres socialistas, que houbo que agardar ás autoras actuais para atopar textos en que as mulleres se ven completamente representadas, que Rosalía padeceu a ignorancia e a lente deformada de moitOS analistas literariOS que nos deron unha visión DEFORMADA E FALSA da escritora, que María Mariño foi negada até o extremo de se cuestionar a súa propia existencia física...

Eu falei e falei, non podo evitalo, o tema é apaixonante e se non me paran eu falo sempre.

Agardo que lles interesase e lles servise para agrandar o seu horizonte crítico, porque iso é o que deben aprender, que elas e eles son donos das súas opinións e soños, e que deben esculcar na realidade, preguntándolle unha e outra vez, preguntando sempre.

Grazas a todas e todos.
Comentarios (9) - Categoría: Xeral - Publicado o 09-03-2009 20:14
# Ligazón permanente a este artigo
premio 8 de marzo
Onte asistín ao xantar que todos os anos celebra a Secretaría da Muller da CIG para conmemorar o 8 de marzo e recoñecer as loitas desenvolvidas polas mulleres na defensa dos seus postos de traballo. Eran tantas e tan importantes as candidaturas que, este ano, houbo un recoñecemento ás finalistas: as delegada da conserveira Pérez Lafuente e da pechada Valeo. O premio foi para a presidenta do Comité de empresa de Lorenzo Froiz que foi sancionada por defender o traballo das súas compañeiras, e ao premiala a ela, tamén se recoñecía o traballo das súas compañeiras.

Eu envíolles desde aquí unha aperta moi forte a todas, para que sigan loitando sen descanso, e un poema:

Nunha soidade de guía telefónica
nace o abrente da cidade.
O frío é falso
porque nas caixas de madeira apodrecen os pexegos.
Un axóuxere de ferro voa sobre o asfalto
e a luz é verde, é amarela, é vermella.
Agosto non existe.
Na cola do supermercado agosto non existe.
E as latas son area no mar da estantería,
unha praia calada
en que afogar os soños.
A oferta de aceite é a mellor lectura
para 365 días de consciencia.


(de Pel de ameixa)
Comentarios (3) - Categoría: textos editados - Publicado o 07-03-2009 20:46
# Ligazón permanente a este artigo
alí estaremos

Gran manifestación o 17 de maio. O noso idioma reclámanos.
Alí estaremos!
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-03-2009 19:23
# Ligazón permanente a este artigo
marzo
arquivo Marta Dacosta
Castiñeiro de Pumbariños
Comentarios (3) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 05-03-2009 17:26
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0