acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Ruído




Agasallo para quen me acompañou nas presentacións de Dun lago escuro, especialmente Pedro Feijoo e Yolanda Castaño.

Grazas!
Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 27-02-2015 14:16
# Ligazón permanente a este artigo
150 cantares para Rosalía de Castro
Onte, Día de Rosalía, publicouse na web da Fundación da escritora o libro dixital que Suso Díaz, un dos artífices de As escollas electivas, promoveu durante o ano pasado: dialogar coas estrofas de Cantares Gallegos

Primeiro quero deixar constancia do meu agradecemento á súa iniciativa e darlle os parabéns polo magnífico resultado. E segundo quero dicir que para min foi especialmente difícil este reto, moi, moi difícil. O resultado, como diría Rosalía: ?Non me espriquéi cal quixera/ pois son de espricansa pouca;/ si grasia en cantar non teño/ o amor da patria me afoga?.

Velaquí o poema que dei escrito para dialogar coa estrofa de Rosalía:


Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n?é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que nacéu desdichado.


Malpocada

dona só do seu traballo
das horas e da suor
da roupa por remendar
do lavadoiro, o clareo
do xabón e da auga fría

dona só do seu traballo
por un salario vendido
por un contrato precario
que non contén nin palabra
dos insultos, das mentiras

nin das horas non cobradas
nin do receo ou a náusea
cristais contra o ventre irto
para que sen dar aviso
a porta xa non se abra

nin xornada, nin salario
unha axuda miserábel
expulsada da túa casa
condenada a mendigar
até un anaco de pan

Mais son probe e, malpecado,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.


e agora que nada teño
e que nada xa me ampara
unha gadaña tomara
para xustiza lles dar
aos que nos queren quitar

os dereitos, a esperanza
o acougo, a dignidade
a memoria e até a vida
pois todo debe cambiar
outro futuro ha chegar!

Marzo 2014.

O libro pode descargarse aquí: http://rosaliadecastro.org/wp-content/uploads/2015/02/150_Cantares_para_Rosalia-OK.pdf
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 25-02-2015 08:44
# Ligazón permanente a este artigo
Entrevista na Opinión
Escaparate da Libraría SuéviaEntrevista realizada por Enrique Carballo para La Opinión:

"Vivimos no día de hoxe na comodidade de non profundizar, no conformismo"

"A muller galega tivo un papel central na preservación da nosa cultura"
"Bebo tanto de figuras de 'Hamlet' como da lenda popular"


Marta Dacosta (Vigo, 1966) leva 20 anos creando poesía en galego. Hoxe presenta na Librería Suévia o seu libro Dun lago escuro, coa participación de Yolanda Castaño. Ás 20.00 horas.

-Na súa obra está moi presente a agua. Por que?

-Ten que ver con criarme á beira do mar e pertencer a unha familia ligada a el, nun principio. O mar sempre foi algo moi presente. Logo, vivindo separada del, sustitúeno as fontes, as correntes... Logo, á experiencia vital, engádeselle a tradición literaria. Na miña obra a auga é orixe de vida.

-O seu imaxinario se nutre de vivencias ou de literatura?

-Bebe de fontes moi diversas. Por exemplo, a combinación entre lendas tradicionais do sur da provincia de Pontevedra e a figura hamletiana de Ofelia, que vexo como maltratada psicolóxica.

-Cal é a forma de abordar temas como o maltrato na poesía?

-É difícil abordalo sen que o poema perda a integridade. É un tema complicado de por si, e ademáis caese no risco de cinguirse á protesta, que ten que estar en equilibrio coa parte de calidade literaria, estílistica e creativa.

-Cal foi a traxectoria da poesía galega?

-Dende a Transición, podemos falar dunha primeira etapa, menos explícita e dende o simbólico, en parte como reacción ante unha corrente anterior que se focalizou na denuncia. Nos 90 volve a atención ao significado do texto. Pero son liñas xerais dun proceso que tería que verse cun século de distancia.

-E a súa propia?

-Co tempo voume desprendendo cada vez máis do innecesario. Esculpo máis o texto. Pero ségueme sendo útil; para min a poesía é imprescindible e infalible.

-Como escritora?

-E como lectora, o texto poético é o que mellor recolle o que busco ao ler. Lemos para entreternos, pero tamén para entender o mundo e atoparnos. A poesía ten capacidade de transmitir e ser terapéutica.

-Dun lago escuro toca tamén a negación da realidade.

-Si, a través da imaxe da nadadora que nada boca arriba, mirando un día soleado e de cóstas ás profundidades. Vivimos na comodidade de non profundizar. Tanto no plano persoal como social, critico o conformismo.Un certo grao de conformismo é intrínseco, pero agora hai un control para convencernos de que vivimos no mellor dos mundos posibles.

-Trata moito a idea da tradición feminina.

-Para min esa visión feminina é convición, a de que a muller galega tivo un papel central na preservación da nosa cultura, e unha posición, a de que as mulleres teñen todas as dificultades duplicadas. Pero non vexo conflito en que un escritor escriba cunha muller como protagonista, ou viceversa. Si se todos os protagonistas fosen homes.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 23-02-2015 15:25
# Ligazón permanente a este artigo
Presentación de "Dun lago escuro" na Coruña


Comentarios (0) - Categoría: Dun lago escuro - Publicado o 22-02-2015 11:15
# Ligazón permanente a este artigo
De cantares hoxe

Hai máis dun ano, no mes de xaneiro de 2014, fun convidada polo programa radiofónico Diario Cultural a participar no proxecto colectivo De cantares hoxe. Propuxéronme dialogar con un dos poemas de Cantares Gallegos e eu elixín A gaita gallega, buscando no poema rosaliano a conexión co presente que, evidentemente, existe.

Foi unha tarefa difícil, ben difícil, mais aquí está o poema que, como dixo a propia Rosalía, "cantei como mal sabía/ dándolle reviravoltas."



nunca española!

Probe Galicia, non debes
Chamarte nunca española.

Rosalía de Castro


nunca española!

dúas palabras
afirmación radical
que alporiza
asimilados

(a gaita canta)

dúas palabras
ou subversión que palpita

que se instala na consciencia
de quen a ti se achega
espida de preconceptos
soñando no amor á terra



aquelas risas de mofa

aquelas risas de mofa
deformáronte
(a gaita canta!)
quixérante flor efémera
adorno que non precisa
de atención nin memoria

mais a forza dos teus versos
foi unha man poderosa
que ergueu as túas palabras
para deitalas na boca
de nós
todas
para darnos
os azos que aínda cómpren
contra estas risas de mofa

e contigo repetimos
que a gaita galega chora

que hoxe segue chorando
pois máis de cen portos xa
seguen vendo marchar fillas
presas dunha nova argola
para o mesmo amo infame
que fama de honrado tiña

vampiro nos tempos de hoxe
disposto a chuchar a terra
a sorber o que aínda queda
e trae o xugo do reino
instrumento necesario
para deixarnos
secas

certo que a gaita aínda
deita alboradas sen gloria
mentres andamos as rúas
da patria nosa
e que os seus sons acompañan
as nosas gorxas que estoupan

mais a gaita aínda non canta
que chora: Galiza!
non debes chamarte nunca
española!
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 22-02-2015 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
A calor da lingua

A cousa foi que tiña que enviar un artigo para a contraportada do Sermos Galiza, para a sección que se edita semana a semana en colaboración coa AELG. E sentín que non ía ser quen, pois non tivera un minuto para pensar. E cando máis preocupada estaba atopei a punta do nobelo, e as palabras comezaron a fluír. Foi así como escribín este texto, o mesmo domingo 8 de febreiro:

A calor da lingua

Este día 8 percorremos con Queremos Galego as rúas de Compostela, a capital dos noso devezos á que quería ir Novoneira desde o Courel pisando terra liberada. 8 de febreiro que é o día en que, cento oitenta anos antes, naceu Pondal, o construtor dunha poesía épica que alimentaba a nación. Outro espírito ousado que creou unha obra literaria para manter a lingua viva e vizosa e enaltecela, como diría antes de partir: " déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro".

Esta idea de reelaboración da lingua, que deixa de ser barro para se converter en ánfora ou vasilla que nos conteña, está presente noutros autores de noso. Así na preocupación de Victoriano Taibo que se consideraba unha "avella escura do cortizo da Terra" porque temía que os seus versos non tivesen o celme necesario, malia deixar todo o que tiña neles. Ou Manuel María, que nunha sorte de homenaxe á nai que lle legou o idioma, como unha sinécdoque que representase a todo o pobo, declara: "... quero voltarche /aquelas verbas doces como o mel /que deprendín dos teus beizos."

E talvez sexa esta a preocupación constante de quen escribe, devolverlle ao pobo unha lingua rica e prezada como un tesouro. Por iso a ansia da paixón da escrita, malia a insatisfacción permanente ante o traballo feito, aqueles versos de Rosalía "Cantei como mal sabía /dándolle reviravoltas". Unha ansia que nos empurra a sermos canteiras que baten na pedra arreo, dando forma aos perpiaños cos que erguer a casa de noso en que nos manteñamos nós, á calor da lingua.


8 de febreiro de 2015.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 16-02-2015 18:05
# Ligazón permanente a este artigo
Polas fillas dos nosos fillos

Comentarios (0) - Categoría: foto-poemas - Publicado o 07-02-2015 12:18
# Ligazón permanente a este artigo
Lingua coa que queremos construírnos
Lingua coa que queremos construírnos

Nos inicios do meu camiño cara á lingua, están os anos de instituto. É certo que eu xa traía esa fame, por iso, cando en 1980 comecei recibir as primeiras aulas de galego, acabei de saber que me faltaba. E así a lembranza daquel profesorado do IES Santo Tomé do Freixeiro, en Vigo, ten un lugar importante na memoria da lingua, como aquel primeiro manual de galego, como o Rosalinda de Fausto a soar nunha clase ateigada. Logo souben que nese momento comezaba impartirse galego como materia. Mais naquel instituto xa había outras profes que impartían as súas aulas en galego, por exemplo matemáticas, algo que non pasaba desapercibido á nosa atención adolescente.

O certo é que naquela década a lingua e a necesidade de debater sobre a súa presenza no ensino ocupou unha parte importante do noso tempo: no instituto, no Colexio Universitario, na Facultade. Sempre reclamando máis presenza.

Porque a docencia en galego é útil, necesaria, imprescindíbel.

Logo chegounos a hora de sermos nais e pais e aprendémoslle ás nosas fillas e fillos a lingua de noso, desexando que non tivesen que transitar o camiño, ás veces amargo, que nós realizamos cara á nosa lingua. Desexos incumpridos, porque todo ao seu redor fainos estraños.

E os datos chegaron para confirmar as sensacións e unha pregunta comezou a baterme na cabeza: falarán en galego as fillas ou os fillos do meu fillo? Que futuro lle agarda ás miñas netas?

Por iso este 8 de febreiro estarei outra vez na rúa, porque quero vivir en galego, porque quero que os nosos fillos e fillas poidan vivir en galego, porque quero que poidan aprenderlles a lingua ás súas fillas e fillos e porque quero que as miñas netas ou netos poidan vivir en galego, coma un día viviron as e os avós.

O día 8 percorrerei Compostela para reclamar que se adopten todas as medidas necesarias que me permitan soñar que un día sentirei esta lingua nosa na boca doutra xeración. Porque ?


démoslle a LINGUA
e a lingua é AMOR
non é unha coiraza
que poida defendelo cada vez que non oe
falar na súa lingua, cada vez que ao redor
falan nesoutra lingua, cada vez que lle din
por que fala esta lingua, cada vez que lle esixen
que fale esoutra lingua

que a lingua non é coiraza que poida defendelo
cada vez que lle negan ESTAR na súa lingua

démoslle a LINGUA
e a lingua é POBO
non é unha espada
que poida defendelo cada vez que lle negan
que esta patria ten lingua, cada vez que lle negan
que esta é a que nos pertence, cada vez que lle negan
que ela é identidade, cada vez que lle negan
que somos porque falamos

que a lingua non é espada que poida defendelo
cada vez que lle negan SER na súa lingua

que a lingua é AMOR
o amor das avós que a ergueron como CASA
en que fomos nacendo para que sempre fose
un lugar de FUTURO

que a lingua é POBO
o pobo que a creou para dar nome á TERRA
e deixarnos memoria de quen somos e como
queremos CONSTRUÍRNOS

Publicado en Sermos Galiza, febreiro de 2015
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 06-02-2015 18:19
# Ligazón permanente a este artigo
Artigo sobre Ana Luísa Amaral en A Nosa Terra
Este foi o artigo que publiquei sobre Ana Luísa Amaral, probabelmente a finais do ano 2002 en A Nosa Terra.

O artigo, xunto con algún libro meu, envieillo a Portugual, mais nunca o recibiu, talvez porque algunha lectora compulsiva non puido deixar que os libros chegasen a destino.


ANA LUÍSA AMARAL

Unha tarde de sábado, mentres tiraba libros do andel na Bertrand de Braga caeu nas miñas mans o poema. O libro titulábase As vezes o paraíso, de Ana Luisa Amaral, até aquel momento completamente descoñecida por min.
Lino unha e outra vez, sen saber explicar por que me recoñecía no poema, por que me identificaba coa muller que escribía naquel libro. Foi un achado importante. Víame nos versos e recoñecía o que para min é un mesmo gusto pola palabra exacta, transparente e simbólica, capaz de nos trasladar os sentimentos e ao tempo construtora dun mundo propio. Unha poesía sen artificio innecesario.
Foi así que, un ano despois, mentres gozaba do sol e da praza, da República, no decembro vianés, volvín procurar os versos de Ana Luisa Amaral, Imagens, Minha señora de quê. Insuficiente, debía volver novamente para poder ler tamén Coisas de Partir, non había máis nos andeis.
Ana Luisa Amaral é profesora de literatura inglesa na Universidade Nova de Lisboa, estudosa da obra de Emily Dickinson e das irmás Bronte. Publicou o seu primeiro libro de poesía en 1990, Minha señora de quê. No prólogo da segunda edición, en 1999, M. Irene Ramalho de Sousa Santos di que desde a publicación dese seu primeiro libro a poeta ?Se tem vindo a impor nas nossas letras? e ás avesas aparece a súa concepción da práctica poética. Para Irene de Sousa isto é así porque xa neste primeiro libro Ana Luisa Amaral se presenta como o contrario do que a tradición recolle para a figura do poeta: ?mulher e nao homem; despojada ..., desinspirada ..., ausente...? E certamente Amaral fai fincapé en contrariar a tradición, reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza. Principalmente en Imagens (2000) en que transitan entre os versos as sombras de Penélope, de Helena, de Medea, a Penélope que se nega a Ulises, que non regresará, Medea que decide ficar no palacio.
Anos antes publicara Coisas de partir, libro do que podemos atopar poemas traducidos en compaña de Andolin Egurkitza, onde a ironía é a chave que abre a porta da reflexión. En Coisas de partir atopamos o ?Reais ausências?: ?Nao há rainhas, nao. // Quando se fala em mitos, é sempre Artur // ou D. Sebastiao ...?, e o magnífico ?Lugares comuns?, un poema sobre a uniformidade das concepcións sociais, en Portugal, ou Londres: ?e pensei que afinal nao interessa Londres ou nós, // que em toda parte // as mesmas coisas sao.?
As mesmas cousas son, a mesma necesidade de escribirnos, definirnos, construirnos ... en feminino.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 05-02-2015 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
Di(n)versos con Ana Luísa Amaral

Aínda non rematara o século XX. Como outras veces estabamos na libraría Bertrand, en Braga. E como outras veces foi o libro quen me atopou. Foi o primeiro que tirei do andel, o primeiro que abrín e nel lin un fermosísimo poema co que non puiden deixar de me identificar, dalgún xeito:

VISITAÇÕES, OU O POEMA QUE SE DIZ MANSO

De mansinho ela entrou, a minha filha.

A madrugada entrava como ela, mas não
tão de mansinho. Os pés descalços,
de ruído menor que o do meu lápis
e um riso bem maior que o dos meus versos.

Sentou-se no meu colo, de mansinho.

O poema invadia como ela, mas não
tão mansamente, não com esta exigência
tão mansinha. Como um ladrão furtivo,
a minha filha roubou-me a inspiração,
versos quase chegados, quase meus.

E mansamente aqui adormeceu,
feliz pelo seu crime.

(Às vezes o paraíso, 1998)

Naturalmente, o libro pasou a ser meu e foi así o primeiro dunha lista de títulos cos que me fun facendo aos poucos, porque a partir de entón, cada vez que visitaba unha libraría portuguesa, reclamaba o último título publicado por Ana Luísa Amaral, quen foi desde entón unha das miñas escritoras de referencia.

E neste mes de febreiro, exactamente o día 9 no Centro Ágora da Coruña, terei a honra de compartir con ela o espazo de Di(n)versos. Vaia sorpresa que me deu Yolanda Castaño cando me convidou. Enorme.

Ana Luísa Amaral é unha autora que cómpre ler e que cómpre escoitar, por iso insisto nos seus versos e aínda deixo aquí este soneto, como mostra da súa mestría e do seu humor. E xa noutra anotación recuperarei un artigo que sobre ela escribín hai tempo.

SONETO CIENTÍFICO A FINGIR

Dar o mote ao amor. Glosar o tema
tantas vezes que assuste o pensamento.
Se for antigo, seja. Mas é belo
e como a arte: nem útil nem moral.

Que me interessa que seja por soneto
em vez de verso ou linha desvastada?
O soneto é antigo? Pois que seja:
também o mundo é e ainda existe.

Só não vejo vantagens pela rima.
Dir-me-ão que é limite: deixa ser.
Se me dobro demais por ser mulher
[esta rimou, mas foi só por acaso]

Se me dobro demais, dizia eu,
não consigo falar-me como devo,
ou seja, na mentira que é o verso,
ou seja, na mentira do que mostro.

E se é soneto coxo, não faz mal.
E se não tem tercetos, paciência:
dar o mote ao amor, glosar o tema,
e depois desviar. Isso é ciência!

Comentarios (0) - Categoría: Recitais - Publicado o 05-02-2015 15:05
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0